A Coruña: recital de Xosé Luís Méndez Ferrín e Raúl Zurita no Ciclo Poetas Di(n)versos

A segunda feira 20 de novembro, ás 20:30 horas, no Auditorio do Centro Ágora (Rúa Ágora, s/n) da Coruña, terá lugar unha nova edición do Ciclo Poetas Di(n)versos, coordinado por Yolanda Castaño e promovido pola Concellaría de Culturas da Coruña, cun recital de obra propia nun man a man de Xosé Luís Méndez Ferrín e o poeta chileno Raúl Zurita. Máis información aquí: Folleto Poetas Di(n)versos novembro 2017.

A Coruña: Luísa Villalta e as chaves do tempo. Roteiro A cidade sobre o espello do mar e do vento, con María Casar

Luísa Villalta e as chaves do tempo é unha actividade organizada pola AELG e a Agrupación Cultural Alexandre Bóveda, coa colaboración de Monty4, Deputación da Coruña e Concello da Coruña.

As chaves do tempo quere ser un espazo de re-encontro multidisciplinar co verso, coa prosa, co diálogo atemporal, mais en presente continuo, coa poeta coruñesa Luísa Villalta. Porque queremos ler a Cidade Alta tatuada nos ollos da poeta que máis se representou nela.

SÁBADO 18 DE NOVEMBRO DE 2017
12:00 h.
A CIDADE SOBRE O ESPELLO DO MAR E DO VENTO, CON MARÍA CASAR
A inscrición previa, necesaria e gratuíta, farase en oficina@aelg.org ou no teléfono 981-133233, en horario de 09:00 a 14:30 horas, de luns a venres.

Un percorrido polos espazos da cidade da Coruña que Luisa Villalta poetizou nos libros En Concreto e Papagaio ofrécenos a fusión entre poesía e paisaxe que sinala o territorio como xerme da creación. A cidade do vento e do mar que se sabe sempre aí, medrando en ondas que mollan os ollos e lamben as xanelas, faise palabra e debúxase no vento en ceos poboados de nubes. A poeta re-constrúe a Cidade como lugar mítico, actualizando a súa inclusión no inventario dos TERRITORIOS literarios do noso país.
María Casar. Licenciada en Filoloxia Hispánica e en Humanidades. Presidenta da A.C. Ergueitos de Sarria e organizadora dende o ano 2000 do Premio de Poesía Fiz Vergara Vilariño. Coordinadora dos roteiros Fiz Vergara na Xabreira por Santalla de Lóuzara, Sons de Mulleres na cidade de Vigo para Mulheres Nacionalistas Galegas e a concellaría de Igualdade e o roteiro Luisa Villalta na Coruña.

Plano do roteiro:
1. Xardíns Méndez Núñez. Estatua Pardo Bazán.
2. Obelisco.
3. Porta de Ares.
4. Pazo Municipal.
5. Papagaio.
6. Asilo rúa Adelaida Muro. Campo de Marte.
7. Cemiterio de San Amaro.

Compostela: presentación de De baleas, de Eduardo Estévez

O venres 17 de novembro, ás 20:30 horas, en Chan da Pólvora (Rúa de San Pedro, 74), en Santiago de Compostela, preséntase De baleas, de Eduardo Estévez, publicado por Caldeirón. Trátase dun traballo composto por un libro de poemas + un cómic + un cd con música de baleas + unha balea de papel. O cómic está debuxado por Tokio, e no cd participan Macarena Montesinos, o dúo Tiberevi, Benxamín Otero, Estevo Creus, Daniel Quaranta, Ariel Ninas, Pablo Seoane e Gabriela Acosta, Mónica de Nut, Mig Seoane, Madamme Cell e Belén Bermejo, acompañada por Andrés Díaz.

Fene: recital poético Voces do Obradoiro de Poesía. A Grafía da Emoción

O vindeiro xoves 16 terá lugar a última das sesións Obradoiro de creación literaria “Poesía: a grafía da emoción”, que vén impartido por Pablo Bouza desde o 14 de setembro. Este é tamén o último dos obradoiros dos que Escola de Escritores da AELG programou para este ano, neste caso coa colaboración do Concellería de Cultura do Concello de Fene e da súa Biblioteca Pública Municipal Xosé María Pérez Parallé, e co patrocinio da Deputación da Coruña e a Consellaría de Cultura.