Coñécense os gañadores dos Premios da Crítica Galicia 2011

No Hotel Os Escudos de Vigo deuse a coñecer no serán do sábado 22 de outubro o ditame da trixésimo cuarta edición dos Premios da Crítica Galicia na súas modalidades de Creación Literaria, Investigación, Música, Iniciativas Culturais, Artes Plásticas e Visuais e Artes Escénicas e Audiovisuais. Baixo o lema Eis o canto eterno dunha terra, recollido dun verso de Lois Pereiro, xuntáronse catrocentas persoas representativas dos diversos ámbitos da política, da sociedade e da actividade cultural do país, entre as que se atopaban Abel Caballero, alcalde de Vigo; Roberto Varela, conselleiro de Cultura e Turismo; Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega; Xosé Luís Méndez Ferrín, presidente da Real Academia Galega; Anxo Lorenzo Suárez, secretario xeral de Política Lingüística; Francisco López Rodríguez, director xeral do Libro, Arquivo e Bibliotecas; Lucía Molares, delegada da Xunta en Vigo; Xosé Manuel Figueroa, vicepresidente da Deputación de Pontevedra; Delfín Fernández, subdelegado do Goberno en Pontevedra; Pachi Vázquez, secretario xeral do PSdeG-PSOE; Carmela Silva, concelleira de Urbanismo do concello de Vigo; Santiago Domínguez Olveira, voceiro do BNG no concello de Vigo; Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da AELG; Luís González Tosar, presidente do PEN Club e Francisco Castro, presidente de GALIX, entre outros. Bieito Ledo, presidente da Fundación Premios da Crítica Galicia, abriu o acto, conducido por Comba Campoy, saudando aos asistentes e lembrando que ao longo de máis de tres décadas os Premios da Crítica Galicia baseáronse no galeguismo integrador, “que nós os da Fundación recentemente anovada, renovada e ampliada concibimos como FORTITER IN RE SUABITER IN MODO, man forte con luva de seda, sen confundir a luva coa  man, que seguiremos ofrecendo por Galicia, sempre”.

Estremas, de Ana Romaní, Premio de Creación Literaria. O xurado da modalidade de Creación Literaria, formado por Suso de Toro, Manuel Forcadela, Isabel Soto López, María Xesús Nogueira, Carme Fernández Pérez-Sanjulián, Eulalia Agrelo Costas e María López Sández, que actuou como secretaría, acordou outorgar o premio a Estremas, o poemario de Ana Romaní, publicado pola editorial Galaxia. Así mesmo, fai constar unha mención como finalistas a O pintor do sombreiro de malvas, de Marcos Calveiro e Periferia de Iolanda Zúñiga.

Jorge Mira, Premio de Investigación. O xurado da modalidade de Investigación, formado por María Xosé Agra Romero, Senén Barro Amenedo Miguel Barros Puente, Domingo Docampo Amoedo, Uxío Labarta Fernández, Isabel Mociño e Blanca-Ana Roig Rechou, que actuou como secretaria, acordou outorgar por maioría a Jorge Mira por liderar un traballo titulado A importancia da similitude interlingüística e o bilingüismo equilibrado cando dúas linguas compiten, realizado cos seus colegas Luís Seoane e Juan Nieto, publicado en inglés nunha das revistas máis prestixiosas, e seleccionado polo ArXiv Physics Blog que acolle diariamente a mellor idea de entre todos os traballos publicados no Physics Arxiv un dos principais colectores de artigos científicos do mundo.

Son de Seu, Premio de Música. O xurado da modalidade de Música, formado por Joám Trilho, Victor Carou, Ramón Castromil, Uxía Senlle, Xurxo Souto Eiroa, Berta Fresco e Antón Pulido, que actuou como secretario, acordou por unanimidade outorgar o premio á orquestra folk Son de Seu, como un proxecto pioneiro e singular que a partir da música tradicional e popular galega creou un novo modelo de interpretación en formato orquestral que xa se converteu nun referente inspirador noutros países europeos.

Proxecto Terra, Premio de Iniciativas Culturais. O xurado da modalidade de Iniciativas Culturais, formado por Natalia Balseiro, Chelo Loureiro Vilarello, Manuel Gago, Manuel P. Rúa, Alfonso Blanco Torrado, Daniel Salgado e Marcos Lorenzo, que actuou como secretario, outorgar o premio ao Proxecto Terra iniciativa impulsada polo Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, apoiada pola Xunta de Galicia, polo seu labor exemplar na formación das xeracións máis novas de galegos e galegas en aspectos tan sensibles para o noso país como a cultura territorial, urbanística e arquitectónica, e polo impulso dunha reflexión crítica sobre o estado dos nosos recursos patrimoniais e paisaxísticos.

