Desde o blogue Criticalia, de Armando Requeixo:
“Velaquí a Tabela dos Libros do mes de xuño. Nela figuran seleccionados os volumes que, ao ver d@s crític@s participantes (Manuel Rodríguez Alonso, Inmaculada Otero Varela, Francisco Martínez Bouzas, Montse Pena Presas e Armando Requeixo), son estimados como os máis recomendables de entre os publicados nas últimas semanas. Boas lecturas!
Aproveitamos para informar de que durante os meses de xullo e agosto non se publicará a Tabela dos Libros, que volverá aparecer en setembro.”
Manuscritos: Francisco Fernández del Riego (II)
Desde o blogue Caderno da crítica, de Ramón Nicolás.
Noia: curso de formación do profesorado sobre Roberto Vidal Bolaño, do 3 ao 7 de xuño
Do luns 3 ao venres 7 de xuño, ás 20:00 horas, na Casa da Cultura Antón Avilés de Taramancos de Noia, terá lugar un curso de formación do profesorado sobre Roberto Vidal Bolaño.
Ten solicitada a homologación á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, e outorgará un diploma (de 10 horas). Máis información na Casa da Cultura “Antón Avilés de Taramancos” (teléfonos 981824169 e 699301481). As inscricións poden efectuarse enviando un correo electrónico a concha.allut@gmail.com.
O programa, que se pode descargar aquí: Roberto Vidal Bolaño. Un home de teatro, é o seguinte:
Luns 3
– 20:00 h. Inauguración. Lectura Dramatizada. Roberto Vidal Bolaño: a súa vida, por Xosé Manuel Fernández Castro (biógrafo).
Martes 4
– 20:00 h. Roberto Vidal Bolaño: autor. Mesa redonda: Manuel Lourenzo (autor) e Xulio Lago (director).
Mércores 5
– 20:00 h. Roberto Vidal Bolaño: director e actor. Mesa redonda: Laura Ponte (actriz), María Barcala (actriz) e Rubén Ruibal (actor e autor).
Xoves 6
– 20:00 h. Roberto Vidal Bolaño: no audiovisual. Roi Vidal (autor e biógrafo).
Venres 7
– 20:00 h. Roberto Vidal Bolaño: as postas en escena. Camilo Franco (crítico teatral).
Clausura.
Pola creatividade galega e a calidade lingüística
“Comunicado da CTNL para que as administracións públicas desenvolvan as súas accións comunicativas desde o galego e con calidade lingüística, e para que a Xunta paralice as diferentes campañas nas que descoida a lingua e as reinicie desde o galego.
A creatividade publicitaria e comunicativa galega é moita e moi boa, e así se demostra día a día en múltiples accións e campañas ideadas e planificadas por diversas empresas, publicistas ou creativas/os do país. E nesa creatividade, a lingua xoga un papel fundamental, pois con ela transmítese, comunícase, xógase, chégase, identifícase, reflexiónase e emociónase.
Por isto, para unha boa e efectiva creatividade galega, é fundamental coñecer ben o idioma galego e manexalo axeitadamente –como fan decotío moitas empresas e publicistas–, e tamén asesorarse lingüisticamente.
Non obstante, tamén abundan exemplos en que non se ten o coidado necesario na calidade da lingua, nin oral nin escrita, en anuncios, lemas, mensaxes, etc., e nótase que estes non foron revisados lingüisticamente por profesionais e, mesmo en moitas ocasións, que foron pensados noutra lingua e forzosamente, e mal, adaptados ao galego. E isto, que sempre é malo, se se fai en accións e campañas promovidas ou nas que colaboran administracións públicas, convértese en máis grave aínda.
A calidade lingüística de todos os textos e mensaxes públicas das administracións é fundamental, pois transmiten a imaxe das propias entidades, o que elas son, como traballan, o coidado que poñen no que fan, o respecto, a seriedade, o rigor…
Ademais, é habitual e lóxico que os textos emitidos desde as entidades públicas sexan interpretados pola cidadanía como modelos de lingua, o que lles confire unha importancia e responsabilidade aínda maior, que a Xunta, os concellos, as entidades de todo tipo e as empresas de publicidade non deben obviar.
