Na
Cidade da Cultura de Galicia continúase no 2019 coas actividades que están a arroupar e dinamizar a exposición Castelao maxistral, mostra que permite contemplar por vez primeira en Galicia a A derradeira leición do mestre, lendario cadro visitado xa por máis de 20.000 persoas. Deste xeito, o 17 de xaneiro esperamos contar contigo nun programa de actividades que poñen o foco no exilio, que marcou o artista e intelectual galeguista e a tantas e tantos do seus coetáneos, xa que foi nesta circunstancia cando pintou o óleo que artella o relato da mostra.
Así, no Museo Centro Gaiás celébrase ese día, ás 20:00 horas, un concerto da Real Filharmonía de Galicia (RFG) que, baixo o título Os camiños de Castelao, ofrece un repertorio centrado nos países que percorreu na diáspora e no exilio o artista de Rianxo (máis información aquí). E previo a esta actuación, organizouse un encontro con persoas refuxiadas e exiliadas en Galicia, en colaboración con Aministía Internacional (toda a información sobre esta actividade, aquí).
Vigo: presentación de Eroski Paraíso e a colección Biblioteca de Teatro co grupo Chévere
Vilagarcía: presentación de Oito olladas sobre a folga feminista do 8 de marzo
Compostela: presentación de O xiro, de Noelia Gómez
Vídeos dos proxectos resultantes do Obradoiro de dramaturxia A palabra na dramaturxia posdramática, impartido por Afonso Becerra
Xa están na web da AELG os vídeos das 4 pezas dramáticas resultantes do Obradoiro de dramaturxia A palabra na dramaturxia posdramática, impartido por Afonso Becerra, proxectos colectivos de creación que se levaron a escena nunha mostra final aberta ao público que tivo lugar o 22 de decembro.
Unha iniciativa da Escola de Escritoras e Escritores da AELG co patrocinio e colaboración do Concello de Santiago.
Proxecto 1. Con Raquel Castro, Carlos Labraña, Sonsoles Cordón Troncoso e Andrea Dunia Díaz Casal:
Proxecto 2. Con José Breijo Vidal (Topo), Ana Fernández Sánchez, Ana Rosa Pavón Grande:
Proxecto 3. Con Gonzalo Castro Martínez, Yelena Molina, Fiz Patiño (Xiba), Paula Sanmartín Juncal:
Proxecto 4. Con Teresa Moure, Iria Fernández Sobrado, Ismael Enrique Gil Candal:
A Coruña: presentación de A gran travesía de Chiruca Macallás, de Xurxo Souto
A
cuarta feira 16 de xaneiro, ás 20:00 horas, na Repichoca (Rúa Orillamar, 13, baixo), na Coruña, terá lugar a Romaría de San Amaro pequeno, con sesión de cantos de traballo das mulleres do mar e a presentación de A gran travesía de Chiruca Macallás, de Xurxo Souto, publicada por Xerais.
Ana Cabaleiro: “Pertenzo a unha xeración que medrou pensando que no rural só quedaba quen non valía para outra cousa”
Entrevista
de Montse Dopico a Ana Cabaleiro en Praza:
“(…) – Praza (P): A personaxe principal do libro [As ramonas], Mona, é da mesma parroquia ca ti. Algo debe ter a novela de homenaxe á túa aldea. É así? En que sentido?
– Ana Cabaleiro (AC): Ten moito de homenaxe á miña aldea, mais para min tamén ten moito de homenaxe aos lugares comúns, aos lugares que nos son propios, que nos identifican cultural e socialmente, e que no noso país son maioritariamente rurais. Ao mesmo tempo, tamén ten un aquel de reivindicación, de chamar a atención sobre unha febleza que eu aprecio na literatura e que ten que ver co marco que se escolle para situar as historias, no que predomina o urbano ou os lugares indefinidos, sen nome propio.
