Día de Rosalía 2014 nos centros de ensino (XIV)

O Día de Rosalía 2014 celebrouse no IES Alfredo Brañas de Carballo, do seguinte xeito:
“O luns 24 de febreiro, o Equipo de Dinamización Lingüística organiza un acto en conmemoración do nacemento de Rosalía de Castro. Consistiu nun recitado de poemas de Rosalía por alumnos (en varios idiomas), pais, profesores e persoal de administración; haberá tamén a proxección dun documental, música e canto. Preme aquí para ver o programa completo.”

Lugo: presentación do Grupo Literario Leiras Pulpeiro

Vigo: Homenaxe a Xela Arias, o martes 11 de marzo

Á procura dos trazos que nos describan

Con este verso de Xela Arias nomeamos a homenaxe que a AELG lle quere render á autora en marzo deste ano 2014. Un verso que na súa expresión sintetiza toda unha declaración de intencións, pois é o noso cometido -como organización que representa as escritoras e os escritores galegos- recoller, profundar e transmitir os trazos que nos describen. Trazos ou a obra das escritoras e os escritores que constrúen esta casa de noso que é a literatura galega.
Homenaxear a Xela Arias é testemuñar que se tratou dunha autora singular para o seu tempo. É render homenaxe a unha voz única e a unha muller para quen a literatura foi un modo de vida. Unha muller que sentía e amaba a súa lingua, a terra e o pobo que creou esa lingua.
É o momento de lembrar a Xela, unha década despois do seu pasamento, na cidade en que viviu, nas voces que darán a dimensión extensa da súa personalidade, activa e curiosa, polifacética, que sumou poesía e música e plástica e creou arte. Xela poeta, tradutora, editora, docente… Xela comprometida alzando a súa voz contra a catástrofe do Prestige ou describindo a dor das desherdadas ou o amor das nais.
É o momento de facer memoria, lembrar os seus versos e transmitir ese herdo inmenso que é a súa obra. Sumando trazos que nos describen.

No acto poético-musical participarán:
– Manuel Bragado e Fran Alonso, director e subdirector de Edicións Xerais.
María Xesús Nogueira, editora da obra de Xela Arias.
Antía Otero e Marta Dacosta, poetas.
– Pilar Carro, promotora do certame poético Xela Arias do IES A Sangriña.
– Alba Cid, poeta premiada no certame Xela Arias.
– Virginia Barros, Directora do IES Álvaro Cunqueiro.
Eduardo Estévez, tradutor de Xela para o español.
– Avelino González, actor.
– Ana Iglesias, escritora.
Mercedes Queixas, en nome da AELG.
Darase lectura tamén ao texto escollido pola escritora María do Carme Kruckenberg.
A parte musical estará a cargo de:
– O grupo Xardín desordenado.
– O clarinetista Fernando Abreu acompañado da voz de Iolanda Zúñiga.
Contaremos tamén coa presenza da familia de Xela Arias, representada por Darío, fillo, e Xoán Arias, irmán.

A AELG convida a todas e todos a acudir a este acto de memoria.

Día de Rosalía 2014 nos centros de ensino (VIII)

O Día de Rosalía 2014 celebrouse no CEP Carlos Casares de Alxén, Salvaterra de Miño, do seguinte xeito:
“Realizouse un graffiti-mural e un programa especial de radio con recitado de poemas por parte do alumnado e música de poemas seus musicados, despois de traballar co libro Rosalía pequeniña nas aulas.

Máis fotos, aquí.

Santiago: presentación do libro colectivo Alén do silencio

O sábado 8 de marzo, ás 20:00 horas, no Pub Modus Vivendi (Praza de Feixoo, 1) de Santiago de Compostela, preséntase o libro colectivo Alén do silencio. No acto participan, entre outras/os, Iolanda Aldrei, Miguel Alonso, Alexandre Brea, Silvia Castiñeiras, Jorge Cimadevila, Natalia Concheiro, Asun Estévez, José Estévez, Luz Fandiño, Irene Fernández, Ursia Gago, Catarina Laxe, Iria López, Yoli López, Toño Núñez, Uxía Otero, Marta Pedrosa, Lorena Rei, José Antonio Rodríguez Vivián e Eva Xanín. Haberá actuacións musicais a cargo de Karla, Katuxa, Roy, Miguel Alonso e Isabel Rei.