Entrevista de Antón Escuredo e Miguel Anxo Fernández en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): Frank Soutelo leva camiñando connosco case un cuarto de século. Como mudou a súa ollada e a súa maneira de abordar os casos en todo este tempo?
– Miguel Anxo Fernández (MAF): Eu sempre me preocupei por facer que o personaxe evolucionase bioloxicamente comigo. Neste senso, na triloxía estadounidense, onde se forma como detective, sempre ten en conta as raíces galegas. Os referentes que collín para o personaxe son os da miña madriña, que naceu en Nova York; o seu pai, que era de Punxín, e a nai, de Vigo. Sempre viaxou e eu tiven moitas experiencias de como falaba do noso país. Daqueles recordos e do seu carácter collín a percepción que teñen os estadounidenses do noso. O primeiro recurso que ten o personaxe para resolver os casos é a violencia, foi o que aprendeu primeiro en Nova York e despois nos Ánxeles, unha actitude innata que teñen nese país. Alí conta con licenza de detective e pode levar armas. A partir da cuarta incorpórase á Galiza por ter aquí a familia: o seu pai é de Soutelo de Montes (Forcarei) e a súa nai, de Muros. Aquí xa non conta con licenzas e creei varios personaxes complementarios sempre dentro da verosimilitude. Aparecen a detective Dalia Maxino, o garda municipal Franeiras, o garda civil xubilado chamado Poncio e a tía Castora, que achega a sabedoría popular.
– ND: A súa terra natal convértese nun dos escenarios centrais da trama. Como foi o proceso de ficcionar e encher de “segredos inconfesábeis” un espazo tan familiar para vostede?
– MAF: Quería intentalo. Se na anterior novela o marco era todo o país, aquí procurei un ambiente pequeno, onde todos se coñecen. Non é moi habitual, neste tipo de escenarios, que haxa asasinatos como acontece nas cidades; aquí as vítimas son coñecidas. Hai unha transcendencia mediática que permite ao autor sacarlle todo o rendemento. A propia casa que aparece na capa é unha vivenda singular do século XIX que existe no Carballiño. Ten como característica curiosa que os laterais son de latón pintado e, dependendo da hora do día ou de se chove, cambia de cor; tiña que aparecer na novela. Ademais, engado algúns capítulos que transcorren en Cambados, en Vigo e en Muros.
– ND: Como inflúe ser historiador e crítico cinematográfico na planificación da estrutura e do ritmo visual desta novela?
– MAF: Fago literatura de xénero, polo tanto popular, a que sempre tivo mala prensa. Hai sempre unha distinción entre a alta literatura e a de xénero. A primeira dáme un pouco de medo, como acontece co cinema de autor, que se vai demasiado ao lado do autor. Chega un momento en que as películas semellan máis un exercicio onanista que unha forma de comunicar. Cando escribes unha novela ou fas unha película, buscas comunicarte ao nivel que sexa co espectador ou co lector. Se non existe comunicación, non vale para nada.
Procuro darlle á novela policial o que foi sempre: o pulso da sociedade do momento. Ademais da resolución dun caso están tamén as periferias, as reflexións. Aquí toco o feminicidio, os malos tratos, o tema dos migrantes, a especulación inmobiliaria e o tráfico de arte. Todos están de actualidade, aparecen na prensa diaria. Logo está o traballo de pólo no papel e aí recoñezo que o ritmo é cinematográfico. Os capítulos son secuencias. Neste caso xogo co flashback. Con todo, cando escribo non son disciplinado. A literatura, para min, é satisfacción persoal. Eu divírtome escribindo e non son disciplinado. Non fago como os escritores que teñen un horario, escribo cando teño ganas. Tampouco aspiro a nada, aínda que nove novelas dun detective sexan un récord neste país. (…)”
Adrián Noia: “A democracia corre perigo se a descoidamos”
Soledad García Riveiro: “Os premios danme forzas para seguir loitando por un mundo máis xusto e humano”
Entrevista de Jose Antepazo a Soledad García Riveiro en Faro de Vigo:
“(…) – Faro de Vigo (FV): O seu proxecto Emocionaria. Un conto, unha emoción cumpre cinco anos. Que cambiou desde os seus inicios ata hoxe en día?
– Soledad García Riveiro (SGR): Sobre todo, cambiou a ilustración. Agora fago todo eu en solitario: escribo, ilustro, maqueto, difundo, organizo os eventos… É unha loucura de traballo. Facendo balance e mirando para atrás, non sei como fun capaz de chegar a tanto. Aproveito todo o tempo libre que teño, é a miña paixón.
Hai moito dos meus pais en Emocionaria. Eles son os meus grandes referentes e ensináronme o valor da nobreza, do traballo duro, da humildade e de facer as cousas con corazón. Ese legado camiña con cada paso que dou. (…)
– FV: Facendo alusión ao nome, se tivese que describir estes cinco anos de Emocionaria cunha emoción, cal sería?
– SGR: A alegría. Cada vez que a un neno lle gusta un dos meus libros ou está a signar e cantar comigo nas presentacións é incrible. O outro día, ao rematar o contacontos unha nena abrazoume como se non houbese mañá e iso para min foi impresionante. Esa sensación de que uns nenos que non che coñecen de nada veñan a abrazarte é marabilloso, así que quédome coa alegría seguro. (…)”
Pontevedra: relatorio A tradición narrativa, onte e hoxe, por Camiño Noia
A Coruña: Ciclo Aula Aberta. A Festa da Palabra Silenciada: dar voz ás escritoras galegas contemporáneas, por Lucía Sánchez Cal
Pontevedra: presentación de Memória histórica e identidade nacional, de Carlos F. Velasco Souto
Compostela: presentación de Elas dúas, de Luís Rei Núñez
Vigo: sesión do Club de lectura RioLagares arredor de Lídia Jorge
Ourense: Ciclo de Literatura Infantil e Xuvenil 2026: Medo me dá! Ler para esconxurar as sombras. Fina Casalderrey: “A xoaniña que bebeu na folla”, o 29 de outubro
A edición de 2026 do Ciclo de Literatura Infantil e Xuvenil vai ter lugar baixo o título xeral de Medo me dá! Ler para esconxurar as sombras. A AELG colabora con esta actividade ao abeiro do convenio coa Secretaría Xeral da Lingua.
O Ciclo está coordinado por Isabel Mociño González, Carla Míguez, María González Cerdeira e María Vázquez Fernández (Facultade de Educación e Traballo Social, Campus de Ourense – Universidade de Vigo).
A última sesión será o día 29 de outubro de 2026, ás 18:00 horas, na sala Emilia Pardo Bazán da Facultade de Educación e Traballo Social, no Campus de Ourense.
A inscrición é de balde e pode facerse aquí.
Está en proceso o recoñecemento de 15 horas de créditos de libre elección.
O programa é o seguinte:
29 de outubro
Fina Casalderrey
A xoaniña que bebeu na folla








