María Álvarez Landesa: “Tentamos reter a infancia como un espazo seguro ante unha persoa que vai marchando”

Entrevista de Pilar G. Rego a María Álvarez Landesa no Zig-zag da Televisión de Galicia:
“Lambiamos polo de limón. De limón, de limón. E rompían a cantar os grilos co frío que nos queimaba na lingua. Son versos de María Álvarez Landesa. Hoxe, Día da Poesía visítanos aquí no plató co seu último poemario: Os pozos elegantes das clavículas, editado por Alvarellos.
A música ou olor, un arrecendo a limón, a Nivea, a amorodos, a fentanilo, a crema de mans, ou olor dunha nai “que habita aínda na bata fucsia que adoitaba poñer”. Foi nese momento, con esa bata de súa nai, Carmen, nas mans, cando María Álvarez Landesa soubo que tiña que escribir este libro, afondando no proceso de perda dunha nai.
A entrevista pode verse aquí.”

A Coruña: presentación de Cantos de dor e liberdade en Portas Ártabras

Pilar García Rego: “Unha amiga díxome: ‘Nos teus libros falas de min’”

Entrevista de Samuel Pernas a Pilar García Rego en Faro de Vigo:
(…) – Faro de Vigo (FV): Desaparecer é un título moi suxestivo. A que fai referencia esta desaparición?
– Pilar García Rego (PGR): O libro fala da desaparición como un proceso de crise vital. Chega un momento no que o corpo e a mente piden desaparecer, pero tamén é un proceso de loita e de recuperación. Se un se fixa, o título ten dúas intensidades diferentes. Fala dunha caída, pero tamén dunha reaparición. Non é un libro de autoaxuda, pero si fala dese proceso de superación.
– FV: Como naceu este proxecto? Foi traballado ao longo dos anos ou escribiuno nun período concreto?
– PGR: Escribino cando xa estaba saíndo dunha depresión. Durante esa etapa quería escribir, pero non era capaz. No libro aparecen fragmentos marcados como «audios», que eran notas de voz que gravaba no móbil e que logo borrei porque eran moi duras. A obra ten unha estrutura de diario porque está baseada nesas notas, nun intento de recuperar a miña propia voz.
– FV: Ademais de este chamado proceso de recuperación, que outros temas aborda?
– PGR: Cando pasas por unha crise así, inevitablemente reflexionas sobre moitas cousas: o sentido da vida, a morte, a identidade, a dor. O libro está dedicado á miña nai e ás persoas que a rodeaban. Pero tamén é unha homenaxe a todas esas mulleres que, ao longo da historia, tiveron que ocultar a súa dor e a súa culpa, porque non o puideron expresar, pero que estaba aí. Creo que a culpa é un sentimento moi feminino, moi ligado ao papel que tradicionalmente tiveron as mulleres ao longo da historia. (…)”

Pontevedra: Obradoiro de creación literaria Canto como conto. As cores da música na lingua, impartido por Cristal Méndez (Maga de Voz)


O Obradoiro de creación literaria Canto como conto. As cores da música na lingua, é unha iniciativa da Escola de Escritoræs da AELG, co patrocinio e colaboración do Concello de Pontevedra.

Este obradoiro, impartido por Cristal Méndez Queizán (Maga de Voz), coa intervención nunha das sesións de Marga do Val, está dirixido a persoas que utilizan a voz e a expresión oral  (poetas, contacontos, actrices e actores, locutores, cantantes etc. ) e que procuran unha comunicación máis auténtica, profunda e persoal co público.
Con metodoloxía  práctica e individualizada, e de orientación “somática”, aborda a estreita relación entre música, canto, fala, emoción e sensación, revisando a complexa convivencia entre a linguaxe verbal e a musical.
Deste xeito, incide na linguaxe das sensacións revalidando os elementos comunicativos preverbais da voz  (sons “animais”, interxeccións, timbres e efectos) que conectan cunha comunicación emotiva, xenuína e rica en matices.

– 15 prazas dispoñíbeis para persoas maiores de 18 anos.

– A inscrición, gratuíta e obrigatoria, farase mediante correo electrónico en oficina@aelg.org indicando o nome, apelidos e o nome do obradoiro. As prazas asignaranse por orde cronolóxica de chegada das solicitudes.

– O obradoiro desenvolverase na Aula da Escola de Escritoras-es da AELG (Seminario 7), no Pazo da Cultura de Pontevedra (Rúa Alexandre Bóveda, s/n).

Calendario

– Días: sábados 12 e 26 de abril; e 3, 10 e 24 de maio de 2025.

– Horarios: de 10:30 a 13:30 h.

Información sobre protección de datos
A/O responsábel do tratamento é a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega. A finalidade do tratamento é a prestación do servizo que se detalla na solicitude ou actividade organizada. A base legal do tratamento é o cumprimento dunha obriga contractual na prestación dun servizo. Os seus datos conservaranse unicamente durante os prazos de prescrición legalmente aplicábeis. Pódense comunicar os seus datos a terceiras/os organizadoras/es ou colaboradoras/es da actividade. No caso de solicitar certificado de asistencia, os seus datos comunicaranse ao/á impartidor/a da actividade. Pode acceder, rectificar, suprimir os seus datos e nos casos determinados opoñerse ao tratamento, limitar o seu uso ou portar a outra/o responsábel. Tamén pode solicitar a tutela da Axencia Española de Protección de Datos ou presentar unha reclamación ante a mesma.