Entrevista de María Obelleiro a Ledicia Costas en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza (SG): Teu nome xa está á par de grandes da literatura galega como Agustín Fernández Paz, Xabier DoCampo, Fina Casalderrey e Paco Martín, tamén gañadores do Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil de España. Que representou para ti este premio?
– Ledicia Costas (LC): Foi un antes e un despois. Aquí hai unha materia pendente: escribimos estupendamente, hai grandísimas e grandísimos creadores, temos moito potencial e talento, pero non exportamos. É moi difícil saír de aquí, é moi difícil que unha autora ou autor saia da Galiza e saiban quen é. O Premio Nacional deume a oportunidade de acceder a un mercado no que doutro xeito probabelmente non estaría, coñecín outras autoras e autores, outros sistemas literarios… permitiume abrir camiños aos que, doutra maneira, tería tardado, no caso de chegar, moitos anos. Tiven esa sorte, que te posiciona, ademais desde o galego. Estiven o outro día en Avilés, no Festival Celsius, e a persoa que me presentou dixo “ademais es unha autora galega que reivindica, por encima de todo, o galego, e todo o mundo te coñece por ser a autora que escribe en galego, e podemos lerte”. E lenme en castelán, porque len as obras traducidas, pero saben perfectamente que está esa militancia. É algo moi gratificante, valoran moito ese esforzo, e aí si que estou levando sorpresas moi agradábeis.
– SG: Valórase ese feito máis fóra de Galiza que na Galiza?
– LC: Por suposto. Ás veces, aquí, pregúntanme: “¿Y por qué escribes en gallego?” e eu dígolles, “se vivise en Rusia, escribiría en ruso, e se escribise en Catalunya, en catalán. Eu estou na Galiza, en que vou escribir?” e entón din, “Ah! Pois si!” e fóra dano por sentado, vés de Galiza, e escribirás en galego.
– SG: Dalgún xeito, o Premio Nacional [estatal] serve tamén para poñer a literatura galega alén das fronteiras do país?
– LC: Si, eu sempre o digo, temos un sistema literario de calidade, en que as autoras e autores estamos á altura de calquera. Falla a lingua, a perda de falantes nas xeracións que veñen detrás. Iso falla, pero estrepitosamente. Falla o autoodio, eu creo que hai un rexeitamento moi potente cara ao noso, e non se entende que a lingua é o principal trazo de identidade dun pobo. Non hai conciencia de país. Estamos militando na resistencia e oxalá algún día non esteamos na resistencia. Sempre se refiren aos vascos e os cataláns, e a nós, ás veces, nin sequera nos mencionan como país, e iso é doloroso.”
Arquivo da categoría: Narrativa
Foz: actos destacados da Feira do Libro do sábado 19 e domingo 20
O domingo 20 de agosto finaliza a Feira do Libro de Foz (na Praza Conde do Fontao), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 17:30 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa:
Sábado 19
– 19:00 h. Concerto-espectáculo de Volta, revolta e reviravolta, das Maimiñas, publicado por Galaxia.
– 21:00 h. Presentación de Soños como xógaras, de Xaime Oroza e Otero Regal, publicado por Círculo Rojo.
Domingo 20
– 18:00 h. O mundo de Carliños, espectáculo musical de Luís Vallecillo baseado en Carlos Casares.
Foz: actos destacados da Feira do Libro do venres 18
O venres 18 de agosto continúa a Feira do Libro de Foz (na Praza Conde do Fontao), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 17:30 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa:
– 19:00 h. Presentación de Celebración de Mondoñedo, de Antonio Reigosa, publicado por Embora. No acto participan, xunto ao autor, Paco Piñeiro, Martín Fernández Vizoso e Miguel Toval.
– 20:00 h. Presentación de Badaladas de Anllóns, de Farruco Graña, editado por Embora.
– 21:00 h. Presentación do libro Os nomes do terror, publicado por Sermos Galiza, coordinado por Xosé Ramón Ermida Meilán. Participa Carlos Nuevo.
Os últimos índios, por Eli Ríos
Artigo de Eli Ríos na Plataforma de Crítica Literaria A Sega:
“2012. “Os empresarios galegos volven ser vítimas dun atentado terrorista. A fábrica de Mobles Silva, propiedade do coñecido empresario compostelán Amador Silva, foi atacada de madrugada con dous cócteles molotov” (p. 9). Así comeza Os últimos índios de P. Janeiro, cunha información de axencias na que se dá conta do final da novela. E non pensedes que fago spoiler, non. É a propia autora quen o fai. Cunha estrutura circular perfecta o libro empeza no punto exacto no que comezou… ou non… Realmente o principio e o final son pechados? É relevante o incendio da fábrica de mobles ou quizais estamos perdendo nos titulares a miga da cuestión? Pois si! P. Janeiro debulla, nesta nota de axencias, toda a información que poderíamos encontrar en calquera xornal, no noso día a día, e que asumimos como verdades universais. Temos o feito cualificado como un atentado terrorista, as iniciais do presunto pirómano, a intervención da policía, o apoio dos partidos políticos ao empresariado galego ou a investigación da relación do autor con grupos anarquistas ou independentistas. E a autora obríganos a repensar o que lemos, a nova. Retrocede aos días anteriores na vida do presunto pirómano para preguntar(-nos) os porqués. Por que alguén toma a decisión de incendiar unha empresa? Son certas as etiquetas que lle axuntan no diario? Por que o alcalde e os políticos o cualifican de atentado terrorista? Por que falan de ataques nos centros de crecemento económico do país? Por que alguén querería atacar postos de emprego? Por que só deteñen a unha persoa? Todas estas preguntas quedan pendentes nesa primeira nota de axencias e iranse desvendando mentres lemos o cotián do protagonista, Pedro. Ou non… porque o primeiro capítulo quen nos conta a súa vida é Maxina, a filla de Manolo, o ex-compañeiro de traballo de Pedro. Entón a que vén toda esta lea do si ou do non? Pois a que a autora xa nos avisa desde as primeiras páxinas que debemos prestar atención porque nos quere dentro dunha lectura activa. Vainos presentar a imaxe xeral dun quebracabezas que hai que petelar unha a unha e, como tal quebracabezas, unha peza non vai funcionar sen o elo coa anterior. E todas, ata a máis diminuta, teñen a súa importancia. E, aquí, neste punto, é onde se encontra o grande logro desta novela. (…)”
Memorajoj de kampara knabo: Memorias dun neno labrego, tamén en esperanto
Artigo de Miguel Pardo en Praza:
“Memorajoj de kampara knabo. Memorias dun neno labrego. A obra máis lida da literatura galega xa ten a súa versión en esperanto. O filólogo vigués Suso Moinhos vén de publicala no pasado mes de xullo da man da editorial Mondial, con sede en Nova York e a máis importante desta lingua universal e internacional.
