A guerra de Celso Emilio Ferreiro

Entrevista a Ramón Nicolás en Faro de Vigo:
“O levantamento militar do 1936 supuxo para Celso Emilio Ferreiro o paso á escuridade. Durante os tres días seguintes ó estoupido, o poeta de Celanova andou fuxido, acubillándose na casa duns familiares en Ramirás. Tras esas xornadas, optou por regresar á casa de Celanova onde lle agardaba unha decisión sen volta atrás, alistarse no bando franquista.
Este fragmento da historia de Ferreiro inclúese na biografía que o profesor vigués Ramón Nicolás publica para Xerais baixo o título Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro e que se presentou recentemente en Compostela.
“Os seus dous irmáns máis vellos obrigárano a alistarse no bando franquista para salvarse. Chamábame a atención que Celso Emilio liderara as Mocidades Galeguistas de Celanova no 36 e que se alistase cos franquistas”, sinalaba onte Ramón Nicolás. O destino bélico do poeta foi Asturias durante tres anos. Foi nesa época na que coñecería a súa futura muller, Moraima. “Aí comezou o noivado. Despois da Guerra, el vai vivir para Pontevedra e casa con ela”, sinalou o biógrafo. Dese tempo, gárdanse uns versos inéditos, Poemas da Guerra, en castelán. Trátase, explicou Ramón Nicolás de “composicións amorosas adicadas a Moraima pero nos que tamén trata a súa situación persoal de desazón”.
A guerra, pero na nova volta a de carácter silencioso e clandestino, voltaría á vida do poeta no 1963 cando cofunda xunto a outros persoeiros -como Xosé Luís Méndez Ferrín– a Unión do Povo Galego (UPG), de carácter nacionalista. “Celso Emilio estivo en actividades clandestinas ata 1966. Fórono cercando. El traballaba en seguros sociais e era procurador e había presións para que non traballasen con el. Por iso, para sobrevivir, marchou para Caracas coa idea de estar un mes inda que despois foron sete anos”, lembrou Nicolás.
De Caracas, marcharía con dor expulsado da Hermandad Gallega -institución que o chamara para traballar alí- polo seu libro Viaxe ao páis dos ananos, no que criticaba a unha parte da emigración galega que pensaba máis en supera-la miseria e enche-lo peto que en defender o ideal de nación galega, o que molestou ós asociados do ente venezolano.”

Vigo: homenaxe a Francisco Fernández del Riego

O luns 4 de marzo, na Universidade de Vigo, terá lugar unha homenaxe a Francisco Fernández del Riego, co seguinte programa:
12:00 h. Xardíns do CACTI (Centro de Apoio Científico e Tecnolóxico á investigación): descubrimento dunha placa ao pé do pradairo plantado en 2010 na súa honra.
Interveñen: Xosé-Henrique Costas (vicerreitor da UVigo), Alfonso Zulueta de Haz (presidente da Fundación Penzol)
13:00 h. Mesa redonda: Lembranza e semblanza de D. Paco del Riego no Salón de Graos da Facultade de Filoloxía e Tradución.
Interveñen: Camiño Noia (catedrática de Filoloxía Galega da UVigo), Malores Villanueva (profesora de Lingua Galega na UB), Ana Mª Fernández del Riego (irmá de D. Paco), Francisco Domínguez (director da Fundación Penzol)
Organizan: Vicerreitoría de Extensión Universitaria e Fundación Penzol.
Colaboran: Trabalingua, Comités.

