Desde Fegatea:
“A Xunta Directiva da Federación Galega de Teatro Afeccionado acordou, por unanimidade, concederlle o Premio FEGATEA á Animación Teatral, na súa cuarta edición, a Manuel Lourenzo, pola súa dilatada e significada traxectoria no eido da cultura teatral galega.
A FEGATEA, que agrupa a arredor de 50 grupos de teatro amador e asociacións culturais de toda Galicia, convoca este premio de carácter honorífico bianualmente. A súa finalidade é recoñecer o labor a prol do teatro dunha persoa, colectivo ou entidade.
Neste sentido a Xunta directiva da FEGATEA considerou que o intenso e prolífico traballo de Manuel Lourenzo como director teatral, dramaturgo, actor e tradutor, así como o seu labor impulsor e dinamizador de incontables iniciativas, tanto no teatro profesional como amador, falan dun compromiso co teatro galego difícil de igualar e fano sobradamente merecedor deste galardón.
A entrega do Premio tivo lugar nunha cea homenaxe o día 10 de setembro na cidade de Lugo.”
Arquivo da categoría: Premios teatro: ditames
Ernesto Suárez Is e Xandra Táboas Martínez gañan ex aequo o 11º Premio Abrente de Textos Teatrais
Desde a Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia:
“Acta do Xurado do 11º Premio Abrente de Textos Teatrais da MIT Ribadavia.
19 de xullo de 2016
Reunidas:
-Marta Pérez, actriz. (Vogal).
-Iria Sobrado, actiz (Vogal).
-Esther Carrodeguas, dramaturga premiada co 10º Abrente.
-María López, Concelleira de Cultura (Presidenta).
–Roberto Pascual, Director da MIT (Secretario).
Acordan:
Conceder ex aequo o Premio aos textos presentados co título Fendas presentado co lema de “Lugasi Karloff” e o titulado Todo sobre Eva, co lema “Todas somos Eva”.
Todo sobre Eva é unha obra con temática urxente, necesaria e que arroxa luz sobre unha problemática global, a violencia simbólica sobre a condición de ser muller e a violencia de xénero.
É un texto poético, con posibilidades moi abertas na súa escenificación. Un berro poético, social e escénico, que bebe da dramaturxia de Heiner Müller e da salmodia dos textos bíblicos.
Fendas é un texto que fala sobre a memoria histórica contrapoñendo o máis escuro do noso pasado co que está sucedendo no noso presente. Amósase quizais con este texto que non están resoltas moitas das cuestións do pasado, que é preciso e oportuno traer aos nosos días. A peza podería trasladarse a calquera tipo de poder social e político que impón a súa maneira de estruturar unha determinada sociedade sen ter en conta todo o legado anterior. Por todo iso, porque está pasando hoxe no mundo, o texto ten unha grande actualidade. Remite ao concepto da banalidade do mal formulado por Hannah Arendt, que expresa a xustificación dos feitos tráxicos sen querer asumir responsabilidades persoais e respondendo con exclusiva complicidade á autoridade.
Abertas as plicas, o autor e a autora premiados son:
Ernesto Suárez Is e Xandra Táboas Martínez.”
Autoras e autores premiadas/os no XXIV Certame Literario A Pipa da Alta Montaña Luguesa 2015
Desde A Pipa:
“En Becerreá, a mércores 23 de decembro de 2015, a Xunta Directiva da Asociación Cultural A Pipa de Becerreá (CIF. G-27441708) e o seu Presidente, Afonso Becerra Arrojo, toman o acordo de nomear a Rafael Ramos Fernández Presidente do Xurado do XXIV Certame Literario A Pipa 2015 da Alta Montaña Luguesa e, así mesmo, aos dous tribunais avaliadores:
– O Xurado para a modalidade de DRAMATURXIA BREVE está formado por:
JOAN CHIRALT BAILACH. Dramaturgo. Máster en Artes Escénicas pola Universitat Autònoma de Barcelona. Titulado Superior en Arte Dramática polo Institut del Teatre de Barcelona. Profesor de Dramaturxia e Escrita Dramática na Escola Superior de Arte Dramática de Galicia.
PEDRO PABLO RIOBÓ SANLUIS. Dramaturgo e ensaísta. Membro do Consello de Redacción da Revista Galega de Teatro. Licenciado en Filoloxía Galega. Profesor de Educación Secundaria.
