O martes 25 de novembro, ás 12:30 horas, no Museo do Pobo Galego, preséntase o libro Galicia: un pobo con futuro? O noso devalo demográfico, do Instituto de Estudos das Identidades en edición de Manuel Blanco Desar, publicado en Xerais.
Arquivo da categoría: Sociedade
Compostela: VIII Xornada Xustiza e Lingua. Reflexións para a normalización, o 25 de novembro
A inscrición pode realizarse aquí.
Salvaterra: 28 edición do Festival de Poesia do Condado, Escrever nas margens, o 5 e 6 de setembro
Taboleiro do libro galego (XXV), por Ramón Nicolás
Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica:
“Retorna tras o verán o «Taboleiro do libro galego» que, coma sempre, ofrece as novidades editoriais en lingua galega máis vendidas ao longo dos meses de xullo e agosto. O meu agradecemento ás trece librarías que participaron nesta ocasión: Paz, Trama, Suévia, Miranda, Biblos, Andel, Cartabón, Aira das Letras, Pedreira, Libros para soñar, Á lus do candil, Casa do Libro (Vigo) e Lila de Lilith. Ao tempo a miña gratitude, nestes momentos que lamentablemente pecha as súas portas, á Libraría Carricanta de Betanzos pola súa colaboración, sempre tan garimosa, con este proxecto.
NARRATIVA
1º-. Contos do mar de Irlanda, de Xurxo Souto, Xerais.
2º-. A viaxe de Gagarin, de Agustín Fernández Paz, Edicións Xerais.
3º-. A voz do vento, de Pemón Bouzas, Xerais.
4º-. Orlando. Unha biografía, de Virginia Woolf (tradución de Celia Recarey), Irmás Cartoné.
5º-. Chovida do ceo, Alfredo Conde, Edicións Xerais.
6º-. Escrito en cafeterías, Miguel Anxo Murado, Galaxia.
7º-. Salseiros, de Suso Lista, Embora.
8º-. Os televisores estrábicos, de Ramón Vilar, Xerais.
9º-. Os pantalóns nunca foron cousa boa, de Lidia Gómez, Biblos.
10º-. Vento e chuvia. Mitoloxia da antiga Gallaecia, de Manuel Gago e Manel Cráneo, Xerais.
POESÍA
1º-. Ningún amante sabe conducir, de Rosalía Fernández Rial, Positivas.
2º-. Transfusión oceánica, de Xosé Iglesias, A. C. Caldeirón.
3º-. Estrela do Norte, de Luís Rei Núñez, Faktoría K.
4º-. Eu violei o lobo feroz, de Teresa Moure, Através.
5º-. Sobre ruínas, de Xesús Rábade Paredes, Alvarellos.
6º-. A distancia do tambor, de Eva Veiga, Espiral Maior.
ENSAIO-TEATRO
1º-. Eu estaba alí, Afonso Eiré, Hércules de Edicións.
2º-. Contra a morte das linguas, de Miguel Moreira, Edicións Xerais.
3º-. Guía para o descenso enerxético, A. C. Véspera de nada.
4º-. Crónicas dun tempo escondido, de Sabino Torres, Galaxia.
5º-. Xavier Vence. Conversas, de Xan Carballa, Engaiolarte Edicións.
6º-. A alternativa está aquí, de María Reimóndez, Xerais.
7º-. Fisterra. A derradeira perla de Occidente, de Modesto Fraga, edición do autor.
XUVENIL
1º-. Ámote, Leo A. Terminal de… chegadas?, de Rosa Aneiros, Edicións Xerais.
2º-. Dragal III, de Elena Gallego, Xerais
3º-. Recinto gris, de Ledicia Costas, Edicións Xerais.
INFANTIL
1º-. O soño de Esther, de Miguel Ángel Alonso e Luz Beloso, Nova Galicia Edicións.
2º-. A burra Ramona, de Paula Carballeira (ilustracións de Xosé Tomás), Baía Edicións.
3º-. A nena á que non deixaban ser feliz, de Miguel Ángel Alonso e Luz Beloso, A Porta Verde / Nova Galicia Edicións.
4º-. As noites de Xián, de Concha Blanco, Xerais.
