Entrevista
de Montse Dopico a Rosa Aneiros en Praza:
“Leo é unha moza que decide iniciar, soa, unha viaxe. Ao seu xeito, é unha rebelde que busca o seu propio camiño en contra da vontade dos demais. Aínda que, no seu periplo, vai aprender máis de si mesma que dos lugares que visita. Así é a protagonista da nova novela de Rosa Aneiros, Ámote Leo A (Xerais). Unha muller na procura da liberdade. Como tantas outras das personaxes da autora, coa que falamos nesta entrevista.
– Praza (P): Tiñas desde o principio a idea de facer unha triloxía?
– Rosa Aneiros (RA): Non. Comecei a escribir e, ao ir desenvolvendo a historia, vin que non tiña traza de acabar nun só libro. Nun principio pensei que ía precisar dous libros e ao final acabaron sendo tres. Hai xente que planifica moito a estrutura das novelas. Eu fágoo só mentalmente e, neste caso, a idea inicial sobre a extensión fóiseme das mans. Cabía a posibilidade de renunciar a partes, pero eu sempre prefiro seguir o ritmo da propia historia e despois, se é necesario, recortar. Evidentemente, é máis arriscado, tanto para min como para a editorial, presentar unha novela en tres volumes. Cando rematei presenteille a novela a Xerais para que eles decidisen. E optaron por publicala así tamén podían recomendarme que resumise… Pensa que xogo coa vantaxe de non estar atada por condicionantes como os que teñen os autores de super ventas. Eu conservo a liberdade para escribir o que quero, guiada pola paixón da escrita e nada máis. E a editorial ten a liberdade de decidir se o publica ou non. (…)
– P: Falando de voltas atrás, o teu relato sobre a ditadura portuguesa en Resistencia ten partes que poderían lerse como de actualidade. Porque non só está a haber retrocesos en dereitos sociais. Tamén en liberdades públicas. É como volver aos 70, antes da morte de Franco. Compartes esa sensación?
– RA: É que estamos a volver aínda máis atrás dos anos 70. Hai unha ideoloxía profundamente reaccionaria que se mantivo e agora se manifesta con máis énfase. E son moitas cousas: as liberdades públicas, o dereito de manifestación, o dereito de folga… Din que é a xente a que exerce a violencia, pero non falan da violencia estrutural, da violencia que bota a xente da súa casa ou que impide que os fillos coman no comedor escolar. Nos 70 polo menos había unha conciencia de que había que loitar. Agora a sociedade parece rendida. Daquela había unha violencia e unha reacción, agora só queda a violencia estrutural, que é negada. A iso contribúe una terrible manipulación da linguaxe e da realidade.
– P: No teu traballo en centros, que percepción tes da actitude do alumnado cara ao galego? Se cadra é un tema que nin se formulan se o libro lles gusta.
– RA: É habitual que che pregunten por que escribes en galego. Pero tamén o é que che pregunten canto cobras por libro. Non ten tanta importancia. Si é verdade que, neste libro, a protagonista vai cambiando de país, e eu non vou especificando nada sobre a lingua de comunicación. Si hai unha reflexión dela no sentido de que ao falar galego, castelán e inglés pode ir a calquera parte. Pero os lectores e lectoras non preguntaron polo tema do galego, parece que o aceptan con naturalidade. E iso faime sentir optimista. (…)”
Arquivo da categoría: Narrativa
Pontevedra: actos literarios destacados do Culturgal 2013 para o domingo 1 de decembro
A
Feira das Industrias Culturais, Culturgal 2013, finaliza o domingo 1 de decembro no Pazo da Cultura de Pontevedra, con horarios de 11:00 a 20:00 h. Deixamos aquí o programa: Culturgal 2013, dentro dos que destacamos os seguintes actos literarios para este día:
Domingo, 1 de decembro
– 12:00 h. Presentación do libro A nosa botica, de Miguel Mosquera (Edicións do Cumio).
– 12:30 h. Conversa sobre Xosé María Díaz Castro. Alfonso Blanco, Armando Requeixo e Óscar Sánchez conversan coa xornalista Montse Dopico.
– 12:30 h. Presentación do proxecto cinematográfico A Esmorga, de Eduardo Blanco Amor, presentado polo seu director Ignacio Vilar.
– 13:30 h. Presentación do libro Apocalipse zombie, de Manel Loureiro (Urco Editora).
– 16:30 h. Presentación do libro Como ser reintegracionista sen que a familia saiba, de Eduardo Sanches Maragoto (Edicións do Cumio).
– 16:30 h. Presentación escénica e audiovisual de As carriolas do mencer, de Rafael Fernández Lorenzo e Ramón Trigo (Ir Indo).
– 17:00 h. Presentación de Divina de la muerte. Asasinato no centro comercial, de Jorge Emilio Bóveda (Enxebrebooks).
