Desde Galaxia:
“Na Estrada, ás 20 horas do 18 de xullo, de 2022, na Sala de Xuntas da Casa do Concello da Estrada, reúnense os membros do xurado para escoller a novela gañadora desta XXXIV edición do Premio de Novela Manuel García Barros (Ken Keirades), cos compoñentes que de seguido se relacionan: Marta Neira Rodríguez, profesora da USC, a libreira Mercedes Corbillón, Marcos Calveiro, director de Edicións de Editorial Galaxia, o crítico literario Armando Requeixo e Carlos Loureiro, en calidade de secretario.
Unha vez lidos os orixinais presentados, e de levar a cabo distintas seleccións e contraste de opinións, previas á xuntanza do día de hoxe, o xurado acordou, por maioría conceder o XXXIV Premio de Novela Manuel García Barros (Ken Keirades) á obra presentada baixo o lema “O voo do azor”, que unha vez aberta a plica correspóndese á obra As horas dunha illa remota, da autoría de Ignacio Vidal Portabales.
O xurado salientou nesta novela o coidado na caracterización dos dous personaxes protagonistas, dúas irmás que viven as sombras dunha infancia difícil en Colombia que proxectan o seu ronsel no presente adulto de ambas na súa Galicia de orixe.
Escrita cunha prosa de fino burilado, posuidora duns diálogos de fulguración reveladora, a narrativa de intensa prospección psicolóxica na que estas páxinas nos mergullan abísmanos no eterno problema da identidade e o seu infindo xogo de espellos e máscaras.”
Arquivo da categoría: Premios narrativa: ditames
María Solar, Rocío Leira e Anxo Iglesias, Premios Xerais 2022
Irene Rega Jul gaña o Premio Illa Nova de Narrativa 2022
Desde Galaxia:
“A gañadora da sexta edición do Premio Illa Nova de Narrativa para menores de 35 anos convocado pola Editorial Galaxia, en colaboración co Ámbito Cultural de El Corte Inglés, foi Irene Rega Jul pola novela O libro dos corazóns rotos.
O xurado, composto por Ana Abelenda, Marcos Calveiro, Inma Otero, Blanca Riestra, Abel Tomé e Malores Villanueva destacou a súa prosa áxil e o control do ritmo narrativo dende o inicio ata o vertixinoso final da obra. Ambientado en Viveiro, o thriller ten unha vontade clara de facer un retrato realista do momento actual, tanto no tratamento de diferentes temas como na construción dos personaxes. Dentro das personaxes destaca a inspectora, pola súa atinada construción psicolóxica.
Cunha linguaxe coidada, pero moi directa consegue transmitir un fondo desacougo no tratamento dun tema tan delicado como o do acoso escolar. A autora arrisca no seu desenvolvemento e na denuncia social da sociedade contemporánea.
De grande interese resulta tamén o tratamento das redes sociais entre a xuventude.
O libro dos corazóns rotos impúxose por unanimidade ás demais obras presentadas pola súa solvencia narrativa, pola historia que atrapa dende o primeiro capítulo e polo tratamento de moitos temas de plena actualidade dende o seu cuestionamento. O xurado tamén animou á Editorial Galaxia a publicar outro dos manuscritos presentados.
Esta é a primeira novela en galego para Irene Rega Jul, nada no Concello de Cervo en 1996.”
Nove microrrelatos con premio: da pandemia á perda da memoria e a descuberta infantil do galego
Desde a Real Academia Galega:
“Vidas roubadas, as feridas da vellez na memoria, a descuberta da lingua de acollida, mesmo unha coreografía astronómica e, sempre, a capacidade de cativar e abraiar. Estes son algúns dos ingredientes das nove historias gañadoras e finalistas do V Concurso de microrrelatos da Real Academia Galega e PuntoGal, que consolida o éxito de participación entre xente de todas as idades con máis de 900 contos presentados. Antonio Cepeda Fandiño (Santiago de Compostela, 1967), Antía Novas Arribas (Bueu, 2004), e Elena Pastoriza Cortizo (Bueu, 2012) fixéronse cos primeiros premios nas categorías de adultos, xuvenil e infantil, respectivamente. Os segundos premios son para Carlos Neira Suárez (Mugardos, 1950), Lucas González Pérez (Ourense, 2005) e Marina Cabrera Vives (2012), nada en Tarragona e residente en Castrelo de Miño; e os terceiros para Anabel Rodríguez Vázquez (Castro Caldelas, 1967), Carlota Alcalde Lorenzo (Noia, 2006) e Ximena Landeira Lista (Santiago de Compostela, 2010).
