Arquivo da categoría: Entrevistas
Xosé Ramón Freixeiro Mato, “O optimismo posíbel”
Antonio Manuel Fraga: “O reto é conectar directamente co lectorado sen ser a través da prescrición escolar”
María Lado: “Tomei como reto persoal escribir algo moi lírico, poesía seria, con palabras moi da rúa”
Entrevista de Montse Dopico a María Lado en Praza:
“(…) – Praza (P): Por que o título Gramo Stendhal?
– María Lado (ML): Cando levaba xa uns poucos poemas do libro escritos comecei a preocuparme por como se podería titular. Tiña en mente que o libro falaba de cousas fermosas pero fráxiles, momentos de beleza como flashes, que enseguida desaparecían. Sabía que era un libro triste pero chapuzado de pequenos brillos efémeros. Entón pensei en que o título debería levar esa palabra, “beleza”, pero todo o que se me ocorría me parecía espantoso. Pensei en chamalo “un gramo de beleza”, que é un dos versos dun poema, pero como título non me enchía. Entón ocorréuseme Gramo Stendhal, polo síndrome Stendhal.
O autor francés describía que sentira vertixe e se lle acelerara o corazón ao ver unha basílica en Florencia, e de aí lle vén o nome ao síndrome. Esa idea, a de enfermar fisicamente ante a beleza da arte, é algo do que Aldao e eu sempre rimos, porque é moi esaxerado, pero que funcionaba para dicir beleza sen empregar esa palabra. Beleza enfermiza. Quero dicir, que a xente escoita Stendhal e pensa no síndrome antes que no autor francés. Gramo Stendhal soábame ben, pero non estaba segura. A mesma tarde que se me ocorreu, nunha conversa por whatsapp con Lucía Aldao comezamos a facer coñas sobre a cantidade de droga que aparecía nalgúns poemas. Entón díxenlle o título que barallaba e a ela pareceulle que soaba ben. E quedoulle. A verdade é que respondía ao que eu quería contar.
– P: Nada máis comezar, o libro remite ao pasado, a memoria. Cal é a relación de Gramo Stendhal coa memoria?
– ML: Tiña dúas intencións claras mentres escribía o libro. Unha era facer un poemario xeracional, que puidese representar a xente da miña idade. Xente que estamos nese momento no que nos decatamos de que xa medramos, que as nosas vidas mudaron e, tal vez, renunciamos xa a algúns soños ou emprendemos camiños insospeitados. E lidamos con iso.
Outra era falar da importancia da linguaxe e da literatura como elementos creadores de realidades, aproveitando para reflexionar sobre que a autora non é o eu que fala nos poemas, que hai unha ficción de por medio, algo que semella esquecerse sempre que lemos poesía. Ninguén dubida que a narrativa é, ou pode ser, ficción, pero na poesía semella que se queres que se lea como tal o tes que explicitar.
Os recordos e a ficcionalización do pasado teñen esta función no libro, serven para facer esta reflexión. De feito, eu creo que os recordos que temos son aquelas cousas que contamos, son creacións feitas a través da linguaxe, fundamentalmente. Exemplifican á perfección a idea de que a palabra é quen de construír certo tipo de realidade. Son cousas que existen porque as contamos, pero que non tiveron por que pasar desa maneira. Nin sequera tiveron que pasar. Eu non estou nestes poemas contando a miña biografía, senón creando un relato, coma se dixésemos que moldeo un personaxe que pode parecerse a min (mesmo podo regalarlle algo propio para construílo) pero non son eu. O que lle ocorre a ese personaxe é algo que non é a miña vida, algo que eu invento. (…)”
Entrevista a Suso Lista sobre Como a roda do muíño
Desde o Diario Cultural da Radio Galega:
“Suso Lista presenta a súa última novela Como a roda do muíño. A entrevista pode escoitarse aquí.”
Conversa con Suso de Toro, por Eduard Velasco (Protexta)
Entrevista a Fina Casalderrey na Radio Galega
Desde o Diario Cultural da Radio Galega:
“Na sección ‘Nos meus 20 anos…’, na que personaxes referentes e consolidados contan que facían e onde estaban na súa década dos 20 anos, Lucía Junquera achéganos á mocidade da escritora Fina Casalderrey. A entrevista pode escoitarse aquí.”