GONZALO RODRÍGUEZ CALVO. Membro do Consello de Redacción da Revista Galega de Teatro e da Asociación de Amigos do Teatro Jofre de Ferrol.mó
– O Xurado para as modalidades de POESÍA e RELATO está formado por:
XESÚS BERMÚDEZ TELLADO. Poeta. Licenciado en Filoloxía Galego-Portuguesa.
SABELA PÉREZ MARTÍNEZ. Licenciada en Filoloxía Galego-Portuguesa. Profesora dríde Educación Secundaria.
RAFAEL RAMOS FERNÁNDEZ. Membro da Xunta Directiva da Asociación Cultural A Pipa de Becerreá. Licenciado en Ciencias da Educación (Pedagoxía Socioeducativa). Mestre de Educación Primaria.
No Acto de Entrega de Premios, que se celebrou o domingo 27 de decembro de 2015 ás 19:00 h. na Casa da Cultura de Becerreá, revelarase o premio concedido a cada un dos traballos que se mencionan a continuación segundo a orde alfabética dos apelidos das autoras e autores:
CABALEIRO, JONATÁN de Ponferrada (León): “UNHA PALABRA PERDIDA”.
CALVAR GIRÁLDEZ, MARÍA de Cerdedelo, Torroso. Mos (Pontevedra): “INVISIBLE SEN SABELO”.
COMUÑAS LÓPEZ, CARLOS de Cervantes (Lugo): “A PRIMEIRA MISA DE MANOLIÑO”.
DEVESA NÚÑEZ, NURIA de Lugo: “CHEGOU A BELEZA”.
LEIRIZ BRANCO, LOURDES de Compostela (A Coruña): “MALEVICH”.
LOIZAGA LATORRE, GONZALO de Doncos. As Nogais (Lugo): “DON CECILIO E DONA PLÁCIDA”.
PARDEIRO ÁLVAREZ, LAURA de As Nogais (Lugo): “O PAPORRUBIO DE NADAL”.
RODRÍGUEZ CEDRÓN, HIGINIO de Cervantes (Lugo): “OS ANCARES”.
ROMERO SUÁREZ, XULIO de Arteixo (A Coruña): “O POMBAL DE MUIÑOS”.
SÁNCHEZ VARELA, JOSÉ RAMÓN de Carballo (A Coruña): “TATUAXE NA FERIDA”.
SANDOVAL, RAMÓN de Sober (Lugo): “AXUSTE DE CONTAS”.
SUÁREZ IS, ERNESTO de Xixón (Asturies): “FÍOS”.
TOMÉ PIÑEIRO, ABEL de Cando. Outes (A Coruña): “AUSENTE”.
TRABADO NÚÑEZ, MIRIAM de Vilapún, Cervantes (Lugo): “O INVERNO”.”
Marcos Abalde gaña o V premio de teatro Varela Buxán
Desde Cultura Galega:
“Oito epitafios por Troia é o título da obra coa que o vigués Marcos Abalde se facía esta fin de semana coa quinta edición do premio de teatro Varela Buxán. O xurado, que estaba conformado por Santiago Cortegoso, Ana María Carreira e Xosé Lueiro, con Henrique Vázquez como secretario, destacou a “sólida reflexión sobre a sociedade contemporánea, articulada a través da actualización de personaxes e situacións da tradición clásica, nomeadamente As Crónicas Troianas“. Asimesmo, valorou o potencial para a representación dun texto no que o autor constrúe “un universo opresivo e apocalíptico, a partir de diálogos precisos e dinámicos postos en boca de personaxes que viven nunha situación límite marcada pola traxedia”. O galardón, dotado con 1.200 euros en metálico, súmase a un palmarés no que Abalde acumula xa cinco premios de teatro ademais do Fiz Vergara Vilariño de Poesía. En total presentáronse ao certame que convoca o Concello da Estrada un total de sete textos orixinais.”
Coñécense as autoras premiadas polo Xurado e a Audiencia do IX Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico
Desde o Diario Cultural da Radio Galega:
“Evasión de Clara Gayo e Non teño espello no baño de Avelina Pérez Pérez, premios do Xurado e da Audiencia do IX Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico. A noticia completa pode escoitarse aquí.”
