LugoPatrimonio homenaxea a Irene, irmá e albacea de Fiz Vergara Vilariño

Desde2015081014021935450 Sermos Galiza:
“Cando a Fiz Vergara Vilariño lle faltou a voz, foi a súa irmá Irene quen lla cedeu. Albacea da memoria do poeta, Irene Vergara Vilariño finou o pasado mes de abril e catro meses despois, a asociación LugoPatrimonio rendeulle homenaxe en Santalla de Lóuzara cun acto ao que tamén asistiu a súa familia. Unha ofrenda floral e lecturas sobre Irene ademais de poemas relacionados de Fiz Vergara compuxeron a parte literaria e máis emotiva do acto no que interviñeron a súa filla María Celeiro Vergara e o presidente de LugoPatrimonio, Lois Diéguez.
“Batalladora incansábel polo noso idioma, cultura e nación, sen descanso e desde a grandiosa humildade que sempre a caracterizou. O seu sorriso e sosego ficarán connosco para sempre”, sinalan desde LugoPatrimonio.”

A Coruña: actividades literarias destacadas do martes 4

OFeira do Libro da Coruña 2015 martes 4 de agosto continúa a Feira do Libro da Coruña (nos Xardíns de Méndez Núñez), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa:

19:00 h. Presentación de A horta sen químicos, de Xan Pouliquen, publicado por Baía.
19:30 h. Sinatura de Mercedes Leobalde, autora de Funambulistas, publicado por Xerais.
19:45 h. Presentación de A galera de Xelmírez, de Xabier Paz, publicado en Xerais, coa participación de Begoña Varela.
20:00 h. Concerto arredor de A gramola gominola, publicada en Galaxia.
20:45 h. Presentación-recital do novo libro de poemas A boca da terra, de Manuel Rivas, publicado en Xerais.

A nova poesía ten nome de muller

Desde Cultura Galega:
“Poemas que non son necesariamente parte dun libro. Recitados, mesturados con vídeos, con postas en escena. Textos que non teñen unha única autoría, que mesturan voces. Versos que buscan impacto na sociedade e que xogan coas convencións do xénero (e non só o literario). Estas son algunhas das propostas que se poden atopar no actual panorama lírico do país, un espazo en transformación que ten nas poetas o seu principal protagonista.
As mulleres abandeiran a mudanza na poesía galega. Lara Rozados, investigadora da USC teno claro, e precisamente a súa intervención no recente I Encontro Galego de Nov@s Pensador@s abordaba esta cuestión. Co título Prácticas performativas nas poetas galegas contemporáneas: o corpo e a voz como espazo de resistencia esta doutorada en Teoría da Literatura abordou o xeito no que as creadoras están a reinventar o mesmo xénero da poesía. Tal e como recollemos en Culturagalega.gal ao longo de diferentes reportaxes, nos últimos anos están a proliferar as citas nas que se a poesía recitada se afianza como protagonista. Nesa mesma liña, Rozados recoñece que “están a aparecer novos foros, e iso vai da man coa renovación da propia poesía. Hai festivais, recitais, sesións de conta contos e eventos que mesturan outras artes coa poesía”. Canda a isto, as novas propostas multimedia e de mestura entre lírica ou teatro marcan tendencia.
Autoras do cambio
Á fronte destas mudanzas, o traballo desta investigadora apunta o papel que están a desenvolver as autoras do país. A repasar as iniciativas que temos tratado en Culturagalega.gal, verifícase a importancia presenza de nomes femininos nas apostas deste tipo. María Lado, en solitario e en dúo con Lucía Aldao, Antía Otero, Esther F. Carrodeguas ou Iria Pinheiro, son só algúns dos exemplos de iniciativas poéticas e parateatrais. Non son as únicas, xa que as mulleres tamén se deixan sentir na organización de encontros como os Slams Poéticos, os Picaversos ou o ciclo Poetas Di(n)versos onde atopamos nomes como Branca Novoneyra, Olalla Cociña e Yolanda Castaño entre outras. A nivel creativo, para a súa análise, Rozados centrouse na obra de Xiana Arias, Paula Carballeira, Andrea Nunes e María Rosendo, así como no traballo de As Candongas do Quirombo, colectivo promovido por Andrea Nunes e Raquel Rei. “A miña idea é ver formas contemporáneas ou performativas que empregan as mulleres para construír a súa literatura. Analizar xeito no que utilizan o espazo público, tanto en recitais ao uso como noutros formatos, como aproveitan as novas tecnoloxías, a videocreación ou arede, como interactúan entre elas e recorren a recursos como os fanzines”. A partir da súa análise, non dubida que “son fundamentalmente mulleres feministas, e nalgúns casos homes con posturas feministas, quen entran no terro da autoedición, das licenzas libres e en xeral do traballo nesta liña”.
Da marxinación á reivindicación
Encol de por que son mulleres as que abandeiran este proceso, a investigadora apunta que “poida que os homes estean educados na idea máis canónica da literatura, de publicar e deixar unha obra fechada e inmutable para a posteridade. As mulleres estamos educadas noutro tipo de discursos nas marxes que tamén nos fan buscar outras posibilidades, e iso está a eclosionar”. Precisamente a marxinación das mulleres no propio panorama literario, que diferentes críticos e colectivos están a por de manifesto nos últimos anos, así como a asignación ás escritoras a xéneros considerados menores como a literatura infantil, o teatro ou a propia poesía, marcan o caldo de cultivo para a actual renovación, segundo Rozados.
“Están a xurdir movementos como a plataforma crítica A Sega e a súa iniciativa do Día das Galegas nas Letras, que reivindica o papel das mulleres na literatura, que foi deostado e desprestixiado polo canon”. En paralelo, esta proliferación está a se dar tamén no terreo académico. “Estou a ver que moitas investigadoras novas coas que teño coincidido en simposios e encontros teñen interese en investigar este tipo de cousas. Está a saír unha nova crítica que, sen ter a visibilidade da máis canónica, faise sentir”. As propias eleccións para o Día das Galegas nas Letras amosan a tendencia a reivindicar o traballo desde as marxes do sistema literario. O pasado ano “recoñeceuse co traballo de Dorothé Schubarth o papel das mulleres como transmisoras da literatura oral e este propio patrimonio que se considera mellor. Do mesmo xeito, María Victoria Moreno está moi vencellada á literatura infantil e xuvenil, que se considera un xénero menor”, explica Rozados. Esta vangarda feminina non deixa de contar con ilustres precedentes, segundo esta autora. “Xa en Rosalía temos unha autora cunha grande vontade de estilo e unha enorme consciencia crítica, aínda que logo se asociase ao sentimentalismo ou a morriña”.
Novas autorías
“O cambio de perspectiva a respecto da obra xa non se dá só no texto poético, senón na propia idea de autor como xenio creador. Estase a evoluír cara a formas máis colaborativas e en rede que desafían esta concepción tradicional. Hai casos en que renuncian á propia autoría, asinan como colectivos ou empregan heterónimos”, lembra esta teórica da literatura. Detrás desta mudanza, a investigadora ve cuestións como “o debate que se está a dar arredor dos dereitos de autor e o desenvolvemento de formas máis colaborativas e solidarias de traballo noutros ámbitos. Actualmente a poesía está totalmente hibridada coa narración o teatro ou o ensaio”. Traballos de Xiana Arias ou de Paula Carballeira, que emprega estruturas da narración oral e do teatro na súa poesía, ou propostas de Videocreación como as de Raquel Rei, María Rosendo e Andrea Nunes con As Candongas do Quirombo son exemplos que pon neste sentido. “Está a se por en cuestión o xénero, tanto como construción cultural en relación ao sexo como considerado unha construción canónica das categorías literarias”, advirte.
Alén dos versos
A mudanza semella ir para alén da propia poesía. Esta doutora en Teoría da Literatura sinala que “estamos a vivir un momento na cultura en xeral de cambio total de paradigma. Hai mudanzas sociais, económicas e políticas que nos obrigan a transformar o xeito de producir e de recibir cultura. Cae a barreira entre o artista, considerado como ser xenial e por riba dos demais, e mais o público. Todos somos artistas e podemos participar da cultura e da literatura, e esa penso que vai ser a tónica dominante nos vindeiros anos. A cuestión vai ser se haberá máis ou menos canles, pero penso que hai futuro porque falamos dunha literatura que sae da base, da autoxestión e da precariedade, e estas fórmulas van continuar a se expandir”.

