Arquivo da categoría: Oralidade
As cantareiras e a poesía popular oral protagonizarán o Día das Letras Galegas 2025
Desde a Real Academia Galega:
“Foron creadoras e transmisoras de arte e beleza malia a vida difícil que lles tocou vivir. A través delas, Adolfina e Rosa Casás Rama (Cerceda), Eva Castiñeira (Muxía), e Prudencia e Asunción Garrido Ameijende e mais Manuela Lema Villar –as tres Pandeireteiras de Mens (Malpica de Bergantiños) falecidas hai máis dunha década–, a Real Academia Galega renderalles homenaxe no Día das Letras Galegas 2025 ás cantareiras e á poesía popular oral. Así o acordou a institución na sesión plenaria ordinaria celebrada este mediodía no pazo de María Pita, na que se referendou unha candidatura múltiple representativa “das moitas persoas, sobre todo mulleres, que por toda Galicia coidaron, arrequentaron e transmitiron” unha tradición centenaria que segue a deixar pegada nas novas xeracións. O vindeiro 17 de maio dialogará asemade coa modernidade de artistas que hoxe exploran novos vieiros para a literatura de base popular partindo da tradición recibida, sempre unida a outro tesouro patrimonial colectivo: a música.
“A lingua galega continuou viva e vizosa durante séculos, malia as prohibicións e a súa desaparición do espazo oficial, porque o pobo galego a custodiou. En particular as mulleres preservaron a lingua e crearon anonimamente unha poesía popular transmitida nas cantigas das avoas ás netas, das nais ás fillas, dunhas veciñas a outras”, salienta a proposta aprobada. Nela enlázase a celebración vindeira coa deste ano a través dun verso de Luísa Villalta que sintetiza ese herdo transmitido dunha xeración á outra: “As coplas aprendidas na saia da avoa”.
Cantareiras e pandeireteiras xorden no contexto das rogas, os traballos de axuda mutua entre a veciñanza da sociedade labrega, na que a conclusión desas tarefas se celebraba con música e baile. Pero cando a finais do século XIX os coros compilaron as músicas populares, a imaxe que se fixou como icona foi a do gaiteiro que, acompañado co tambor, exercía o seu oficio no espazo público, ignorando as achegas da cantareiras e pandeireteiras, relegadas á esfera privada. Por iso, aínda habendo un enorme número de mulleres que compuxeron e transmitiron cantigas populares, a maioría delas permaneceu no anonimato.
Nas últimas décadas do século XX, o traballo realizado pola musicóloga suíza Dorothé Schubarth (1944-2023) e o académico fonsagradino Antón Santamarina, autores da recolleita e edición nos anos 80 do século pasado da biblia do noso folclore, o Cancioneiro popular galego (Fundación Barrié), permitiu identificar informantes como Adolfina Casás Rama (1912-2009), Rosa Casás Rama (1913-2005), tía e sobriña naturais da Vila da Igrexa, lugar da parroquia de Cerceda. Tamén a principios dos 80 Milladoiro subía aos escenarios a Eva Castiñeira quen, canda a súa sobriña, foi a primeira pandeireteira en actuar cun grupo folk. Antes, dende os primeiros 70, actuarían en palcos folclóricos as Pandeireteiras de Mens. A historia destas cinco mulleres foi recuperada na presente década nun libro de Beatriz Busto Miramontes editado pola Central Folque, selo que editou tamén outro volume sobre Adolfina e Rosa Casás Rama escrito por Richi Casás.
Estas e moitas outras iniciativas de persoas que foron recollendo individualmente os cancioneiros populares por todo o país contribuíron a visibilizar a enorme riqueza dunha expresión artística colectiva deostada durante séculos e ameazada polo proceso de urbanización do país. Así e todo, fronte ao que aconteceu noutros territorios, o cancioneiro popular conseguiu chegar cheo de vida ao século XXI, e deixou unha fonda pegada na alta cultura, empezando polos Cantares gallegos de Rosalía de Castro. A RAG fai agora xustiza con este legado e as súas autoras dedicándolles a gran festa da cultura galega no que será o segundo 17 de maio colectivo, vinte e sete anos despois das Letras Galegas de 1998, centradas nos trobadores da ría de Vigo Johan de Cangas, Meendinho e Martin Codax. (…)”
A AELG lamenta fondamente a perda do seu Mestre da Memoria Aurelio Ramos Ogando
A AELG lamenta fondamente a perda do seu Mestre da Memoria Aurelio Ramos Ogando, veciño do lugar da Alén, na parroquia de Xirazga, no concello de Beariz (Ourense), magnífico contador.
Ben coñecido pola súa facilidade de palabra, o seu humor e a súa disposición, posúia distintos e notábeis talentos: tanto pode coller a gaita para animar unha festa como improvisar un discurso en verso ao xeito dos brindeiros.
Aurelio deu fe a través das súas narracións dos lugares onde os mouros deixaron as súas marcas e tesouros nos montes de Xirazga e arredores. Conservou a memoria intacta e contou de xeito sublime as historias e aventuras da xente da parroquia, dos que xa non están pero non se esquecen.
Foi galardoado pola AELG como Mestre da Memoria no ano 2021. Aquí pode lerse a laudatio de Aurelio Ramos Ogando, elaborada por Calros Solla.
Vexa aquí o fondo videográfico coas participacións de Aurelio na Sección de Literatura de Tradición Oral da AELG.
