Feira do Libro da Coruña 2021: actividades destacadas do 5 de agosto

O 5 de agosto continúa a Feira do Libro da Coruña (nos Xardíns de Méndez Núñez, s/n.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa para este día:

18:30 h. Esperanza Mariño asina A mensaxe entre as sombras. Obra poética de Isaac Díaz Pardo, publicado por Xerais.
19:30 h. Ismael Ramos asina Lixeiro, publicado por Xerais.
19:30 h. María Rey e Amancio Liñares asinan a tradución de Vinte poemas de amor e unha canción desesperada, de Pablo Neruda, publicada por Medulia.
20:30 h. Presentación e sinatura de Entre donas, publicado por Baía, con Marilar Aleixandre, Antía Yáñez e Rosalía Fernández Rial.
20:30 h. Suso Lista asina exemplares de Como a roda no muíño, publicado por Embora.

A Residencia Literaria 1863 acolle un proxecto de tradución da poesía galega moza para o finés

Ao longo de todo este mes de xullo, a Residencia Literaria 1863 ten a sorte de acoller a escritora, tradutora e cantante lírica finlandesa Rita Dahl, quen xa participara no Obradoiro de Tradución Poética da illa de San Simón en 2017.
Para honra da nosa literatura, o proxecto no que esta autora se encontra embarcada consiste nunha antoloxía da poesía galega máis moza en tradución ao finés. Por iso, durante estas semanas, a ocasión de traballar sobre o propio terreo fornécelle da oportunidade de se ir encontrando cos/as poetas antologados, a fin de achegar posturas, desvelar cuestións e resolver dúbidas, coa proximidade do encontro cara a cara.
Trátase de autores/as da calidade literaria de Gonzalo Hermo, Ismael Ramos, Míriam Ferradáns, Oriana Méndez, Xabier Xil Xardón, Lorena Souto, Charo Lopes, Lara Dopazo, Samuel Solleiro, Jesús Castro Yáñez, Celia Parra, Francisco Cortegoso e Belén Senín.
Institucións públicas de fomento da cultura finesa como Taiteen edistämiskeskus – Taike, a Unión de Escritores/as de Finlandia (Suomen Kirjailijaliitto) ou a Unión de Tradutores/as e Intérpretes (Suomen kääntäjien ja tulkkien liitto – Finlands översättar- och tolkförbund) apoian a Rita Dahl neste enriquecedor proxecto durante a súa estadía na rúa Rego de Auga da Coruña.
Tamén xornalista e docente, Master en Ciencias Políticas, en Xornalismo e en Literatura Comparada, Dahl ten publicados 21 libros de ficción e non ficción: poesía, relato curto, viaxes, ensaios sobre política e poética, etc.
Así mesmo, encóntrase a piques de ver unha antoloxía da súa propia poesía publicada no Brasil pola editorial Bestiário, así como, en Finlandia, o seu primeiro CD de arias italianas interpretadas xunto á pianista Anu Kosonen.
Como tradutora deu ao prelo en Finlandia 5 libros, entre eles a primeira antoloxía da poesía portuguesa contemporánea, Maailman syrjällä. Para alén da preparación da mencionada antoloxía, Rita planea gravar dous podcasts con algúns dos nomes incluídos, ao tempo que tamén traduce a poesía de Hilda Hirst.”

Vigo: actos destacados na Feira do Libro 2021 para o 9 de xullo

O 9 de xullo continúa a Feira do Libro de Vigo (na Rúa do Príncipe, con horario de 11:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 21:00 h.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, cos seguintes actos literarios destacados para este día:

18:00 h. Luz Darriba asina Abril, publicado por Belagua.
18:00 h. Beatriz Cabaleiro asina Clover, publicado por Aira.
19:00 h. Manuel Veiga Taboada asina A parte queimada, publicado por Aira, e As mellores tendas de Madrid, publicado por Xerais.
19:00 h. Pedro Feijoo asina Un lume azul, publicado por Xerais.
20:00 h. María Oruña asina O que a marea esconde, publicado por Aira.

Vigo: actos destacados na Feira do Libro 2021 para o 7 de xullo

O 7 de xullo continúa a Feira do Libro de Vigo (na Rúa do Príncipe, con horario de 11:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 21:00 h.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, cos seguintes actos literarios destacados para este día:

18:00 h. Rocío Viéitez Ferro asina Mociñas, de Louisa May Alcott, publicado por Laiovento.
19:00 h. Alberto Cunha asina Escolma aberta, publicado por Elvira.
19:00 h. Laura de Cáceres asina Despois da erosión, publicado por Urutau.
20:00 h. María Lado asina Gramo Stendhal, publicado por Apiario.
20:00 h. Teresa Ríos asina Non estamos preparados para medrar, publicado por Urutau.