– 17:00 h. Presentación de Baixo a lona preta. Xornal de viaxe dun brigadista na Bahia do MST (Estaleiro Editora), co seu autor, Xosé García Rodríguez, e Estefanía Elexpuru Boullosa, do proxecto Xanela aberta ao sur.
– 17:00 h. Presentación e sesión de contacontos de Paula Carballeira, arredor dos seus títulos Chímpate Pepa!, Paolo e o misterio da Cerdeira e Os lunares de Lola.
– 17:30 h. Acto festivo de entrega do Premio do Público Culturgal 2013.
– 18:00 h. Presentación e concerto Cartas que veñen e van, de Mamá Cabra (Galaxia), con Susa Herrera e Gloria Roel.
– 18:30 h. Showcase de Najla Shami co seu novo libro-disco Na lingua que eu falo (Galaxia).
– 19:00 h. Conversa con Anselmo López Carreira ao redor do libro Historia de Galicia (Xerais). Conduce a xornalista Montse Dopico.
– 19:00 h. Presentación de Tambo, de Laura García e Víctor A. Castro (Edicións do Cumio).
– 19:30 h. Presentación do libro Vento e chuvia, de Manuel Gago e Manuel Cráneo (Xerais). Conduce a xornalista Montse Dopico.
Pontevedra: actos literarios destacados do Culturgal 2013 para o sábado 30 de novembro (ás 18:00 horas, presenza da AELG)
A
Feira das Industrias Culturais, Culturgal 2013, prosegue este sábado 30 de novembro no Pazo da Cultura de Pontevedra, con horarios de 11:00 a 21:00 h. Deixamos aquí o programa: Culturgal 2013, dentro dos que destacamos os seguintes actos literarios para este segundo día:
Sábado, 30 de novembro
– 13:00 h. Presentación do libro-disco CoraSons (Kalandraka). Ás 20:00 h. terá lugar unha presentación ao vivo con varios dos seus autores.
– 13:30 h. Presentación do libro Contos no nicho (Urco Editora). Contará coa presenza de varios dos autores deste libro de relatos de terror.
– 16:30 h. Presentación do libro colectivo O Crânio de Castelao, de varios autores, e do poemario de Teresa Moure Eu violei o lobo feroz (Através Editora).
– 17:30 h. Presentación de O raposo e a mestra, de Manuel Rivas. No acto, o autor estará acmpañado por Cé Orquestra Pantasma.
– 17:45 h. Presentación de Novas de poesía. 17 poetas (Fundación Uxío Novoneyra).
– 18:00 h. Ferramentas on line para profesionais. Presentación do Portal das Palabras e da potencialidade informativa e didáctica da web da AELG. Dirixido a docentes, xornalistas e público interesado, no Salón de Actos do Pazo da Cultura. Por parte da AELG interveñen Cesáreo Sánchez e Mercedes Queixas.
– 18:15 h. Presentación da revista mensual Luzes, coa participación dalgúns dos seus promotores e colaboradores: Manuel Rivas, Xosé Manuel Pereiro, Iago Martínez, Belén Regueira, María Yáñez e Tati Mancebo.
– 19:00 h. Conversa con Berta Dávila, ao redor de O derradeiro libro de Emma Olsen, Premio Repsol Narrativa breve (Editorial Galaxia). Conduce a presentación a xornalista Teresa Cuíñas.
– 19:30 h. Conversa con Antón Riveiro Coello ao redor do libro Acordes naúfragos (Editorial Galaxia). Conduce a presentación a xornalista Teresa Cuíñas.
– 19:45 h. Concerto-presentación de O meu marabilloso sombreiro, de Suevia Sobral e Akiko Ishihara, publicado por Edicións do Cumio.
– 20:00 h. Conversa con Pedro Feijoo ao redor do libro A memoria da choiva (Xerais). Conduce a xornalista Teresa Cuíñas.
– 20:30 h. Conversa con Diego Ameixeiras ao redor do libro Matarte lentamente (Xerais). Conduce a xornalista Teresa Cuíñas.
Pontevedra: actos literarios destacados do Culturgal 2013 para o venres 29 de novembro
A
Feira das Industrias Culturais, Culturgal 2013, comeza este venres 29 de novembro no Pazo da Cultura de Pontevedra, con horarios de 11:00 a 21:00 h.. Deixamos aquí o programa: Culturgal 2013, dentro dos que destacamos os seguintes actos literarios para o seu primeiro día:
Venres, 29 de novembro
– 11:15 h. Rinocerontes e Quimeras, obradoiro de creación literaria con Marcos Calveiro, para rapazas e rapaces maiores de 11 anos, concertado con centros educativos.
– 12:15 h. Presentación de As crónicas de Landereina. Bágoa de lúa, de Sabela González, publicado en Galaxia, con centros de ensino.
