“Mondoñedo, Paraíso da Fantasía”, por Antonio Reigosa

Desde o Caderno de Antonio Reigosa, o pregón lido polo autor na inauguración da Feira do Libro de Mondoñedo:
“Todo o mundo sabe que Mondoñedo está nun val que se asemella a “unha man a medio abrir”, así llo pareceu a Manuel María, ou a unha “cunquiña deleitosa, onde todo frolece e todo medra”, segundo o venerable mestre e referente ético, Manuel Leiras Pulpeiro. Álvaro Cunqueiro confirmounos en letra impresa que, efectivamnente, Mondoñedo señorea unha valgada que “ten a medida xusta do ollo humano”.
Miss Honor Tracy, a escritora irlandesa que visitou Mondoñedo en agosto de 1955 deixou posto en papel que “Mondoñedo é un dos máis estraños lugares a visitar” e que a Alameda dos Remedios lle fai imaxinar a unha Madame Bovary paseándoa ou como o escenario ideal para un capítulo de Dickens.
Con quen máis se relacionou Miss Honor nos dous días que andou por aquí foi con Lence, entón xa home maior, fraco e barbado, ao que describiu como un tipo extravagante. Cando Cunqueiro lle traduciu a Lence o que dicía sobre el a irlandesa, sobre todo cando aseguraba que para cociñar tiña que atar as longas barbas polas costas (para non enzoufalas na pota ou na tixela), Lence, enfadado, comentou: “Esta escribidora é unha Eleuteria calquera…”
Viríanos ben unha antoloxía cos textos dos escritores e escritoras viaxeiros que nos visitaron en diferentes épocas. Urxe facela para descubrir, por voces alleas, o encanto do pequeno e recollido, o valor do pouso do pasado e do silencio, a melancolía do ambiente e tamén, claro, como viron eles a señora néboa emparellada con ese barruzo fino que nos visita cada poco e que tamén despediu a Honor Tracy en agosto do 55.
Velaí a nosa pequena patria, dimensionada arquitectónica e urbanisticamente, cativa industrialmente pero fecundísima culturalmente, coa medida exacta para percorrer a súa paisaxe nun só golpe de vista, para gozar das súas esencias en doses concentradas. (…)”

Feira do Libro de Ponteareas: actividades literarias destacadas do sábado 29 e domingo 30

O domingo 30 de xullo remata a Feira do Libro de Ponteareas (na Praza Maior), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 12:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa para estes días:

Sábado 29
12:30 h. Diego Giráldez asina exemplares de Galería de saldos, publicado por Xerais.
18:45 h. Carlos Meixide (Cans) participa nunha mesa de debate da autoedición.
20:00 h. Presentación do poemario Na casa da avoa, de Marta Dacosta, publicado por Xerais. No acto participa, xunto á autora, Malores Villanueva.
21:00 h. Recital Kneves no autoblues Chicago Fornelos, co poeta Kiko Neves e os guitarritas Phil Chicago e Rober Fornelos.

Domingo 30
18:00 h. O mundo de Carliños, espectáculo musical de Luís Vallecillo baseado en Carlos Casares.
19:00 h. Salvador Rodríguez presenta Historias de galegos extraordinarios, publicado por Belagua.
20:00 h. Presentación de Xogos Florais. Ponteareas, 2016/2017, polo Concello de Ponteareas.

María Reimóndez: “Realmente nun período moi curto de tempo as mulleres desaparecen”

Entrevista a María Reimóndez en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza: Desde A Sega apoiastes a candidatura de María Victoria Moreno ás Letras 2018, entre outras mulleres. E finalmente foi escollida. Cres que foi unha vitoria do feminismo?
– María Reimóndez: Eu son moi reticente a falar en termos de vitorias e derrotas, porque creo que é unha retórica moi patriarcal. Eu concibo máis as cousas desde o punto de vista do traballo doméstico ou da agricultura, eu creo que hai que ir sachando, sachando e sachando e en certo momento se o clima ou as circunstancias son propicias, entón dase un froito, pero ese froito non existiría se non se sachase. E eu creo que o labor dos feminismos ten que ser ese sachar para que certas cousas non sexan admisíbeis noutros espazos. O feito de que se escollese a María Victoria Moreno é evidente que parte de distintas iniciativas, como por exemplo, cando se buscou que entrasen máis mulleres na RAG. Estou totalmente convencida de que tería sido imposíbel se na directiva non estivese Marilar Aleixandre ou Fina Casalderrey.
Si é certo que no caso concreto de Moreno é necesario ser xustas e recoñecer que se non fose polo traballo que fixo A Sega en 2015 a súa figura seguiría totalmente escurecida. E isto é preocupante, porque é unha muller que morreu non hai moitos anos. Acontece o mesmo con Xela Arias, con Luísa Villalta. Foron mulleres que tiveron un impacto moi grande durante a súa vida, pero que rapidamente caen no esquecemento do sistema literario. Non se fan estudos sobre elas nin sobre a súa obra. Hai unha serie de baleiros, con pingas aquí e alá, pero que realmente nun período moi curto de tempo as mulleres desaparecen. E creo que niso foi vital o traballo que se fixo desde A Sega en 2015 de botar luz sobre esta autora, sobre todo no feito da lingua como escolla dos afectos, que creo que no contexto no que nos movemos é importante, ese compromiso, esa filiación de afecto cara á lingua.”

