Desde Brétemas, de Manuel Bragado:
“No discurso de aceptación do premio San Clemente, que recibiu por segunda ocasión, o escritor Pedro Feijoo reivindicou o papel esencial dos mestres. Nun acto no que tamén recolleron cadanseu premio Javier Cercas e Colm Tóibín, o autor d’ A memoria da choiva gabou a Suso de Toro («sempre un verdadeiro profesor para min») de quen, confesou, aprendera nos anos oitenta e noventa «na lectura das súas páxinas que outro xeito de facer literatura galega era posible».
A seguir, Feijoo insistiu na importancia da figura dun bo profesor («sei que poucas carreiras arrancan se non hai no comezo un bo mestre detrás, unha boa profesora que nos aprenda como vai o choi este do mundo») e denunciou o duro que foron estes últimos anos para o profesorado desorientado polo «ruido das reformas», «forzado a traballar cunha lei máis parecida a un rodillo que a unha verdadeira inquedanza educativa». Feijoo reclamou «saír en apoio dos nosos mestres» para evitar «a consagración da burocracia sobre a educación» e impedir «o afundimento do noso sistema educativo».
Rematou lembrando de forma agarimoso a Agustín Fernández Paz e convidando ao alumnado a protagonizar o traballo de «volver a poñer en valor a figura do mestre». «Seredes vós os encargados de recuperar e defender a súa valía.»
Aquí pode descargarse en pdf o texto completo do discurso.”
Cuestionario Proust: Rochi Nóvoa
Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Rochi Nóvoa:
“1.– Principal trazo do seu carácter?
– Perseverante.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– A honestidade e o respecto.
3.– Que agarda das súas amizades?
– As amizades sorprenden, dan e están, que máis se pode agardar?
4.– A súa principal eiva?
– A paciencia dependendo en qué, ha ha ha ha ha.
5.– A súa ocupación favorita?
– Só unha? Pintar reláxame moito, ler motívame, xogar fascíname e a música namórame.
6.– O seu ideal de felicidade?
– Entendo que a felicidade absoluta non existe, pero é ideal o día vivido intensamente, os proxectos realizados e o saber que aínda quedan días para os soños e a superación.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– Obvia é a perda dun ser querido, persoalmente non quixera verme impedida. Pero non ter soños e ilusión, sería o marcador de que aquí xa non fago nada.
8.– Que lle gustaría ser?
– Estou a gusto sendo muller, gustaríame ser mellor mestra e dominar a escrita poética. Tamén me gusta fantasear, así que unha empuxa.
9.– En que país desexaría vivir?
– Xa vivo no país dos meus soños.
10.– A súa cor favorita?
– A negra, sen dúbida.
11.– A flor que máis lle gusta?
– O estraloque.
12.– O paxaro que prefire?
– O moucho.
13.– A súa devoción na prosa?
– Stephen King, Dickens, José Saramago, Manuel Rivas…
14.– E na poesía?
– Lord Byron, Lois Pereiro, Celso Emilio…
15.– Un libro?
– Escoller un libro resulta difícil, xa que como a música, cada un ten un momento especial e decidirse é complicado. Isto é case como dicir, a quen queres máis?
16.– Un heroe de ficción?
– Non son de heroes de ficción, os heroes son os médicos/as, enfermeiros/as, que cada día salvan vidas. Superman supoño, non coñezo moitos.
17.– Unha heroína?
– Kara Thrace ou Mafalda.
18.– A súa música favorita?
– A heavy.
19.– Na pintura?
– Como me custa responder estas preguntas, citar a alguén cando temos un abano tan amplo. Van Gogh.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– A persoa que se ergue cun sorriso, disposta a quererlle á vida fronte ás adversidades.
21.– O seu nome favorito?
– Roi.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– Comer coa boca aberta.
23.– O que máis odia?
– Non sinto odio, só hai cousas que non me gustan e xente que non me agrada.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– Varias, as que teñen que ver co sufrimento humano.
25.– Un feito militar que admire?
– Ningún feito militar é digno de admiración.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– A invisibilidade e as artes.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
– Rindo.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– Impredicible.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– Non hai defecto co que non poida ser indulxente.
30.– Un lema na súa vida?
– Nove de cada dez persoas melloran co trato, xa que só teñen que seguir alomenos dúas destas catro premisas para estar no círculo: peace, love, respecto e “buen rollito”.”
O presidente do Congreso dos Deputados, Patxi López, reúnese coa plataforma Seguir Creando
(A Coruña, 3 de febreiro de 2016) O recentemente elixido Presidente do Congreso dos Deputados reunirase mañá xoves 4 de febreiro ás 12:00 no Círculo de Bellas Artes de Madrid (Rúa Alcalá, 42) cunha representación dos integrantes da Plataforma Seguir Creando, a través da que as/os creadoras/es reivindican continuar traballando de forma remunerada durante a súa xubilación pola súa singular achega á sociedade.
