A AELG lamenta a perda do seu socio Gustavo Pernas

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega lamenta a perda de Gustavo Pernas.
Home dedicado ao teatro en todas as súas facetas e pedra basilar da literatura dramática actual, o seu traballo foi determinante no desenvolvemento do teatro galego, tamén nos inicios do teatro profesional en Galicia.
Membro da Sección de Literatura Dramática da AELG, sempre ofreceu xenerosa colaboración e asesoramento nas súas iniciativas.
Cunha longuisima traxectoria como actor, dramaturgo e director teatral, foi recoñecido cos máis importantes premios do teatro galego.
No ano 2007 gañou o Premio da Asociacion de Escritoras e Escritores en Lingua Galega coa súa obra Medidas preventivas.
En 2008 foi recoñecido co Premio Roberto Vidal Bolaño por toda a súa traxectoria artística xunto a Ánxela G. Abalo e Áncora Produccións.

Hoxe martes 30 de outubro, ás 20:30, haberá un acto de despedida no tanatorio Albia da Coruña (como chegar).

O Salón Teatro ofrece a estrea galega de Anarquismos, de Pablo Fidalgo en coprodución co CDG

Desde o Agadic:
“O programa de coproducións do Centro Dramático Galego (CDG) presenta a vindeira fin de semana en Santiago a estrea galega de Anarquismos (polo medio da habitación corre un río máis claro), espectáculo escrito e dirixido por Pablo Fidalgo, que se representará no Salón Teatro do 2 ao 4 de novembro, con funcións ás 20,30 h. o venres e sábado e ás 18,00 h. o domingo.
Trátase da terceira coprodución da compañía pública que sube ao seu escenario neste inicio da temporada 2017-2018, que arrancou coa estrea de Arnoia, Arnoia. O circo da casa pequena, de Pistacatro, á que seguiu o regreso de Elisa e Marcela, de A Panadaría, un ano despois da súa primeira estadía na sede do CDG. Neste caso, Anarquismos chega a Santiago desde Bilbao, onde a peza foi estreada o pasado día 23  no marco do BAD (Bilbao Antzerkia Dantza-Festival de Teatro Actual e Danza Contemporánea), outra das entidades implicadas nesta coprodución internacional que conta tamén con apoios desde Portugal, Francia, Chile ou Italia.
A proposta
O creador vigués Pablo Fidalgo aborda na súa nova proposta a historia da anarquía, que –nas súas palabras– tivo en España o laboratorio máis importante de toda a xeografía mundial. Os performers Ángela Millano, Cláudio da Silva e Rocío Berenguer poñen en escena o soño dun home adulto, que rememora a casa e os tres compañeiros cos que compartiu os seus primeiros anos de xuventude. Trátase dunha peza sobre a ausencia, os soños, o medo e o silencio que teñen lugar en calquera grupo ou núcleo familiar, ao tempo que debuxa as expectativas dunha xeración que enfronta por primeira vez os seus erros e a súa falta de proxecto común.
Estruturada como un poema épico e como un retrato de grupo, Anarquismos (polo medio da habitación corre un río máis claro) inspírase na visión dos vencidos, dos marxinais e nos instantes decisivos onde aqueles que tiveron ideas ou utopías en común deixan de telas.
No Salón Teatro, o público situarase nunha grada sobre o escenario, con butacas sen numerar e capacidade limitada a 56 espectadores que poderán seguir máis de preto os movementos dos intérpretes sobre as táboas. A venda anticipada de entradas xa está dispoñible no web entradas.abanca.com e no teléfono 902 434 443. Os días de función, o despacho de billetes do teatro estará aberto desde dúas horas antes do inicio do espectáculo.”

Pilar García Negro: “No teatro de Manuel María hai unha vontade de pedagoxía social moi importante”