– 13:15 h. Encontro co escritor Marcos Calveiro, ao redor do libro Todos somos (Xerais).
– 13:30 h. Encontro con Manuel Lourenzo González, ao redor do libro Flor de area, editado por Xerais.
– 16:30 h. Presentación do documental Uxío Novoneyra: poeta alén.
– 17:00 h. Presentación do poemario Medrar nas mans, de Asun Estévez (Ir Indo).
– 18:00 h. Revista Oink! A revista do Xabarín Club.
– 19:00 h. Conversa con Luís Rei Núñez ao redor do libro Días que non foron (Xerais). Conduce o acto o xornalista Camilo Franco.
– 19:30 h. Conversa con Rosa Aneiros ao redor do libro Ámote Leo A. Destino Xalundes (Xerais). Conduce o acto o xornalista Camilo Franco.
– 20:00 h. Conversa co escritor Francisco Castro ao redor do libro O corazón da Branca de Neve (Editorial Galaxia). Conduce o acto o xornalista Camilo Franco.
– 20:30 h. Conversa coa escritora Anxos Sumai ao redor do libro A lúa da colleita (Editorial Galaxia). Conduce o acto o xornalista Camilo Franco.
O Temple, Cambre: Máis alá de Stevenson, con Xabier P. DoCampo e Xosé Cobas
A Coruña: mesa redonda arredor do aniversario do Premio Torrente Ballester
Compostela: presentación de Os Transparentes, de Ondjaki
A
quinta feira 28 de novembro, ás 20:00 horas, na Livraria Ciranda (Rúa Travesa, 7) de Santiago de Compostela, o escritor angolano Ondjaki presentará a obra narrativa Os Transparentes, gañador da oitava edición do Premio José Saramago.
Lugo: presentación de O bosque é grande e profundo, de Manuel Darriba
O
mércores 27 de novembro, ás 20:00 horas, na Libraría Trama (Avenida da Coruña, 21), de Lugo, preséntase O bosque é grande e profundo, de Manuel Darriba, publicado en Xerais. No acto, xunto ao autor, participan Fran Alonso e Xabier Cordal.
Parlamento das Letras: Manuel Veiga
Entrevista
de Armando Requeixo a Manuel Veiga no seu blogue, Criticalia:
“(…) – Armando Requeixo: ¿Que cres que lle falta aínda ás nosas letras e que lle sobra definitivamente?
– Manuel Veiga (MV): A maiores do que todo o mundo xa sabe, creo que deberiamos aproveitar a crise para mellorar. A técnica facilitounos demasiado todo e hoxe temos unha crise de sobreprodución, tamén en canto a títulos literarios. Penso que as dificultades presentes representan unha boa oportunidade para que os autores traballemos máis e presentemos mellores textos. Vexo que a xente escribe moi rápido. Posto que non imos renunciar ao ordenador para volver á pluma de ave, aí vai un consello que me fago, en primeiro lugar, a min mesmo: profundemos máis e repasemos máis antes de ir correndo ao editor. (…)
– AR: ¿Cal é a túa valoración do noso presente literario?
– MV: Ía dicir que mediocre, pero cando leo os analistas literarios doutras épocas sempre comprobo que se refiren ao seu tempo como mediocre, aínda que sexan coetáneos de Flaubert, de Faulkner ou de Proust. Así que calo a boca para non caer nese defecto tan xeneralizado do presentismo. (…)”
Pedro Feijoo: “Adriano é un Hannibal Lecter do país”
Entrevista
de Ramón Nicolás a Pedro Feijoo no seu blogue, Caderno da crítica:
“(…) – Ramón Nicolás (RN): Como se concibiu esta novela [A memoria da choiva]?
– Pedro Feijoo (PF): O proceso foi longo, vén xa de moi atrás. Sempre sospeitei que en Rosalía había moito máis do que se contaba e supoño que comecei a darlle voltas hai ben de tempo. Sempre pensei que hai páxinas e páxinas sobre o Inferno de Dante e nós temos ese inferno aquí.
A raíz da publicación de Os fillos do mar brindóuseme a oportunidade de ter certa tranquilidade e paz para abordar este proxecto que se estendeu ao longo de algo máis de dous anos.
– RN: O proceso de documentación para a elaboración da novela sospéitoo longo e intenso…
– PF: Cousas deste tipo xa non é que non se poidan facer sen documentarse senón que hai que ser moi insistente con moita xente…. Alonso Montero ou Axeitos axudáronme moito a establecer contactos e obter información. Era complicado porque, ademais, sendo Rosalía quen é resulta incrible a pouca información que hai…, por exemplo: se quería rañar na árbore xenealóxica era como ter un crebracabezas coas pezas moi afastadas e o labor consistía en ir dun sitio a outro e facer preguntas incómodas… Todo este traballo previo, en xeral, púidome levar seis meses intensos de dedicación case exclusiva. (…)”

