A Coruña: I Xornada da Gaita no Mar, con Xurxo Souto
O
sábado 3 de decembro, no Clube do Mar da Coruña, a Asociación de Gaiteiros Galegos organiza a I Xornada da Gaita no Mar. O programa é o seguinte:
– 17:30 h. Xurxo Souto fará un relatorio sobre os Gaiteiros do mar, no que poñerá de manifesto cal foi e segue sendo o importante papel destes gaiteiros.
– 18:15 h. Proxección do documental Dos gaiteiros do mar, codirixido por Xurxo Souto xunto a Marín Rodas e producido por Borneira Audiovisual, que recupera a memoria dos mariñeiros-gaiteiros que se embarcaron nos anos sesenta e setenta con destino ao Gran Sol, a Terranova, a Namibia.
– 19:00 h. Actuación do grupo “Os Gaiteiros do Mar”, formado por Manolo de Donón e Lito de Pinténs (gaitas), Feliciano de Donón (tamboril), Manuel Martínez Santomé (bombo) e o Peix de Aldán (percusións varias), que ofrecerán un concerto para o peche da xornada.
Cadáveres exquisitos, artigo de Armando Requeixo
Desd
e Criticalia, blogue de Armando Requeixo:
“(…) Para o caso galego o antecedente histórico máis notorio é o telúrico “Poema a tres voces”, escrito por María Mariño, Uxío Novoneyra e mais Ramón Regueira na Casa Grande de Parada do Courel o 26 de novembro de 1966 e hoxe publicado nas páxinas da revista A trabe de ouro, un texto do que se cumpre agora medio século da súa creación. Con posterioridade, practicaron abondosamente este xénero os poetas de Rompente, quen asinaron numerosos textos colectivos nos seus libros grupais.
Alén diso, pode considerarse unha iniciativa parella a levada adiante por Camilo Franco en Por conto alleo, libro no que recolleu medio cento de relatos que a fins de 1999 escribira baixo a proposta en cada caso dun tándem de palabras que os internautas suxeriron ao autor para que as fose incluíndo en cada conto.
A última gran proposta nesta liña veu da man do poeta Igor Lugris, quen tamén a través da Rede convidou á participación nun cadáver exquisito cibernético que dende a primavera do 2007 se multiplicou ata chegar a máis de medio cento de versións, que foron recitadas e amosadas nun Expo-Cadáver celebrado en Ponferrada. Naquel cibercadáver exquisito participaron, entre moitos outros, poetas galegos como Elvira Ribeiro, Xavier Queipo, Emma Pedreira, Antía Otero, Daniel Salgado, Alberto Lema, Séchu Sende, Celso Álvarez Cáccamo, Mario Regueira, Oriana Méndez ou Estíbaliz Espinosa. Ningunha proba mellor para demostrar que o cadáver está moi vivo e segue a ser un exquisito artefacto literario.”
A ficción narrativa na literatura actual: da escritura á lectura, por Xosé Monteagudo
Desde
Euseino? Editores:
“No número 14 de Anotacións publicamos un artigo que reproduce o texto da conferencia lida polo novelista Xosé Monteagudo o día 15 de outubro de 2016 durante a sesión dedicada a “Ficcións narrativas para conquistar novos públicos” das V Xornadas de Literatura e Ensino organizadas pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega e celebradas no Instituto de Ensino Secundario das Fontiñas, en Santiago de Compostela. En A ficción narrativa na literatura actual: da escritura á lectura, o autor de Todo canto fomos pescuda na “orde xerárquica de valores (literarios e extraliterarios) que un autor segue á hora de concibir unha ficción” coa finalidade de intentar localizar onde reside o pulo do literario: “Na expresión da individualidade de quen crea? Na súa percepción particular e única da realidade? Ou na compracencia máis ou menos fiel dos gustos consabidos do público ao que se dirixe a obra?”
A situación dos escritores e escritoras galegos fronte ao seu público lector, o carácter intermediador das institucións académicas e os condicionantes de certa didascalia supostamente necesaria para achegarse a un público aparentemente tutelado son algunhas das cuestións que se tratan nesta análise feita por un escritor que percorre o traxecto que leva da escritura á lectura sen perder de vista en ningún momento as regras da ficción e a función da literatura na Idade Moderna.
Para descargar o artigo de balde: A ficción narrativa.”
Crónica fotográfica do Paseo pola Coruña Literaria con Xulio López Valcárcel, o 12 de novembro
Estas son algunas das fotografías do Paseo pola Coruña Literaria do sábado 12 de novembro, con Xulio López Valcárcel. A crónica fotográfica completa pode verse aquí.
Pontevedra: actividades literarias destacadas do venres 2 no Culturgal
Do
2 ao 4 de decembro, no Pazo da Cultura de Pontevedra, e con horarios de 11:00 a 21:00 horas o venres 2 e sábado 3, e de 11:00 a 20:00 horas o domingo 4, terá lugar o Culturgal 2016. O prezo das entradas é o seguinte:
– Xeral: 2 euros (1 día) | 3 euros (3 días).
– Menores de 12 anos: 1 euro (1 día) | 2 euros (3 días).
– Menores de 3 anos: gratis.
As actividades literarias destacadas do programa para o venres 2 son:
– 19:00 h. Conversa con Inma López Silva, autora de Aqueles días en que eramos malas, publicado en Galaxia, con Montse Dopico. Espazo Libro.
– 19:00 h. Sinatura dos gañadores dos Premios Xerais (Stand de Xerais), Manuel Esteban, Iria Misa e David Pérez Iglesias.
– 19:00 h. Xosé María Álvarez Cáccamo asina exemplares de Ganapán das palabras, publicado por Kalandraka, no stand da editora.
– 19:30 h. Conversa con Xosé Monteagudo, autor de Todo canto fomos, publicado por Galaxia. Coa xornalista Montse Dopico. Espazo libro.
– 19:45 h. Contacontos infantil do libro O cociñeiro Martiño, co seu autor, Iago López, publicado en Xerais. Espazo infantil.
– 20:00 h. Conversa da xornalista Montse Dopico cos gañadores dos Premios Xerais 2016: Manuel Esteban, autor de A ira dos mansos, Premio Xerais de Novela; Iria Misa, autora de Xa non estou aquí, Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil; e David Pérez Iglesias, autor de Todo o tempo do mundo, Premio Merlín de Literatura Infantil (Espazo Libro).
Sada: presentación de Vinte fragmentos de mocidade voraz, de Tito Pérez
O
venres 2 de decembro, ás 20:30 horas, no Omix de Sada (Avenida da Mariña, 62), preséntase o libro Vinte fragmentos de mocidade voraz, de Tito Pérez, publicado por Toxosoutos. No acto, organizado pola Asociación Cultural Irmáns Suárez Picallo, participa, xunto ao autor, José Erre.
A Coruña: 3 de 25: literatura cinema e música, con Estíbaliz Espinosa
Mondoñedo: presentación de Poemas de Amor en Outono, de Tono Núñez
Entrevista a Miguel Anxo Fernández no Diario Cultural
Desde
o Diario Cultural da Radio Galega:
“Miguel Anxo Fernández gaña coa novela Blues para Moraima o Premio Blanco Amor: “Hai tamén (nesta novela) un intento de pasar factura ao pacto da transición”. Pode accederse á entrevista aquí.”







