A
Consellería de Cultura, Editorial Galaxia, e Fundación Penzol, coa colaboración do Concello da Coruña, presentan a exposición No niño novo do vento, conmemorativa do centenario de Álvaro Cunqueiro, que estará aberta desde o xoves 8 de setembro na Sala Municipal de Exposicións do Palexco, na cidade herculina. A exposición, comisariada por María García Liñeira e Víctor F. Freixanes, estrutúrase en cinco grandes apartados, que describen o universo cunqueiriano a través de elementos tan íntimos como a reprodución do seu escritorio de traballo, a narración biográfica no seu contexto histórico e vital ou a exhibición de materiais de grande valor tanto emocional como patrimonial. Un espazo audiovisual reproduce en vídeo distintos documentais, entrevistas e gravacións das súas obras teatrais; e dous computadores con pantallas interactivas permiten a consulta de datos, fotos e bibliografía. Editouse así mesmo, como material complementario, un catálogo sobre os contidos da exposición. A inauguración terá lugar o xoves 8 ás 12:00 horas. (…)
O mesmo día, ás 19:00 h., no mesmo recinto, Ánxeles Cuña, Manuel Lourenzo, Euloxio R. Ruibal e Laura Tato participarán nun faladoiro baixo o título A obra dramática de Álvaro Cunqueiro.
Arquivo da categoría: Exposicións
Xosé Neira Vilas lembra como chegou a Compostela como un Balbino máis
“A
exposición Querido Balbino 1961-2011. Cincuenta anos de Memorias dun neno labrego foi inaugurada este venres [2 de setembro] na Biblioteca Ánxel Casal de Santiago de Compostela, e na súa apertura estivo presente o escritor Xosé Neira Vilas, “pai literario” de Balbino, un personaxe cualificado como “o Harry Potter galego” pola universalidade que alcanzou durante os 50 anos de vida do libro. Durante o acto de presentación, o escritor pontevedrés ha resaltado o especial valor de que a mostra chegue á “primeira cidade” que visitou na súa infancia, cando era “un Balbino máis”. Segundo relatou, nela puido ver por primeira vez “casas altas e pegadas”, tras percorrer os 25 quilómetros que a separaban da súa aldea natal, “toda unha aventura naquela época”, asegurou. Así, cualificou de “emotivo” o seu regreso “da man dun neno de papel chamado Balbino, que a pesar da notoriedade alcanzada, continúa coa mesma humildade, afán por saber e rebeldía” que mostraba hai 50 anos baixo a pluma do escritor que, por aquel tempo, residía na cidade arxentina de Buenos Aires. No acto tamén estiveron presentes os responsables e colaboradores desta iniciativa, entre eles, o director xeral da Editorial Galaxia, “amigo e editor” do literato, Víctor Freixanes, quen lembrou que a novela é ben acollida aínda hoxe por nenos e adolescentes, aínda cando a literatura galega vive “acomodada a unha franxa de idade que rolda os 50 anos”. Ademais, sinalou que Neira Vilas é un “activista dos libros e da lingua”, e neste sentido apuntou que, despois de vender uns 700.000 exemplares da súa novela insigne, o autor de Vila de Cruces continúa coa súa produción literaria, e que dentro de poucos meses sumará unha nova publicación inédita á súa obra. (…)” Vía Xornal.
Santa Cruz, Oleiros: recital poético-musical na inauguración de Enarborar o bosque
O
luns 22 de agosto, a partir das 20:00 horas, no Castelo de Santa Cruz (Oleiros), terá lugar a inauguración da exposición Enarborar o bosque, na que se recollen os traballos feitos durante a xornada de Arte Reivindicativa ao Aire Libre na Carballeira de Chaián, o 5 de Xuño de 2011, formada por pintura, fotografía, escultura e escrita. Dentro dela terá lugar un recital poético-musical, no que participarán: Chelo Suárez, Francisco X. Fernández Naval, François Davo, Helena Villar Janeiro, Iolanda R. Aldrei, Lourdes Maceiras, Marina Cocós, Miguel Melero, Natalia Margalejo, Ramiro Torres e Xesús Rábade, e o poeta e músico Mou de Lugh, que acompañará os poetas cun hang drum. A exposición, que se poderá visitar até o 31 de agosto, e na que participan un total de 59 artistas, está organizada polo Colectivo Arteu.
A Coruña: exposición Quen corta os fíos do soño? Lois Pereiro
Do
mércores 20 de xullo ao domingo 25 de setembro, na Fundación Luís Seoane (Rúa San Francisco, s/n.) da Coruña, con horario de martes a sábado de 11:00 a 14:00 h. e de 17:00 a 20:00 h., domingos de 11:00 a 14:00 h. (luns pechado), a exposición, comisariada por Antón Patiño, Quen corta os fíos do soño? Lois Pereiro repasa a intensidade da escritura do poeta monfortino, visualizando os seus poemas a través de recursos tipográficos, a iconografía xerada por Lois a través dos retratos fotográficos que lle fixeron moitos compañeiros de xeración, como Xosé Abad, Vari Caramés, Xurxo Lobato, Víctor Echave, Andrés Panaro e Manuel Vilariño. Tamén se contén un impactante retrato expresionista de Lois realizado por Reimundo Patiño e un debuxo do propio Antón Patiño. A mostra conta coa colaboración de Xosé Manuel Pereiro e a familia do poeta. O libro-catálogo da exposición incluirá textos de Manuel Rivas, Xosé Luís Méndez Ferrín, Xosé Manuel Pereiro, Alberto Ruíz de Samaniego e Antón Patiño. A inauguración terá lugar o mércores 20 de xullo ás 20:00 horas.