As Letras Galegas 2022 homenaxearán a Florencio Delgado Gurriarán

Desde a Real Academia Galega:
“A Real Academia Galega dedicaralle o Día das Letras Galegas 2022 a Florencio Delgado Gurriarán (Córgomo, Vilamartín de Valdeorras, 1903 – Fair Oaks, California, 1987). O Pleno da institución acordou na sesión celebrada esta mañá renderlle homenaxe o ano que vén ao autor ourensán, cuxo labor literario e activismo político e cultural constitúen un dos capítulos máis destacados das letras galegas da diáspora. A RAG non só celebrará o excelente poeta que foi, cultivador dun galego enxebre, característico das terras de Valdeorras. A través da súa figura tamén homenaxeará, por primeira vez, a Galicia do exilio republicano en México, país onde o propio Delgado Gurriarán e outros colegas desenvolveron iniciativas sobranceiras que mantiveron vivo o facho da nosa identidade e que constitúen un referente obrigado da nosa historia contemporánea.
Florencio Delgado Gurriarán, avogado de formación, foi poeta, articulista, pioneiro da tradución poética interlingüística, editor literario e home ponte entre a Galicia exiliada en México e a Galicia interior, capaz de tecer asemade vínculos coa intelectualidade doutras orixes. Foi tamén un extraordinario activista cultural, promotor de iniciativas como o Padroado da Cultura Galega en México (creado en 1953), a revista Vieiros –da que foi director xunto con Carlos Velo e Luís Soto–, a audición radiofónica “Hora de Galicia”, que estivo en antena todos os domingos durante case dúas décadas, e de doutras publicacións de carácter político e cultural. Por iso o seu Día das Letras Galegas será tamén unha homenaxe serodia a todo o exilio mexicano, cuantitativamente menor có arxentino pero dunha importancia igualmente capital. Del formaron parte canda o protagonista do vindeiro 17 de maio figuras como o cineasta Carlos Velo, o músico Xesús Bal y Gay, o xornalista Ramón Cabanillas fillo, o arquitecto Xosé Caridad Mateo ou Elixio Rodríguez.
O autor, membro moi activo do Partido Galeguista de Valdeorras, chegou a México tras lograr escapar a través de Francia no ano 1939. Fíxoo a bordo do Ipanema, un dos barcos que levaron os refuxiados españois a América e no que fuxiron tamén, entre outros, Roxelio Rodríguez de Bretaña, Andrés Valín, Carlos Tomé, Johán López Durá, Serafín Ferro ou o mencionado Elixio Rodríguez. Unha vez en América mantería o compromiso cívico e cultural que dende moi novo o achegara tamén ás Irmandades da Fala e ao Seminario de Estudos Galegos, do que fora socio protector.
Como poeta, ao longo de máis de cinco décadas publicou composicións en revistas, xornais e libros. O seu primeiro poemario, Bebedeira (Editorial Nós, 1934) é unha obra próxima ao hilozoísmo de Amado Carballo coa que participou na renovación da estética da poesía galega. Xa no exilio, axiña se implicou na revitalización cultural nun tempo en que a cultura galega da terra ficaba muda no seu propio idioma, mentres México e Buenos Aires se convertían nos grandes centros de actividade cultural e política do galeguismo. Páxinas memorables daqueles anos son a colectánea poética Cancioneiro da loita galega (1943), primeira publicación do Partido Galeguista en México e da que Delgado Gurriarán foi responsable intelectual e principal colaborador. A súa voz, ademais de ser a máis presente nesta edición de “poesía de combate”, é a máis variada e significativa e inclúe poemas dedicados ao seu amigo Alexandre Bóveda.
Gurriarán coidou sempre o contacto cos autores galegos exiliados noutros países. Desta relación quedou constancia na devandita colectánea ou no volume Poesía inglesa e francesa vertida ao galego (1946), no que enceta unha nova actividade literaria: a tradución de poetas consagrados da literatura universal. O volume, no que colaborou canda Plácido R. Castro (daquela en Galicia, antes do regreso a Reino Unido) e Lois Tobío (dende Uruguai), foi premiado pola Federación das Sociedades Galegas da Arxentina e publicado por primeira vez na capital porteña tres anos máis tarde. Delgado Gurriarán trouxo ao galego nesta achega a Rimbaud, Mallarmé ou Valéry xunto ás traducións dos seus colegas de Yeats, Shelley ou Keats. A súa man organizadora tamén está detrás do volume colectivo Presencia de Galicia en México (Padroado da Cultura Galega, 1956), no que colaboran intelectuais extragalegos como o historiador catalán Pere Bosch i Gimpera.
Vieiros (1959-1968) é outro gran fito do exilio galego en México que Delgado Gurriarán e os seus colegas fixeron posible, anos despois da experiencia de Saudade. Verba galega das Américas (1942-1953), da que Florencio Delgado Gurriarán tamén foi parte. Nas súas páxinas dialogaron voces do exilio mexicano coas que ficaron en Galicia, tanto consagradas coma outras moi novas naquela altura. Durante a época de conformación de Vieiros, o protagonista do Día das Letras Galegas 2022 mantivo unha especialmente proficua relación con intelectuais do exilio interior como o académico Francisco Fernández del Riego ou Valentín Paz-Andrade, e estivo en contacto cos mozos do Grupo Brais Pinto.
Estes vínculos facilitaron a Delgado Gurriarán publicar a esta beira do Atlántico o seu segundo poemario, Galicia infinda (Galaxia, 1963), onde xunto a textos evocadores da matria valdeorresa sorprendeu cun interesante capítulo de “Poemas mexicanos”. Tamén na terra natal saíron do prelo os seus dous últimos volumes: Cantarenas (Ediciós do Castro, 1981) e O soño do guieiro (Ediciós do Castro, 1986). En Cantarenas, onde recolle páxinas do seu primeiro libro, pon de novo o mundo do viño no centro do seu universo poético, regresando á terra da infancia que tanto o marcou, á que homenaxeou empregando en ocasións como pseudónimo o nome Corgomófilo. O soño do guieiro recolle igualmente poemas doutros momentos vitais, expresión xa da súa musa cívica, xa da elexíaca. O volume inclúe ademais algúns dos seus poemas sociolingüísticos, unha das facetas máis notables da súa poética. Tanto en Cantarenas como n’O soño do guieiro hai mostras elocuentes do seu talento satírico, retrate ao ditador Franco ou describa o desleixo lingüístico de certos falantes.
Florencio Delgado Gurriarán foi elixido membro correspondente da Real Academia Galega no ano 1981 en recoñecemento ao seu labor como escritor e activista cultural dende a diáspora. Faleceu en 1987 aos 79 anos de idade cando se atopaba na casa dun dos seus fillos, en California.”