As persoas gañadoras do certame
O xurado da categoría de adultos –composto polo presidente da RAG, Víctor F. Freixanes; o presidente de PuntoGal e tamén académico, Manuel González González; a académica correspondente Olivia González; o director xeral de PuntoGal, Darío Janeiro; e a xornalista e membro do comité de redacción de Luzes Marta Otero– avaliou preto de 500 relatos de ata 200 palabras presentados por persoas maiores de idade residentes en Galicia, outras comunidades autónomas e países como Suíza ou Brasil.
Entre todos eles, resultou gañador do primeiro premio de adultos “Aire libre”, unha historia inspirada na pandemia, pero cun xiro inesperado, asinada por Antonio Cepeda Fandiño, profesor de Xeografía e Historia e responsable da área de documentación do Museo Pedagóxico de Galicia.
Carlos Neira Suárez, xubilado do sector naval, fíxose co segundo premio de adultos con “Cronoloxías”, un relato conmovedor sobre as pegadas do paso do tempo na memoria; e Anabel Rodríguez Vázquez, perruqueira e veciña de Ourense, gañou o terceiro da mesma modalidade con “Herdanza”, un conto sobre arelas infantís e perdas irreparables. Non é o primeiro galardón deste tipo que consegue, xa que acadou previamente en dúas ocasións o concurso de microrrelatos do Consello Xeral da Avogacía Española e resultou finalista noutros.
Xuvenil
As preto de 300 historias presentadas por nenos e nenas de ata 11 anos e as case 200 escritas por mozos e mozas de 12 a 17 anos foron avaliadas pola académica de número Fina Casalderrey; o académico correspondente Ramón Nicolás; a secretaria de PuntoGal, Edita de Lorenzo; Cristina Ríos, membro do equipo da mesma entidade; e Santiago Romero Quintas, membro do comité de redacción de Luzes.
Tras as deliberacións do xurado para as categorías de menores de idade, Antía Novas Arribas, alumna de 2º de BAC do IES Johan Carballeira de Bueu, resultou a gañadora do primeiro premio na modalidade xuvenil co relato “Sen”, unha historia estremecedora de pouco máis de 100 palabras. “Nacido con identidade propia”, un relato que conecta o valor do patrimonio natural coa consciencia de noso, valeulle o segundo premio na modalidade xuvenil a Lucas González Pérez, alumno de 1º de BAC do Colexio Marista Santa María de Ourense. E o terceiro premio da mesma categoría foi para o desacougante “Quen son?”, de Carlota Alcalde Lorenzo, alumna de 4º da ESO do IES Campo de San Alberto de Noia.
Infantil
O relato gañador máis curto, “O gran baile”, de tan só 16 palabras, é de Elena Pastoriza Cortizo, alumna do CEIP Montemogos de Beluso (Bueu), que se fixo co primeiro premio na categoría infantil cunha fermosa danza planetaria. O segundo premio da mesma categoría recaeu en “Lingua adoptiva”, un conto baseado na descuberta do galego da propia autora, Marina Cabrera Vives, alumna do CEIP Castrelo de Miño. A pequena instalouse coa súa familia non hai moito no Ribeiro procedente de Cataluña e o seu álter ego nesta historia anima a romper a falar en galego a todas as persoas para as que non é a primeira lingua.”
Acta do VII Premio Antón Risco de Literatura Fantástica
Obras gañadoras do IV Certame de microrrelatos Día do Libro 2022
Na tarde do xoves 26 de maio de 2022 fallouse o IV Certame de Microrrelatos Día do Libro 2022, que convoca o Concello de Vilalba, en colaboración con Culturalia GZ. O xurado estivo formado por Ánxela Gracián, Mercedes Queixas Zas e Armando Requeixo, acompañados por Antía Rama Rivas, concelleira de Educación, Infancia e Mocidade do Concello de Vilalba (en ausencia da concelleira de Cultura, Comunicación e Igualdade, Vanesa Siso Calvo) como presidenta do xurado, e Sonia García, técnico de Cultura de dito concello, actuando de secretaria, e Martiño Maseda, en representación de Culturalia GZ. Estes tres últimos con voz pero sen voto.
Ademais da alta participación, dado que se presentaron un total de 78 microrrelatos, o xurado destacou a boa calidade, en xeral, das obras presentadas.
Celebrada a entrega de premios do 31º Certame de Narracións Breves Manuel Murguía
Micro-relatos gañadores da 10ª edición do Concurso OZOCOgz
“Unha vez lidos a totalidade das achegas presentadas a concurso pol@s membros do xurado, formado polas escritoras e escritores Antón Riveiro Coello, Emma Pedreira, Ledicia Costas e Miguel Anxo Fernández, a gañadora da pasada edición do concurso Catarina Cortizas Leira e un/unha representante de cada unha das seguintes librarías: “Escolma” do Carballiño, “Miranda” de Bueu, “Paz” de Pontevedra e “Pedreira” de Compostela, resultou gañador o micro-relato SEGREDO, presentado co seudónimo Bob Horás, baixo o que se agochaba o nome de Lito Vila Baleato.
