Gala dos Premios Mestras e Mestres da Memoria 2020

A Gala dos Premios Mestras e Mestres da Memoria 2020 é unha actividade da Sección de Literatura de Tradición Oral da AELG, co apoio da Área de Cultura do Concello de Lugo.

A Sección de Literatura de Tradición Oral da AELG, previa deliberación do Grupo de Traballo composto por Ana AcuñaFélix Castro Vicente, Carme Pernas Bermúdez, Calros SollaXurxo Souto, X. Manuel Varela, Lois Pérez e Antonio Reigosa, propuxo ao Consello Directivo da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega para someter á consideración da Asemblea Xeral recoñecer como Mestras e Mestre da Memoria 2020 respectivamente a  Batuko Tabanka e a Emilio Españadero.

A Asemblea aprobou as propostas, e a entrega destas distincións terá lugar na V Gala dos Premios Mestras e Mestres da Memoria a celebrar en Lugo co apoio do Concello de Lugo o 23 de outubro.

O acto terá lugar na Sala de Exposicións da Deputación Provincial de Lugo (rúa San Marcos, 8) a partir das 18:00 horas.

Mestras da Memoria 2020: Batuko Tabanka

Fotografía: Facebook de Tabuko Tabanka
Grupo formado por 12 mulleres nacidas en Cabo Verde, residentes en Galicia, a maioría en Burela (Lugo).
O nome, Batuko Tabanka,  que se pode traducir como “Entroido de tambores”, tómano dun antigo ritmo tradicional de Cabo Verde. A batuka, en orixe, foi música de xente escrava, nacida canda a colonización portuguesa das illas de Cabo Verde no s. XVI. A música e o baile batuka son unha forma de comunicación dos que non podían facelo doutra maneira: batendo o peito, usando trapos mollados ou unha saca de coiro que colocan entre as pernas, como fan agora.
O grupo formouse a finais do s. XX en burela. En 2009 gravaron o seu primeiro disco “Djunta mô” (Xuntamos as mans) editado pola produtora PAI Música, para o que contaron coa colaboración de Uxía, Mercedes Peón, Xosé Manuel Budiño, Rodrigo Romaní e Fernando Abreu.
Na súa música revive a memoria das súas orixes que recuperaron entre nós, na terra á que se viron forzadas a migrar por necesidades económicas.
O seu proxecto, con máis de vinte anos de vida, serviulles para percorrer Galicia e outras partes da península e incluso varios países de Europa. Protagonizan documentais, participaron en numerosos festivais e programas de televisión. Incluso ofreceron concertos no seu propio país. A súa decisión provocou, ademais de conservar o seu rico folclore, difundilo polo mundo.

Mestre da Memoria 2020: Emilio Españadero Paz

Fotografía: CRTVG
Ex-compoñente do colectivo de música tradicional “O Son Da Terra” e da banda de gaitas “Os Rexumeiros”. Encargado entre os anos 1992 e 2001 do pub “A Cova Folk”. Membro da organización das “Noites Celtas” na Coruña. Membro do xurado en distintas edicións do Certame Runas do Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira e do Concurso Internacional de Folk “Cuarto Los Valles” en Navelgas (Asturias). Autor durante varios anos da páxina “Feitizo De Sons” no suplemento dominical do xornal Galicia Hoxe. Director e presentador do programa radiofónico “Lume Na Palleira” desde 1992 ata a actualidade.
“Lume Na Palleira” nasceu no mes de setembro do ano 1992, da man de Emilio Españadero Paz, como unha proposta musical alternativa para as ondas radiofónicas, tratando de que a música folk e tradicional, tanto do noso país como de outros (principalmente os de influencia céltica), tivera presencia a traveso de ditas ondas. No ano 1996 “Lume Na Palleira” incorporouse á programación da Radio Galega.

