“O
vindeiro sábado 30 de novembro, ás 20h, chega ao Auditorio da Casa da Cultura de Serra de Outes unha das pezas máis divertidas e sorprendentes da escena teatral galega: #camiños, de ButacaZero en coprodución co Centro Dramático Galego.
Quen somos os galegos e as galegas do século XXI? Como nos colocamos no mundo nós, que levamos sempre o móbil pegado á man e vivimos nun mundo globalizado? Que queda dos e das nosas devanceiras dentro da nosa sociedade? Esther F. Carrodeguas e Xavier Castiñeira son os creadores desta peza que nos leva de camiño a nós mesmos, ao que somos e ao que desexamos ser, ao que fomos un día e ao que un día, podemos chegar a ser.
Para tecer este mapa botaron man de todos os rexistros escénicos necesarios: coreografías, teatro físico, bufón, música, playback, pasarela, audiovisuais. Unha peza imbuída por un espírito millenial, que, ao igual que as redes sociais nas que adoitamos gastar o noso tempo, é un collage ecléctico que tenta explicar o noso mundo. Un aluvión escénico que pretende non deixar a ninguén indiferente. Unha festa teatral na que celebrármonos pero tamén, reflexionármonos.
Tanta festa se xuntará no que estarán presentes As churrascas, que levarán a escena aDiosRíos_aDiosFontes, o título do seu primeiro “hit” de música electrónica cos versos de Rosalía de Castro.”
Tui: conferencia “O Monumento aos Mártires de Sobredo na obra de Camilo Nogueira e na historia da arte galega”, por Carlos L. Bernárdez
A Pobra do Caramiñal: presentación de O meu bisavó, de Ramón del Valle-Inclán (traducido ao galego)
Corullón e Carucedo: II Premio Morales para a promoción da lingua galega no Bierzo e en Sanabria/Seabra
Culturgal 2019: actividades literarias destacadas do 29 de novembro
Do
29 de novembro ao 1 de decembro, no Pazo da Cultura de Pontevedra, terá lugar o Culturgal 2019.
As actividades literarias destacadas do programa para o 29 de novembro son:
– 12:00 h. Espazo Foro. Encontro con Ledicia Costas con escolares arredor do libro Conexión Macarrón. Xerais. Actividade concertada con centros escolares.
– 18:15 h. Espazo Libro. Mapa ecosocial de Galicia. Un retrato social e ecolóxico de Galicia. Catro Ventos Editora. Coa xornalista Rebeca Hermo e o biólogo Xosé Veiras, autores do libro, e Miguel Braña, editor.
– 18:30 h. Stand Xerais. Sinatura ilustrada de Kiko da Silva.
– 18:45 h. Espazo Libro. Presentación da colección «Avis rara», por Marcus Daniel Cabada (editor da colección). Urutau.
– 19:15 h. Espazo Libro. Conversa de Kiko da Silva, autor de Aprende banda deseñada con Fiz, con Fran Alonso sobre “A importancia da banda deseñada na lectura infantil”. Xerais.
– 19:45 h. Espazo Libro. Presentación e debate dos dous últimos títulos da colección Feminismos. Galaxia. Papá, por que non pintas as unllas de cores? Educando (construíndo) masculinidades disidentes, de Jorge García Marín e Mulleres que (nos) dan que pensar de África López Souto. Presentado por Francisco Castro, director xeral de Editorial Galaxia.
– 20:15 h. Espazo Libro. “Se quen traduce falase…”. Conversa sobre tradución literaria. Asociación Galega de Profesionais da Tradución e da Interpretación(AGPTI). Como xorden os proxectos? Que relacións se establecen con editoras e correctoras? Que hai detrás da escolla dun termo ou dunha fala? Conversa co tradutor Carlos Valdés, coas tradutoras María Alonso Seisdedos, María Reimóndez e Patricia Buxán como moderadora. Ademais, entrega do Premio Xela Arias á Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo.