Ángela de la Cruz, Premio de Artes Plásticas e Visuais. O xurado da modalidade de Artes Plásticas e Visuais, formado por Enrique Acuña, Antón Castro, Mercedes Rozas, Manuel Vilariño, Alfonso Penela, Jaime Asensi e Antón Sobral, que actuou como secretario, acordou outorgar o premio a Ángela de la Cruz pola súa actitude renovadora e de risco na súa linguaxe deconstrutiva coa que rompe os límites, tal como puxo de manifesto cos seus traballos e propostas de 2010.

Citizen, de Chévere, Premio de Artes Escénicas e Audiovisuais. O xurado da modalidade de Artes Escénicas e Audiovisuais, formado Manolo González, Euloxio Ruibal, Nerea de Valenzuela, Cristina Domínguez Dapena, Camilo Franco, Miguel Castelo e Comba Campoy García, que actuou como secretaria, outorgar o premio por maioría outorgar o premio ao espectáculo Citizen da compañía de Teatro Chévere pola orixinalidade da súa linguaxe dramatúrxica e da posta en escena, xurdidas dun proceso creativo pouco convencional que emprega como materia prima a historia de Galicia das útimas décadas. O resultado é un espectáculo potente que acada unha forte conexión co público ratificada ao longo das súas numerosas representacións na recentemente desaparecida Sala Nasa. O xurado quere tamén chamar a atencíón sobre a dificutade de escoller entre obras de dúas linguaxes moi distintas como son a escénica e a audiovisual que teñen ademais mecanismos de produción, creación e distribución completamente diferentes. Esta dificultade foi aínda maior nun ano especialmente vizoso no número e calidade de producións.

Vigo, 22 de outubro de 2011

Reseñado nos seguintes medios: Cultura Galega, AGE, Fervenzas Literarias, La Voz de Galicia, La Opinión, Atlántico Diario, Galicia Hoxe, El Correo Gallego, El País, ABC, Certo, Galicia Confidencial e Que pasa na Costa, Galaxia, Baía Edicións, e nos blogs Brétemas (Manuel Bragado) e Ferradura en tránsito (Xosé Manuel Eyré).

Múnic: actuación de Tender a man, espectáculo multiartístico con Yolanda Castaño

O martes 25 de outubro, ás 20:30 horas, no Club Ampère de Múnic, dentro da programación das Xornadas de literatura galega organizadas polo Instituto Cervantes desa cidade, Yolanda Castaño fusionará os seus versos cos músicos Isaac Garabatos e Jesús Andrés Tejada, a cantante Mónica de Nut e a danza de Branca Novoneyra no espectáculo Tender a man.

A Coruña: presentación de Sentimentalismo. Antoloxía de referencia. Etapa de fundación

O xoves 20 de outubro, ás 20:00 horas, na Sala de prensa da Fundación Novacaixagalicia (Cantón Grande, 21-24), preséntase o libro Sentimentalismo. Antoloxía de referencia. Etapa de fundación, publicado pola editorial Bubela, baixo a coordinación de Manuel Celso Matalobos e Olga Patiño Nogueira. Ademais dos coordinadores da publicación, intervirá Mariña Pérez Rei e proxectarase unha videocreación poética de catro minutos de duración, obra de de Cristina Ferreiro Real. O acompañamento musical corre a cargo de Brais Morán (guitarra).

Santiago: recital poético Picaversos, con Olga Novo, Martin Wu e Lupe Gómez

O martes 18 de outubro, a partir das 21:00 horas, no Modus Vivendi (Praza de Feixoo) de Santiago de Compostela, e baixo o lema Ferid@s, chega a segunda sesión do ciclo de lecturas poéticas Picaversos. Os tres lectores convidados a continuar este ciclo de lecturas son Eva Veiga, Estevo Creus e Mónica de Nut, que ofrecerán ao público con textos propios e alleos baixo ese paraugas temático, intercalados con música. A entrada custa 2 euros.

A Coruña: presentación de Gratas e boas novas, de Celso Fernández Sanmartín

O venres 14 de outubro, ás 20:00 horas, na A. C. Alexandre Bóveda (Rúa Olmos, 16-18, 1º) da Coruña, preséntase o libro Gratas e boas novas, de Celso Fernández Sanmartín. No acto, acompañando ao autor, participan Dores Tembrás e Eva Veiga, e os músicos Benxamín Otero (oboe) e Carlos Quintá (acordeón diatónico).

