Yolanda Castaño, Premio Nacional de Poesía: “Ás veces hai que soñar o imposible”

Entrevista de Ana G. Liste a Yolanda Castaño en Praza:
“(…) Materia, o poemario editado por Edicións Xerais destacado agora co Premio Nacional e que xa foi Premio da Crítica, encaixa na definición da poesía que asume riscos porque levas as lectoras e lectores a reflexións certamente silenciadas na sociedade. “Boa parte do discurso de Materia non é amable e asumo que poida incomodar, pero creo que a poesía tamén se debe a esa actitude de cuestionar o statu quo, as verdades herdadas, as opinións de segunda man, as expectativas que existen e os valores aparentemente inamovibles que deglutimos de maneira ás veces pouco crítica”, explica Castaño.
Non chegarei a levarte da man, / nin te agarraras á miña. / Non che abrirei a persiana / a mediodía os domingos. / Non me arrincará da cama / ningún alarido co teu rostro. Principia así o poema “Non chegarei a”, que forma parte de Materia e que Yolanda Castaño escribe en relación coa poeta do Uruguai Idea Vilariño.
“Cando volvo sobre os meus poemas recupero a emoción que os impulsou e neste caso dialogo con Idea Vilariño cando ela se despedía do seu amor –amor de parella– co que nunca ía volver facer determinadas cousas, e eu leveino ao terreo deste libro, que fala da non-maternidade, da renuncia á maternidade, e onde me despido dunha filla imaxinaria que xa non vou ter porque así o decidín. Quería despedirme dela desde unha actitude reconciliada, chea de dignidade e tamén de agarimo. Son esas cousas que nunca ocorreron e que tampouco van ocorrer nun futuro”.
Por que estas cousas que non chegan a ocorrer marcan tanto as mulleres? “Damos na clave ao preguntarnos, por que cabe máis a reflexión sobre isto nunha muller que nun home? É máis, non é tan habitual que a un home se lle inquira sobre se vai ser pai ou lle gustaría selo, cando a nós é unha das primeiras preguntas ao atravesar esta etapa biolóxica que acompaña a escrita de Materia.”, argumenta a compostelá.
“É un punto de inflexión biolóxico nas mulleres no que temos que tomar unha decisión definitiva a respecto de se queremos ser ou non nais. E esa toma de decisión me trouxo todas as reflexións que deitei no poemario, e que teñen moitas implicacións de tipo social e político. Decateime da desigualdade que comportaba, do marcada que estaba esta decisión e de todos os valores que implicaba”, engade. (…)”

Fisterra: presentación de Aquén do mar, libro coordinado por Alexandre Nerium

IX Congreso de Poesía Nova. Novas Voces da Poesía


A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) organiza o IX Congreso de Poesía Nova. Novas Voces da Poesía, co apoio da Deputación da Coruña e CEDRO, 24 e 25 de novembro de 2023, no Pazo de Mariñán (Bergondo).

O programa é o seguinte:

Venres 24 de novembro:

– 12.00 Conferencia de prensa na Deputación da Coruña

Tarde
– 16:00 Recepción dos/as congresistas

– 16:15 Inauguración do Congreso

– 16:30 Mesa redonda (grupo de traballo) Os novos públicos da poesía e vínculos con outras artes e soportes
Moderadora: Rosalía Fernández Rial
Relatoras/es: Nuria Vil, Lucía Aldao e O Rabelo

– 18:30 Mesa redonda (grupo de traballo) Edición, profesionalización. Novos camiños?
Moderadora: Antía Otero
Relatoras/es: Berta Dávila, Alba Cid e Brais Lamela

Sábado 25 de novembro

Mañá
– 10:30 Mesa redonda (grupo de traballo) Internacionalización da poesía galega e diálogo con outros sistemas poéticos
Moderador: Eduard Velasco
Relatoras/es: Lara Dopazo Ruibal, Jesús Castro Yáñez e Samuel Solleiro

– 12:30 Mesa redonda (grupo de traballo) Poesía. Unha visión de xénero e identidades
Moderadora: Andrea Nunes Brións
Relatoras/es: Daniel Asorey, Diana Kurich e Ánxela Lema París

Tarde
– 16:30 Mesa redonda (grupo de traballo) Poesía e lingua
Moderadora: Patricia Torrado Queiruga
Relatoras/es: Daniel Irimia Yáñez, Martiño Maseda e Branca Trigo Cabaleiro

– 19.00 Acto poético-musical.