Vigo: sesión de narración oral e poesía, con Dani Blanco e Silvia Penas
Compostela: actividades do 16 de xuño na SELIC 2024 (na Quintana)
Compostela: Homenaxe a Dorothé Schubarth
San Bartolomeu, Meira, Moaña: XIX edición de Arte na Illa
O Grove: Feira do Libro 2024
Lugo: actividades do 13 de maio na Feira do Libro 2024
A AELG quere manifestar o seu máis profundo pesar polo pasamento de Luz Fandiño, Mestra da Memoria en 2018

A nosa lingua e a nosa cultura, por suposto tamén a través da nosa tradición oral, axúdannos a sermos máis libres e de seguro a sermos máis felices porque contribúen a refacer o noso pensamento. E Luz Fandiño foi quen, nun contexto moi adverso, de vencer as fronteiras do pensamento e acadar precisamente algo de luz, que compartiu con xenerosidade con todas e todos aqueles que a trataron e que usou guiada por un profundo sentimento de solidariedade e xustiza social.
O pensamento foi feito para rivalizar co soño nesta viaxe que todas nós facemos ao imposíbel. E de viaxes ao imposíbel e de cruzar fronteiras soubo moito Luz, nomeada Mestra da Memoria da AELG no 2018, que, entre outras cousas, soubo e puido vencer nesa eterna loita que as persoas libramos entre a condena ao escuro e o desexo da luz.
Luz Fandiño naceu no ano 1931 no barrio do Sar e medrou nunha pequena casa canda a súa nai, súa avoa e súa irmá. Padeceu unha educación fortemente marcada pola fanatismo relixioso e polo fascismo tristemente triunfal daqueles anos. Nos arquivos da web da AELG pódese encontrar a gravación que a Asociación realizou no seu domicilio en 2018 con motivo da distinción de Mestra da Memoria. Nela, Luz explica que a influencia de súa nai e de súa avoa foron determinantes para modelar o seu carácter e combater as miserias daquel tempo. O que con seguridade foi algo así como unha sororidade de supervivencia, ben antes de que usásemos a palabra: unha sorte de pacto tácito das mulleres da súa familia pra se apoiaren e saíren adiante; e que parece que quedou xa para sempre gravado no seu xeito de ser e de se conducir polo mundo adiante o resto da súa vida.
Luz emigrou con 21 anos á Arxentina incitada polas súas curmás, nunha terríbel viaxe chea de penurias e dificultades a bordo do Santa Fe. Alí bota doce anos en Buenos Aires, doce anos de intenso debate entre a supervivencia, o sufrimento e novas miserias. Pero tamén onde vai adquirir unha fonda conciencia de país a través do contacto co Centro Galego de Buenos Aires e cunha persoa en especial (refírese sempre ao señor Ares, un dos responsábeis da biblioteca e do Centro). Neses anos de penuria hai tamén outras faíscas de máis luz, coas emisións dominicais dunha hora integramente en galego de Radio Carve de Montevideo. Vai ser en Buenos Aires onde Luz Fandiño entra en contacto coa poesía galega, cando descobre a Biblioteca do Centro Galego, marcándoa profundamente a figura e a obra de Rosalía de Castro, ademais de moitas outras autoras e autores. Tamén agromará aí o gusto pola escrita na nosa lingua, hábito que xa a acompañará para o resto dos seus días.
No ano 1963 abandona Arxentina e viaxa a Francia, cunha pequena parada en Vigo. En París vai formar parte do entorno da Casa de Galicia e vai asistir de primeira man aos acontecementos do maio do 68, onde afonda na súa conciencia de clase, na súa condición de muller e se reafirma tamén nos valores do compromiso cos de abaixo e coa loita social. Nese tempo volve con frecuencia cada verán á súa terra para retornar definitivamente ao noso país no ano 1979.
Dende entón, Luz nunca deixou de escribir e de se mobilizar dando guerra e firme na loita, sen deixar de celebrar a nosa lingua e a nosa cultura en todo tipo de actos e foros ao ancho e longo de todo o país. Foi unha extraordinaria comunicadora, declamadora e recitadora, unha dicidora puntual, entre outras, ás súas citas cos solsticios de inverno celebrados anualmente na Eira da Xoana, pero tamén a moitos outros festivais ou eventos que, especialmente nos últimos anos, viñeron recoñecer a súa valía en todos os eidos, sendo celebrada tamén polas novas xeracións, quen identificaron nela unha proxección inequívoca da vontade popular de supervivencia do país e do seu anhelo de superación con plena conciencia de pertenza á clase obreira galega. Con Luz Fandiño marcha unha loitadora, non só pola lingua e pola nosa cultura, senón pola conquista dunha sociedade máis xusta e dun país algo mellor do que encontrou.
A luz do Sol leva miles de anos iluminando o camiño das persoas, pero tampouco é que nos axudase a avanzar gran cousa. É probábel que precisemos outro tipo de Luz, talvez precisemos a luz da lúa. Esa Luz azul que ilumina algunhas das nosas noites e que cae con respecto e delicadeza sobre as cousas e as persoas e nos pon en contacto co noso lado feminino, axudándonos a mudar o noso xeito de mirar.
Dixo a poeta que non precisamos o renacer do Sol. Precisamos o renacer dos nosos corpos, o renacer da nosa terra, o renacer da nosa lingua… E se tal cousa acontecese algún día, será grazas ao esforzo e sacrificio de moita xente anónima, pero, sen dúbida será tamén grazas a persoas como Luz Fandiño.
Lois Pérez, responsábel da Sección de Literatura de Tradición Oral, en representación do Consello Directivo da AELG, abril dos caraveis de 2024″










