Entrevista
a Xosé Ramón Freixeiro Mato en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza (SG): Vostede fala da dificultade de construír unha lingua literaria a través dun idioma desprestixiado, cal é o proceso?
– Xosé Ramón Freixeiro Mato (XRFM): Non é o mesmo ao dunha lingua normalizada, cun estándar estabelecido. No noso caso houbo que construír unha lingua literaria contemporánea desde a que existía nas clases populares, sen norma fixada e sen instrumentos e ferramentas que os escritores adoitan ter na súa mesa. Que nesa circunstancia fosen publicando libros de calidade artística e lingüística é un esforzo de grande valor. Na análise da lingua literaria teremos de discernir o que é auténtico galego, xa que existen moitas interferencias do castelán que eran inevitábeis.
– SG: A súa Estilística da lingua galega recorre tamén á literatura popular e, dalgunha maneira, na súa traxectoria apreciase a querenza por autores que beberon na lingua do pobo. Que valor lle engade á elaboración da estilística?
– XRFM: No falar da xente ou nos cantares populares hai unha riqueza extraordinaria de recursos. A literatura culta traballa especificamente cos recursos, procurando construír unha obra artística e extrema o seu aproveitamento, mais eses recursos están tamén na fala. Os mellores autores beberon da lingua popular para construír a súa obra literaria. É a fonte básica, aínda que haxa que saber distinguir o que é auténtico galego das interferencias. (…)
– SG: Tamén neste libro está a súa preocupación pola calidade da lingua.
– XRFM: Trinta anos despois da Lei de Normalización non nos podemos conformar con dicir que o importante é falar. Temos que dar o paso e empregar un galego de calidade porque un galego deturpado vai ser un galego castelanizado que non ten futuro. Iriamos cara á confluencia co español e estariamos a pór en perigo o propio idioma. Escribir e falar en galego auténtico transmite prestixio ao idioma, é dicir, sería unha ferramenta para a normalización. Como se vai prestixiar a lingua se un presidente da Xunta, un conselleiro ou un académico falan de maneira que mesmo contradí as normas que eles aprobaron? Denota un desleixo co idioma que resta credibilidade e eficacia normalizadora. O galego só se poderá normalizar se a xente ten a sensación de que a lingua está definida e os falantes a usan con corrección, sobre todo os que teñen responsabilidade pública.
– SG: Como valora a decisión de Vítor Vaqueiro, Teresa Moure ou Séchu Sende de abandonar a normativa despois dunha longa traxectoria de escrita?
– XRFM: Son tres persoas que admiro no plano persoal e tamén do punto de vista literario e da calidade de lingua. O seu posicionamento paréceme respectábel e sei que a súa é unha decisión a contracorrente que non lles vai dar beneficios persoais. Escribir en portugués para min é escribir en galego e por tanto acho lexítima a súa opción; porén, considero que neste momento o prioritario é afortalarmos un modelo de galego digno e auténtico, de calidade. Defendo que son preferíbeis decisións colectivas, nomeadamente por parte de persoas que, coma min, se senten comprometidas cos acordos de 2003 que, aliás, aínda non se consolidaron. Estes inclúen poucas mais significativas mudanzas que marcan por onde se debe camiñar na estandarización do galego. Outra cousa sería que a RAG recuase, entón as entidades deberiamos pensar colectivamente outra saída. Acho que o galego necesita unha estabilidade na norma e dentro dela avanzarmos na aproximación ao portugués. Podemos ir nese camiño seguindo o marco normativo, pois canto máis auténtico for o galego máis se parecerá ao portugués, como dixo Dieste. Só así parece posíbel a confluencia. O ideal é que ese camiño se vaia andando sen trasladar á sociedade conflitos que redundarían no desprestixio do galego. Sobre o galego penden moitas ameazas e os pasos deben ser medidos.”
Arquivo da categoría: Lingua
Compostela: presentación de Estilística da lingua galega, de Xosé Ramón Freixeiro Mato
O
xoves 19 de setembro 2013, ás 20:15 horas, na Libraría Pedreira (Rúa do Home Santo, 55) de Santiago de Compostela, preséntase o libro Estilística da lingua galega, de Xosé Ramón Freixeiro Mato, publicado en Xerais. No acto, xunto ao autor, participan Goretti Sanmartín Rei, Xosé Manuel Sánchez Rei e Manuel Bragado.
