O venres 27 de marzo, ás 19:30 horas, na Libraría Gato Neghro (Rúa San Roque, 32) de Lugo, Isidro Novo recitará, baixo o lema O lume da palabra, un feixe de versos inéditos, presentado polo poeta Miguel Ángel Curiel.
Arquivo da categoría: Poesía
A Coruña: actividades destacadas do venres 27 de marzo en CoruñaMayúscula
O venres
27 de marzo, no Centro Ágora da Coruña, terán lugar estes actos destacados dentro do festival CoruñaMayúscula:
– 18:00-20:00 h. Aula 7. Obradoiro de poesía a cargo de Miguel Anxo Fernán-Vello.
– 19:00 h.. Encontro con Alfredo Conde. Ernesto Sánchez Pombo e Xan Arias.
– 20:30 h. Debate entre Diego Ameixeiras e Aníbal Malvar sobre a diferenza entre plaxio e homenaxe no xénero negro.
Compostela: presentación de oso, mamá, si?, de María Lado
O venres 27 de marzo, ás 20:00 horas, na Libraría Lila de Lilith (Rúa Travesa, 7) de Santiago de Compostela, preséntase o poemario oso, mamá, si?, de María Lado, publicado en Xerais.
Vigo: presentación de Mares de queijo, de Ramiro Vidal Alvarinho
Lugo: edición nº 38 da revista oral O Pazo das Musas
Vigo: presentación de oso, mamá, si?, de María Lado
A Coruña: actividades destacadas do xoves 26 de marzo en CoruñaMayúscula
O xoves
26 de marzo, no Centro Ágora da Coruña, terán lugar estes actos destacados dentro do festival CoruñaMayúscula:
– 18:00-20:00 h. Aula 7. Obradoiro de poesía a cargo de Miguel Anxo Fernán-Vello.
– 20:30 h. Encontro con Toni Hill, presentado por Armando Requeixo.
Entrevista a Fran Alonso no Diario Cultural
Desde o Diario Cultural da Radio Galega:
“Fran Alonso presenta Poétic@, un libro de poemas electrónico de acceso libre. A entrevista completa pode escoitarse aquí.”
A Coruña: palestra Unha visión de Eduardo Pondal, por Manuel Ferreiro
A cuarta feira 25 de marzo, ás 20:00 horas, en Portas Ártabras (Rúa Sinagoga, 22, baixo) da Coruña, terá lugar unha palestra de Manuel Ferreiro sobre Unha visión de Eduardo Pondal, dentro do ciclo Língua, Literatura e Naçom da A. C. O Facho.
Fran Alonso: “Poétic@ son pasos exploratorios do que vai vir na literatura”
Entrevista de Carme Vidal a Fran Alonso en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza (SG): Que mudanzas supón un proxecto como Poétic@ no proceso creativo da escrita?
– Fran Alonso (FA): Os cambios empezaron xa no papel, no proceso de escrita inicial. Pensei o poemario xa con estrutura de rede, con internet na cabeza. Nace desde esa intención e iso facilitou moitas cousas. Foi a primeira fase onde se crean todos os circuítos internos que fan remitir dunha cita a un poema, dun poema a outro… de forma fragmentaria. Tiven que asimilar o proceso online, das plataformas, botando man da tecnoloxía e dos expertos e entra aí unha nova dimensión que aporta novo valor, significados, recursos… outra forma de entender a relación co texto, que condiciona todo. Por exemplo, eu non tiña títulos en moitos poemas e tiven que poñelos porque cada páxina precisaba unha url distinta, é dicir, condicionaba o propio proceso creativo. Todo isto acontece na ciberescrita, que ten os seus condicionantes, mais témonos que afacer a traballar desta maneira.
– SG: Unha das cuestións que se presentan é cando se remata a obra. Na edición en libro era fácil, cando saía publicado. Poderíase estar modificando sen límite…
– FA: A xente di que é inabarcábel, que unha ligazón leva a outra, que comezas a xogar e desviarte e acabas navegando de forma caótica, deixándote absorber polo propio xogo. Iso mesmo sucedeume como creador. Iso comentáballo a Cris de Estudi1Llimona, de Palma de Mallorca, con quen traballei na elaboración do soporte. Tiñamos unha xuntanza semanal a través de skype e dicíalle que era terríbel, que arrastraba. Mesmo agora podería seguir engadindo algo. O libro poderíase manter vivo. (…)
– SG: Hiperlibro de poemas, instalación poética, poesía dixital, transmedia, electrónica… que definición acae mellor a Poétic@?
– FA: Atopar as palabras xustas é complexo neste ámbito tecnolóxico no que o corpus léxico medra a toda presa e incorpora novas palabras que temos que estar continuamente consultando. Non sabería dicilo ben mais está claro que é un hiperlibro porque non só está o que que fago, a través del podes descubrir outras persoas que son autoras, de poesía e doutros ámbitos.
– SG: O soporte permite, poño por caso, que o público lector se poda atopar non co texto senón mesmo co propio poeta recitando ao vivo os seus versos…
– FA: No libro aparezo en varios planos. Un deles é audio no que versiono algúns dos poemas, logo hai ligazóns a outros arquivos de audio que non son do propio libro e logo están os vídeos nos que aparezo. Son complementares á linguaxe poética que non é só textual senón tamén audiovisual e mesmo iconográfica xa que están incorporados os emoticonos. O libro fai unha reflexión ácida e corrosiva sobre a propia poesía e os seus mitos e non podería ser crítico se non o fose comigo mesmo. Ese é o outro plano no que aparezo, rindo de min mesmo.
– SG: Por vez primeira na entrevista aparece o contido da obra, non teme que o peso da arquitectura sobarde a condición literaria da obra?
– FA: Penseino. Polo seu carácter novidoso pode suceder que o texto fique solapado e agochado en función da forma. Pode suceder, quizais tamén polo seu carácter informal, por ese humor pouco habitual do texto, que nin sequera é normal para min. (…)”