O máximo representante da Cámara Baixa interesouse pola situación que viven os creadores aos que a actual lexislación impide compatibilizar a súa pensión de xubilación coa percepción doutros ingresos.
Destacados creadores están a ser sometidos a unha inspección polo Ministerio de Facenda como consecuencia da aplicación da actual norma que detrae da pensión as cantidades percibidas por outros conceptos trala xubilación. Numerosos creadores confirmaron a súa asistencia á reunión co Presidente do Congreso dos Deputados; entre outros, Antonio Fraguas (Forges), Chema Madoz, Javier Reverte, José María Merino, Antonio Hernández, Juan Garaizabal, Paloma Pedrero, Antón García Abril, Julio Castejón (Asfalto) ou Manuel Rico. Ao encontro asistirá o presidente da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), Cesáreo Sánchez Iglesias.
A Coruña: presentación de Fontán, de Marcos Calveiro
Pontevedra: lectura, presentación e coloquio arredor de O último día de Terranova, de Manuel Rivas
O xoves 4 de febreiro, ás 20:00 horas, na Casa das Campás (Rúa Don Filiberto, 9-11, a carón do Teatro Principal), en Pontevedra, terá lugar a lectura, presentación e coloquio arredor da novela O último día de Terranova, de Manuel Rivas, publicada en Xerais. No acto, organizado pola editora e o Ateneo de Pontevedra, participan, xunto ao autor, Carmen Durán (directiva do Ateneo), Héctor Blanco (músico) e Manuel Bragado.
Aurora Marco: “Hai que deter a ollada nas mulleres alén das grandes figuras”
Entrevista de Olalla Rodil a Aurora Marco en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza (SG): Que podemos atopar en Elas?
– Aurora Marco (AM): Arredor de 410 mulleres que ao longo da historia deixaron pegada e contributos na sociedade da que fixeron parte. Comezo con Exeria, unha muller do século IV cuxo manuscrito, a modo de caderno de viaxes, foi descuberto no século XIX. Finalizou en 1975, foi a data límite que me marquei, porque marca un fito, pola morte do ditador, por se conmemorar o Ano das Mulleres, a emerxencia do movemento feminista… a partir dese momento a participación das mulleres aumentou notabelmente. A derradeira biografía é a dunha oleira de Gundivós.
– SG: Que criterio empregaches para as seleccionar?
– AM: Neste volume son todas as que están mais non están todas as que son. Até hoxe, nos meus traballos anteriores como o Dicionario de mulleres galegas (A Nosa Terra, 2007) todas tiñan a ver coa miña profesión, estaban relacionadas coas letras ou a educación. Elas tivo un carácter globalizador e recolle para alén daquelas que foron consideradas como relevantes, embora estas tamén teren presenza, como Rosalía de Castro ou Concepción Arenal. Porén, recolle aqueloutras mulleres anónimas, ignoradas mais que fixeron moito. Os meus obxectivos son sempre tres: coñecer, recoñecer, facer xustiza e homenaxear; valorizar o propio, polo que son todas mulleres galegas; e, alén das grandes figuras, deter a ollada en mulleres con grandes contributos noutros ámbitos. Isto foi algo que aprendín do meu profesor, mestre e amigo Ricardo Carvalho Calero. Estas mulleres foron abrindo un camiño polo que agora nós transitamos.
– SG: Recompilar información desas mulleres menos coñecidas supuxo un maior esforzo de pescuda, imaxino…
– AM: O volume de bibliografía multiplicouse. Consultei enciclopedias, historias locais, catálogos de exposicións… Todo canto libro caía nas miñas mans foi baleirado. Este é un traballo que comecei a finais dos ’80. Durante este tempo fun publicando outros traballos mais nunca pechei ningunha semblanza, volvo unha e outra vez sobre ese material. Como dicía Xoana Torres: “é que nada se entenderá de todo se antes non se volve ao punto de partida”. Tamén foron moi importantes as fontes orais, sobre todo cando se trataba de mulleres pertencentes a sectores da poboación que ficaron fóra do poder. (…)”
Marcos Calveiro: “Fontán fixo en 1834, sen case medios, o que sería o mellor mapa de Galicia en 150 anos”
Entrevista a Marcos Calveiro en La Opinión:
“(…) – La Opinión (LO): A novela [Fontán] percorre toda a vida de Domingo Fontán?