Destacada presenza galega nos Encuentros de Verines
Desde Cultura Galega:
“O Consello da Cultura Galega participará na organización dos Encuentros en Verines, unha tradicional cita literaria que desde o ano 1985 reúne na Casona de Verines, en Pendueles (Asturias) a destacados creadores das distintas literaturas e linguas do Estado español. Os Encuentros están organizados polo Ministerio de Cultura e contan coa colaboración do Instituto Etxepare, o Institut Ramon Llull, e o Consello da Cultura Galega.
Os Encuentros en Verines teñen por obxectivo “propiciar o intercambio intelectual entre escritores de todas as linguas de España, para debater sobre o estado das letras nos seus distintos xéneros e con diferentes enfoques”, segundo o Ministerio de Cultura. Por parte galega participarán Luisa Castro, Suso de Toro, Víctor Freixanes e Miguel Anxo Murado, canda recoñecidos escritores doutras linguas do Estado como Xuan Bello, José María Merino, Carme Riera, Miren Agur, Luís García Montero, Soledad Puértolas, Jon Juaristi ou Luis Mateo Díez, entre outros. Están organizados por Víctor García de la Concha.
O programa deste ano propón unha reflexión sobre os últimos trinta anos das letras no Estado a partir do propio aniversario dos Encuentros. A presenza galega será visible en mesas como O diálogo entre as linguas, na que participará Víctor F. Freixanes, 30 anos de poesía, que contará coa presenza de Luisa Castro ou de Linguas e Pensamento, na que falará Suso de Toro. A presenza galega complétase coas reflexións de Miguel A. Murado na mesa El Filandón, relatos e outras ficcións.”
A Mesa pola Normalización Lingüística leva o premio Ramón Piñeiro Facer País
Desde
Cultura Galega:
“O XII Premio Ramón Piñeiro Facer País, que outorga unha quincena de asociacións culturais das comarcas de Sarria, Láncara e o Corgo, foi para A Mesa pola Normalización Lingüística. O responsables da Asociación Cultural Val de Láncara, que coordina o galardón, facían público o fallo o pasado venres no Consello da Cultura Galega, logo de que representantes de todos os colectivos seleccionasen o gañador entre propostas abertas a toda a sociedade. A entrega do galardón, aínda sen data fechada, celebrarase a finais do mes de outubro.”
Francisco Rodríguez: “O comportamento lingüístico de Rosalía de Castro”
Desde
Sermos Galiza:
“Imos entrar no problema do uso oral do galego por Rosalía e mesmo do escrito en actividades non literarias. A algúns pódelles parecer inexplicábel se non se atende ás circunstancias concretas da nosa sociedade entón, á determinación do pasado histórico e á perspectiva ou vontade organizada ou non da súa superación, así como ás novas determinacións e condicionantes nos comportamentos lingüísticos derivados das nova realidade do Estado capitalista e centralista. No uso literario, Rosalía superou todos os condicionantes diglósicos. A súa obra en galego non está marcada, de forma inexorábel nin cualitativa, pois non detectamos diglosia temática, nin de estruturas ou xéneros, nin de rexistros.
As limitacións son só cuantitativas, determinadas pola necesidade e posibilidade de vender no mercado editorial e no xornalístico e pola vontade de exercer como escritora profesional, alén de pola evolución e acollida do seu proxecto de restauración dunha literatura nacional en lingua galega. Non se ten valorado na súa xusta dimensión o feito de Cantares gallegos ser tan compacto e homoxéneo no uso do idioma, que até as notas a rodapé están en galego, como o é Follas Novas, a non ser o alleo prólogo de compromiso de Castelar. Mais cal era o seu comportamento lingüístico persoal dentro da familia e nas súas relacións e actividades sociais? A súa lingua materna, como ela a denomina nas Dúas palabras da autora…, era sen dúbida algunha o galego, a lingua dominante, coloquial e informalmente, aínda da maioría dos señores dos pazos como o de Arretén, vinculados a unha contorna campesiña, oralmente unilingüe en galego na primeira metade do século XIX. Na súa infancia, malia a progresiva e intencionada educación formal e escrita en castelán, a meniña Rosalía vivía impregnada do galego, a lingua coloquial dominante. Desde logo, teñamos claro que non podería ter escrito nin Cantares Gallegos nin Follas Novas, de non ter sido así, pois demostran unha interiorización do idioma popular, coloquial e dialectal. Non é un idioma de laboratorio nin imitado de literatura escrita. Ela mesma confesouno no prólogo de Cantares gallegos: “por esto, inda achándome débil en forzas e n´habendo deprendido en máis escola que a dos nosos probes aldeáns, guiada sólo por aquelas palabras cariñosas e aqueles xiros nunca olvidados que tan dosemente resoaron nos meus oídos desde a cuna e que foron recollidos polo meu corasón como herencia propia, atrevínme a escribir estos cantares”. É o galego das terras do Sar, cos españolismos inevitábeis, algúns seguramente introducidos á hora da impresión polos linotipistas, pois trasladaban dun manuscrito a letra impresa uns textos nunha lingua que non era a habitual, tendo como norma abafante e exclusiva a do castelán Era consciente de que estaba a empregar un idioma carente de gramática e de dicionario, sen normas escritas . A. Marsal (Galicia, 4, 1888) referíndose a Rosalía, comenta: “No desconocía las deficiencias gramaticales y la carencia de estudio y cultivo del idioma de su país la dulcísima e inimitable poetisa Rosalía de Castro de Murguía, y así lo consignó al final de la introducción a sus bellísimos Cantares gallegos”. Porén era a nosa lingua, repite tres veces ao longo do ensaio introdutorio a Follas Novas. Temos, pois, a consideración individual e a colectiva do galego como idioma propio, natural. (…)”
Actos do cabodano de Avelino Pousa Antelo (memoria e vida), o 20 de agosto
Programa
de actos do cabodano de Avelino Pousa Antelo, que se celebrará o martes 20 de agosto.