LIBROS CD-DVD
1º-. Brinca vai!, de Paco Nogueiras, Kalandraka.
2º-. Xiqui Xoque, fiú fiú!, de Uxía, Editorial Galaxia.
3º-. Pan de millo, de Migallas, ilustracións de Dani Padrón, Kalandraka.
4º-. Na lingua que eu falo, de Najla Shami, sobre textos de Rosalía de Castro,Galaxia.
5º-. A nena e o grilo nun barquiño, de Magín Blanco, Fol Música.
BANDA DESEÑADA
1º-. O bichero IV, de Luís Davila, Edición do autor.
2º-. A causa do crime, de Tokio, Demo Editorial.
3º-. O Dragón que cambiaba de conto cada vez que esbirraba, de David Aceituno e Miguelanxo Prado, El Patito Editorial.
Sarria: actividade arredor de O Rei da Floresta, de Adela Figueroa
Monforte: actos destacados do venres 22 na Feira do Libro
O venres 22 de agosto continúa a Feira do Libro de Monforte (na rúa Cardeal, con horarios de 11:00 a 14:00 horas e de 18:00 a 22:00 horas). Dentro dos actos programados, destacan os seguintes:
– 20:00 h. Henrique Dacosta asinará exemplares do seu libro Entrada ao xardín do saber, publicado por Redelibros.
– 20:00 h. Charla coloquio de Afonso Fernández sobre o libro Guía para o descenso enerxético, publicado pola Asociación Véspera de Nada.
Libro galego: S.O.S. Hai alguén aí?, desde Letra en Obras
Desde Letra en Obras:
“(…) Decidimos lanzar as seguintes preguntas:
1- Está a callar a idea de que o libro galego está a vivir un momento especialmente crítico que incluso abre dúbidas sobre o seu futuro. Como ves a situación?
2- Que precisa para saír deste estado anémico e gañar terreo?
Eis as primeiras respostas.
– Paco Macías (fundador e propietario de Positivas, proxecto que ten tras de si 24 anos de traxectoria).
1- O libro, en papel, está a diminuír en todo o mundo. Galicia non está á marxe. Ao contrario, aquí está peor. As empresas son febles, tanto as editoras, como as distribuidoras, ou as librarías. O único que non perdeu vitalidade son os creadores. A mostra máis clara desta debilidade é a ausencia de debate, de preocupación pública, de lanzamento de iniciativas conxuntas… etc.
2- Pois recoñecer o evidente, unirse, e traballar máis conxuntamente que nunca. É o principio. E lanzarse aos novos espazos dixitais. Non hai fórmulas máxicas.
– Mercedes Queixas Zas (escritora, profesora e secretaria da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega). En resposta única ás dúas cuestións:
– Vivimos unha realidade moi ambigua e distorsionadora. Por unha banda, a pluralidade, diversidade, calidade e recoñecemento interior e exterior dunha gran parte da literatura galega confirman o bo momento creativo. Por outra banda, no entanto, é insuficiente o nivel de compromiso da sociedade á hora de consumir produtos culturais en galego en xeral, e literarios en particular, moitas veces debido á non superación de prexuízos que fan de menos as formas de expresión cultural na lingua propia. É parte corresponsábel no presente a propia Administración ao gravar impositivamente cun IVE inxusto e inxustificábel o libro, así como ao non elaborar unha planificación cultural que realmente teña como centro de gravidade o libro e a lectura, entendida como ferramenta de formación, instrución, ademais de lecer, para a sociedade, nomedamente a infancia e a mocidade, substrato crítico lector do futuro. Con certeza, o futuro do libro galego correrá a mesma sorte que a lingua que lle dá as palabras para a escrita.
– Francisco Castro (Escritor e traballador da Editorial Galaxia).
1.- Sen dúbida estamos nun intre crítico. O recente informe do Gremio de Editores deixa claro que volvemos ao nivel de hai 20 anos en facturación. No caso concreto do libro en galego, estamos editando aproximadamente a metade do que editabamos hai seis anos. Mais o peor da crise, ao meu entender, é que non estamos fabricando lectores. O galego necesita lectores. De nada sirve ter unha industria editorial se non hai lectores. E non parece que teñamos moitos máis alá da prescrición educativa. Pero iso vale tamén para o teatro ou a música ou os xornais e para toda aquela manifestación cultural que teña o galego como lingua vehicular.
