Mario Regueira: “Á literatura galega fáltalle un Estado propio”

Entrevista de María Obelleiro a Mario Regueira en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza (SG): É a vez primeira que se centra de cheo na literatura erótica.
– Mario Regueira (MR): Foi un tema que estivo sempre, de maneira transversal, en todas as miñas obras, mais nunca –e é algo que dixen o día da entrega– se me pasara pola cabeza facer unha cousa tan claramente orientada cara a iso nin poñelo tan no foco se non chega a ser pola proposta do premio.
– SG: Quen é Marco Livorno, título tamén da obra gañadora?
– MR: O título pode parecer moi estraño mais marca un nome propio de orixe italiana e Livorno é unha cidade italiana, cun clube de fútbol moi vinculado á esquerda política. É un personaxe fantasmal que chega a unha cidade que é Ferrol e alén de xogar pachangas de fútbol cunha camisola que ninguén recoñece inicialmente vai pasando polas camas de máis da metade do barrio. O poemario está construído desde a perspectiva da marcha dese personaxe, que é o centro dos recordos, das ilusións e das experiencias da maior parte da xente que o coñeceu. Dalgunha maneira, o personaxe reactiva unha cidade derrotada, un barrio periférico, a través da sexualidade, das ganas de vivir e da camaradería. (…)
– SG: Refírese ao proletariado e, precisamente, a súa obra ten unha perspectiva política e social moi marcada tanto na poesía como na narrativa. A que se debe?
– MR: Sempre tratei de non facer literatura comprometida ou social en sentido clásico, pero sempre quixen que as miñas orixes e a miña identidade estivesen presentes. Parte da miña realidade é esa e éo dunha forma moi intensa. Procedo dun barrio da periferia de Ferrol, dunha familia de varias xeracións de traballadores de estaleiros e é unha parte moi marcada da miña realidade. Considero que a clase obreira, o proletariado, segue a ser, por moito que pasase nas últimas décadas, a protagonista da historia con maiúsculas. As cousas interesantes, as realmente relevantes, sobre as que se pode escribir son aquelas que lle pasan á clase obreira, outra cousa é que non o sexa no sentido da novela social atada a un esquema moi prefixado, que era o que se facía antes. Tamén existe a experiencia persoal, por exemplo, en canto á sexualidade, que é algo que aparece no poemario.”

Antonio Tizón: “Moita xente pensa que se tes un trastorno bipolar es máis creativo, cando se trata dun problema que precisa tratamento, en moitos casos toda a vida”

Entrevista a Antonio Tizón en La Región:
“O primeiro contacto co comisario Xosé Sánchez Pereiro foi en A antesala luminosa, pero é agora coñecemos cales foron os feitos que determinaron a súa conduta “corrupta e viciosa”, explica Antonio Tizón (A Coruña, 1960), que presentou en El Cercano, con Manuel Bragado, Un home estraño, a segunda novela desta saga policiaca, que funciona como precuela da primeira.
Esta obra parte de dúas imaxes moi concretas que quedaron grabadas na mente de Tizón: a primeira, a dun home que o escritor viu repetidamente na súa mocidade, cada vez cunha expresión diferente, pero igual de penetrante; a outra, a dun artista de rúa co que a cotío coincidía na súa estancia en Madrid.
Nesa época, Antonio Tizón escribía “unha especie de cantos”, que decidín engadir como epígrafe e “están relacionados con un dos personaxes da novela”, conta o coruñés, que hoxe interpretará o músico Xosé Constenla.
Un dos aspectos máis importantes desta entrega, da primeira e das que están por vir, é a importancia do contexto histórico: “Elixín a Transición porque foron anos moi complicados, con repetidos golpes de Estado, centos de mortos por terrorismo… Non foi un camiño de rosas como moitos pensan”. Tizón considera que está parte da nosa historia foi maltratada, pois “os mozos non saben en que consistiu e é importante que o fagan desde o colexio”.
O eixo da bipolaridade
Outro das pretensións de Tizón, como persoa con trastorno bipolar, é conseguir desmitificar a visión romántica das enfermidades mentais. “Moitas xente pensa que se tes un trastorno deste tipo es directamente máis creativo e tes un potencial maior cando, realmente, estamos a falar de problemas que precisan dun tratamento, en moitos casos, toda a vida”, conta.
Para trasladar isto ao papel, dota a algún personaxe cunha enfermidade mental e, ademais, repite a estrutura de dobre narrador que xa presentara en A antesala luminosa.
Por unha banda fala o comisario, cun galego normativo pero con presenza de expresións xa desfasadas, e despois está a xornalista Ledicia Muruzábal, cunha linguaxe máis literaria, co que “tamén se mostra a confusión que había na Galicia preautonómica”, destaca Tizón.”

