Paula Carballeira: “Se a nosa cultura sobreviviu tantos séculos é porque se deu valor á memoria, ao que somos”

Entrevista de Laura Veiga a Paula Carballeira en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): Facer memoria é un xeito de recuperar a transmisión oral?
– Paula Carballeira (PC): Está relacionado sobre todo coa memoria dos lugares, é reconstruír a historia dun sitio a través da memoria da xente. Queremos facer ver que se a nosa cultura sobreviviu tantos séculos é porque se lle daba valor a memoria, ao que nós somos. Traballamos co colectivo Mazarelos, que nos elabora unha pequena documentación sobre o lugar escollido. Cando nos poñemos en contacto co Concello, diríxenos a asociacións que dinamizan o lugar e estas fannos de ponte con algunhas persoas que acceden a estar con nós. Así, temos un encontro e en función da documentación que temos voulles sacando pequenas historias ou lembranzas.
Facémolo en dúas parroquias. Son tres xornadas de encontros e na última facemos unha pequena experiencia escénica na que resumimos o noso paso polo sitio, as historias que nos contaron e tamén chamamos a xente para que o conte alí. Eu vou fiando con outras historias que xa sei ou que me lembran a outros lugares ou outras lendas. Por iso é peculiar, porque para nós require dun proceso moi diferente ao dunha montaxe teatral ao uso.
– ND: É unha forma de que o público tamén estea implicado.
– PC: Sobre todo despois do confinamento, sentimos a necesidade de mudar a nosa relación co público. Non é só chegar e ofrecer os espectáculos, que tamén está moi ben, senón estabelecer un contacto moito máis directo. É unha cuestión de darlle valor a cousas que se non se expresan, se perden. Quixemos probar este espectáculo experiencial coidando que teña un certo ritmo e tamén o que dicía, botando eu man de contidos, contos e lendas que xa traballei. A dificultade neste tipo de proxectos é que non podes prever moita cousa: ao mellor levas algo preparado da casa e resulta que non lles interesa falar diso e queren outra cousa totalmente distinta. Tamén hai que ter en conta que traballamos con persoas que non teñen unha noción escénica, actuamos moitas veces de moderadoras. (…)”

O Corgo: presentación do Refraneiro tradicional do Corgo

O Concello do Corgo, a través do Proxecto CORGORAL e grazas ao traballo participativo desenvolvido en colaboración co alumnado do CEIP Plurilingüe do Corgo e do CPI Ramón Piñeiro, presenta a publicación monográfica que recolle a edición especial do Refraneiro tradicional do Corgo. O acto público e totalmente gratuíto, terá lugar o sábado 17 de decembro, a partir das 18:30 na biblioteca do PALCO (Punto de Atención á Lectura do Corgo). Trátase da primeira recolla sistemática efectuada no concello, contendo máis de catrocentos refráns. Todas as persoas que asistan á presentación levarán de balde cadanseu exemplar. A xornada completarase con varias actividades máis, no ámbito do programa da XVI edición do Certame Literario Terras de Chamoso: apertura musical a cargo da A. C. A Legua Dereita, entrega de premios, recitado das poesías gañadoras e actuación do cuarteto vocal Son de Corda, seguido polas Cegas de Ouselle.

Polafía en Cee. Atrás da balea, o 26 de novembro

A Polafía de Cee. Atrás da balea é unha actividade organizada pola Sección de Literatura de Tradición Oral co apoio da Área de Cultura da Deputación da Coruña e o Centro Español de Dereitos Reprográficos (CEDRO), e a colaboración do Concello do Cee, que terá lugar no Auditorio Baldomero Cores da Casa da Cultura de Cee (Paseo Alcalde Pepe Sánchez, 9), o sábado 26 de novembro a partir das 18:00 h. A entrada é libre até completar capacidade.

Contará coas intervencións de: Xosé Iglesias, Manuel Caamaño Martínez, Manuel Trillo Fidalgo, Victorio Caamaño Vázquez e Jesús Manuel Blanco Costa.

Coordina: Lois Pérez (Coordinador da Sección de Literatura de Tradición Oral da AELG).

Gala dos Premios Mestra e Mestre da Memoria 2022, o 21 de outubro

A Gala dos Premios Mestra e Mestre da Memoria 2022 é unha actividade desenvolta pola Sección de Literatura de Tradición Oral da AELG, co apoio da Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo.
A Sección de Literatura de Tradición Oral da AELG, previa deliberación do Grupo de Traballo composto por Ana AcuñaFélix Castro Vicente, Carme Pernas Bermúdez, Calros SollaXurxo Souto, Xosé Manuel Varela, Lois Pérez e Antonio Reigosa, propuxo ao Consello Directivo da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega recoñecer como Mestras e Mestre da Memoria 2022 respectivamente a Malvela e Faustino Luís Seoane, polas súas achegas á mesma ao longo das súas vidas, contribuíndo así a manter viva unha parte fundamental da nosa memoria colectiva e o saber popular.
As distincións entregaranse no marco da VII Gala dos Premios Mestras e Mestres da Memoria a celebrar en Lugo, co apoio do Concello de Lugo, o 21 de outubro.
O acto terá lugar no Centro Cultural Vello Cárcere de Lugo (Praza da Constitución, s/n) a partir das 18:00 horas.

Mestras da Memoria 2022: Malvela

Autoría: Alba Díaz

Grupo de folk galego interxeracional, creado en Sanguiñeda (Mos). Está integrado por 13 cantadeiras (Matilde, Silvina, Fita, Clara, Carmiña, Señora Carmen (falecida), Lina, Maruxa, Dina, Aurita, Teresa, Merche e Adela), acompañadas por 6 músicos: Gustavo Domínguez (acordeón), Raquel Domínguez (gaita), Pablo Ces (bombo), Anxo Pardo (tamboril), Abilio Santos (cavaquiño) e Ana Senlle (dirección vocal).

Mestre da Memoria 2022: Faustino Luís Seoane

– O gaiteiro do Canizo – A Gudiña, Faustino Luis Seoane, ten actualmente 98 anos, e é memoria viva dos gaiteiros da súa xeración. Faustino foi gravado no ano 1956 polo musicólogo americano Alan Lomax, a proposta de Félix Castro.

FALADOIROS DA MEMORIA 2022
Cara a onde vas, Entroido?

O acto celébrase no marco da VII Gala dos Premios Mestras e Mestres da Memoria a celebrar en Lugo, co apoio do Concello de Lugo e a colaboración da Deputación de Lugo, o xoves 20 de outubro ás 19:00 h.
Salón de actos da Deputación de Lugo (Rúa San Marcos, 8).
Coa participación de:
– Inma Alonso Rodríguez
– Xosé Manuel Seixas
– Miguel Losada
– Branca Villares – Peche Musical
– Modera: Antonio Reigosa
– Presenta: Lois Pérez