Feira do Libro de Ponteareas: actividades literarias destacadas do xoves 27 e venres 28

O xoves 27 de xullo comeza a Feira do Libro de Ponteareas (na Praza Maior), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 12:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa para estes días (o xoves 27 abrirá só pola tarde):

Xoves 27
19:00 h. Pregón a cargo de Kiko Neves.

Venres 28
19:00 h. Presentación de Sapos e sereas, de Ana Cabaleiro, publicado por Galaxia. No acto participan, xunto á autora, Francisco Castro e Manrique Fernández.
20:00 h. Presentación de Nº atómico 74, A Carapuchiña pasa da carapucha vermella e A princesa e o labrego, de Raquel Castro, publicados por Fervenza.
21:00 h. Presentación de Da identidade à norma, de Vítor Vaqueiro e Nicolás Xamardo, publicado por Laiovento.

Edítase Migrant Shores. Irish, Moroccan and Galician Poetry

Migrant Shores – Irish, Moroccan & Galician Poetry reúne escritoras e escritores de tres países do Atlántico, Marrocos, Galicia e Irlanda, que comparten a vivencia da dura experiencia da emigración e do exilio en diferentes momentos da historia.
O libro, que conta co apoio da AELG, conta coas achegas de Mohammed Bennis, Taha Adnan, Fatima Zahra Bennis, Imane El Khattabi, Mohamed Ahmed Bennis, Aicha Bassry, Mezouar El Idriss, Martín Veiga, Chus Pato, Eva Veiga, Baldo Ramos, Gonzalo Hermo, Marilar Aleixandre, María do Cebreiro, Paula Meehan, Máighrèad Medbh, Susan Connolly, Hugh O’Donnell, Catherine Phil MacCarthy, Sarah Clancy, Thomas McCarthy, Eiléan Ní Chuilleanáin, Lorna Shaughnessy, Maurice Harmon, Celia de Fréine, Keith Payne, Breda Wall Ryan e Mary O’Donnell.

“Clausuras, enxurradas, fisuras”, por María Reimóndez

Artigo de María Reimóndez na Sega:
“Para as persoas ás que nos gusta ler filosofía e pensamento, en particular feminista, non deixa de ser unha boa nova que Axóuxere ofreza un ensaio escrito por unha autora e ademais centrado no tema do xénero como categoría [Oiko-nomía do xénero. Relato das clausuras]. Para quen coñeza de entrega previas a escrita de Rebeca Baceiredo saberá de antemán que en ningún caso imos atopar un enfoque lixeiro ou superficial.
O obxectivo deste volume, como o describe a autora, é “xustificar a relación entre a disposición de xénero e os réximes de propiedade” e para iso anuncia na introdución que utilizará tanto a revisión histórica, non só occidental, coma o enfoque metafísico. Resulta este, ao meu ver, un obxectivo ben ambicioso e que presenta para min como lectora e teórica certas dificultades que tentarei debullar a seguir.
Seguramente o atranco máis importante á hora de conseguir o obxectivo proposto, en particular para persoas que, coma min, partimos dunha visión feminista decolonial da teoría e a práctica, reside na dificultade que o libro de Baceiredo amosa á hora de superar unha visión eurocéntrica que vai máis alá de botar unha ollada de esguello cara a certos lugares. O eurocentrismo da escrita filosófica occidental, en absoluto exclusivo deste texto, ponse de manifesto primeiramente nunha cuestión básica de fondo: no suxeito que pretende narrar e historizar dando explicacións “totais”. O problema non reside tanto na complexidade de tentar coñecer a experiencia humana na súa totalidade, senón na clausura, para utilizar a terminoloxía da autora, que estes propios intentos marcan. Son as clausuras das que fala Gayatri C. Spivak en “Pode falar a subalterna?”, o disfraz invisible dun suxeito pensante que só dende o eurocentrismo pode nin sequera formular tal tarefa.
No texto de Baceiredo, este suxeito eurocéntrico de afán omnisciente materialízase no contraste constante que se dá entre a localización exacta das situacións das mulleres occidentais no tempo e no espazo e a abstracta e anecdótica das súas outras. Así, mentres que as mulleres occidentais están situadas dende a Grecia e Roma clásicas en diferentes períodos e se narran a si mesmas ata certo punto, as súas outras aparecen como inmutables e as referencias a tribos e pobos de diferentes continentes faise sen atender a ningún criterio temporal e moito menos de autorrepresentación. Elas son narradas como exemplos para os diferentes réximes económicos e de xénero que dende occidente interesa recapitular, como puntos de contraposición e vistos polos ollos de antropólogos (masculino non accidental) en calquera época histórica. (…)”