Rianxo: presentación de A casa xunto ao volcán, de Xosé Ricardo Losada
Celanova: presentación de Por puntos, de Manuel Portas
Compostela: lanzamento de Zizek vai ao ginásio, de Tiago Alves Costa, e A Fé do Converso, de Mário Herrero
Mario Regueira: “É meritorio que en momentos adversos a literatura galega destaque máis aló das nosas fronteiras”
Entrevista
a Mario Regueira en Diario de Ferrol:
“(…) – Diario de Ferrol (DF): Vén de gañar o premio Lueiro Rey de xornalismo e, hai un ano, o Illas Sisargas de poesía erótica. Está no seu mellor momento creativo?
– Mario Regueira (MR): Gañar premios sempre é unha satisfacción, pero hai que recoñecer que non sempre son un indicativo moi fiábel do nivel creativo dun autor. Pode ser tamén porque moitas veces pensamos na posibilidade de ter grandes momentos de inspiración e esquecemos todas as cousas cotiás nas que a creatividade está inserida. Neste caso concreto, máis que dun estado de graza, estes premios son a consecuencia do meu retorno á actividade da escrita creativa, despois duns anos afastado dela pola enfermidade dun familiar e pola intensidade que requiriu acabar os meus estudos de doutoramento. Diría máis ben que os textos destes anos son os produtos dun goce recobrado, se cadra encarado dunha forma moito máis lúdica e atrevida que antes e nos que non me sorprendería que se note esa alegría mesturada co alivio que supón o reencontro cunha paixón.
– DF: Desde hai anos compatibiliza a creación coa crítica. É doado de levar o de estar nas dúas beiras?
– MR: Doado ou non, sempre defendín que é inevitábel, para os autores, estar nas dúas beiras. Porque non toda a crítica se dedica a escribir, pero non hai dúbida de que toda a xente que escribe se dedica, en certa medida, á crítica. De forma pública ou privada, ou de xeito máis ou menos consciente, pero todos os escritores escollen as súas influencias, len os coetáneos, opinan sobre outras formas de escrita e toman posición nese campo de xogo. É algo inherente ao feito de escribir aínda que por suposto non é imprescindíbel facelo cunha dimensión profesional. De feito, son moitas as figuras autoriais que, ao longo da historia, asinaron tamén traballos de crítica que hoxe case ninguén lembra. No meu caso, si está relacionado coa tentativa de facer da literatura a miña actividade principal. A crítica é unha consecuencia dos meus estudos en teoría literaria e, nese sentido, sempre tratei de exercela cun gran sentido da responsabilidade e da obxectividade. Recoñezo tamén que durante moito tempo foi unha escusa para poder ler e obrigarme a analizar as cousas que lía.
– DF: Nas últimas semanas déronse a coñecer os gañadores dos premios estatais nos diferentes xéneros, e hai nomes galegos. Cre que a literatura galega está no seu mellor momento?
– MR: A situación da literatura escrita en galego é enormemente desigual, xa non coa do castelán, senón mesmo coa das outras linguas do Estado. Non sabería dicir se vivimos un momento moito mellor que outros anteriores, pois tampouco é a primeira vez que autores e autoras son premiadas a nivel estatal e internacional. O que si teño claro é que é moi meritorio que mesmo nos momentos máis adversos, o proxecto común ao que chamamos literatura galega conseguise destacar moitas veces máis aló das nosas fronteiras, influíndo e mesmo abríndolles camiños innovadores ás outras literaturas peninsulares. É meritorio porque é enormemente inesperado e demostra unha vitalidade e unha vontade de permanencia que son o mellor valor que temos. Naturalmente, isto non debe facernos perder a perspectiva de que son logros feitos con moitas cousas en contra, con escaso ou nulo apoio institucional e baseados moitas veces en entusiasmos e complicidades dun pequeno número de persoas. (…)”