Sesión da mañá
12:00 h. No SALÓN DE PLENOS DO CONCELLO DE TEO:
– Recepción do Concello de Teo aos participantes nos ACTOS.
12:30 h. No SALÓN DE PLENOS DO CONCELLO DE TEO:
– Actos de afectos e recordo a Avelino Pousa Antelo.
13:00 h. No SALÓN DE PLENOS DO CONCELLO DE TEO:
– Presentación da Revista-Libro monográfica Avelino Pousa Antelo. Participan:
Alfonso Blanco Torrado.
Héitor Picallo.
Familia de Avelino Pousa.
Carlos Mella.
Martiño Noriega.
Mini e Mero.
Xosé Mª Lema Suárez.
Recitado a cargo de Xoán Xosé Fernández Abella.
14:30 h. XANTAR DE IRMANDADE NO RESTAURANTE PÓRTICO DE CACHEIRAS (prezo 20 euros, quen queira asistir debe avisar antes do 12 de agosto, no teléfono 636032750 ou no correo electrónico erdao@hotmail.com).
Sesión da tarde
18:30 h. No SALÓN DE PLENOS DO CONCELLO DE TEO:
– Mesa redonda Avelino Pousa mestre galego normalizado. Interveñen:
Antón Costa.
Xabier P. Docampo.
Fina Casalderrey.
Mini e Mero.
María Blanco Corral.
Maca Arca.
Recitado a cargo de Xoán Xosé Fernández Abella.
20:00 h. ACTO DE AFECTOS E RECORDOS A AVELINO POUSA ANTELO (no Paseo Avelino Pousa da URBANIZACIÓN OS VERXEIS DE TEO).
– Ofrenda floral conxunta.
– Intervencións de fundacións, colectivos e amicais.
– Intervencións poéticas.
– Lecturas de textos.
– Intervencións musicais (Mini e Mero, Raúl Galego, Manoele).
– Intervención da familia de Avelino Pousa.
– Clausura por parte da representación do Concello de Teo.
– Interpretación do Himno Nacional Galego.
Estefanía Mosquera: “As SMS, as redes sociais ou os chats conforman novos xéneros textuais”
Entrevista
a Estefanía Mosquera en Praza e Sermos Galiza:
“Estefanía Mosquera Castro, licenciada en Filoloxía Galega, presenta o seu libro Didáctica da lingua e novos soportes comunicativos: a linguaxe SMS o 25 de xullo no marco do Festigal. O libro é produto da súa tese na Universidade da Coruña. É tamén investigadora e estivo contratada para o proxecto de investigación Glosario crítico da poesía medieval galego-portuguesa. I. Cantigas de amor e cantigas de amigo entre o 2010 e 2011.
– Praza (P): Acabas de publicar o teu libro. É boa época para os escritores/as galegos?
– Estefanía Mosquera (EM): Estamos nunha época complexa en moitos sentidos e, como é obvio, o ámbito editorial tamén se está a ver afectado, sobre todo no contexto social e político en que nos achamos, onde a pesar da calidade literaria de moitos e moitas autores e autoras, seguimos sendo unha literatura minorizada en moitos aspectos. Mais coa tecnoloxía as dificultades para publicar redúcense de forma considerábel e as obras poden ser editadas, cando menos, en formato dixital. No meu caso tiven a sorte de contar tamén coa publicación en papel, e fiquei moi contenta co trato recibido pola Asociación Socio-Pedagóxica Galega.