Rosalía Fernández Rial: “O galego permítenos estar no mundo e noutras linguas”

Desde a Real Academia Galega:
“”O galego é unha lingua de area porque nunca é fronteira”. Con esta metáfora arrincou Rosalía Fernández Rial a conferencia que pronunciou hoxe para o alumnado dos Cursos de lingua e cultura galegas que organiza a Real Academia Galega. Poeta e experta en didáctica das linguas, partiu de casos reais para profundar na capacidade das persoas bilingües para entenderen linguas próximas sen ter un coñecemento previo e mesmo aprendelas máis rápido. Pero a aprendizaxe, e a supervivencia de linguas minorizadas como o galego, é tamén unha cuestión de actitude, positiva, que debe fomentarse dentro e fóra das aulas, e desde a defensa do plurilingüismo e a interculturalidade.
Rosalía Fernández Rial expuxo exemplos concretos que ilustran que o galego é “unha lingua que nos permite estar no mundo e estar noutras linguas”. Como os testemuños que recolleu entre galegos e galegas que emigraron a Suíza sen apenas estudos, capaces de aprender máis rápido o francés ou italiano ca outros españois monolingües; ou como a experiencia dun amigo madrileño que, logo de vivir sendo adolescente na Costa da Morte, puido sacar proveito do galego para comprender, e axudar, a un dos seus compañeiros de piso en Inglaterra. Desde a ciencia, esta realidade é explicada pola teoría da competencia subxacente común de Cummins e o seu modelo do dobre iceberg, que incide en que as linguas no cerebro non están separadas, senón que son interdependentes. “Aínda que hai aspectos superficiais das linguas que son diferenciais, existe unha competencia subxacente común. Se traballamos nela, permítenos acceder a unha segunda ou terceira lingua”, resumiu.
Rosalía Fernández trasladou este coñecemento teórico e práctico ás aulas na súa tese de doutoramento, publicada baixo o título Aulas sen paredes. Nela desenvolveu unha metodoloxía didáctica para a aprendizaxe das linguas mediante o uso da expresión dramática e teatral, unha ferramenta que permite crear no alumnado “a necesidade de comunicar, algo esencial” na adquisición de idiomas. Púxoa en práctica cun grupo de primeiro da ESO do IES Xelmírez I de Santiago de Compostela, de maneira coordinada nas materias de lingua galega e lingua castelá. E neste contexto puido comprobar as vantaxes de facer unha abordaxe compartida das linguas e distintas materias, mais tamén a importancia de “desenvolver actitudes positivas” cara a un idioma como o galego, tanto para favorecer a súa aprendizaxe como para vencer a diglosia.”Contrastamos que hai un problema que ten máis que ver coa psicolingüística que coa competencia. Algúns alumnos dicían que non sabían falar galego, pero na dramatización soltáronse e viron que o tiñan dentro, só faltaba crear o clima para que emerxese”, contou.
“Hai que motivar o alumnado e crear unha actitude positiva cara á interculturalidade e o plurilingüismo. Eu creo que un dos aspectos máis importantes para garantir a supervivencia das linguas minoritarias é defendelas desde o plurilingüismo e desde unha actitude positiva”, resumiu Rosalía Fernández Rial, quen apuntou tamén a necesidade de “non reducir o peso da normalización á escola” e incorporala a outras actividades. Bo exemplo deste camiño son os Cursos de lingua e cultura galegas nos que, alén das clases teóricas e prácticas, se crean “outros contextos de aprendizaxe” diferentes aos estritamente académicos.”