Santiago: actos da Asociación Cultural O Galo para o luns 18 de xullo
O
luns 18 de xullo, a Asociación Cultural O Galo súmase aos actos de lembranza desa data coas seguintes actividades:
– Ás 12:00 h., na Praza do Toural, conxuntamente co Equipo de Normalización Lingüística da Escola Oficial de Idiomas de Santiago, exporanse algunhas das estampas de guerra de Castelao, no ano no que ademais celebramos o 125 aniversario do seu nacemento, exposición que se tentará manter na rúa até o domingo 24 de xullo.
– Ás 14:00 h., na Alameda de Santiago, terá lugar un acto de homenaxe popular apoiado polo Galo e o Ateneo de Santiago ás irmás Fandiño, ás Marías, como lembranza tamén a todas as persoas que sufriron a represión do fascismo desde o 18 de xullo do 36. Contarase con intervencións poéticas e musicais, ademais de coa presenza das flores de todas as cores que os e as asistentes levarán ás irmás Fandiño.
A Coruña: exposición Formas de ver a Bóveda, até o 31 de agosto
Do
xoves 7 de xullo ao mércores 31 de agosto, con horario entre as 16:30 e as 19:30 horas de luns a xoves, na Asociación Cultural Alexandre Bóveda (Rúa Olmos, 16-18, 1º) da Coruña, está aberta ao público a exposición multidisciplinar Formas de ver a Bóveda, composta por obra gráfica, pintura, escultura e manuscritos de artistas, escritores e escritoras de todo o país (estes últimos en colaboración coa Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega) que acudiron á chamada da Asociación Cultural para expresar como ven eles, 75 anos despois do seu asasinato, a figura de Alexandre Bóveda.
A listaxe de artistas é a seguinte: Ánxeles Penas, Sonia Esturao, Magaly, Deli Sánchez, Jose Luis Busto, Berta Ares, Ana Martínez, Sara Garrote (Chuca), Sabela Baña, Alfredo Constela, Nito Davila, Óscar Carballo, Maria Braxe, Nando Pereiro, Maribel dos Anxos, Iglesias Diz e Nolo Suárez.
A listaxe dos autores dos manuscritos está conformada por: Xavier Queipo, Francisco Castro, Olga Patiño, Ana Arias Saavedra, Alberto Suárez Figueiras, Xosé Vázquez Pintor, Xosé María Álvarez Cáccamo, Vicente Piñeiro González, Xosé Neira Vilas, Rafael Lema, Afonso Álvarez Cáccamo, Fina Casalderrey, Concha Blanco Blanco, Felipe Senén, Xoán Carlos Domínguez Alberte, Salvador García-Bodaño, Xoán Xosé Fernández Abella, Lucía Novas e Adolfo Caamaño Vázquez.
Vigo: Vilagrafías, exposición poético-fotográfica de Anxo Cabada
Do
xoves 7 de xullo ao domingo 11 de setembro, con horarios de 10:00 a 14:00 h. e de 17:00 a 21:00 horas, no Verbum-Casa das Palabras (Avenida de Samil, 17) de Vigo, e con entrada gratuíta, pódese visitar a exposición Vilagrafías, unha recreación poético-fotográfica da xeografía visual e sentimental das vilas e cidades galegas, onde se conxuga, dunha banda, a descrición (textos, poemas ou outros escritos) dos autores nados nesas vilas (María Xosé Queizán ou Xosé María Álvarez Cáccamo, entre outros) e, da outra, a mirada fotográfica do estradense Anxo Cabada.
A Coruña: recital poético en Homenaxe á Torre de Hércules
O
martes 12 de xullo, ás 19:30 horas, na Sala de Exposicións do Palacio Municipal (Praza de María Pita) da Coruña, terá lugar un recital poético en Homenaxe á Torre de Hércules, coa participación de: Ánxeles Penas, Luz Pozo, Eva Veiga, Xavier Seoane, Miguel Anxo Fernán-Vello, Xulio L. Valcárcel, Olga Patiño, Francisco X. Fernández Naval, Miguel Mato, Diana Varela e Dores Tembrás.
Lugo: recital poético na inauguración da exposición Alexandre Bóveda. Da vida e o compromiso
O
venres 1 de xullo, a partir das 19:30 horas, no Refectorio do Museo Provincial de Lugo, inaugúrase a exposición Alexandre Bóveda. Da vida e o compromiso. 1903-1936, aberta entre o 1 e o domingo 31 de xullo (co seguinte horario: de luns a venres: de 11 a 14 e 17 a 20 h. e sábados: de 10 a 14 h., domingos e festivos, pechado). Como parte da inauguración terá lugar un recital poético a cargo de Carme Blanco, Claudio Rodríguez Fer, Darío Xohán Cabana, Marica Campo e Isidro Novo.
Santiago: Leccións de cousas, de Antón Reixa
O venres 17 de xuño, ás 20:00 h., no Centro Galego de Arte Contemporánea (Rúa Ramón del Valle-Inclán, s/n.) de Santiago de Compostela, Antón Reixa exporá un conxunto de oito videoinstalacións inéditas, nas que a imaxe, a palabra e a performance se entrecruzan para afirmar un territorio neodadaísta onde a irrisión, o comentario político e social, e unha especie de melancolía existencial se mesturan produtivamente. Ademais, no Auditorio do CGAC, poderase revisar unha selección das súas intervencións máis relevantes dos últimos trinta anos no universo audiovisual. Crónica posterior en Galicia Hoxe.
