Vivir un soño repetido. Libro homenaxe da AELG a Lois Pereiro

Con motivo do Día das Letras Galegas a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega edita un libro electrónico coas colaboracións dos seus asociados e asociadas, Vivir un soño repetido. Os participantes son: Francisco Álvarez-Koki, Ana Arias Saavedra, Afonso Becerra de Becerreá, Concha Blanco, Lino Braxe, Ramón Caride, Arturo Casas, Francisco Castro, Marta Dacosta, Xoán Carlos Domínguez Alberte, Rosa Enríquez, Estíbaliz Espinosa, Alfredo Ferreiro, Salvador García-Bodaño, Álvaro Lago, María Xosé Lamas, Rafael Lema, Siro López, Lourdes Maceiras, Tati Mancebo, Verónica Martínez Delgado, Rosa Méndez Fonte, Carlos Negro, Lucía Novas, Toño Núñez, Olga Patiño, Claudio Pato, Ana María Pérez Cerviño, David Pobra, Xavier Queipo, Baldo Ramos, Mario Regueira, Cesáreo Sánchez, Xavier Seoane, Chelo Suárez, Alberte Suras, Xulio L. Valcárcel, Diana Varela Puñal, Xosé Vázquez Pintor e Helena Villar.

As colaboracións, inéditas e orixinais, responden a un duplo formato:
* Poemas inéditos inspirados en Lois Pereiro (incluíndo versións elaboradas)
* Obra gráfica (ilustración, fotografía, poesía experimental, etc.) inspirada en poemas de Lois Pereiro.

Da conxunción de todas as achegas nace este libro electrónico en formato epub de descarga gratuíta accesíbel no apartado de publicacións da web da AELG.

Para visualizar o libro no computador recomendamos o software gratuíto Calibre, que se pode descargar aquí.

Reseñado en Culturagalega.org e Fervenzas Literarias.

Santiago: Ato de homenagem a Ernesto Guerra da Cal

A Academia Galega da Língua Portuguesa celebra o Centenário Guerra da Cal (1911-1994), cunha homenaxe o 17 de maio en Compostela e a apertura dunha páxina dedicada ao autor:
“O vindouro dia 17 de maio, Dia das Letras Galegas, às 11:30 em Compostela, diante do monumento a Ricardo Carvalho Calero, terão lugar os atos comemorativos neste dia de celebração em torno da nossa língua. O monumento está situado na rua lateral de entrada à Alameda de Compostela (entre a Alameda e a Rua Carreira do Conde). Neste sinalado dia terá lugar a merecida homenagem ao nosso professor galego de mais prestígio internacional, autor duma viçosa obra devotada à nossa comum cultura galego-portuguesa, para a qual viveu e pela que padeceu até morrer no exílio, consequente com as suas ideias e firmes ideais, sem por isso se iportar com ser sempre proscrito na sua pátria, e até maldito pelos que nela detêm ainda o poder. A continuação terá lugar uma leitura de poemas, seguida da lelitura de um manifesto à sociedade galega sobre a necessidade de apanhar o caminho certo para afrentarmos com êxito os nossos problemas linguísticos e culturais. Encerrado o ato, realizará-se um Roteiro de língua e história pelas ruas de Compostela, sob a orientação do Doutor André Pena Granha de participação livre e duração aproximada de uma hora.”

Vigo: lectura pública da obra de Lois Pereiro, e recital poético-visual con poemas seus

O luns 16 de maio, ás 19:00 horas, na Biblioteca Xosé Neira Vilas (Rúa Martínez Garrido, 21) de Vigo, terá lugar unha lectura pública da biografía de Lois Pereiro, en véspera da celebración do Día das Letras Galegas, na que participarán tanto autoridades, como o concelleiro de cultura, Xesús López Carreira, como todas aquelas persoas que queiran acercarse á biblioteca. Tras este achegamento á vida do autor a poeta Olga Patiño levará a cabo un recital poético-visual no que presentará algúns dos poemas máis relevantes de Lois Pereiro, acompañada polo escritor Francisco Fernández Naval e a fotógrafa Maribel Longueira.

A Coruña: Gala homenaxe a Lois Pereiro, con poesía e música

O mércores 11 de maio, ás 20:30 horas, no Fórum Metropolitano (Rúa Río Monelos, 1) da Coruña, organizada pola Asociación Cultural Alexandre Bóveda, terá lugar unha Gala homenaxe a Lois Pereiro, composta por un recital poético de compañeiros de Lois Pereiro no grupo De Amor e Desamor e un concerto de Manu Clavijo versionando obras do autor homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas.

VENTO LOIS no Monte Xalo (Cerceda), o domingo 8 de maio

O domingo 8 de maio ás 17:00 horas, no Petón do Monte Xalo (Cerceda), adianto do VENTO LOIS, organizado pola Asociación Cultural Lucerna, coa participación de Estibaliz Espinosa, Miguel Mato, Ramón Vilar e Samuel Paris, entre outros.
“‘O obxectivo ha ser sempre un Universo que se expande’, escribiu Lois Pereiro. Mais, por onde comezar a expandilo? Velaí a cuestión á que lle queremos poñer resposta desde a Asociación Cultural Lucerna, de Cerceda.
O Vento Lois anda soprando con forza en todos os recunchos do país. Ao noso concello tamén chegou algo desa brisa e empurrounos a artellar un novo xeito para expandir o universo. O lugar escollido? O Monte Xalo, un deses espazos onde peta ben o vento e desde o que polinizar o aire con palabras xeitosas para contribuír á expansión do universo.
En que consistiría exactamente o acto? Apoiándonos no vendaval que percorrerá o mundo o vindeiro 12 de maio convocado pola seita loisista leremos o Manifesto Loisista no Petón do Monte Xalo. De seguido abrirase un recital para compartir coas persoas que asistan e cos grandes bolos graníticos do Xalo poemas de Lois Pereiro, textos propios, mensaxes a/sobre Lois… Logo, a música pechará o acto para impulsar as mensaxes lanzadas ao vento do Xalo, contribuíndo así á expansión do Universo…
A devandita expansión do universo será gravada para compartila o 12 de maio con todo o planeta.
Gustariamos de contar coa túa presenza nesta homenaxe para participar na lectura do manifesto e no posterior recital. Agardamos a túa presenza para conseguir unha expansión do Universo potente e duradeira.’