Susana Sánchez Arins: “Estou orgulhosa de que a Através já não seja o espaço único que nos resta às autoras reintegracionistas”

Entrevista a Susana Sánchez Arins no Portal Galego da Língua:
“(…) – Portal Galego da Língua (PGL): Parece teres certa predileção pela combinatória de géneros, como já vimos com o seique. Tu contas e eu conto é um livro que contém poesia e narrativa. Umas vezes parece que os poemas estão escritos para os contos e outras que é ao invés. Podes contar-nos um bocado sobre o processo criativo e a decisão de unires num mesmo texto diferentes géneros?
– Susana Sánchez Arins (SA): Alguns dos poemas, como o de “política assistencial”, nasceram da estória que só depois decidi narrar em prosa, e pensei que deviam acompanhar-se, partilhar espaço, assim como mostra de respeito pola ideia primeira; depois nasceram estórias que eu não sabia se ficavam transparentes e pensei em colocar-lhe o poema para marcar aquilo que me interessava, ou oferecer outra visão do mesmo tema, ou mesmo contradizer o discurso dalguma personagem ou narradora. Em realidade, a medida que compunha o livro, vi que umas e outros pediam o acompanhamento: a estória, da síntese poética, o poema, duma estória que o estendesse.
E a cousa é sempre assim, não há vontade inicial minha de fazer cousas raras, juro, mas no processo de escrita encerelho-me, os textos tiram, eu puxo (“não, não, quero escrever normal, deixai-me, deixai-me!”), e sempre acabam por ganhar-me a partida.
– PGL: Formalmente o teu livro tem esse teu tom humorístico, ameno e mesmo oral. Porém, do ponto de vista do conteúdo impera a violência, que se manifesta de muitos jeitos (simbólica, institucional, machista…). É este um livro sobre a dor?
– SA: Não penso que seja um livro sobre a dor, mas sobre a vida. Eu pretendia escrever sobre o quotidiano, e foi no quotidiano que a violência entrou, entra. E quase sempre é essa a violência que fica sem narrar, porque as que interessam são as grandes, as maiúsculas, as públicas. E são estas privadas as que esquecemos porque não são contadas.
Acho que há muito humor nos textos, e que esse humor convive com situações de violência, mais ou menos brutal, mais ou menos subtil. Acho que assim são as nossas vidas. É com certeza o humor, junto com a tenrura (amor, diriam outras), o que faz que possamos erguer-nos, e continuarmos a ser pessoas, por cima dessa violência que sofremos ou presenciamos dia a dia. Isso é o que queria contar. (…)
– PGL: Tenho entendido que tens outros projetos em processamento… Podias-nos adiantar alguma coisa?
– SA: Ai! Devo-me à discrição! Mas posso dizer que estou muito contente porque os dois mais imediatos tenho-os comprometidos com editoras que não são a Através. Quer dizer, estou orgulhosa de que a Através já não seja o espaço único que nos resta às autoras reintegracionistas. Que haja outras editoras que publiquem obras nossas sem comentar nada, por desnecessário, dos nossos nh. Sem sugerir a possibilidade, sequer, de mudar a ortografia. Encontro isso prova dum caminho, pode que lento, mas inexorável, para o binormativismo. E orgulha-me fazer parte.”

Compostela: Seminario e curso de formación Autoras, editoras, ilustradoras, tradutoras e investigadoras na LIX galega

XV Curso de Formación. Autoras, editoras, ilustradoras, tradutoras e investigadoras na LIX galega