Betanzos: presentación de No balouçar do vento, de Antom Laia

O xoves 22 de agosto, ás 20:00 horas, na Libraría Biblos (Rúa Santiago, 4) de Betanzos, preséntase o poemario No balouçar do vento, de Antom Laia. No acto o autor estará acompañado por Xurxo Souto e a violonchelista Mabel Carro.
O venres 23, ás 20:00 horas, a obra presentada será Ardalén, de Miguelanxo Prado, publicado por El Patito Editorial.

Teo: homenaxe a Avelino Pousa Antelo

Desde Fervenzas Literarias e o Concello de Teo:
“O Salón de Plenos foi o centro de congregación na mañá deste martes, 20 de agosto, desde as 12:00 horas para aquelas persoas que quixeron lembrar a persoa de Avelino Pousa Antelo. A esta hora os participantes nos actos do cabodano foron recibidos na Casa do Concello, onde a partir das 12:30 h. comezou un acto no que se recordou a figura de Avelino Pousa Antelo con música, recitais e ofrendas. A sesión continuou ás 13:00 horas coa presentación da revista-libro monográfica Avelino Pousa. Nesta presentación participaron Alfonso Blanco Torrado, Héitor Picallo, Carlos Mella, Mini e Mero, Xosé Mª Lema Suárez, Martiño Noriega, alcalde do municipio, e representantes da familia de Avelino Pousa.
Posteriormente amigos e familiares que participan nesta xornada aproveitaron a hora de comer para compartir lembranzas e recordos nun xantar de irmandade no Restaurante Pórtico de Cacheiras.
Tras o xantar e tamén no Salón de Plenos do Concello de Teo, a xornada retómase pola tarde a partir das 18:30 h. cunha mesa redonda baixo o título Avelino Pousa, mestre galego normalizado, na que interveñen Antón Costa, Xabier P. Docampo, Fina Casalderrey, Mini e Mero, María Blanco Corral e Maca Arca, xunto co recitado de Xoán Xosé Fernández Abella.
E xa para rematar a xornada, a partir das 20:00 horas, realizase un último acto de afectos e recordos a Avelino Pousa no paseo Avelino Pousa, situado na Urbanización Os Verxeis, residencia habitual de Avelino Pousa nos últimos anos. Neste acto terá lugar unha ofrenda floral conxunta, na cal intervirán as fundacións e colectivos, e haberá intervencións poéticas, lecturas de textos e as actuacións musicais de Mini e Mero, Raúl Galego e Manoele de Felisa.
Xa para rematar, intervén a familia de Avelino Pousa e clausura o acto unha representación do Concello de Teo, xusto antes do peche co Himno Nacional Galego.
Este acto está organizado pola Asociación Cultural Xermolos, xunto coa Irmandade Manuel María e a Irmandade Avelino Pousa e conta coa colaboración do Concello de Teo.”

Gondomar: curso de creación literaria impartido por Elvira Riveiro

“Dende o Instituto de Estudos Miñoranos andamos a darlle voltas a novas iniciativas culturais para ofrecerllas ás persoas asociadas ou non, na nosa teima de potenciar, divulgar e participar na creación da cultura de noso. Andamos agora a argallar varios cursos dos que vos iremos informando sucesivamente. Para comezar pretendemos darlle forma a un Curso de Creación Literaria (poesía e prosa) que se desenvolvería os xoves de 18:30 a 19:30 horas na nosa sede (Aula de Cultura Ponte de Rosas, situada en Avda da Feira,nº 10 (Gondomar).
O curso empezaría o xoves 19 de setembro, cunha duración de 8 sesións.
O custo da matrícula sería de 20 euros e admitiríase un máximo de 25 participantes.
O curso sería impartido pola escritora Elvira Riveiro.Xa que logo, animámosvos a reservar praza canto antes mediante correo a oficina@minhor.org, chamada telefónica ao 986360575 (luns a venres de 18:00 a 22:00 horas), ou persoalmente na sede en horario de 18:00 a 22:00 horas.”