2- O primeiro que necesitariamos sería un país detrás. Lectores e lectoras que aposten pola nosa produción editorial. Os índices de lectura son baixos. En galego, máis que baixos. Como saír desta? Entre outras cousas, promovendo políticas que fagan lectores, que lle aprendan á cidadanía que a lectura é un pracer, que é algo útil. Que se fagan campañas que vaian máis aló da cosmética e a maquillaxe. Que se aposte polas bibliotecas. Que non se recorte en educación. Que se forme aos futuros profesores en animación á lectura e no coñecemento da nosa literatura.
– Marcelino Fernández Mallo (escritor)
1- Véxoa en situación límite, o libro galego na marxinalidade dentro dun sector xeral en grave crise de seu.
2- Estratexia de lingua e de literatura próxima ao cidadán que integre edición, distribución e promoción.”
Fran Alonso: A fenda que nos fende
Desde o blog de Fran Alonso, Cabrafanada:
“Reproduzo un artigo da miña autoría, centrado na creación literaria, que me foi solicitado desde a AELG para a súa publicación no semanario Sermos Galiza.
A fenda que nos fende
Ás veces pregúntome por que escribo. Non é que me interrogue sobre os motivos que me levaron á escrita senón sobre os que me impulsan a seguir escribindo. Os primeiros, probablemente, son máis persoais. Escribir non deixa de ser unha procura de identidade que nos axuda a situarnos ante nós mesmos e ante o mundo. E, se cadra, un desexo de parar o tempo.
Os motivos que me impulsan a seguir escribindo son máis complexos. En Galicia adoitamos escribir desde as marxes, loitando contra a invisibilidade e contra a indiferenza da administración. Abordamos o proceso creativo cando remata a nosa xornada laboral, abrindo unha nova xornada centrada na escrita. Escribimos roubándolle o tempo ao lecer, ao descanso, ao sono, ás persoas ás que queremos, á amizade… Construímos a nosa obra literaria co vento en contra. Acudimos a numerosas citas e requerimentos de xeito voluntarista e ás veces nin sequera atopamos comprensión cando expresamos as dificultades. Tragamos a nosa decepción. E batemos cos nosos propios fracasos, que non adoitamos recoñecer. Afrontar a escrita nesas condicións resulta esgotador. Sen dúbida, a vocación é unha chamada profunda, abisal, que vén dalgún lugar remoto para aflorar cunha forza salvaxe.
Pero o que máis me preocupa é esa fenda enorme que se abre entre nós e a sociedade. Esa fenda que non ten nada que ver coa calidade do que escribimos senón coa lingua en que escribimos. Esa fenda que nos dilúe e nos encolle día a día. Esa fenda que nos apodrece e nos devora. Esa fenda ante a que baixo ningún concepto podemos permanecer impasibles.”
Compostela: inauguración da Libraría Ler
Manifesto O xenio criador do Pobo galego. Lingua, cultura e literatura
Desde Sermos Galiza:
“As asociacións culturais con máis persoas asociadas e maior actividade do país asinan o manifesto común O xenio criador do Pobo galego. Lingua, cultura e literatura no que manifestan a vontade de manter o carácter de unión e festivo do Día das Letras, en especial, “nun momento de ataques á nosa lingua sen precedentes na etapa democrática como o que padecemos na actualidade”.
A Mesa pola Normalización Lingüística, Associaçom Galega da Língua, Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, Asociación Socio-Pedagóxica Galega, Comités, Confederación Intersindical Galega- Ensino, Coordinadora de Traballadoras e Traballadores pola Normalización Lingüística, Federación de Asociacións Culturais Galegas-Galiza Cultura e Liga Estudantil Galega son as entidades asinantes do comunicado no que rexeitan a decisión da Academia de dedicarlle o Día das Letras a Filgueira Valverde, unha figura que, segundo din, “non pode unir a ninguén”.