– P: Como xorde a idea do teu libro e tese Didáctica da lingua e novos soportes comunicativos: a linguaxe SMS?
– EM: Pois xorde como resultado das investigacións para a miña tese de doutoramento Lingua e novos soportes comunicativos, no que analizo as características lingüísticas destes novos códigos que se utilizan na rede e trato de eliminar os falsos preconceptos que existen ao seu redor e de analizar a súa proxección social. Neste sentido, un dos ámbitos en que máis temores existen a este respecto é no do ensino, pois considérase que se trata de deturpacións lingüísticas que van acabar coa lingua estándar e que farán que o alumnado non asimile correctamente a variedade normativa. Así, con este traballo queríamos demostrar que as SMS, as redes sociais ou os chats e tamén as súas linguaxes conforman novos xéneros textuais, ao igual que a carta, e que por tanto son perfectamente válidos para traballarmos lingua e tamén literatura. De feito, este tipo de actividades achegan as aulas á rúa e a aprendizaxe formal á informal e deste modo o alumnado pode ver que as aulas de lingua tamén reflicte o que se fai coa lingua fóra delas. (…)
– Sermos Galiza (SG): Hai novelas que incorporan as sms como elemento dentro do relato. Agora mesmo vénseme á cabeza O coitelo de novembro, de Marilar Aleixandre. Coñece algunha que estea escrita integramente en linguaxe sms?
– EM: Si, este novo código aparece como soporte na trama argumental da novela do mesmo xeito que noutras se incluíron fragmentos de cartas. Na literatura anglófona e tamén aquí, en 2010, si que houbo un concurso de mensaxes de Nadal que debían estar redactadas como sms.
– SG: Esperta entón a nosa creatividade?
– EM: Si, permite opcións moi creativas. Hai tamén un escritor finlandés que redactou toda a súa novela coa linguaxe das sms [The last messages, de Hannu Luntiala] porque o contido do relato propiciaba o uso deste tipo de código. O argumento trata sobre un executivo das TIC quen renuncia ao seu traballo e se dedica a viaxar por varios países de Europa e da India mantendo o contacto cos achegados mediante mensaxes curtas de móbil. É moi atractiva para o leitor porque deixa ocos en branco que deben ser enchidos por el. (…)
Compostela: actividades literarias do 25 de xullo no Festigal 2013 (suspendido polo accidente de tren acaecido o mércores 24 de xullo)
Na
Galería das Letras do Festigal 2013, que se celebrará no Campus Universitario Sul de Santiago de Compostela, terán lugar as seguintes actividades literarias destacadas o xoves 25 de xullo:
– 16:00 h. Presentación do libro Didáctica da lingua e novos soportes comunicativos: a linguaxe SMS, de Estefanía Mosquera Castro, publicado pola AS-PG.
– 16:30 h. Presentación do libro Diario de Lugo, Xosé Ramón Fernández e Oxea “Ben Cho Shey“, publicado pola Deputación de Lugo.
– 17:00 h. Presentación de Retallos daquela infancia, de Bautista Álvarez, publicado en Xerais. No acto participa, co autor, Pilar García Negro e Manuel Bragado.
– 17:30 h. Presentación de Bícame, Frank, de Miguel Anxo Fernández, publicado en Galaxia. No acto participan, xunto ao autor, Antonio Mourelos e Victor F. Freixanes.
– 19:45 h. Presentación de Eu violei o lobo feroz, de Teresa Moure, publicado en Através Editora. Participa, xunto á autora, Rafa Vilar.
– 20:15 h. Presentación de Historia de Galicia, de Anselmo López Carreira, publicado en Xerais, coa participación do autor e Manuel Bragado.
– 21:15 h. Presentación de Quem fala a minha língua?, publicado por Através, e que será presentado por Valentim R. Fagim e Gemma Fernández, con intervencións de Jairo Dorado e Carmen Alén, dous dos seus autores.
Carlos Taibo: “O colapso do sistema está moi perto e é a nosa capacidade de responder o que está en xogo”
Entrevista
de Montse Dopico a Carlos Taibo en Praza:
“O profesor de Ciencia Política e ensaísta Carlos Taibo volve ampliar o seu abano de investigación. Se hai un tempo introducíase no campo da literatura con Parecia não pisar o chão. Treze ensaios sobre as vidas de Fernando Pessoa, no seu último libro -cuxa autoría comparte co sociólogo Arturo de Nieves- trata de contrastar coa realidade, a través da realización dun inquérito, o que era unha intuición persoal: o elevado grao de aceptación que o reintegracionismo atopa nas elites culturais galegas. E o resultado, recollido no libro Galego, Português, Galego-Português? (Através editora), confirma, sequera parcialmente, o seu presentimento: a maioría das persoas entrevistadas cuestionan a norma aprobada pola RAG no 2003 e o motivo principal é o seu afastamento a respeito do portugués. Falamos con el sobre esta e outras obras que publicou nos últimos anos.