– Marcos Calveiro (MC): É unha visión panorámica da súa vida, desde o nacemento ata a morte. En parte está ficcionalizada, pois non hai datos da súa infancia e adolescencia. Unha das cousas que máis me interesaba é como nace a vocación de ser científico nun neno dunha aldeíña de Portas (Pontevedra). Relaciónoo con dous penedos de granito moi grandes con forma de globo terráqueo que están preto de onde naceu. El quere medir esas pedras xigantescas que había ao lado da súa casa e acaba medindo Galicia e trasladándoa a un mapa. (…)
– LO: O mapa aparece mencionado nas obras de Castelao, Cunqueiro e Otero Pedrayo.
– MC: Si, o mapa de Fontán funciona como elemento simbólico de toda a xeración Nós. Aínda que Fontán está esquecido na cultura galega, o seu mapa era un elemento simbólico moi importante, como o himno ou a bandeira. E el está enterrado no Panteón de Galegos Ilustres.
– LO: Cre que está esquecido?
– MC: Non deixa de ser un científico. Hoxe preguntas na rúa por Rosalía de Castro ou Castelao e todo o mundo te di algo; preguntas por Fontán? Parece que a cultura dun país a constrúen unicamente os escritores, os poetas, pero a achega de Fontán co mapa é fundamental.
– LO: Parécelle inxusto?
– MC: Evidentemente si. A partir da ciencia tamén se constrúen os países e as culturas. Ten unha linguaxe máis inintelixible que a pintura, a música ou a arte, pero debería ter un papel social máis relevante e recoñecido. A maioría dos científicos novos do noso país, por desgraza, teñen que buscarse a vida fóra..
– LO: Cal foi o seu labor político?
– MC: Formou parte das primeiras Deputacións de Galicia, participou na división territorial en provincias e partidos xudiciais e foi reprimido en moitísimas ocasións por ser liberal, un home de progreso en contra do antigo réxime. Botárono da cátedra e quedaba sen dar clases nin cobrar, ata que o liberalismo volvía ao poder ou se abría a man. Outros compañeiros sufriron perigo físico e tiveron que exiliarse. (…)”
Almanaque das Irmandades, iniciativa da AS-PG e a A. C. Alexandre Bóveda
Desde Sermos Galiza:
“Foron moitas as actividades levadas a cabo desde o 18 de maio do ano 1916 en que Antón Vilar Ponte convocou unha xuntanza nos locais da Real Academia Galega na Coruña. Nesa xuntanza acordouse a creación dunha Irmandade dos Amigos da Fala que tería como obxectivo a defensa, exaltación e fomento da lingua de Galiza.
Agora, no ano centenario daquela xuntanza, a Agrupación Cultural Alexandre Bóveda e a Asociación Socio-Pedagóxica Galega poñen en marcha unha iniciativa para dar a coñecer efemérides e actividades relacionadas directa ou indirectamente coas Irmandades da Fala.
Se queremos saber que aconteceu en calquera día do ano o Almanaque das Irmandades daranos, mínimo, unha opción. Segundo aclaran os promotores, “o Almanaque recolle anécdotas, feitos e persoas. Non pretendemos explicar as entradas pois ese papel corresponde á historia. Por iso aquí recollemos breves biografías e acontecementos tanto dos protagonistas das Irmandades como dos precursores ou de aqueles que seguiron o camiño por eles encetado”.
A obra, feita pública esta semana, vai na liña dos almanaques tradicionais cos que Galiza conta desde hai dous séculos, “mais nunca houbo un Almanaque das Irmandades, das Irmandades da Fala. Agora xa o hai” .
A obra ten polo de agora entradas para os meses de xaneiro e febreiro. Nos próximos días completarase con entradas até 18 de maio e máis tarde para todo o ano 2016. Tamén se incorporarán as actividades levadas a cabo durante o ano do centenario das Irmandades. A web tamén conta cun formulario desde o que se poden enviar datos, fotos, etc. referidos ás efemérides comentadas na certeza de que tanta actividade como desenvolveu a xente das Irmandades ten que ter aínda pegadas descoñecidas por toda Galiza.
Dar a coñecer esas pegadas é tamén un obxectivo deste Almanaque, unha ferramenta sinxela desde a que os promotores nos convidan a “almanaquear”, a pasear da man das persoas que precederon, constituíron e proseguiron un movemento do que agora celebramos cen anos. As dúas entidades están a traballar noutras iniciativas en torno a este centenario que farán públicas en próximos días.”
Escenas do Cambio, entrevista a Antía Otero
Desde o Zig-zag da Televisión de Galicia:
“Entrevista con Antía Otero arredor da proposta Escenas do Cambio. A entrevista completa pode verse aquí.”