Ferrín di que informará “ao seu debido tempo” sobre se repensa a súa dimisión

Desde La Voz de Galicia:
Xosé Luís Méndez Ferrín asistiu este mediodía na sede da Real Academia Galega ao primeiro acto público desde que o pasado luns anunciou a súa dimisión como presidente da centenaria institución.
Ás insistentes preguntas dos xornalistas sobre a súa decisión de abandonar a Academia, Ferrín respondeu unha e outra vez cun rotundo «non hai comentarios». Só se limitou a responder que informará «ao seu debido tempo» sobre a posibilidade de repensar a súa dimisión ante as mostras de apoio de destacados académicos, como Manuel Rivas e Darío Xohán Cabana, e de entidades como a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega e o Centro PEN Galicia, que pediron expresamente que continúe no seu cargo ata esgotar o seu mandado en xaneiro do 2014. Ante a pregunta de como estaba dixerindo o conflito na Real Academia Galega sinalou: «Moi enxeñoso. Ben, grazas».
Méndez Ferrín fixo estas declaracións tras presidir, na sede da Real Academia Galega, a presentación do Dicionario de alimentación e restauración, acto no que interviron tamén o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e Manuel González, tesoureiro da Academia e coordinador desta publicación.”

A AELG pídelle a Ferrín que continúe como presidente e non abandone a Academia

Desde Sermos Galiza:
“A AELG solicítalle a Xosé Luis Méndez Ferrín que continúa nas súas funcións como presidente e non abandone a Academia. A Asociación presidida por Cesáreo Sánchez Iglesias “respectando as súas decisións persoais” ínstalle, tanto a el como a todos os membros da RAG a pensar “no papel histórico que ten a Academia e que ten que seguir a desenvolver”.
Para a entidade que agrupa aos escritores e escritoras, a marcha de Ferrín significaría “un empobrecemento na pluralidade que é necesario teña a RAG”. Fai por iso un chamamento para que os problemas da Academia “sexan resoltos dentro dos organismos da Academia dialogando, para manter a súa independencia na defensa da nosa cultura e do noso idioma”.
Defenden que a sociedade precisa dunha RAG “que sexa lugar de confluencia e símbolo público de prestixio social e cultural”. Para a AELG, a situación do idioma “non permite ter unha Academia en conflito interno e proxectando unha imaxe pública de descrédito”.”

Uns humoristas “bos e xenerosos”

Desde Sermos Galiza:
“A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) acaba de conceder a súa distinción Os Bos e Xenerosos aos humoristas gráficos da xeración de Siro, Xaquín Marín, Xosé Lois, Gogue e mais Pepe Carreiro, que, en palabras do presidente da Asociación, Cesáreo Sánchez, “trasladaron uhna imaxe crítica e lúcida da nosa sociedade en galego”.
A distinción Os Bos e Xenerosos, que chega á súa décima edición, supón, segundo a AELG, “un acto de estudo e recoñecemento dunha figura ou colectivo que, pola súa dilatada actividade de intervención social, contribuíse á difusión da nosa cultura”.
En efecto, a xeración destes cinco humoristas protagonizou a que podemos chamar sen medo a esaxerar “a segunda idade de ouro do humor gráfico galego”, logo da primeira e xenuína, a desenvolvida antes da Guerra Civil por Castelao, Maside, Cebreiro, Vidales Tomé e tantos outros. Foi entón cando Castelao creou propiamente o humor gráfico galego, galeguizando a caricatura modernista do noruegués Gubralsson e outros debuxantes da revista alemana Simplicissimus.
A Guerra Civil rachou con esta farturenta tradición e deu lugar a unha longa travesía no deserto de máis de tres décadas. Nese tempo de cativez salientaron só algúns nomes excepcionais como Atomé, que colaborou en El Ideal Gallego ata a súa morte en decembro de 1974, ou Quesada, que se xubilou en 2011 logo de colaborar durante 50 anos en Faro de Vigo. (…)”.

Ourense: presentación de A noite branca, de Francisco X. Fernández Naval

O venres 1 de marzo, ás 20:15 horas, no Centro Cívico da Ponte (Rúa Euloxio Gómez Franqueira, 43) de Ourense, preséntase a novela A noite branca, de Francisco X. Fernández Naval, publicada en Xerais. No acto, onde participan, xunto ao autor, Rosa Martínez e Francisco Rodríguez, haberá tamén unha intervención musical a cargo da Rondalla Alecrín, coorganizadora da presentación, dirixida por  Xoán Vázquez Casas.