A renovación poética

Desde Cultura Galega:
“Espectáculos poéticos, videopoemas, festivais de recitados, encontros abertos cos versos como protagonistas improvisacións ou combates de vates. A poesía adopta, xa desde hai varios anos, novas formas en Galicia e ábrese a públicos diferentes. Repasamos algúns dos principais foros e cuestións arredor deste ámbito.
A poesía chega aos bares e ao pubs. Toma as rúas, sae dos libros e baixa dos escenarios. Diferentes propostas reivindican a oralidade como parte fundamental para a lírica e introducen, cada vez máis, este xénero na axenda cultural. Xa non se trata dun creador canonizado que recita os seus versos. Falamos de encontros pouco formais nos que participan múltiples voces, onde se propoñen xogos arredor da linguaxe ou onde a música, o vídeo ou o teatro se mesturan coa lírica. Nesa liña, en Culturagalega.gal temos repasado propostas como Os Poetas da Hostia, os Picaversos ou os Slams Poéticos.
Canda a isto, manteñen a súa vixencia propostas máis convencionais, onde predomina o recitado desde o escenario, en ocasións acompañado por música, na forma de festivais e eventos centrados na poesía. Ponte Poética, Poetas Di(n)versos ou o Brumario Poético traballan nesta liña, mentres o Festival de Poesía do Condado e a Semana da Poesía Salvaxe de Ferrol apostan por un menú máis variado arredor dos versos. (…)”

Miguel Anxo Fernán-Vello participa nun encontro internacional literario en Palestina

DesdeMiguel Anxo Fernán-Vello Sermos Galiza:
“Organizado pola Asociación de Escritores Palestinianos, o Encontro Internacional de Escritores terá lugar durante seis días na cidade de Ramala, capital de Palestina. O escritor galego Miguel Anxo Fernán Vello será un dos participantes, convidado polo Goberno do Estado de Palestina.
O Goberno do Estado de Palestina ofrecerá ás persoas participantes unha recepción oficial na que intervirá Miguel Anxo Fernán Vello, en nome dos participantes do Estado español. Pau Vadell, Pilar González España, Samir Delgado, María Victoria Caro Bernal son, xunto con Fernán Vello, os escritores e escritoras do Estado español que asistirán ao encontro. O palestiniano Murad Sudani e o iraquí Abdul Hadi Sadoun son dous dos escritores árabes que participan na convocatoria.
O programa do Encontro inclúe unha visita a Gaza e, ademais de relatorios e debates sobre literatura, desenvolveranse espazos de lecturas poéticas bilingües. O escritor Miguel Anxo Fernán Vello ten obra súa traducida xa ao árabe.”