Xela e Darío, por Cesáreo Sánchez Iglesias

DesdeCesáreo Sánchez Iglesias Sermos Galiza:
Intervención de Cesáreo Sanchez Iglesias na homenaxe da AELG a Xela e Valentín Arias.
“Convocámonos á celebración da memoria viva de dous seres queridos e admirados que crearon coa palabra, que en galego fixeron nosas outras literaturas que soñaron para xeracións futuras o soño de sermos donos do noso futuro.
Foron mans e alma de toda forma de creación en galego coma un acto fermosamente xeneroso, nun tempo no que eles sabían que era necesario chantar as pedras basilares dunha Terra tan mancada. Eles sabían que Galiza non podía ser arbore sen raíz.
Vimos de toda a nación a nos acoller nestas terras, a casa que con eles é fogar, na que conflúen os camiños e fan o camiño interior , o que trae do lonxe das terras que son serra viva alta, os ecos dos poetas queridos dos amigos e amigas e compañeiros que veñen do mar, da banda do mar e traen abrazos de espuma, de onda mariña arrecendente de sal e lúa de area e vento mareiro e mascato.
Veñen tamén da cidade cuxa alma forma parte da poesía de Xela, a cidade coma un ser que respira que alenta e latexa o seu corazón colectivo.
Eles 1410425509698PlacaValentinXelaAriasSarria2014que construíron sobre as sólidas trabes de perpiaño do idioma noso, o destino dos humillados, dos desposuídos desta terra. Nesa mesma pedra hoxe insculpimos os seus nomes, querémoslle dar así memoria á casa que os acolleu que os abrazou e foi fogar e que hoxe facemos fogar da memoria viva desta terra.
Xela, é a poeta que sabía da importancia de que todo toda poeta debe vivir á intemperie, só así na vulnerabilidade que dá a intemperie, o corpo e os sentidos son sometidos ao devir das estaciones cos seus ciclos de vida coa luz e a súa sombra. Da calideza que acariña e do frío que agrieta o delicado pel do corpo e o sentir da poeta.
Chama por nós nos seus poemas convidamos “ao non ser para ser todo “. Convidamos a nos ver a nós propios. A súa poesía danos na man o mapa para seguir as pegadas do noso propio ser. Ela nos seus poema foi deitando no chan os pequenos e humildes brancos cantos rodados para nós non nos perder no camiño de regreso.
Nos seus poemas denúdase para nos invitar a nos denudar de todo aquilo que non permanece que non deixa pouso nos afectos.
Pídenos erguermos en labarada os sentidos para percibir a beleza do que non é oco artificio do que non é alienada verdade manipulada.
O noso idioma, a antiga lingua nosa, é para ela prolongación do propio corpo da nosa propia sustancia terreal.
A reivindicación do corpo coma lugar no que a vida deixa as súas pegadas de ledicia e de dor. O corpo coma lugar no que a sociedade concreta a súa alienante represión sobre a muller e en consecuencia o lugar de reivindicación de todo o que lle é negado.
Mais a poética do amor e do desexo que desenvolve nos seus textos é da mais rica e fértil complexidade e vai mais aló da simples reivindicación do propio corpo e denuncia as capacidades de destrución de perda de independencia por se querer realizar coma suxeito de amor e de desexo, mesmo denuncia a banalización do amor pola súa institucionalización social coma rito oco coa súa perda de verdade.
Sempre alerta Xela está a denunciar en fin todo arredor do amor, do corpo, do desexo, do fogar, do matrimonio e cos ollos ben abertos fronte dos que ollan á muller coma algo posuíbel.
Escrebe poemas que nos convocan contra da alienación, a súa voz poética canta contra o que é rutina asfixiante e empobrecedora, mesmo das inamovíbeis certezas da orde social Pídenos en fin coa súa radical humanidade que tomemos as rendas do noso propio destino e por iso dinos que a vida vai en serio.
Cando ela reivindica a desorde faino disolución do Vella orde social e persoal para crear unha Nova orde. E como non, fermosa e clarificadora é a súa aportación coma a poeta que segue a ser cando é nai e escrebe Darío a diario.
Así, abriu camiños hoxe felizmente transitados polas xeracións que viñeron despois dela. Viviu o seu tempo xeracional que é o meu insubornable no seu eu de muller da estirpe daquelas que non cantan as pombas e as flores que dicía Rosalía ao tempo que estaba atenta ás necesidades da construción dun sistema literario que estaba dar á luz e desenvolvía a súa propia viabilidade editorial.
Deixounos dito o seu pai Valentin ao falar de Xela “Tan intensas e punxentes como as súas arelas de liberdade, independencia e xustiza, eran nela o sentido e mais a práctica da solidariedade”
Xela tivo bos mestres, querida Amparo e Valentín. El foi un dos bos e xenerosos nos que o noso himno afirma a nosa vontade de futuro insubornable coma pobo. El foi un dos os construtores da nosa conciencia nacional, coma creadores da patria dos que traballan en mancomún, dos que habitan a casa colectiva dos soños mais xenerosos dos que sementan a verdade desta Terra coma eido fértil e fan desta Terra a Terra da fraternidade a Terra da tenrura.
No desenvolvemento de cada unha das súas capacidades, Valentín foi un construtor da nación. Con el, o que comezou a ser non foi algo perecedoiro e non murchará coma flor senón que segue a brotar coma unha galla da arbore do tempo e que, coma a luz deste día de setembro, permanecerá.
O traballo de homes mulleres coma el, coma ela, farán que algún día non moi lonxincuo o labor de escribir e traducir e de editar, teña a normalidade do traballo do panadeiro que amasa o pan de cada día, coma redondas e efémeras eternidades. Coma o canteiro que talla a pedra máis intima.

