Quiroga: presentación de O Castelo de Pena Redonda, o máis tolo da contorna, de Celia Díaz Núñez

#camiños, de ButacaZero en coprodución co CDG, arranca xira en Rianxo

“Chegou aos teatros #camiños, unha peza de teatro físico, poético e moi político que pecha unha triloxía sobre a memoria e que chega agora a Rianxo. A cita será o vindeiro 9 de febreiro, ás 20:30, por suposto no Auditorio Municipal.
A nova peza da compañía ven abalada ademais polo Centro Dramático Galego, que coproduce da obra. Foi precisamente no Salón Teatro onde veñen de estar durante dúas semanas de residencia técnica no mes de xaneiro, cando se estreou a obra, o pasado 25 de xaneiro de 2018. Para este 2019 a xira contempla, entre outras, as paradas en Arteixo, Ponteareas, Lalín, Barco de Valdeorras, Vilagarcía de Arousa ou Tomiño
Con Voaxa e Carmín, Esther Carrodeguas quixo abordar a memoria histórica. Con Na butaca, a memoria individual. E desta vez, trátase de levar a escena a memoria do noso pobo: o galego. #camiños nace dunha investigación sobre a multitude de aldeas abandonadas que, cada día máis e máis, enchen a nosa terra. E percorrendo eses camiños na procura de lugares deshabitados, Carrodeguas e Castiñeira foron tecendo unha peza que nos leva, precisamente, de camiño a nós mesmos, ao que somos e ao que desexamos ser, ao que fomos un día e ao que un día, podemos chegar a ser. Quen somos os galegos do século XXI? Como nos colocamos no mundo nós, que levamos sempre o móbil pegado á man e vivimos nun mundo globalizado? Que queda dos e das nosas devanceiras dentro da nosa sociedade. Para tecer este mapa, ButacaZero bota man de todos os rexistros escénicos necesarios: coreografías, teatro físico, bufón, música, playback, pasarela, audiovisuais. Unha peza imbuída por un espírito millenial, que, ao igual que as redes sociais nas que adoitamos gastar o noso tempo, é un collage ecléctico que tenta explicar o noso mundo. Un aluvión escénico que pretende non deixar a ninguén indiferente. Unha festa teatral na que celebrármonos pero tamén, reflexionármonos.”

ButacaZero levará á escena a obra de Ernesto Is sobre María Casares, gañadora do Premio Rafael Dieste da Deputación da Coruña

Desde a Deputación da Coruña:
“A Deputación da Coruña financia a produción e posta en escena da obra gañadora do Premio Rafael Dieste que na última edición gañou Ernesto Is con Despois das ondas. A autora e directora Esther F. Carrodeguas será a encargada da produción do espectáculo a través da súa plataforma ButacaZero, ao gañar o concurso aberto convocado pola Deputación.
Despois das ondas, de Ernesto Is, a obra que xira arredor da vida de María Casares, chegará antes do verán aos escenarios producida por Esther F. Carrodeguas, gañadora do concurso convocado pola Deputación da Coruña para representar a peza gañadora do Premio Rafael Dieste de Textos Teatrais.
Ademais de Esther F. Carrodeguas como produtora, o equipo estará composto por Xavier Castiñeira Blanco como director e o propio autor, Ernesto Is, en calidade de axudante de dirección e responsable da dramaturxia En escena estarán Belén Constenla e Nerea Brei, encarnando a María Casares nas diferentes etapas da vida da aclamada actriz, e Sonsoles Cordón que interpretará diferentes personaxes que acompañaron a vida de Casares, ademais de, en tanto que performer, asumir partes de danza.
Na proposta presentada a concurso o teatro mesturarase co cinema, de maneira que o resultado estea a medio camiño entre un filme e unha obra teatral, ao igual que o estivo a vida profesional da actriz. O traballo audiovisual correrá a cargo de Roi Fernández (Sr. Pause Cinescapismo), que xa colaborara con Carrodeguas e Castiñeira en Voaxa e Carmín.
“Desde a área de Cultura da Deputación da Coruña estamos a facer un esforzo por difundir as obras gañadoras dos premios culturais e, no caso do teatro, faltaba un paso fundamental que era que a obra chegase ao público, que se representase nun espazo escénico que é o obxectivo fundamental das obras teatrais e, por iso, a representación forma parte do propio premio”, sinala a vicepresidenta e responsábel da área de Cultura da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín Rei, que destaca tamén o interese de levar de novo a figura de María Casares á escena. “Neste pasado ano fixemos un programa de visitas guiadas ao Teatro Colón coa propia María Casares como protagonista e tivo un resultado extraordinario, agardamos que esta obra que recupera a súa memoria biográfica e artística tamén o teña”, engade Goretti Sanmartín.
A obra percorre as distintas etapas da actriz nacida na Coruña, desde a súa infancia galega pasando polo exilio en Francia, a relación co seu pai Santiago Casares Quiroga e a súa nai Gloria Pérez, o amor con Albert Camus, os éxitos no cine e no teatro europeo, a viaxe a Bos Aires onde entra en contacto co exilio galego ou o regreso a Madrid para representar El Adefesio de Alberti.
A Deputación da Coruña achega por contrato unha cantidade de 67.000 € para a produción e representación da obra que será estreada no Teatro Colón da Coruña e da que se realizarán ademais tres funcións en tres concellos distintos da provincia.”