Parladoiro con… Andrea Fernández Maneiro
Entrevista de Martiño Maseda a Andrea Fernández Maneiro, desde Culturalia GZ (foto da autora: José Cuervo):
“(…) – Culturalia GZ (C): O primeiro poema de Meridiano Orixe, obra gañadora na 50ª edición do Certame de Poesía do Concello de Vilalba, di: Son gaivota.// Dende terra,/ illa e faro nárranme/ historias de monstros mariños. Como observa a Andrea carrilexa e poeta esas historias que a diario acontecen no mar ou fóra del, cheas de monstros que trafican coa vida humana ou que violentan a súa existencia?
– Andrea Fernández Maneiro (AFM): Co mesmo horror que se saíra do mar o mesmo Cthulhu tentando converternos en seres apeghados ás riquezas e á inmortalidade, á que nunca chegaremos afortunadamente.
Hai tantos lughares e mares cheos de cadaleitos de auga e area, dos que non se contan nos informativos porque quedan lonxe, e como non nos afectan directamente carecen de “importancia”. Loxicamente é inviable contalo todo, teriamos telexornais infinitos de desgrazas pero, a min, chégame o runrún e dóeme. Hai xa anos que procuro eludir o ler as novas, mais non podo evitar que me cheghen os estoupidos das bombas de Palestina, de Ucraína ou Iemén. Teño un oído sensible.
Os mares son lughares de traxedias e o peor de todo é que nós afacémonos a vélas, semella que estamos inmunizados e iso para min é case máis agresivo e violento.
– C: Na túa biografía da AELG dise que a túa vocación e profesión é locutora de radio. Mais a Andrea poeta ou escritora tamén ocupará un rol moi importante, non?
– AFM: Claro, todo é importante, pero relativicemos, non é tan relevante o que facemos senón se aquilo que facemos serve de algo, cousa que por outra parte eu descoñezo.
Polo tanto, a min todo o que fago sérveme para superar as frustracións de cotío e empatizar co mundo que me rodea.
– C: Sentes paixón por viaxar, e boa mostra diso é a constatación gráfica que traes de cada lugar que visitas, de cada emoción nacida nesas estadías exteriores. Entenderías (entenderíase) a túa esencia sen esa chamada viaxeira?
– AFM: Por suposto que non, eu son das que penso que viaxar (non viaxes organizadas) é importante se tes a intención de aprender algo, se conservas a capacidade de asombro e a curiosidade por outras culturas, pero sobre todo polas persoas, isto é o que me move; consegue que vaia perdendo prexuízos, que entenda (aínda que non comparta) outros xeitos de vivir, que, en moitas ocasións, me indigne (cousa ben sinxela para min) pero, por riba de todo , viaxar é o escravo que suxeita a coroa de loureiro sobre a cabeza do César, e que lle bisba na orella: “Memento mori”, para que non esqueza a súa irrelevancia. Se o pensamos ben somos irrelevantes no Universo.
– C: Xunguido ao anterior e desmitificando ese concepto de morriña, que semella apegado á natureza galega, nalgunha desas viaxes ficarías no lugar visitado esquecendo o anhelo de retorno?
– AFM: Ás veces penso que si pero, realmente, non. Eu preciso da miña terra, preciso do meu mar, da miña xente, preciso do Nilo, preciso do Corno de Ouro, preciso de Gelidonya… Todo o mundo é a miña casa pero son eminentemente Atlántica, como son “afoghacristos” e non podo reneghar da nosa costa.
Aínda lembro cando volvía á casa dende Santiagho e ao cheghar a Carril dende o tren “ollaba Cortegada deitada no mar”. Teño chorado máis dunha vez da emoción. (…)”
IX Xornada da Sección de Literatura Dramática. VII Festival Pezas dun Teatro do Porvir 2024: Galiza + Portugal
A IX Xornada da Sección de Literatura Dramática. VII Festival Pezas dun Teatro do Porvir 2024: Galiza + Portugal, organizada pola AELG co apoio do Concello da Coruña, CEDRO, Deputación Provincial da Coruña e Camões-Centro Cultural Português em Vigo, terá lugar o domingo 27 de outubro de 2024 no Teatro Rosalía de Castro da Coruña, baixo o título de As artes escénicas diante do ascenso das ultradereitas. A entrada é libre e gratuíta para calquera persoa interesada que queira acudir como público.