Entrevista a Raúl Gómez Pato, arredor das súas traducións de Heródoto
Entrevista a Raúl Gómez Pato no Diario Cultural da Radio Galega:
“Raul Gómez Pato traduce ao galego, a través da editorial Rinoceronte as Historias I e II de Heródoto, o historiador grego. Estas obras constitúen a primeira organización intencionadamente racional e con ánimo de perdurar no tempo dunha obra histórica, para evitar que as grandes fazañas humanas queden relegadas ao esquecemento. A entrevista pode escoitarse aquí.”
Entrevista a Paula Carballeira na Radio Galega
Desde o Diario Cultural da Radio Galega:
“Na sección ‘Nos meus 20 anos…’, na que personaxes referentes e consolidados contan que facían e onde estaban na súa década dos 20 anos, Lucía Junquera achéganos á mocidade da escritora Paula Carballeira. A entrevista pode escoitarse aquí.”
Afonso Ribas, de Laiovento: “Os que non aceptaban a normativa da RAG eran perseguidos con saña”
Entrevista a Afonso Ribas en Galicia Confidencial:
“O sector editorial de Galicia pechou o ano 2020 nun delicado equilibrio financeiro pola situación pandémica vivida dende marzo. Aínda que non todo son sombras no eido, as principais casas galegas recoñecen que o ano entrante –cando menos ata a chegada da inmunidade de grupo– promete ser tan duro como o que queda atrás, marcado por un descenso histórico na facturación.
Neste contexto, un dos principais prelos do país vén de reivindicar o seu papel no sector e a sociedade aproveitando a efeméride do seu nacemento. Trátase da editora Laiovento, que en realidade naceu no ano 1990 pero, como explica o seu coordinador Afonso Ribas, non publicou ata marzo do 91. Prosas de combate e maldizer, de Xosé Manuel Beiras -cofundador, por outro lado, da editora- iniciaría así un catálogo de case 500 obras sobre as que hoxe os responsables botan a vista atrás con satisfacción.
Laiovento nace nunha circunstancia de cambio no seo da literatura galega e cun obxectivo claro: apoiar a “construción do país” con todos os medios ao seu alcance. “Procuramos non desviarnos nunca dese obxectivo inicial”, explica Ribas. Tres décadas despois, a editora pode presumir de ter sido pioneira na exploración das marxes do sistema literario: dende o comezo naceu enfocada a aqueles xéneros con menor aceptación no sistema –ensaio e teatro–, que o seu editor segue a considerar “centrais” para esa construción nacional.
Ribas, que evita tratar de “negocio” o facer editorial, subliña o carácter à rebours que, dende os primeiros pasos, tomou a editora. Moito antes de que a AGAL fose recoñecida oficialmente como editora, Laiovento xa daba cabida aos autores que renegaban da normativa hoxe imperante. “Naquel momento, todo o que non fora escrito na normativa ILG-RAG non tiña onde ser publicado. Os que non a aceptaban eran marxinados con saña”, explica Ribas.
Baixo esta premisa a contrapelo, a editora fixo do xénero ensaístico a súa punta de lanza. En palabras do seu coordinador, a importancia do ensaio en Laiovento vén definido polo papel do xénero á hora “de facer pensar sobre o país, de reflexionar sobre o que fomos, o que somos e o que queremos ser”. Tamén por isto destacan no seu catálogo histórico ducias de obras de autores estranxeiros, que, moito antes do nacemento de iniciativas como Hugin e Munin, eran traducidas ao galego por Laiovento. “Non nos podemos illar”, explica a este respecto Ribas.
Xunto co ensaio, o xénero dramático conforma outro dos pés sobre os que se asenta o facer de Laiovento. Para o seu coordinador, o papel do teatro na construción nacional non ten lugar a dúbidas. “Como di Xesús Pisón, sen teatro non hai nación, hai rabaño”, subliña. Ribas destaca o cariz “directo” na relación entre público e obra que se dá no teatro. “Polo seu carácter subversivo, ao poder non lle interesa o teatro. Por iso o Centro Dramático Galego estivo moitos anos en mans de Pilatos”.”