A Coruña: recital de Ramón Caride e Elsa López no Ciclo Poetas Di(n)versos

A segunda feira 26 de outubro, ás 20:30 horas, no Auditorio do Centro Ágora continúa o Ciclo Poetas Di(n)versos, coordinado por Yolanda Castaño e promovido polo Concello da Coruña, cun recital de obra propia nun man a man de Ramón Caride e a poeta canaria Elsa López. Máis información aquí: Folleto Poetas Di(n)versos outubro 2020.

Lugo: presentación e sinatura de A marcha de Anxo, de Pablo Veiga

O 23 de outubro, ás 18:00 horas, Pablo Veiga asina exemplares da súa novela A marcha de Anxo, publicada por Pasarela Provisional, na Libraría Balmes de Lugo (Rúa do Progreso, 6). De non haber modificacións pola situación derivada pola Covid-19, presentarase o mesmo día ás 20:00 horas no Centro Cultural Vello Cárcere (Praza da Constitución, s/n.).

Xosé Luna: “A poesía é, en termos matemáticos, o valor absoluto da palabra”

Entrevista a Xosé Luna en Faro de Vigo:
“(…) – Faro de Vigo (FV): De novo o seu nome ligado ao Premio de Poesía Avelina Valladares. Como senta?
– Xosé Luna (XL): No meu pobo e por segunda vez, é unha satisfacción, unha honra moi grande gañar o premio literario que leva o nome dunha muller adiantada ao seu tempo.
– FV: Faino cun poemario intimista, elaborado dous anos atrás. Que foi o que o levou a mirar cara dentro?
– XL: Ás veces na vida cómpre deterse e reflexionar, cavilar sobre o camiño andado e o camiño que estamos a percorrer. O resultado desa reflexión é O tempo entre as mans. (…)
– FV: É biógrafo de Avelina e Marcial Valladares e merecedor do premio que leva o nome da poetisa de Vilancosta por partida dobre. Como foi esa muller para moitos descoñecida?
– XL: Avelina Valladares contribuiu coa súa obra poética en galego a construir o noso país. Ela foi unha muller loitadora, unha das protagonistas do noso rexurdimento.
– FV: A poesía, conseguiu librarse desa sombra que a debuxa ás veces como a irmá pequena da narrativa?
– XL: A poesía é, en termos matemáticos, o valor absoluto da palabra. E nese senso sei que vivo nun pobo onde a xente consume poesía, le poesía, ama a poesía e, polo tanto, non creo que sexa a irmá pequena. (…)
– FV: Canto hai de Xosé Luna Sanmartín nestes poemas? É unha biografía en verso?
– XL: Hai moitísimo de Xosé Luna aí. Hai todo. Pero non se pode considerar unha autobiografía porque en O tempo entre as mans hai outras moitas vidas reflectidas que, dun xeito ou doutro, marcaron a miña existencia. (…)”

As Fundacións Losada Diéguez, Vicente Risco, Castelao e Otero Pedrayo reciben o Premio Otero Pedrayo 2020 en homenaxe á Xeración Nós

Desde a Xunta de Galicia:
“As fundacións Losada Diéguez, Vicente Risco, Castelao e Otero Pedrayo son os gañadores da edición dos Premios Otero Pedrayo 2020, que recoñecen o seu papel de difusión do legado dos principais persoeiros da Xeración Nós. Así se decidiu hoxe na reunión do xurado na que participaron de xeito telemático o secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García. Ademais, fixéronse dúas mencións, unha ao Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense (centro museístico do Estado e de xestión autonómica), e outra ao Concello de Cambados.
A entrega do Premio Otero Pedrayo será o 30 de outubro en Ourense, se a situación sanitaria o permite. Está promovido pola Xunta de Galicia e as catro deputacións provinciais. Instaurouse en 1977, converténdose no premio cultural máis lonxevo de Galicia, e ten como obxectivo perpetuar e honrar a memoria de Otero Pedrayo, recoñecer o labor de contribución eminente á cultura e promover os valores propios de Galicia e as obras que leven ao esclarecemento e á mellora da súa cidadanía e institucións.”