As Xornadas da Sección de Literatura Dramática da AELG naceron con vocación de poñer en foco unha das manifestacións artísticas máis senlleiras e estratéxicas dun sistema literario e dunha cultura de seu.
Desde sempre, as artes vivas, especialmente o teatro e tamén a danza, utilizan o movemento, a emoción e, en moitos casos, a acción verbal, a palabra, para contestar, reivindicar, apuntar ou interrogar á comunidade que congregan sobre aspectos fundamentais da actualidade.
Co paso do tempo, démonos conta de que o impulso necesario debía poñerse no apoio e fomento de novos proxectos escénicos a través dunha convocatoria e mostra dos mesmos, dentro dunha xornada para compartir, analizar e debater. Así naceu, no seo das xornadas, o Festival Pezas dun Teatro do Porvir: Galiza + Portugal. Trátase dun festival único en Galiza para impulsar e analizar pezas que están en proceso de creación e que buscan abrir e compartir ese proceso con outras persoas, cun público, e con especialistas en artes escénicas. Ao mesmo tempo, tamén se procura tender pontes, dentro do Eixo Atlántico peninsular, coa veciña Portugal.
En todas as edicións deste evento sempre puxemos especial atención en dedicar un espazo para traer algunha personalidade relevante do mundo das artes escénicas que nos brinde o seu coñecemento sobre algún aspecto candente ou de actualidade. Ademais, esa personalidade tamén é convidada a ver e, se así o considera, intervir nas conversas de análise sobre cada un dos proxectos escénicos seleccionados, participando, incluso, no Xurado que vai valorar a posibilidade de premiar cunha estrea nun teatro algún dos proxectos presentados no Festival.
Por tanto, dentro do programa incluímos unha Masterclass sobre un tema relevante. Para esta edición de 2024 propuxemos o tema “As artes escénicas diante do ascenso das ultradereitas”. Unhas das premisas fundamentais para a creación escénica é a liberdade. Por outra banda, no caso das artes vivas (teatro, danza, circo e formas híbridas) a súa esencia é a do encontro comunitario, no que non só se trata de entreter, senón tamén de transcender a nivel de coñecemento e de espírito crítico, fomentando a emancipación das persoas.
Parécenos que é importante reflexionar sobre cales son os desafíos e os perigos que deben enfrontar as artes escénicas neste contexto. Para iso, o noso convidado de honra vai ser Roberto Pascual, dramaturgo, investigador, docente e director artísticos durante unha década e media (2009-2024) da Mostra Internacional de Teatro (MIT) de Ribadavia, quen se ten caracterizado por realizar programacións cun alto compromiso humano respecto aos valores de liberdade, diversidade e inclusión de colectivos marxinalizados. Así o fixo tamén na súa ópera prima, coa que acadou o Premio Rafael Dieste de textos teatrais en 2021, titulada Sophie non é o meu nome de guerra.
VII FESTIVAL PEZAS DUN TEATRO DO PORVIR, GALIZA + PORTUGAL 2024
Estímulo para as creadoras e creadores que, nestes momentos, están a escribir ou a bosquexar algún tipo de peza para os escenarios. Cómpre facilitar, visibilizar, abrir espazos de encontro para compartir eses procesos de creación e para encontrar unha complicidade e un diálogo que poida potenciar esas pezas en construción. Ademais, queremos procurar o diálogo coas inquedanzas que, neste ámbito, podemos compartir coas dramaturgas e dramaturgos de Portugal, reforzando os lazos de irmandade que se remontan á orixe común da nosa lingua.
Nesta sétima edición do festival acollemos 7 proxectos (4 galegos e 3 portugueses), que serán amosados e compartidos en público.