Nos últimos tempos percibimos un especial e grave desleixo lingüístico en diversas accións comunicativas ou publicitarias da Xunta ou nas que esta ten unha participación ou colaboración relevante. Algúns exemplos disto son as marcas “Pesca-de-rías” ou “Leite galega 100%” e as campañas “As mulleres, pilares de Galicia” e a máis recente que se presentou estes días “Cómete o mar”, todas elas xa con erros lingüísticos nos propios nomes e lemas e tamén nos diversos soportes publicitarios, con distorsións nas mensaxes, e non pensadas nin ideadas desde o galego, con creatividade galega.
Por todas estas razóns, desde a Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL), pedímoslles a todas as entidades públicas un maior compromiso co uso e prestixio da lingua galega e coa calidade lingüística en todas as súas accións comunicativas. E, en concreto, solicitámoslle á Xunta de Galicia que paralice esas campañas, que mude os seus nomes e lemas por outros pensados en galego e desde o galego, que corrixa os diversos textos e soportes utilizados e que coide a calidade lingüística en todas as accións comunicativas e publicitarias futuras antes de seren difundidas, contando para iso con profesionais creativos/as que ideen as accións desde o galego e con profesionais que asesoren sobre o uso da lingua.
Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL)
31 de maio de 2013″
Bases dos Premios da Crítica Galicia 2013
– Primeira. Os Premios da Crítica Galicia institúense coa finalidade de facer público o recoñecemento que, dentro do marco xeral da cultura galega, merezan os labores individuais ou colectivos que cada ano cristalicen en achegas relevantes para os diversos ámbitos da creación cultural e da investigación en Galicia.
– Segunda. Os Premios da Crítica Galicia abranguen as seguintes modalidades:
* I. Creación Literaria. Considéranse premiables todas aquelas obras de narrativa, poesía, ensaio, textos dramáticos, guións, xornalismo de opinión, incluíndo a creación literaria infantil e xuvenil, editadas en lingua galega entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2012.
* II. Investigación. Considéranse premiables todas aquelas obras resultado dunha investigación contrastada e rigorosa concluída entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2012. O xurado valorará o recoñecemento que estas obras de persoas ou colectivos recibisen por parte de especialistas no ámbito da súa disciplina, así como contar con algunha manifestación en lingua galega e a súa repercusión obtida dentro e fóra de Galicia durante o ano 2012. Así mesmo, considéranse premiables todas aquelas persoas ou entidades que, tendo unha traxectoria iniciada con anterioridade, ofrecesen dentro e fóra de Galicia un fito destacado na investigación durante o ano 2012.
* III. Música. Considéranse premiables todos aqueles traballos de composición, interpretación, compilación musical editados en formato de partituras, discos ou comunicados publicamente en Internet entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2012. Tamén se consideran premiables as composicións e obras musicais estreadas nese período e os labores interpretativos nos que concorran características que lles confiran unha recoñecida proxección ao longo do mesmo período. Outrosí, poderán recoñecerse todas aquelas iniciativas que ao longo do ano contribuísen de xeito relevante á promoción da música na sociedade galega. Así mesmo, considéranse premiables todas aquelas persoas que, tendo unha traxectoria iniciada con anterioridade, ofrecesen dentro e fóra de Galicia un fito destacado na música durante o ano 2012.
* IV. Iniciativas culturais. Considéranse premiables todos aqueles feitos ou labores que, emprendidos por persoas, asociacións, entidades ou todo tipo de institucións, destacasen na defensa, pulo ou espallamento da cultura galega e que, podendo ser consecuencia dunha traxectoria iniciada con anterioridade, permanecesen vixentes durante o ano 2012.
* V. Artes plásticas e visuais. Considéranse premiables todos aqueles traballos de pintura, escultura, fotografía, videocreación artística, arquitectura e deseño que fosen realizados, presentados en exposicións ou comunicados publicamente de forma presencial ou virtual entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2012. Así mesmo, considéranse premiables todos aquelas persoas que, tendo unha traxectoria iniciada con anterioridade, ofrecesen dentro e fóra Galicia un fito destacado no eido das artes plásticas e visuais durante o ano 2012.