Roberto Salgueiro gaña o XVII Premio de Teatro Rafael Dieste con Como mil cachiños de vidro que a dor escurece
Desde a Deputación da Coruña:
“A obra Como mil cachiños de vidro que a dor escurece, de Roberto Salgueiro, é a gañadora do XVII Premio de Teatro Rafael Dieste que convoca a Deputación da Coruña.
O xurado composto polo autor, director e actor Cándido Pazó, as actrices Belén Constenla e Mónica García, o Profesor de Arte Dramático Óscar Codesido e o xornalista Alfonso Hermida co actor e dramaturgo Xoán Mexuto como comisario e presidido polo deputado responsábel da área de Cultura, Xosé Regueira, como presidente, sen voto, decidiu premiar a obra Como mil cachiños de vidro que a dor escurece na XVII edición do Rafael Dieste de obras teatrais.
O xurado, reunido na sede da Deputación este mércores 11 de novembro, destaca da obra de Roberto Salgueiro a “potencia da súa escrita, expresada no ambiente, ton e confección de personaxes, polo que constitúe unha aportación singular ao repertorio da literatura dramática galega”. Valora tamén o xurado no seu fallo que a obra é “absolutamente factíbel para a súa representación”.
Roberto Salgueiro é escritor e director teatral. Está á fronte da Aula de Teatro da Universidade de Santiago de Compostela. Da súa ampla obra destacan títulos como O arce no xardín, Historia de Neera, Eliana en ardentia ou Bernardo destemplado, Matanza, Apnea, Molière final, Historia da chuvia que cae todos os días, Memoria de Helena e María, Valentino Rufini ou Âkil Pillabán, de viaxe a Milán (e van sen un can). (…)”
Raúl Dans gaña o Premio SGAE de Teatro Jardiel Poncela 2015
Desde a SGAE:
“O dramaturgo Raúl Dans (A Coruña, 1964) é o gañador do XXIV Premio SGAE de Teatro Jardiel Poncela 2015 pola súa obra Las canciones que les cantaban a los niños, orixinalmente escrita en galego. O autor acada así o galardón dotado con 8.000 euros, inclusión da obra no Ciclo SGAE de Lecturas Dramatizadas e a publicación do texto dramático na Colección Teatroautor.
O escritor declara sentirse “moi honrado e feliz”: “Polas características do galardón, coa dotación económica, a publicación do texto e a lectura dramatizada, o Jardiel Poncela é un auténtico agasallo e un berro de ánimo”. Dans engade que “cando escribes unha obra desexas que goce dunha vida longa e plena, que alcance o seu lugar natural, a escena, e este recoñecemento supón un inicio francamente esperanzador”.
Trátase dunha obra de carácter humano, na que Raúl Dans explora temas como o perdón, a culpa e a redención. A acción desenvólvese nas cidades de Vigo e Santiago de Compostela durante a primavera do Movemento 15 M, meses antes de que ETA anuncie, en outubro de 2011, o cesamento definitivo da actividade armada, e remóntase á década dos 80 do século pasado, os anos do terrorismo máis duro e dos GAL. Na obra hai dúas tramas principais que se entrelazan a medida que avanza a acción. Por unha banda está a historia dunha presa de ETA que vén de saír de prisión despois de cumprir a súa condena e, paralelamente, a dun mozo que desexa sabelo todo sobre a súa nai -ausente da súa vida dende que era un neno- para acabar descubrindo o terrible segredo que se agocha trala súa desaparición. “A idea do texto xurde dos encontros que promove a Vía Nanclares entre presos de ETA e familiares de vítimas do terrorismo. Preguntábame como se desenvolverían estes encontros, qué se di nun momento así, con qué palabras, e decidín poñerme a escribir sobre iso”, explica o autor.
O xurado do Premio SGAE de Teatro Jardiel Poncela 2015, a que concorreron un total de 187 obras, estivo presidido por Alfonso Plou e composto por Eduardo Alonso, Guillem Clua, Verónica Fernández, Eva Hibernia, Natalia Menéndez, Marta Torres e Paco Zarzoso.”