O profesor, poeta e falante de esperanto desde os 16 anos cumpre así coa promesa que el mesmo lle fixera a Xosé Neira Vilas, falecido hai case dous anos. Agora, a obra dedicada “a todos os nenos que falan galego” e con máis de trinta edicións na nosa lingua contará cunha versión máis e neste idioma internacional para engadir á morea de falas nas que foi publicada, desde o español, portugués, alemán, catalán, éuscaro, asturiano ou inglés.
Desde hai anos, Moinhos é redactor da revista en esperanto Beletra Almanako, onde propuxoe publicar algo de literatura galega. Decidiu comezar co capítulo sobre Pachín, o can de Balbino. “Púxenme en contacto con Neira Vilas e accedeu encantado, tanto que me dixo se podería traducir o resto do libro. E así comezou a cousa”, conta o autor a Praza.gal. Estudou os mellores tradutores nesa lingua e comezou cun longo traballo durante o cal -case ao final- faleceu o autor de Memorias dun neno labrego. Antes, o profesor vigués prometéralle que acabaría a tradución. “Díxenlle que confiara en min, que así o faría e creo que creu nas miñas palabras”, insiste.
A de Neira Vilas é a segunda obra da literatura galega que é publicada en esperanto logo de que o fose Retrincos (Viveroj), de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao. Nesta publicación, prologada pola profesora da Universidade de Vigo Iolanda Galanes, inclúense fotografías cedidas pola Fundación do autor de Vila de Cruces ou os debuxos orixinais de Isacc Díaz Pardo. (…)”
Vídeo da presentación de Bibliópatas e fobólogos, de Emma Pedreira, na Coruña
Viveiro: actividades destacadas do sábado 12 e domingo 13 na Feira do Libro
O sábado 12 comeza a Feira do Libro de Viveiro (nos Xardíns de Noriega Varela, de 12:00 a 14:30 horas e de 18:00 a 22:00 h.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, cos seguintes actos literarios destacados para eses días (o sábado 12 só en horario de tarde):
Sábado 12
– 19:30 h. Pregón a cargo de Vanesa Santiago.
Domingo 13
– 12:30 h. Cantigas e historias musicadas, con Servando Barreiro.
– 19:00 h. Isidro Novo asina exemplares de O tabú na traslenda, publicado por Urco, na caseta da Libraría Gato Neghro.
– 20:00 h. Presentación de O xogo de Babel, de Elena Gallego Abad, publicado por Xerais. No acto estará acompañada por Miguel Sande.
Boiro: presentación de Os donos das cinsas, de Beni Yáñez
Feira do Libro da Coruña: actividades literarias destacadas do mércores 9
O mércores 9 de agosto continúa a Feira do Libro da Coruña (nos Xardíns de Méndez Núñez, s/n.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa para este día:
– 19:00 h. Presentación de Cántigas de Alén, de José Ángel Valente, en recompilación de Claudio Rodríguez Fer, publicado por Ouvirmos.
– 19:45 h. Presentación de Eugenia Osterberger: A compositora galega da Belle Époque (1852-1932), de Beatriz López-Suevos, Susana de Lorenzo e Rosario Martínez Martínez, publicado por Ouvirmos.
– 20:00 h. Sinatura de Nacho Taibo na caseta da librería Lume.
– 20:00 h. Contacontos de Pedro Brandariz: Os contos de Toribio, no Palco da música.
Feira do Libro da Coruña: actividades literarias destacadas do martes 8
O luns 7 de agosto continúa a Feira do Libro da Coruña (nos Xardíns de Méndez Núñez, s/n.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa para este día:
– 12:00 h. Contacontos e presentación de Gombó e o medo á escuridade, de Ánxela Gracián, con ilustracións de Christian Villamide, publicado por Fervenza.
– 13:00 h. Presentación de Camiños na sombra, de Xián Lois Alcayde Dans, publicado por Fervenza.
– 19:45 h. Presentación da novela Expedición Tilovonte, de Carlos López, publicada por Galaxia. Participa, xunto ao autor, Francisco Castro.
– 20:00 h. Menú de contos, con Charo Pita. No Palco da música.
– 20:30 h. Presentación de Vento nas velas, de Xurxo Lobato. Participan no acto, xunto ao autor, Felipe Senén e Xosé Antón Fraga.
– 21:15 h. Luzes contra a extinción do xornalismo. Homenaxe aos periodistas democráticos. De Víctor Casas a Luís Pita. Preséntanse Episodios galegos, de Manuel Rivas, e Diario dun repunante, de Xosé Manuel Pereiro.