A Vilerma, Maside, Sarria
6 de setembro de 2014

Vilar de Santos: presentación de Contos do mar de Irlanda, de Xurxo Souto

AXurxo Souto sexta feira 12 de setembro, ás 21:00 horas, na Arca da Noe (Rúa do Forno, 13), de Vilar de Santos (Ourense), preséntase Contos do mar de Irlanda, de Xurxo Souto, publicado en Xerais. No acto participará o propio autor.

10612553_801237456607803_8956652531459786575_n

Xermolos inicia a campaña Letras Sempre

É Xermolostal a pegada que está a ter o Ano de Díaz Castro que Xermolos sente a necesidade de afondar nesta fortuna de poder celebrar ó poeta de Guitiriz. Xa a comezos dos 80 viviu intensamente algo semellante, a recuperación de Díaz Castro, que vivía en Madrid xa esquecido ata polos veciños. Cando retorna colabora con Xermolos que converte nun dos seus fogares ata o seu pasamento. Coa designación do Día das Letras Galegas, Xermolos, aínda reforzou a súa experiencia de como tiñan que multiplicar o esforzo para que o poeta tamén fose lido e coñecido máis alá… Pero o proceso foi marabilloso en todos os sectores da poboación, a comarca sentiu intensamente a beleza dos versos do autor de Guitiriz, e houbo unha fervenza creativa en todo o país. Agora coa campaña Letras sempre: De Díaz Castro a Manuel María, quere compartir a súa vivencia deste ano con todo o país, porque considera que en todas as comarcas, hai escritoras e escritores que cómpre ler e coñecer, ó pé da casa en toda Galicia… Coma a Díaz Castro, considéraos verdadeiros monumentos literarios, coma os castros, igrexas con valor artístico, as paisaxes, etc… Máis alá da designación da autora ou autor da Festa das Letras pola Academia, cada comarca debe celebrar sempre ás e os seus cantores. Xermolos está en contacto con asociacións e centros de ensino de varias comarcas para seguir achegando o legado de Díaz Castro, mesmo o vindeiro ano nos 25 anos do seu pasamento. Esta campaña comezou o sábado 6 de setembro no XXVIII Festival da Poesía en Salvaterra do Miño, cun concerto de A Quenlla dos versos de Díaz Castro, Manuel María e outr@s poetas, e rematará o 12 de setembro do 2015, na XXXVIII Romaxe de crentes galegos en Penas de Rodas de Outeiro de Rei.
A andadura deste ano inspirou a Xermolos varias actividades que vai suxerir a institucións coma asociacións e centros de ensino, así o Certame Escolar de creación audiovisual Nimbos de Luz, dado o número de gravacións que este ano recibiu para o Certame Terra Chá, ou a Festa da Fala que celebrou no San Alberte… Vai potenciar a Casa das Palabras onde se conserva o legado de Díaz Castro, para que en todas as comarcas se faga outro tanto c@s seus autores.. Apostou pola cultura de base, a que protagonizan cada día as mulleres e homes do noso pobo, principiando polos máis novos, convencidos de que moitas institucións so manipulan as esencias do pobo coma unha pantalla que escurece as angueiras creadoras das e dos “bos e xenerosos”.”

Terra Chá: Memoria da Chaira Enteira, X cabodano de Manuel María, o luns 8 de setembro

OManuel María luns 8 de setembro de 2014 a Irmandade Manuel María organiza unha nova edición da Memoria da Chaira Enteira, en conmemoración do X cabodano de Manuel María. O programa previsto é o seguinte:

14:30 h. Xantar no Restaurante Río Ladra (Rábade).
17:00 h. Recital de poesía en Penas de Rodas.
18:00 h. Ofrenda no Cemiterio de Outeiro de Rei.
19:00 h. Na Carballeira de Sta Isabel: entrega da Navalla de Manuel María a Felipe Senén e, in memoriam, a Suso Vaamonde.

