A AELG nomea como Membros de Honra as autoras e autores da Asociación de Escritores de Galicia de 1936

O Consello Directivo da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega aprobou nomear como Membros de Honra da AELG as autoras e autores que formaron parte da Asociación de Escritores de Galicia constituída en marzo de 1936, coa presenza, entre outros nomes, de Fermín Bouza Brey, Manuel García Barros, Aquilino Iglesia Alvariño, Gonzalo López Abente, Ramón Otero Pedrayo ou Xaime Quintanilla, e que viu anulada a súa actividade e proxección debido á Guerra Civil e a posterior represión franquista.

Deste xeito, reivindicamos o inmenso labor feito para a valoración da literatura galega xa desde aquel tempo, onde se continuaron tecendo os camiños que nos permitiron chegar até hoxe.

A Fundación Carlos Velo premia Xosé Luís Méndez Ferrín co Veliano de Honra

Desde Nós Diario:
“O Veliano de Honra é un galardón que cada ano outorga a Fundación Carlos Velo para recoñecer a aquelas persoas que partillan admiración e respecto, polo cineasta que dá nome a entidade que concede o premio.
A persoa recoñecida este ano partillou amizade e militancia política con Carlos Velo desde os primeiros 60. Neste sentido, Xosé Luís Méndez Ferrín e o cineasta de Cartelle fixeron parte nesa década e na seguinte da Unión do Povo Galego (UPG), participando da loita nacionalista e contra a ditadura franquista.
O acto desenvolvido na maña do sábado 25 de outubro en Cartelle serviu para lembrar esa relación. No mesmo, interviñeron o alcalde da localidade, Jaime Sousa, a presidenta da Fundación Carlos Velo, Carmen Leyte e o historiador Antonio Piñeiro.
Piñeiro, encargado da laudatio a Méndez Ferrín, destacou que “hoxe se volven encontrar Ferrín e Velo, grazas ao enlace que daquela exerceu sobre ambos o inefábel activista vilanovés Luís Soto e que hoxe protagoniza a Fundación Carlos Velo xunto co pobo de Cartelle e o resto da Galiza neste acto tan simbólico e pertinente”.
O historiador percorreu a amizade entre Carlos Velo e Méndez Ferrín mediante a lectura de diversos textos que dan conta da mesma. Un deles foi un artigo publicado polo cineasta en 1962 desde o seu exilio mexicano na revista Vieiros baixo o título de Carta ao fato Brais Pinto, grupo cultural de mozos galegos en Madrid.
A presidenta da Fundación Carlos Velo, Carmen Leyte, explicou a actividade da entidade, que ten como obxectivos garantir a memoria, legado e máis do espírito de Velo, un dos grandes pioneiros do cinema galego e creador dunha importante e premiada obra cinematográfica.
Leyte fixou entre os obxectivos da Fundación “estabelecer relacións de cooperación con institucións e colectivos dentro e fóra da Galiza, e sobre todo con México, promover un fondo filmográfico e bibliográfico vinculado á figura de Carlos Velo e promover o fomento do audiovisual galego en correspondencia ao desexo do propio Velo”.
Carlos Velo (Cartelle,1909 – Cidade México, 1988), militante nacionalista no período republicano veuse obrigado a exiliarse en 1939, desenvolvendo unha intensa actividade política e cultural en México, onde actuou como delegado do Consello da Galiza.”

Vigo: presentación de Un intre no tempo. Poesía reunida 1967-2017, de Xosé Luís Franco Grande

Compostela: Xornada “Pioneiras”: María Xosé Porteiro. Activista das palabras, o 30 de outubro

Máis información e inscrición aquí.