Presentación en liña de 17 segundos, de Kirmen Uribe, co seu tradutor, Isaac Xubín

O 22 de xuño, ás 20:00 horas, celebrarase, de maneira telemática, a presentación do poemario 17 segundos, de Kirmen Uribe, publicado por Galaxia. Acompañando o autor, estarán o tradutor da obra, Isaac Xubín, e Francisco Castro, director xeral de Editorial Galaxia.
As persoas interesadas poden seguir a presentación a través de Google Meet, na seguinte ligazón: https://meet.google.com/jcc-juaz-gzj

Compostela: presentación da tradución de Vinte poemas de amor e unha canción desesperada, de Pablo Neruda

Ourense: actividades destacadas do 5 de xuño na Feira do Libro 2021

O 5 de xuño finaliza a Feira do Libro de Ourense (na Rúa do Paseo), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa para este día:

12:00 h. Luz Darriba asina Abril, publicado por Belagua.
18:00 h. Estefanía Padullés asina Leopoldo, o pequeno monstro, publicada por Hércules, e Un mundo para Maruxa, publicada por Belagua.
18:00 h. Manuel Fontemoura asina A nena do vestido de flores, publicado por Aira.
19:00 h. María Reimóndez asina Cobiza e Bárbaras!, publicadas por Xerais.
19:00 h. Miguel Robledo asina Unha noite no tren da Vía Láctea, publicado por Aira.
20:00 h. Jamas asina Diario dun pirata confinado, publicado por Urutau.
21:00 h. Noa Moreira asina Meteoro imantado, publicado por Urutau.
21:00 h. Ramón Area asina Camiño negro, publicado por Positivas.