“900 páxinas para contar medio século”

Desde o Diario Cultural da Radio Galega:
“O escritor Xabier López publica na editorial Galaxia a novela 900, gañadora do premio Torrente Ballester.
Os cambios sociais da primeira metade do século XX, contados a través das vidas de tres mozos nados no ano 1900.
Parodia e múltiples referencias literarias, nunha novela que se despraza entre unha casa fidalga en decadencia, o Santiago estudantil ou os campos de batalla da primeira guerra mundial, entre outros escenarios.
A entrevista pode escoitarse aquí.”

Compostela: obradoiro “Astronautas dun planeta imaxinario” con Ledicia Costas

Desde a Cidade da Cultura:
“Este obradoiro está pensado para que a rapazada constrúa un planeta imaxinario dun xeito lúdico: describirán o espazo, nomearán lugares e habitantes, debuxarán o mapa e crearán unha historia.
Sempre coa idea do xogo como punto de partida e coa palabra como ferramenta fundamental, case sen decatarse, estarán aprendendo a construír espazos e a deseñar e caracterizar personaxes.
A actividade centrarase en crear desde cero ese planeta imaxinario, empregando diferentes técnicas que estimulen a súa creatividade mediante o traballo en equipo.”
Terá lugar o sábado 5 de outubro, ás 17:00 horas, na Sala I, Biblioteca e Arquivo de Galicia, da Cidade da Cultura. A inscrición é de balde, previa inscrición aquí, cunha duración de 90 minutos, dirixido a un público de entre 8 e 12 anos. O número total de prazas é de 30.”

A escritora Ledicia Costas estará na primeira sesión do club Sete Vidas da tempada para falar da súa novela Infamia

Desde Espazo Lectura:
“O 3 de outubro volve o club de lectura de narrativa Sete Vidas tras o descanso estival. Reunirémonos ás 20:00 na Casa da Lectura (Nogueira 8, Donas) para falar da novela Infamia, de Ledicia Costas (Editorial Xerais).
Infamia é un thriller psicolóxico protagonizado por Emma Cruz, unha profesora de Dereito Penal que se traslada a Merlo, un lugar marcado pola desparición de dúas nenas hai 25 anos. Contaremos coa presenza da autora.”

Obradoiro de creación literaria A vida: unha narrativa, con Henrique Dacosta

O Obradoiro de creación literaria A vida: unha narrativa, impartido por Henrique Dacosta, e cunha sesión maxistral a cargo de Eva Loureiro Vilarelhe é unha iniciativa da Escola de Escritoras-es da AELG, coa colaboración do Concello de San Sadurniño e o patrocinio da Deputación da Coruña e a Consellaría de Cultura e Turismo.

“Coa “pedra sol” e audacia, os viquingos alcanzaron terras descoñecidas. A narrativa é unha sorte de navegación a través dun mar de letras. Se o que queres é pór rumbo a ese territorio, enrólate connosco. Da realidade xurdirá a fantasía, coa imaxinación construiremos mundos modelados ao noso antollo, conseguiremos que os cegos vexan, veremos aos maos lles asomar o seu corazonciño, que nos entre o desacougo cando á protagonista lle espreita o perigo… Porque, o que non ten dúbida, é que a vida toda cabe no noso relato.”

Haberá 8 sesións de 2 horas e media cada unha, en horario de 11:00 a 13:30, que se celebrarán os sábados:
– 28 de setembro.
– 5, 19 e 26 de outubro.
– 2, 9, 16 e 23 de novembro.
Terá lugar nas aulas da Casa da Xuventude de San Sadurniño (Rúa Casal, 13 –como chegar-).

Hai 20 prazas, gratuítas, para maiores de 15 anos, que se adxudicarán por orde de solicitude.
A inscrición poderá facerse, até o 27 de setembro de 2019, no correo electrónico anagavinmerlan@gmail.com ou ben no teléfono 652814144.

O obradoiro enmárcase na Escola de Escritoras e Escritores da AELG, iniciativa que centra os seus esforzos en impartir, por concellos de todo o país, obradoiros con formatos e destinatarios diversos, nos que se abordan diferentes xéneros literarios e contidos. Trátase dunha iniciativa que, cos autores/as como guías, ten o obxectivo de transmitir a experiencia apaixonante do acto creador, tentando concienciar á sociedade do imprescindíbel que é a estimulación creativa na escrita e o seu papel complementario na formación do individuo. O proxecto aposta por ofrecer á mocidade un sistema lingüístico, literario e cultural propio no que asentar as súas raíces.