A Coruña: presentación do libro-disco Haberá primavera, de César Morán, no programa de radio Recendo

O martes 11 de outubro, entre as 19:00 e as 20:00 horas, dentro do programa de radio Recendo, que a A. C. Alexandre Bóveda organiza dentro da emisora CUAC FM, César Morán presentará o seu libro-disco Haberá primavera, en homenaxe a Álvaro Cunqueiro, publicado en Galaxia en breve. Esta emisora pode escoitarse na comarca da Coruña no 103.4 FM.

Lugo: Letra das Festas. Historias do San Froilán

O mércores 12 de outubro, ás 19:15 horas, na Praza do Campo Castelo de Lugo, coa colaboración da Concellaría de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo e a coordinación e presentación de Antonio Reigosa, vogal de Literatura de Tradición Oral, a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega organiza esta revista de literatura oral ao vivo, coa intervención dos narradores/as orais Elba Requeijo, de Abadín, que recitará romances tradicionais, e Ángel Rivas Veiga, veciño de Orxas (A Pastoriza), para contar algúns contos populares. Dalgunhas historias e anécdotas do San Froilán faláronos o xornalista de Radio Lugo, Paco Nieto, e dos cartaces e programas de festas, o investigador Fernando Arribas. Da literatura, coa lectura de textos referidos ás festas, encárgase Isidro Novo. E na parte musical actuarán Daniel Pando, xove tocador de trompa da Fonsagrada, e Leo i Arremecághona, proxecto musical de Leonardo Fernández Campos, artista polifacético, filólogo, poeta e cantautor punk.

Santiago: recital poético Picaversos, con Olga Novo, Martin Wu e Lupe Gómez

O martes 4 de outubro, a partir das 21:00 horas, no Modus Vivendi (Praza de Feixoo) de Santiago de Compostela, e baixo o lema Incorruptibles, dará comezo o ciclo de lecturas poéticas Picaversos. Os tres lectores convidados a abrir este ciclo de lecturas son Olga Novo, Martin Wu (The Homens) e Lupe Gómez, que agasallarán ao público con textos propios e alleos baixo ese paraugas temático, intercalados con música. O dicionario di que incorruptible é algo que non se pode corromper, isto é, que non se bota a perder nin apodrece, e tamén que non pode ser subornado nin corrompido. A entrada custa 2 euros.

Vídeo do recital Sulxeitos música, que clausurou o VI Encontro de Escritoras/es Novas/os

Vídeo do recital Sulxeitos música, coa actuación de Andrea Nunes Brións, Berta Dávila e María Rosendo, que clausurou o VI Encontro de Escritoras/es Novas/os. Da tinta á pegada dixital, celebrado na Coruña o pasado 17 de setembro:

Lugo: presentación da revista oral O pazo das musas

O xoves 29 de setembro, a partir das 20:00 horas, no refectorio do Museo Provincial de Lugo (Praza da Soidade, s/n.), presentación do número 27 da revista oral O pazo das musas, revista oral de periodicidade trimestral, editada polo Museo Provincial de Lugo (Rede Museística da Deputación de Lugo). O sumario é o seguinte:

– Portada musical: Cada vez que considero (trad., arranxo de Fernando G. Jácome), por Tundal (3 minutos).
Memoria das mulleres invisibles de 1936: Maruxa Mallo no mar do exilio, por Carme Vidal (10 minutos).
– Música: Vals dos Ribas de Miño (trad.), por Tundal (3 minutos).
A obra de Maruxa Mallo no Museo Provincial de Lugo: por María Quiroga Figueroa (10 minutos).
– Música: Por ir de noite/ Vals de Brea (trad., arranxo de Xan Fuertes), por Tundal (3 minutos).
– Poesía: Lenzos de emocións, por María Xosé Lamas (5 minutos).
– Música: Romance (trad.), por Tundal (3 minutos).
Memoria das mulleres invisibles de 1936: O desgarro da represión: Mercedes Núñez e Syra Alonso, por Carme Vidal (10 minutos).
– Música: Pasei pola túa porta (trad.), por Tundal (3 minutos).
– Exposición virtual: De unha obra abandonada, por María José Santiso (10 minutos).
– Música: Pandeirada de Viveiro (trad.), por Tundal (3 minutos).
Memoria das mulleres invisibles de 1936:Modernas e de vangarda: Mª Luz Morales, Amparo Alvajar e María Casares, por Carme Vidal (10 minutos).
– Poesía: Chaira, por María Xosé Lamas (5 minutos).
– Opinión: Intervención do público. Entrega de diplomas aos amigos/as da revista (5 minutos).
– Epílogo: por Aurelia Balseiro, directora do Museo Provincial de Lugo (3 minutos).
– Contraportada musical: Maneo de Fontela (trad.), por Tundal (3 minutos).