Olladas que, a priori, non teñen nada de malo, pero que para min son olladas e marcos moi limitantes, moi uniformes, que prescinden dos factores diferenciadores de noso. Eu o que pretendo é precisamente o contrario, poñer en valor a diferenza, o propio, os elementos de noso que temos na contorna máis inmediata. (…)
– P: É unha novela curta, construída con capítulos curtos e áxiles… Nese sentido, pode ser tamén herdeira do teu libro de relatos Sapos e sereas. Cal é a relación entre estes dous libros?
– AC: Os capítulos de As ramonas teñen, de forma consciente, estrutura de relato. A historia da novela vaise fiando a través de viaxes en sucesivos vehículos e cada capítulo corresponde cun traxecto en coche, polo que son case unidades pechadas en si mesmas.
A relación neste sentido é evidente. Eu adoro o relato como formato literario que, ademais, ten unha gran tradición na nosa literatura escrita e tamén na cultura oral popular e que agora, co tipo de lectura fragmentada que propician os móbiles e os aparellos tecnolóxicos, ten tamén unha relación directa cos novos modos de recepción de contidos. Todo o que levo escrito ao longo da miña vida –non me refiro só ao publicado- ten estrutura de relato ou moi próxima ao relato. Non sei se chegarei a escribir nun formato diferente pero, de momento, creo que aínda me queda moito por explorar no formato curto. (…)
– P: En relación co anterior, Mona non é de casa ben, coma o grande artista, Antonio. Na novela está presente a falsidade do mundo da arte (o simulacro, a estupidez), mais conectada coa desigualdade, coa diferenza entre clases sociais. Por que?
– AC: En relación ao mundo da arte, e máis concretamente da arte contemporánea, intentei en todo momento humanizala, facela accesible, quitarlle a aura de ámbito reservado só para “persoas entendidas”. Non me gusta, a nivel persoal, que se fale da arte contemporánea con desprezo, paréceme unha forma de ignorancia flagrante. Si é certo que a posición social de Mona é determinante na percepción que ten de si mesma e, polo tanto, tamén na súa conduta e na súa toma de decisións.
Eu non acredito en que a fronteira entre clases sociais estea diluída, pola contra penso que está máis presente ca nunca. Os estudos, o nivel económico, e o patrimonio material permiten avanzar socialmente pero, a determinado nivel, a fronteira é insalvable. E agora coa crise, a brecha social é unha gran falla tectónica, ben visible, xa non hai maneira de facer como que non existe. (…)”
Vídeo da palestra sobre A derradeira leición do mestre na Coruña
Compostela: presentación de Vértice de versos, de Carlos Lorenzo Pérez
“Cervatos, fuxir, avante”, por Emma Pedreira
Artigo
de Emma Pedreira na Plataforma de Crítica Literaria A Sega:
“É tanto menos que singular falar deste novo poemario de Lucía Novas (Bueu, 1979), require dunha expresión semellante. Cervatos ten moito de moi variadas cousas, “tan kitsch que é beleza intensa”, tan poliédrico que hai que ilo construíndo, decapando, rebordando a curiosidade que nos fai erguer a lapela de cada palabra. A nosa experiencia como lectoras conta tanto como a nosa sensitividade.
Funciona algo así como un collage de sinestesia, como unha paisaxe descritiva a base de numeracións como naquel laboratorio da vella Celestina, descrito, palabra tras palabra, sintagma após sintagma, moi polo miúdo. Todo aquí está feito para curtocircuitar os cinco sentidos e fixarse na produción global.
Conducindo rápido a través da xustaposición, nunha road movie transfronteiriza, Novas condúcenos mentres fuxe e busca; pasan animais e esceas como nunha reivindicación do pasado nun de transparencias e veladuras sobre o presente. A man no volante, o ollo no que ha de vir e a convivencia coas marxes, as figuras do pasado e o que acontece na beiravía. O brazo pola fiestra. O aire fai pregos na roupa lene. Arricha os poros e crea confusión. (…)”