Foz: actos destacados da fin de semana na Feira do Libro

O sábado 17 de agosto inaugúrase a Feira do Libro de Foz (na Praza Conde de Fontao, con horario de 17:30 a 22:00 horas). Dentro dos actos literarios previstos para o sábado 17 e domingo 18 destacamos os seguintes:

Sábado 17
20:00 h. Pregón a cargo de Manuel Lourenzo.
21:00 h. Presentación de Bágoa de Lúa, de Sabela González, publicado en Galaxia, coa presenza da autora, acompañada por Bernardo Penabade.

Domingo 18
20:30 h. Recital poético.

Cee: actividades destacadas do sábado 17 e domingo 18 na Feira do Libro

Chega á súa fin a Feira do Libro de Cee, que se celebra na Praza da Constitución (con horarios de 11:00 a 14:00 e de 18:00 a 22:00 horas). Destacamos destes derradeiros días as seguintes actividades literarias:

Sábado 17
12:30 h. Diante do Museo Fernando Blanco, presentación da obra A noite branca, de Francisco X. Fernández Naval, editada por Xerais, que estará acompañado por Víctor Manuel Castiñeira Castro.

Domingo 18
12:30 h. Na Praza da Constitución, Un anaquiño de contos con Beatriz Maceda: Man. O alemán de Camelle, e obradoiro de materiais creativos.

Xosé Neira Vilas recibe o Alecrín de Ouro en Cataluña

Desde Cultura Galega:
“A Federación de Entidades Galegas en Cataluña entregou o martes 13 de agosto o seu premio Alecrín de Ouro a Xosé Neira Vilas. O escritor e activista cultural recibirá o galardón durante un acto que se celebrará no Courel, e antes do cal se inaugurará unha biblioteca. En paralelo, a Sociedade Galega Sementeira, de Basilea, Suíza, acordou nomealo socio de honra.”

Viveiro: actos do xoves 15 na Feira do Libro do 2013

O xoves 15 de agosto continúa a Feira do Libro de Viveiro (nos Xardíns de Noriega Varela, con horario de 12:00 a 14:00 e de 18:00 a 22:00 horas). Dentro dos actos para ese día, destacan a asinatura de libros, a partir das 19:00 horas, de Olalla Cociña, e a presentación, a partir das 20:30 horas, de Bágoa de Lúa, de Sabela González, publicado en Galaxia, coa presenza da autora, acompañada por Bernardo Penabade. Finaliza a xornada coa presentación de Podería falar de nubes, de Francisco Castiñeira, publicado por Redelibros.
Previamente, o mércores 14, ás 19:30 horas, preséntase o libro-DVD Morreu o demo, acabouse a peseta, publicado por Urco Editora, coa participación de Comba Campoy e Anxo García.

Betanzos: apertura da Libraría Biblos

O xoves 15 de agosto abre as súas portas a Libraría Biblos en Betanzos (Rúa Santiago, 4), con este programa de actividades:
De 11:30 a 13:00 h. Os ilustradores Xosé Tomás, Xoti de Luís, Suso Cubeiro, Xoán G. e Manel Cráneo asinarán as súas obras. Haberá globos para todos os nenos. Cinco grandes ilustradores galegos dedicarán os seus libros infantís e de adultos na libraría e na praza de Lanzós.
13:00 h. Presentación Café con Biblos e a obra En Betanzos, de Alfredo Erias, guía escrita e ilustrada para botar unha ollada á cidade e os seus barrios.
18:00, 20:00 e 20:30 h. Tapa dura, de Antón Coucheiro. Tres funcións de microteatro: entrada, 3 euros.

Viveiro: o martes 13 inaugúrase a Feira do Libro do 2013

O martes 13 de agosto inaugúrase a Feira do Libro de Viveiro (nos Xardíns de Noriega Varela, con horario de 12:00 a 14:00 e de 18:00 a 22:00 horas). Dentro dos actos literarios destacados para ese día, destaca a presentación, a partir das 21:00 horas, do poemario de Xaime Oroza, Dende mañá, con ilustracións de Otero Regal, libro editado por Regal Xunqueira.