Por primeira vez, nos 10 anos de historia do noso concurso, temos dous finalistas por coincidiren na puntuación, o primeiro finalista (sen que isto implique orde) é o micro-relato ACONTECE NO MAR VÉSPERA DE SAN XOÁN, presentado co seudónimo Berenxena en bicicleta, baixo o que se agochaba o nome de Andreia Costas; e o micro-relato MARIDAXE PERFECTA, presentado co seudónimo Devorei, baixo o que se agochaba o nome de Nila Álvarez Pousa.
Os relatos premiados poden lerse aquí.”
Suso de Toro, Inma López Silva e Xesús Fraga, finalistas do Premio Novela Europea
Desde Nós Diario:
“As obras O libro da filla de Inma López Silva, Un señor elegante de Suso de Toro e Virtudes (e misterios) de Xesús Fraga foron seleccionadas como finalistas do Premio Novela Europea na modalidade de Novela traducida a outra lingua europea dentro da sección de lingua galega.
O sábado 14 de maio, o xurado dos galardóns desvelou o nome das novelas finalistas nun acto encadrado nas actividades con motivo do Día das Letras Galegas do Casino de Santiago.
O establecemento da rúa do Vilar do centro histórico compostelán acolleu a presentación das novelas elixidas para facerse co premio nesta categoría, que está dividida en dúas seccións: por un lado, aquelas obras finalistas en lingua galega e, por outro, as novelas publicadas noutros idiomas oficiais do Estado, como o castelán, catalán ou eúscaro. (…)”
Roberto Mera e Santiago Lopo, galardoados cos premios Antón Losada Diéguez de 2022
Desde Faro de Vigo (foto de Faro de Vigo):
“O Concello de Boborás acolleu a reunión do xurado da 37 edición do Premio Antón Losada Diéguez, no que resultou gañador na categoría de enseio e investigación o traballo Alejandro Viana. Un galego á fronte do rescate dos refuxiados republicanos, de Roberto Mera Covas, publicado pola editorial Belagua. O gañador na categoría de creación literaria foi Santiago Lopo, autor de A Carteira, editado por Xerais. Cada un deles recibirá 6.000 euros.
Os concellos de Boborás e O Carballiño manteñen o premio Antón Losada Diéguez para contribuír ó fomento da cultura galega pola que loitou este insigne galeguista, e tamén para perpetuar a súa memoria. A alcaldesa de Boborás, Patricia Torres, presidiu a reunión do xurado, composto por Ramón Nicolás Rodríguez, da Real Academia Galega, María Xosé Porteiro García, do Consello da Cultura Galega, Francisco Fariña Busto, do Museo do Pobo Galego, Luís González Tosar, representante da Deputación, Xosé H. Costas, da Universidade de Vigo, Carlos Caetano Biscaínho, da Universidade da Coruña, e actuando como vicepresidente Diego Fernández, edil de Cultura do Carballiño.
Despois dun intenso debate, dada a calidade das obras presentadas, o xurado decidiu por maioría conceder o premio a Alejandro Viana. Un galego a fronte do rescate dos refuxiados republicanos, pola “recuperación e investigación minuciosa sobre un persoeiro pouco coñecido para o gran público, que desenvolveu un labor importante na recuperación da dignidade dos refuxiados españois perdedores da guerra e da súa evacuación a América, cunha ética estrita, e participou na súa evacuación”.
No campo da creación literaria o xurado decidiu por unanimidade recoñecer a obra A Carteira, xustificando a decisión en que se trata dunha visión “das dúas primeiras décadas do século XXI, tanto a nivel de traballo como de relacións personais e a transfromación da paisaxe urbana. A perspectiva de chegar aos seus personaxes a través do seu comportamento. A temática do fondo social, a soidade e a presenza do considerado marxinal.Ten unha dinámica de movemento continuo con certo sentido do humor, e é unha obra de lectura sinxela”.
A esta edición presentáronse un total de 23 traballos na categoría de creación literaria, e 11 na de investigación e ensaio. Nesta última concorreron algúns menos que na convocatoria do 2021.
Os premios entregaránse o día 11 de xuño, no Pazo dos Losada-Diéguez, en Moldes, Boborás, despois de que o pasado ano se fixera na Carballeira de Moldes, por motivo das obras que se estaban a facer no inmoble. A intención da alcaldesa é que ese día tamén estean presentes os premiados na edición do 2020, o político e intelectual Camilo Nogueira e o poeta Eduard Velasco, xa que por mor da pandemia non houbo aquel ano un acto de entrega.”