Esther Carrodeguas gaña o Abrente de Textos Teatrais con Voaxa e Carmín
Desde La Voz de Galicia:
“O xurado encargado de fallar a décima edición do Premio Abrente de Textos Teatrais anunciou onte a concesión do galardón da MIT de Ribadavia á obra Voaxa e Carmín, que foi remitida á convocatoria baixo o pseudónimo Noite estrelada. Unha vez aberta a plica a autora premiada resulto ser Esther F. Carrodeguas.
O xurado baseou a súa decisión, segundo consta na acta, na gran capacidade «de escenificación do texto, a súa teatralidade, o seu carácter poético, actual, composto por voces de dúas personaxes femininas locais e ao mesmo tempo universais, cunha caracterización moi esencialista e ao mesmo tempo expansiva, na liña dos personaxes de Samuel Beckett».
O xurado estivo presidido pola concelleira de Cultura de Ribadavia, María López Touza, e como secretario actuou o director da Mostra, Roberto Pascual. Fabrice Corrons, profesor da Universidade de Toulouse, a actriz Belén Constenla e o actor e pedagogo Alfredo Rodríguez exerceron como vogais.
Á hora de referise a Voaxa e Carmín, o xurado fixo referencia a «unha obra minimalista, cun ritmo pendular, coma o fluxo e o refluxo, as ondas ou a respiración. Salientar, así mesmo, a compoñente ritual da peza, que se manifesta no carácter simbólico das figuras dramáticas, coma un facho de liberdade, dignidade, resistencia e solidariedade».
Esther F. Carrodeguas amosábase onte feliz polo premio: «Era a primeira vez que me presentaba e foi un texto moi pensado e moi traballado, con referencias ás coñecidas popularmente como as dúas Marías de Compostela, as irmás que lembra a escultura da Alameda de Santiago». Carrodeguas ten acadado outros premios, como o Modesto R. Figueiredo de relato curto, e xeralmente os seus textos represéntaos a compañía Airiños.”
A Mostra de Ribadavia premia Escena Galega e bota a andar unha semana de teatro “de risco”
Desde Sermos Galiza:
“Pouco despois de que Escena Galega estrease nova dirección e duplicara o número de compañías integrantes, nunha unidade do teatro que cualifican de “histórica, a Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia outórgalles o Premio de Honra Roberto Vidal Bolaño.
“Unha das institucións que mellor evidencian o desexo de sumar esforzos cara o progreso e o ben común do sistema teatral galego”, definen na acta do premio no que destacan o novo momento da Asociación Galega de Empresas de Artes Escénicas, Escena Galega, que se vén de converter nunha “fortalecida arma de defensa, re-construción e posta en valor da creación escénica galega e de todas as súas condicións nos principais ámbitos de innovación, produción e difusión”.
A entrega do premio desenvolverase no marco do acto de inauguración oficial da MIT o vindeiro sábado 18 de xullo ás 20:00 horas na Alameda de Ribadavia, xornada na que botará a andar o programa do festival cos espectáculos Osos del Pirineo da catalá Tutatis, Siena de La Veronal e As fillas bravas de Chévere, compañía que protagonizará o foro do domingo e a presentación do proxecto Berberecheira. (…)”
Coñécense as obras gañadoras dos Concursos Literários da A. C. O Facho
“A Agrupaçom Cultural O Facho tem a bem de informar das Resoluçons dos Concursos Literários convocadas pola Entidade:
Concurso de Poesía:
– Premio à obra: Nenaespiraes, de Tamara Andrés Padín.
Concurso de Contos de nenos para nenos:
– Premios da Categoría A (Nenos e nenas de 9 a 12 anos):
Primeiro premio: Mentres dormes, de María Carballo Rodríguez. Alumna do CEIP Concepción Arenal da Coruña.
Segundo premio: O roubo de Pontenova, de Clara Brage Amado. Alumna do CPI Virxe da Cela de Monfero.
– Premios da categoría B. (Rapaces e rapazas de 13 a 16 anos):
Primeiro premio: Samaín, de Jéssica Lorenzo González. Alumna do colexio Filipenses Sagrada Familia de Vilagarcía de Arousa.
Segundo premio: Pecha os ollos, de Carme Castrillo Solto. Alumna do colexio Maristas Santa María de Ourense.
– Concurso de Teatro Infantil:
Premio à obra: Estrela… fugaz?, de Carlos Labraña.
Crunha, 20 de Maio do 2015″