A demisión de Ferrín en once claves: da sombra de nepotismo á guerra polo control da RAG

Desde Sermos Galiza:
“Despois de sumar opinións de distintas partes, de dentro e fóra da Academia, arredor da demisión de Ferrín constrúese un mosaico complexo de argumentos que dan conta do momento convulso da Institución. Através de once puntos tentamos, coa información recadada, achegarmos ás razóns e as claves para interpretar o portazo do escritor ao edificio da coruñesa rúa Tabernas.
Para a historia, todo foi no Día de Rosalía.
O último acto institucional de Xosé Luís Méndez Ferrín é a conmemoración do Día de Rosalía na Casa da Matanza nos actos organizados pola Fundación Rosalía, a Universidade de Vigo máis a propia Academia. Varias persoas que compartiron con el a xornada aseguran que nada facía indicar que o presidente tiña vontade de demitir nas seguintes horas. A carta foi enviada polo secretario no día 25, mais a súa sinatura é do propio día 24, unha xornada de especial relevancia no calendario das Letras, data que quedará tamén marcada na biografía literaria de Ferrín.
Dúas entrevistas tensionan fóra de Tabernas.
A tensión que nos últimos meses se viviu dentro do edificio da rúa Tabernas apenas traspasou os seus muros. Sábíase do desencontro, mais ningunha persoa con posto numerario na Academia fixera até entón declaración pública algunha. Porén, dúas entrevistas trasladaron máis alá das portas da sede da institución os problemas que latexaban dentro. A primeira, a do propio Ferrín con Kiko Novoa na RG. Os silencios e o malestar de Ferrín deixábanse ver nunha conversa que rolou polas redes sociais. A segunda, en La Voz de Galicia, o propio día que se fai pública a demisión, cando, desde a mañá as declaracións do secretario Xosé Luís Axeitos acenderon a mecha da mañá máis tensa que se lembra na Academia. Axeitos puña a mira noutras dúas institucións, o Consello da Cultura Galega e o Instituto da Lingua Galega para os acusar de control da Academia e de presións para que se retirara o recurso contra o decreto do bilingüísmo.
Acusacións a un Instituto da Lingua Galega que Ferrín apoiou.
O secretario da Academia, Xosé Luís Axeitos, pon no seu albo o ILG e o CCG para explicar a tensión que logo desembocaría na demisión de Ferrín. Os membros do ILG son o colectivo mellor representado na Academia e todas as persoas máis destacadas da súa historia teñen cadeira en Tabernas. Aliás, é no mandato de Ferrín cando a súa presenza se reforza aínda máis. Na directiva sitúa dúas persoas do grupo lingüista de Santiago, Manuel González -máis vencellado ao Ramón Piñeiro, pero no ILG na súa orixe- máis Francisco Fernández Rei. Aos dous, como membros da executiva, Ferrín agradécelle o seu servizo e a súa entrega na carta. Alén diso, nos tres anos de presidencia de Ferrín, entran na Academia dous numerarios máis de ampla traxectoria e grande influencia no Instituto: Henrique Monteagudo e Xosé Luís Regueira. Na Academia están tamén Antón Santamarina, Rosario Álvarez e Ramón Lourenzo, até agora amigo persoal do presidente con quen fixera parte do grupo Brais Pinto.
Xosé Ramón Barreiro Fernández, Francisco Díaz Fierros, Andrés Torres Queiruga, Rosario Álvarez, Vítor Freixanes e Ramón Villares -presidente- son os membros do Consello da Cultura Galega que teñen cadeira en Tabernas. Rosario Álvarez pertence a un e outra institución aínda que ven de deixar o seu cargo como directora do ILG. A uns e outros diríxense as acusacións de Axeitos, sen dúbida, un poder dentro da Academia.
Onde están os lingüístas da Coruña?