* Para máis información e apuntarse ao xantar, as persoas interesadas poden chamar ao teléfono 646413890.

tarxeton final

A Vilerma (Maside, concello de Sarria): Homenaxe da AELG a Xela Arias

OXela Arias pasado ano 2013 cumpríronse 10 anos do pasamento da poeta Xela Arias. Por este motivo a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, que xa o pasado marzo lembrara a autora nunha homenaxe en Vigo, organiza para o vindeiro sábado 6 de setembro, ás 12.00, na Vilerma (parroquia de Maside, concello de Sarria) un novo acto para testemuñar a dimensión extensa da súa personalidade, activa e curiosa, polifacética, que sumou poesía, música e plástica.
Descubrirase unha placa na casa familiar, na que viviron a autora e mais seu pai, Valentín Arias, quen foi cofundador e presidente da Asociación de Tradutores Galegos. Despois da intervención do presidente de AELG, Cesáreo Sánchez Iglesias, continuarase coa lectura de textos de Xela Arias por parte das escritoras e o escritor Antía Otero, María Xesús Nogueira, Marica Campo e Xulián Maure. Seguiremos así facendo memoria dos seus versos e transmitindo ese herdo inmenso que é a obra dunha muller que sentía e amaba a súa lingua, a terra e o pobo que creou esa lingua; unha escritora que non se pode conter nas marxes da xeración que a viu nacer, que transcendeu as lindes da escrita e puxo a palabra en contacto con outras disciplinas artísticas. Polifacética, xenerosa e implicada, desde a súa mocidade estivo vinculada ao mundo do libro, primeiro como editora, despois como escritora e tradutora.

A AELG convida a todas e todos a acudir a este acto de memoria.

Muxía: María Canosa na Galería de Mulleres no mes de agosto

OMaria-Canosa-na-Galeria-Mulleres-de-Muxia Concello de Muxía segue coa iniciativa da Galería de Mulleres, onde se destaca cada mes o labor dunha muller no mundo das artes, as letras, a ciencia, etc…., repartíndose cartaces e indicacións para informarse sobre ela e acceder á súa obra. Con cada muller reséñanse os libros a disposición do/a usuario/a na Biblioteca da Muller, integrado dentro da Biblioteca Municipal do Concello de Muxía, escritos por ela ou que fagan referencia á mesma. Este mes de agosto centrarase en María Canosa.

Xabier P. Docampo, palabras de pedra para todo o tempo

DesdeDocampo-Pedra-e-tempo o blogue de Armando Requeixo, Criticalia:
“Por causas que non vén a conto detallar agora aquí, o pasado 21 de xuño non puiden acompañar como querería o excelente narrador e mellor amigo Xabier P. Docampo na homenaxe O escritor na súa terra. Letra E que lle tributamos dende a AELG nos que son os seus eidos matriciais: Castro de Ribeiras de Lea, na cerna da Terra Chá.
Froito daquela venturosa xornada foi a publicación Pedra e Tempo, unha exclusiva plaquette de apenas dous centos e medio de exemplares numerados que o propio autor agasallou aos convidados e algúns outros contados amigos aos que a desfortuna privou de estar presentes.
Pedra e Tempo é unha moi coidada edición con  capa de Xosé Cobas (parella de feito artística de Docampo dende xacando) e ilustracións de DNL.
Cinco breves minirrelatos precedidos dunha longa dedicatoria e unha petición lírica de introito compoñen esta singular publicación. Cinco historias enlazadas, onde como nunha sorte de leixaprén narrativo o último sintagma de cada relato se retoma como secuencia cabezaleira do seguinte. E todo orquestrado esfericamente, pois o derradeiro dos sintagmas da historia cabo é, por súa vez, coincidente co comezo da primeira narración, xenuína circularidade estrutural que cohesiona este anel solitario no que vai engastado o quinteto de sortellas.
O abandono dos lares rurais, o abuso clasista dos señoritos fronte aos pobres de pedir, a fraxilidade dos vagamundos para os que todo é interdición, a boipousonería dalgúns coa que malamente avanzamos, mesmo a pulsión por escapar do aprisionamento e das celas interiores que nos limitan son outros tantos temas axiais da escrita de Docampo que regresan nestas narracións, evidenciando os seus sinais de identidade e ese particular entrefebrado de realismo e fantasía que fan da súa unha voz senlleira no panorama narrativo actual. O colofón deste Pedra e Tempo lembra, oportunamente, unha sabia sentenza: quod natura est ex amore floreat cunctis diebus. Tamén eu o creo. Por iso non quero deixar de recomendar que, se por algunha vía tedes oportunidade de ter nas mans unha destas prezadas e preciosas plaquettes, admiredes o coidado na confección material, a forza das fotografías, a mestría dos sucedidos que atesoura. Como a pedra resiste ante o pasar do Tempo, tamén a verba de Xabier P. Docampo, escritor con Letra E maiúscula, perdurará para lembrarnos que as memorables historias dos creadores sempre han merecer unha homenaxe.”