Desa selección, logo das presentacións no VII Festival Pezas dun Teatro do Porvir 2024: Galiza + Portugal, a comisión organizadora da AELG, Xosé Paulo Rodríguez, director do Teatro Rosalía de Castro da Coruña, Célia Guido Mendes, en representación do Camões-Centro Cultural Portugués em Vigo, e o convidado de honra, Roberto Pascual, contando co voto emitido polos propios participantes, premiarán proxecto(s) coa posibilidade da súa estrea. Non obstante, este premio podería quedar deserto, se o xurado así o considerase.
PROGRAMA
DOMINGO 27 DE OUTUBRO
– 10:00 h. Apertura da Xornada a cargo de Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da AELG, e representantes das institucións colaboradoras.
VII Festival Pezas dun teatro do porvir, Galiza + Portugal. Procesos abertos de escrita dramática (mañá).
– 10:30 h. Nuna. Por Favor não mexer/Por favor não tocar.
– 11:00 h. Intervalo.
– 11:15 h. Paula Sanmartín. Némese en tránsito.
– 11:45 h. Intervalo.
– 12:00 h. Andrea González García. En carne viva.
– 12:30 h. Intervalo.
– 12:45 h. Aula maxistral a cargo de Roberto Pascual.
VII Festival Pezas dun teatro do porvir, Galiza + Portugal. Procesos abertos de escrita dramática (tarde).
– 16:30 h. Isabel Milhanas Machado. Uma história.
– 17:00 h. Intervalo.
– 17:15 h. Luís Campião. Carta à mãe.
– 17:45 h. Intervalo.
– 18:00 h. Carlota Mosquera. Ninguén tira fotos nos enterros.
– 18:30 h. Intervalo.
– 18:45 h. Sol Mariño. A Velha Berimbau.
– 19:30 h. Deliberación, por parte do Comité de Selección do Festival, formado por Afonso Becerra de Becerreá, Vogal de Literatura Dramática da AELG, Xosé Paulo Rodríguez, Director do Teatro Rosalía Castro da Coruña e Membro da Xunta Directiva de La Red do Estado español, Célia Guido Mendes, en representación do Camões-Centro Cultural Portugués em Vigo; e Roberto Pascual, contando cos votos emitidos polas/os creadoras/es dos proxectos escénicos presentados.
Gondomar: presentación de Rotas, de Montse Fajardo
Bases dos VI Premios Mil Primaveras 2024
Muxía: presentación de Somos un pobo de artistas, de Xurxo Souto
Taboada: presentación de Simboloxía do Románico en Taboada, de Xosé Lois García
Luís Álvarez Pousa, recoñecido co Premio de Xornalismo Xosé Aurelio Carracedo
Desde Tempos Dixital:
“O director da revista Tempos Novos, Luís Álvarez Pousa, vén de recibir o Premio de Xornalismo Xosé Aurelio Carracedo na súa vixésimo terceira edición. O xurado salienta no seu fallo a súa longa e intensa traxectoria profesional e a súa contribución á formación das primeiras promocións de xornalistas galegos, alén do seu compromiso co xornalismo cultural e a súa capacidade para xerar pensamento e debate na revista. Destácase no fallo a traxectoria desta publicación, que saíu do prelo ininterrompidamente dende 1997 xuntando ata agora 329 números.
O xurado estivo presidido polo vicepresidente 2º e deputado de Cultura da Deputación de Ourense, César Fernández. Contou como vogais con Emma Torres, decana da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación de Pontevedra; Ana Isabel Rodríguez, decana da Facultade de Ciencias da Comunicación de Santiago de Compostela; Silvia Viqueira, da Asociación de Xornalistas de Santiago, en representación da Federación de Asociacións de Periodistas de España (FAPE); e José Manuel Rubín en representación do Colexio de Xornalistas de Galicia. Foi secretario do xurado o asesor do Gabinete de Comunicación da Deputación, Alberto Carnero. (…)”