Entrevista de María Obelleiro a Pilar García Negro en Sermos Galiza:
“María Pilar García Negro (Lugo, 1953) vén de recoller nun volume editado pola Fundación Manuel María as 33 obras de teatro que deixou o prolífico escritor. Ademais, a profesora da Universidade da Coruña (UDC) e escritora vén de ser recoñecida co diploma ad honorem no marco da XVII Asemblea da Asociación de Mulleres Investigadoras e Tecnólogas (AMIT) polos seus estudos sobre Rosalía de Castro e pola súa traxectoria feminista. Conversamos con ela ao respecto. Eis un extracto da entrevista, publicada no número 318 de Sermos Galiza.
– Sermos Galiza (SG): O libro recolle un total de 33 obras, algunhas das cales resultan inéditas e sorprendentes. A que responde a súa edición?
– Pilar García Negro (PGN): Do ponto de vista persoal era xa un vello compromiso meu, neste caso coa Fundación Manuel María, que mantén non unha memoria ritual do noso grande escritor, senón unha memoria viva, perseverante e con moitas actividades. En 2005 celebramos na UDC, con colaboración directa da fundación e coa organización da AS-PG, o Congreso Manuel María, e no programa houbo dúas palestras dedicadas ao teatro, a de Henrique Rabuñal –que está recollida nesta obra– e a miña. Arrinca de aí, como mínimo, a idea de preparar esta edición. Eu tiña un ponto de partida valiosísimo, que é o traballo de Camilo Gómez Torres, o grande investigador da obra total de Manuel María e é autor dunha tese de doutoramento sobre o escritor.
Aparecen citadas dúas obras que non demos atopado, dos anos sesenta. Non desistimos de que poidan aparecer. É unha produción amplísima, 33 obras, un abano temático e estilístico variadísimo, así que a satisfacción é grande por poder incrementar a obra dun escritor proteico, poliédrico, con amplísima dedicación a todos os xéneros literarios e con tantísimo servizo á cultura galega no seu conxunto. Por iso, o primeiro que afirmo é que nace un dramaturgo para a literatura e a escena galega.
– SG: Precisamente, nos seus estudos sobre o autor demostra que non é amador, senón un dramaturgo de pleno dereito malia que a súa obra teatral non fose o suficientemente divulgada.
– PGN: Exactamente, porque se privilexiou a súa amplísima e constante dedicación á poesía, mais aquí podemos comprobar a escrita teatral desde 1957 até 2001. Facémolo apoiándonos nas súas proprias declaracións, que pasaban por afirmar que para el o teatro era unha das actividades literarias que lle producían máis pracer.
– SG: Destacan os seus autos, un subxénero que Manuel María modernizou e adaptou dun xeito renovador ás necesidades da épica galega e da lírica galega como nación, segundo ten explicado vostede.
– PGN: Aí cómpre lembrarmos en primeiro lugar o significativo de títulos como Auto do mariñeiro, Auto do labrego, Auto da costureira, que son a socioloxía laboral galega, a clase traballadora galega absolutamente predominante até hai pouco tempo. Vai aparecer tamén a loita obreira, os conflitos de Vigo e Ferrol de comezos dos anos setenta, nunha historia sindical e de mobilización social galega enorme que non existiu na historiografía española. Aí hai unha redefinición da épica e do auto tradicional, un xénero de amplísimo tratamento do denominado ‘Siglo de Oro’ da literatura española e mais da literatura portuguesa, mais nun sentido estabilizador e rendendo un servizo cerrado e dogmático á xerarquía católica, unha pedagoxía social conservadora e bloqueante de calquera protesta social. Aquí Manuel María a esa modalidade teatral dálle a volta, como tamén o fixeron no seu tempo Rosalía de Castro ou Castelao coa épica do pobo galego. Esa é toda unha veta interesantísima da tradición literaria galega. Na lírica tamén, porque hai no comezo un teatro poético, un entrecruzamento de xéneros literarios e outras moitas opcións temático-estilísticas. Hai unha auténtica construción da historia de Galiza, a través da ficción teatral en tempos onde non existían manuais da historia de Galiza. E unha componente didáctica e de pedagoxía social moi importante. (…)”

Vanesa Sotelo intervén hoxe n’O Teatriño da Fundación Luís Seoane da Coruña

Desde Erregueté:
“Vanesa Sotelo presentará Contramateria hoxe, venres 26 de outubro, a partir das 20:30, na Fundación Luís Seoane da Coruña, dentro do Ciclo O Teatriño.
O teatriño é unha actividade da Fundación Luís Seoane, comisariada por Camilo Franco, coa fin de pescudar unha relación directa entre actrices da escena galega e o público. Durante 45 minutos unha actriz poderá efectuar un acto performativo diante do público. Dela depende o texto, a posta en escena, o vestiario, a presentación… nunha montaxe única que non volverá repetirse máis.
En Contramateria, a intérprete atravesa o espazo baleiro. Ela é a tradutora e a responsable de achegarnos a unha actriz incomprensiblemente incomprendida e ás personaxes que tivo que interpretar pero que nunca chegou a comprender. Personaxes como Nina de A Gaivota ou a Giuliana de Deserto Rosso son figuras que aparecen e desaparecen neste ensaio que combina o desastre coa irreflexión e a poesía.
A fotografía é de Humberto Valladares”.