“O seu papel destacado dentro da estrutura dun réxime como o franquista que perseguiu a lingua e cultura galega e as súas figuras máis relevantes, silenciándoas, exiliándoas ou facéndoas presas, fan del o contrario do que debe ser exemplo á sociedade galega e por iso só podemos considerar profundamente desafortunada a decisión tomada pola RAG”, explican no comunicado, nacido da xuntanza mantida a pasada quinta feira en Compostela, cinco días despois de que a Academia fixera pública a designación de Filgueira como figura a homenaxear o vindeiro Día das Letras Galegas.
Anuncian tamén que van dedicar o 2015 a homenaxear o “ xenio creador do pobo galego a través da súa lingua e a súa literatura, o seu exemplo cívico e de compromiso co país mesmo nas peores circunstancias”, como primeiro paso “dunha camiñada conxunta e partillada con toda a cidadanía” que iniciará a súa andaina a partir de setembro cando se vaia materializando a proposta das asociacións culturais.
Apostan nunha data para festexar a lingua que nos une e darlle á nosa literatura a difusión social que merece. Son asociacións que tradicionalmente organizan actos e programacións arredor do 17 de maio e que se xuntarán de novo despois de setembro para artellar as súas actuacións cara á un Día das Letras en que, por vez primeira nos cincuenta e un anos de historia, optarán por unha conmemoración diferente, á marxe da figura escollida pola Academia.”
O xenio criador do Pobo galego. Lingua, cultura e literatura.
“Desde a súa institución o 28 de abril 1963 até o pasado 5 de xuño de 2014, a Real Academia Galega escolleu para ser homenaxeada no Día das letras Galegas unha ”figura autora dunha obra relevante en galego e persoa de calidade cultural e humana que mereza propoñerse como exemplo á sociedade galega de hoxe”, tal e como se recolle na acta da sesión onde se decidiu estabelecer esta data tan relevante para a nosa lingua e cultura e que celebra a saída ao prelo da obra mestra da literatura galega contemporánea, Cantares Gallegos, de Rosalía de Castro.
Ao longo destes 51 anos as persoas homenaxeadas nesta data caracterizáronse por seren autoras e autores cunha obra de calidade e un compromiso e achegas claros en defensa da nosa lingua e da nosa cultura fóra de toda dúbida, alén das súas posicións máis ou menos progresistas, máis ou menos conservadoras, máis ou menos relixiosas ou ateas.
Estes dous elementos: lingua e compromiso co país, fixeron do Día das Letras Galegas unha data de reinvindicación da nosa lingua e de festa para a nosa ampla literatura, capaz de unir todo o pobo galego nunha soa voz, sendo xunto co Día da Patria Galega o máis sinalado de Galiza.
As entidades asinantes, que traballamos día a día para a defensa, dignificación e normalización plena da nosa lingua e cultura en centros de ensino, vilas, cidades e todos os recunchos do país, queremos que o Día das Letras Galegas siga a ser a data para festexar a lingua que nos une e darlle á nosa literatura a difusión social que merece.
Queremos que siga a manter o carácter integrador e de unión que sempre tivo, e que debera ser reforzado nun momento de ataques á nosa lingua sen precedentes na etapa democrática como o que padecemos na actualidade.
Filgueira Valverde non pode unir ninguén. O seu papel destacado dentro da estrutura dun réxime como o franquista que perseguiu a lingua e cultura galega e as súas figuras máis relevantes, silenciándoas, exiliándoas ou facéndoas presas, fan del o contrario do que debe ser “exemplo á sociedade galega” e por iso só podemos considerar profundamente desafortunada a decisión tomada pola RAG.
O xenio creador do pobo galego a través da súa lingua e a súa literatura, o seu exemplo cívico e de compromiso co país mesmo nas peores circunstancias, debe ser hoxe e sempre o homenaxeado o Día das Letras Galegas, e a el dedicaremos o 2015 como primeiro paso dunha camiñada conxunta e partillada con toda a cidadanía que pretendemos explorar a partir de setembro.
Galiza, 14 de xullo de 2014.
A Mesa pola Normalización Lingüística
Associaçom Galega da Língua
Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega
Asociación Socio-Pedagóxica Galega
Comités
Confederación Intersindical Galega- Ensino
Coordinadora de Traballadoras e Traballadores pola Normalización Lingüística.
Federación de Asociacións Culturais Galegas- Galiza Cultura
Liga Estudantil Galega.“