* VI. Artes escénicas e audiovisuais. Considéranse premiables nesta modalidade todos aqueles traballos de teatro, danza, maxia, circo, cine, vídeo e televisión, estreados ou comunicados publicamente de forma presencial ou virtual entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2012. Así mesmo, considéranse premiables todos aquelas artistas do eido das artes escénicas e audiovisuais que, tendo unha traxectoria iniciada con anterioridade, ofrecesen dentro e fóra de Galicia un fito destacado durante o ano 2012.
– Terceira. O xurado de cada unha das modalidades terá competencia exclusiva para establecer os criterios de valoración (calidade, incidencia social, oportunidade, novidade…) de cada unha das candidaturas concorrentes. Con todo, o recoñecemento da excelencia e da relevancia para a cultura galega que ofrezan as achegas a considerar, deberá ser a guía sobranceira no seu proceso de avaliación. Así mesmo, naquelas manifestacións culturais que precisen da intervención do idioma este será o galego.
– Cuarta. Os membros de cada un dos xurados serán designados pola FUNDACIÓN PREMIOS DA CRÍTICA GALICIA entre persoas recoñecidamente solventes en cada un dos eidos aos que atinxe cada unha das modalidades. Os membros do xurado non poderán ter relacións de autoría coas candidaturas concorrentes na súa modalidade, comprometéndose a aceptar as presentes bases.
– Quinta. O xurado de cada modalidade compoñerase de sete membros con voz e voto, entre os que se incluirá unha secretaría vinculada á FUNDACIÓN PREMIOS DA CRÍTICA GALICIA. A secretaría fará circular a información que se fose recabando entre as candidaturas presentadas, convocará as reunións do xurado e levantará acta dos acordos adoptados en cada unha delas.
– Sexta. O premio será único e indivisible en cada unha das modalidades, podendo quedar deserto, se así o considera o xurado. As decisións finais de cada un dos xurados, que serán inapelables e adoptadas por maioría de votos, tomaranse nunha sesión de traballo que se celebrará o mesmo día do ditame.
– Sétima. Todas as producións que se consideren premiables en cada unha das modalidades poderán ser presentadas polos seus autores, editores ou promotores ás secretarías dos xurados. Así mesmo, cada un dos membros dos xurados poderá presentar cantas candidaturas considere oportunas para a súa valoración polo resto dos membros.
– Oitava. Os ditames de cada unha das modalidades daranse a coñecer no decurso dun acto público que se celebrará o 19 de outubro de 2013 na cidade de Vigo.
Vídeos da Gala das Letras 2013 (II): entrega dos premios de Literatura Infantil e Xuvenil a Ledicia Costas e Xornalismo Cultural a Ana Romaní
A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega celebrou o 4 de maio, no Centro Ágora da Coruña, a Gala das Letras 2013.
Seguimos dando a coñecer nesta Axenda os vídeos onde se recollen as intervencións que tiveron lugar ese día. Pódense consultar todos aquí.
– Intervención de Ledicia Costas, como gañadora do Premio de Literatura Infantil e Xuvenil. Pódese ver nesta ligazón.
– Intervención de Ana Romaní, que recibiu o Premio de Xornalismo Cultural, desde aquí.
A Coruña: recital de Branca Novoneyra e Márcio-André no Ciclo Poetas Di(n)versos
O luns
3 de xuño, ás 20:30 horas, no Auditorio do Centro Ágora (Rúa Ágora, s/n) da Coruña, terá lugar unha nova edición do Ciclo Poetas Di(n)versos, coordinado por Yolanda Castaño e promovido pola Concellaría de Cultura da Coruña, cun recital de obra propia nun man a man de Branca Novoneyra e o poeta brasileiro Márcio-André.
Manuscritos: Xosé Neira Vilas (II)
Desde o blogue Caderno da crítica, de Ramón Nicolás.
Compostela: 2º Exprés Literario-Libros a toda mecha
Santa Cruz, Oleiros: presentación de Atlas de Chaguán e Letras de Amor e Guerra
O sábado 1 de xuño, a partir das 19:00 horas, no Centro Cívico de Santa Cruz (Oleiros), preséntanse conxuntamente os libros Atlas de Chaguán, de Rosa Enríquez, e Letras de Amor e Guerra, de Ramiro Vidal, publicados por A porta verde do sétimo andar. No acto tamén haberá a participación musical de Miguel Alonso.