Contra esta situación, silencio a berros foi sempre o feito de non ter entrado na Academia ningunha persoa relacionada coa Facultade de Filoloxía da Coruña, grupo defensor no seu tempo da normativa de mínimos. A maior relación que este grupo chegou a ter coa institución foi teren elaborado o proxecto para a reforma da normativa que se levou dúas veces a pleno. A primeira, no tempo de Fernández del Riego, fora rexeitada para logo, despois dunha pequena modificación, superar a votación de Tabernas. Daquela, filólogos como Xosé Ramón Freixeiro Mato ou Manuel Ferreiro tiveron un papel destacado na comisión partillada con membros do ILG. Os filólogos da Coruña non só nunca entraron senón tampouco foron propostos como candidatos. Sen terciar pregunta, este feito sae na conversa das partes. Tampouco a Universidade de Vigo conta con presenza na institución.
A carta: di moito e cala máis.
Con catro parágrafos e unha despedida, Xosé Luís Méndez Ferrín puña o ramo á súa xestión diante da Academia. Contra as explicacións que nese mesmo día a súa man dereita, Xosé Luís Axeitos, deitaba no xornal de Sabón, Ferrín non vai dar datos nin facer explicacións arredor das polémicas en que nos últimos meses se viu envolvido. Porén, dous elementos van confirmar a versión de Axeitos. En primeiro lugar, a carta está enviada polo propio secretario despois de saír a súa entrevista e a el se refire con especial atención Ferrín, agradecendo a súa colaboración con agarimo. En segundo lugar, o presidente alude directamente a “académicos e académicas unidos a persoas externas, fixéronme sentir que eu non teño sitio na Academia”. A elas responsabiliza da súa marcha, o que tamén agradece. A carta de Ferrín evidencia certa liberación por poñer fin a unha etapa que, segundo fontes próximas, foi especialmente dura no persoal para el coa imaxe danada por acusacións de nepostismo e o que considera traición dalgúns bos amigos cos que compartía xuntanzas na Academia.
“Onde non debo estar os poucos días que me resten de vida”.
O que está considerado un dos maiores escritores da nosa literatura contemporánea deixará de ter presenza na Academia Galega. Ferrín non só demite do seu cargo de presidente, senón tamén renuncia a ser numerario, posto que os estatutos contemplan como vitalicio. O escritor transmite, con esta frase, o cansanzo e o irrespirábel da súa situación en Tabernas. Varias persoas do seu entorno sinalaban a súa vontade de pechar a porta, cun agotamento persoal polas presións dos últimos tempos. Se unha demisión é inusual, un abandono da institución é histórico. Só Jenaro Marinhas del Valhe se atreveu a facer un xesto de igual contundencia coa Academia, en claro sinal de protesta polo trato que a institución estaba a dar a Ricardo Carvalho Calero.
O que acontece entre-plenos.
O episodio máis abrupto da historia recente da Academia Galega virá marcado por dous plenos. Varias fontes informan da tensión vivida no último celebrado, cando varios membros pediron contas económicas da xestión dos orzamentos e reclamaron que se dese unha explicación pública ao contrato de familiares na institución. As distintas fontes relatan o momento de desigual maneira, por unha parte, explican a dinámica da Academia de non presentar no plenario as contas do exercicio, contra o que se recolle nos Estatutos, pola outra, aseguran que o ton foi intimidatorio e evidenciaba sospeitas sobre a xestión dos cartos da institución. O que si confirman ambas partes é que o pleno foi tenso e xa non permitía moita volta atrás. A executiva tería que explicar o destino dos orzamentos no próximo pleno, que agora quedará focalizado nun punto novo e de especial atención: a aceptación da dimisión e renuncia de Ferrín.
O caso do coche e os fillos.
