Santiago: presentación de Presente continuo, kleinigkeiten/cousiñas e Moda galega reloaded, de María Reimóndez

O xoves 17 de outubro, ás 20:00 horas, na Libraría Lila de Lilith (Rúa Travesa, 7) de Santiago de Compostela, preséntanse os libros Presente continuo (Xerais), kleinigkeiten/cousiñas (Fabulatorio) e Moda galega reloaded (Positivas), de María Reimóndez. No acto, xunto á autora, participan Susana Arins, Fran Alonso, Cibrán Rico, Suso Vázquez e Paco Macías.

A Coruña: último espectáculo de A caricia da serpe

Desde La Opinión (a foto é de Aitor Saavedra):
“O mércores 16 de outubro, ás 20:30 horas, no Teatro Rosalía de Castro, terá lugar o último concerto de “A caricia da serpe”, o grupo formado por Lino Braxe, Miguel Ladrón de Guevara, Xosé Luís Saqués e Rómulo Sanjurjo. Lonxe de ser unha ruptura, o poeta destaca que “hai que pasar páxina e facer novos encontros de cabeza xuntos”, polo que non descarta volver cruzar camiños cos seus compañeiros. (…)
A fusión de poesía e música que marcaron os últimos quince anos das súas vidas deron para falar sobre “cousas que andaban por aí, que podería falar calquera”, nas que o poeta rememora temas de actualidade como a da Pateira. Un tempo sen egolatrías, xa que Braxe di ter o seu ego “gardado no frigorífico”, pero que serviron para poñer palabras en baleiros sen ocupar, convertendo “as letras en caricias e a música en serpes”. Xogos malabares coa lingua e a melodía que mañá marcarán o principio de algo máis.”

Taboleiro do libro galego (XV), por Ramón Nicolás

Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica:
“Velaquí, unha quincena máis, os libros máis vendidos en lingua galega segundo os datos obtidos das seguintes librarías galegas:  Trama, Casa do Libro de Vigo, Á lus do candil,  Andel, Couceiro, Pedreira, Aira das Letras, Torga, Paz, Sisargas, Libros para Soñar,  Livraria Suévia, Carricanta e Biblos Libraría.”

NARRATIVA
1º-. Bícame, Frank, de Miguel Anxo Fernández, Galaxia.
2º-. Cadeas, de Xabier López López, Edicións Xerais.
3º-. Os xornalistas utópicos, de Manuel Veiga, Edicións Xerais.
4º-. Dióxenes en Dolorida, de Ignacio Vidal, Edicións Xerais.
5º-. Todo se esfarela, de Chinua Achebe (tradución de Saleta Fernández), Rinoceronte.

POESÍA
-. Caderno do Nilo, de Cesáreo Sánchez Iglesias, Edicións Xerais.
2º-. Raíz da fenda, de Berta Dávila, Edicións Xerais
3º-. Eu violei o lobo feroz, de Teresa Moure, Através.
4º-. Os ángulos da brasa, de Manuel Álvarez Torneiro, Faktoría K de Libros.
5º-. Na lingua que eu falo, de Najla Shami e Rosalía de Castro, Editorial Galaxia e. Presente continuo, de María Reimóndez, Edicións Xerais.

ENSAIO-TEATRO
-. Historia da Literatura Galega. I, de Xosé Ramón Pena, Edicións Xerais.
2º-. Historia de Galicia,  Anselmo López CarreiraEdicións Xerais.
3º-. Pontevedra nos anos do medo, de Xosé Álvarez Castro, Edicións Xerais.
4º-. Leda m´and´eu. Erótica medieval galaica, de Olga Novo, Toxosoutos.
5º-. Outra idea de Galicia, de Miguel Anxo Murado, Debate.

INFANTIL-XUVENIL
-. Dragal III. A fraternidade do Dragón, de Elena Gallego, Edicións Xerais.
-. Ámote, Leo A., Rosa Aneiros, Edicións Xerais.
-. Os Megatoxos e os templarios da luz, de Anxo Fariña, Xerais.
-. Todos somos, de Marcos Calveiro, Edicións Xerais.

ÁLBUM ILUSTRADO
-. Pan de millo, de Migallas, Kalandraka.
2º-. Bicos de música, de Mamá Cabra, Editorial Galaxia.
3º-. Rosalía pequeniña, de Uxía Senlle, Editorial Galaxia.
4º-. A nena e o grilo nun barquiño, de Magín Blanco, Fol Música.
5º-. A nena á que non deixaban ser feliz, de Miguel Ángel Alonso e Luz Beloso, A Porta Verde e Rosa caramelo, de Adela Turín, Kalandraka.