– Praza: Unha das conclusións do libro é que, aínda que non hai acordo sobre se galego e portugués son a mesma lingua, si ten claro todo o mundo que a relación coa lusofonía debe potenciarse. Iso é un éxito do movemento reintegracionista, ou algo máis?
– Carlos Taibo: En parte é o que dis, mas eu creo que apoiar unha maior relación da Galiza coa lusofonía é, tamén, unha cuestión de pura lóxica. É verdade que non hai consenso sobre se portugués e galego son unha mesma lingua, mais tamén é importante o dato de que ninguén rexeita a pergunta en si, porque, creo eu, se aceita que é lexítima. Se cadra por debaixo hai unha intuición de que galego e portugués son, nos feitos, a mesma lingua. (…)”
VI Xornadas de Materiais Didácticos, o 29 e 30 de novembro de 2013

Organizado por Nova Escola Galega e a Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística coa colaboración da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega.
A Idea
As VI Xornadas de Materiais Didácticos pretenden ser continuación dos anteriores congresos de materiais didácticos, pretendendo nesta ocasión baixo o lema Recursos e materiais didácticos para o ensino en Galego crear un espazo de eminente carácter práctico, a través do cal poder difundir e dar a coñecer aqueles materiais didácticos e recursos educativos que están escritos en galego e contribúeno a desenvolver actividades de normalización lingüísticas nos centros educativos ou noutras institucións socioeducativas.
Sabemos das dificultades para encontrar materiais en galego para determinadas áreas e proxectos e polo tanto parece conveniente contribuir á difusión dos existentes e aportar aquelas ferramentas que poidan resultar de axuda para difundir e construir os materiais.
Igualmente, a través do coñecemento e difusión dos materiais elaborados polo propio profesorado pretendemos recoñecer o gran labor que hai detrás da construción de recursos educativos polos propios docentes e do interesante abano de posibilidades que se abre a través do intercambio de experiencias, do emprego e da conciliación de recursos elaborados por compañeiras e compañeiros.
Obxectivos
– Difundir os materiais didácticos innovadores concibidos e promovidos polo profesorado dos diferentes niveis do ensino e tamén dende diferentes colectivos de carácter educativo (concellos, movementos de renovación pedagóxica…), coa finalidade de contribuir á normalización lingüística.
– Reflexionar acerca da relevancia e da necesidade de dispor de recursos educativos en galego para os diferentes niveis do ensino.
– Participar en obradoiros que nos axuden a crear materiais didácticos e a contribuir á súa distribución.
Os materiais
Os obradoiros son sesións participativas, onde a/o asistente ten a posibilidade de iniciarse en técnicas de deseño e selección de materiais didácticos e recursos educativos. Na xomada do sábado realizaranse simultaneamente cinco obradoiros, dous en horario de 09:15 h. a 11:30 h. e tres de 12:00 h. a 14:15 h., as e os participantes deberán sinalar os obradoiros da súa preferencia na folla de inscrición (un entre os desenvolvidos na Sesión A e outro entre os desenvolvidos na Sesión B).
Ademais de asistir ás mesas redondas, conferencias e obradoiros, querémoste convidar a que presentes aos compañeiros/as algúns dos materiais didácticos que teñas elaborado para traballar na escola e que dalgún xeito estean contribuindo á normalización lingüística.
Se estás interesado en dar a coñecer a túa experiencia ou material, convidámoste a que accedas ao enlace Ficha para difundir material e cumprimentes a ficha que aparece no mesmo e a envíes a Rocio García Pazos (rocio.garcia.pazos@gmail.com) antes do 1 de novembro.
Como presentar material
Para pode presentar o teu material é necesario que esteas inscrito no encontro. Unha vez que recibamos o conxunto de propostas organizaremos as presentacións en función das temáticas e da tipoloxia de material. Cada autor de material disporá dun tempo aproximado de 15-20 minutos para presentar o seu recurso. Para as presentacións dos materiais disporase de ordenador e de conexión a intemet. Na realización da túa presentación, agradeceriamos que prestaras especial atención ás seguintes cuestións:
> Breve presentación do material
> Caracteristicas
> Destinatarios
> Por qué en Galego?
> Breve avaliación
As presentacións terán lugar na Facultade de Ciencias da Educación.