BANDA DESEÑADA
1º-. Vida de nai, por Gemma Sesar e Ramón Marcos Ferreiro, El Patito Editorial.
2º-. Ardalén, de Miguelanxo Prado, El Patito Editorial.
3º-. Palestina / Goražde, zona segura, de Joe Sacco (tradución de Rafael Salgueiro), Rinoceronte.
4º-. Oink, varios autores, Agalip.

Santiago: recital poético Iogur/Sabor/Limón

O mércores 16 de outubro, ás 22:30 horas, no Pub Ultramarinos de Santiago de Compostela (Rúa Casas Reais, 34), terá lugar o recital pouco poético con algo de poesía Iogur/Sabor/Limón, coa participación de Gonzalo Hermo, Alicia Fernández, Ramiro Vidal, O Leo, Xesús Estalote, Brais Pedreira, Aurora Abelairas, Nuno García e Antón Blanco. A entrada custa 3 euros.

Compostela: coloquio, recital poético e música, con Cremildo Bahule e Narf

A cuarta feira 16 de outubro, ás 20:00 horas, na Livraria Ciranda (Rua da Travesa, 7) de Santiago de Compostela, o escritor mozambicano Cremildo Bahule manterá un coloquio sobre estética literaria (similaridades e contendas entre Literatura Mozambicana e da Galiza). Alén da palestra, recitará versos acompañado do músico galego Fran Pérez, Narf, que interpretará varios temas.

San Simón, Redondela: II Obradoiro Internacional de Tradución Poética Con barqueira e remador

O II Obradoiro Internacional de Tradución Poética Con Barqueira e Remador celebrarase do 14 ao 19 de outubro na illa de San Simón (Redondela). É un proxecto coordinado pola poeta e dinamizadora cultural Yolanda Castaño e impulsado pola Consellería de Cultura da Xunta de Galicia e o Concello de Redondela, xunto a outras entidades colaboradoras coma o Concello de Pontevedra, a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, a Facultade de Filoloxía e Tradución do CUVI –e os grupos de investigación BITRAGA e GAELT vinculados á mesma- entre outras.
Os participantes nesta segunda edición, que cumpren o esixente perfil de seren poetas moi recoñecidos nos seus sistemas literarios e á vez sobranceiros tradutores de poesía, chegarán dende os máis afastados recantos de Europa, África do Norte e EEUU. Gökçenur Ç (Turquía), Kätlin Kaldmaa (Estonia), Xuan Bello (Asturias), Samira Negrouche (Alxeria), Lawrence Schimel (Estados Unidos), Anna T. Szabó (Hungría) e Isaac Xubín (Galicia) desenvolverán un intensivo traballo presencial, colectivo e recíproco de tradución -a cadansúa lingua- dunha selección de textos poéticos propios acompañados de versións ponte en inglés, a que funcionará como lingua vehicular para todo o proxecto.

Mais, alén diso, un rico programa de actos paralelos servirá tamén para poñer en contacto aos públicos galegos da cultura con estas figuras literarias internacionais, á vez que os convidados coñecen máis de preto o tecido cultural galego sobre o propio terreo:
Mércores 16 outubro, 20:00 horas. Recital poético multilingüe Atendendo o meu amigo. Casa das Campás, Pontevedra. (En colaboración coa AELG e o Concello de Pontevedra).
Xoves 17 outubro, 19:30 horas. Mesa redonda Cercando as ondas. Tradución poética en mans de poetas. Casa Galega da Cultura (Praza da Princesa, s/n), Vigo. (En colaboración con BITRAGA, GAELT e a Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo).
Venres 18 outubro, 20:00 horas. Recital poético multilingüe Atendendo o meu amigo. Auditorio do Multiusos da Xunqueira (en colaboración co Concello e a Biblioteca Municipal de Redondela).

Todos estes actos -gratuítos e abertos para todo o público interesado- permitirán coñecer de primeira man o labor desenvolvido, tanto como gozar das obras literarias destes sete recoñecidos autores nas súas propias voces, a carón das traducións ao galego das que este ano se ocupa Isaac Xubín.Completarase así un traballo que os poetas participantes darán a coñecer unha vez de volta nas súas respectivas comunidades lingüísticas, nun proceso de intercambio cultural que coloca á escrita galega nunha proxección internacional practicada dende o seu terreo.
Os idiomas estoniano, francés, turco, inglés, asturiano, húngaro e galego serán os protagonistas desta segunda edición do Obradoiro Internacional de Tradución Poética Con Barqueira e Remador nunha iniciativa capaz de poñelos a todos ao mesmo nivel, facendo dunha illa pequena e periférica coma San Simón un verdadeiro centro de mutuo enriquecemento lingüístico e literario.

Pode descargarse máis información aquí: Folleto Con barqueira e remador 2013.

Vila Nova de Cerveira: recital de poesía galega e música