Mais son, sen dúbida, o contrato de fillos de membros da executiva e a cesión por parte da Consellaría de Presidencia dun Audi á Academia os feitos dos que Ferrín ten difícil fuxir no entramado que se creou arredor da súa demisión. O presidente nunca quixo explicar as razóns de que na Academia entraran a traballar a súa filla e o compañeiro desta nin que na institución tivesen relación laboral -xa anterior a súa entrada- o fillo de seu secretario Axeitos e o fillo e o cuñado do tesoureiro Manuel González. Ferrín deu o silencio por resposta cada vez que se lle preguntou polo tema, de maneira especial, en medios vencellados á dereita, con amplas reportaxes no ABC. Para algún membros da parte á que agora se dirixe o presidente, Ferrín tiña obriga de aclarar a situación dando algunha razón que puxera freo á acusación de nepotismo que lixou a imaxe da institución. Na recente entrevista da Radio Galega, un Ferrín notabelmente incomodado repetía que non ía facer comentarios do contrato dos seus familiares ao tempo que afirmaba que o Audi era “de Rueda”.
Como respira o entorno do PP?
Nunha situación de crise absoluta e grave enfrontamento cos distintos sectores da Cultura, o PP no goberno da Xunta quixo en todo momento botar man das institucións e organismos culturais para gañar a batalla ás acusacións de estaren contra a cultura galega. As fotos do presidente da Xunta ou algún dos cargos do seu goberno en actos oficiais foron, nos últimos anos, comúns. O propio Ferrín recoñecía na RG a súa boa sintonía co Presidente e máis con distintos cargos do goberno. Que Ferrín só levantara a lebre dos orzamentos da Academia unha vez pasadas as eleccións foi tamén criticado no mundo da cultura. A entrega por parte de La Voz de Galicia do seu premio ao presidente da Real Academia Galega mudou, por outra banda, a liña que o xornal de máis difusión no país manteu sempre arredor do escritor.
Porén, o secreto a voces do que acontecía na Academia salta a través dun medio españolista e de dereitas como ABC, ariete contra a normalización lingüística. O ABC en distintas reportaxes destapa a acusación de nepotismo e arremete contra a Academia, situando a Ferrín nun momento de especial dificultade na rúa Tabernas. Ao tempo AGE, a formación á que está vinculado Ferrín, militante histórico da FPG, mostrou o seu apoio institucional á Academia mais tampouco se meteu en momento algún nas acusacións que verquían sobre o seu presidente e persoa coa que compartiran a campaña política.
Apuntan cara o grupo relacionado con Galaxia.
Unha persoa relacionada coa Academia, a respecto da dimisión, comentaba, “isto vén de Galaxia”. A explicación, que podería semellar fóra de lugar quería dar conta dun grupo que emerxe con forza e que se articula especialmente arredor de Vítor Freixanes -director da Editorial Galaxia- e de Ramón Villares -presidente do CCG-, ambos membros destacados do CCG e “tandem” persoal e cultural. Cara á eles diríxense algunhas das olladas que comezan a poñer nomes ao relevo de Ferrín, home, por outra parte, vinculado a Xerais.
O recurso contra o Decreto do plurigüísmo salta a primeiro plano.
Se o caso do coche e os fillos estaba nos faladoiros desde hai meses, é Axeitos quen fai saltar a primeiro plano unha posíbel tensión e presións co fin de a Academia retirar o recurso presentado contra o Decreto de Plurilingüísmo da Xunta. Certo é que o paso adiante da Academia tivo especial relevancia á hora de manifestar a oposición tamén institucional ao texto legal do goberno de Feijóo e é por esa razón pola que, de onte para hoxe, boa parte do debate foi recaer precisamente sobre este tema. Entidades como a Mesa pola Normalización Lingüística esixiu tanto ao Consello da Cultura Galega como ao ILG que desmintan ao secretario da Academia e, de non facelo, pedirán tamén a demisión debido á gravidade das acusacións.”

O Consello da Cultura Galega afirma que as acusacións de intromisión na RAG son “totalmente infundadas”

COMUNICADO DO CONSELLO DA CULTURA GALEGA

A Comisión Executiva do Consello da Cultura Galega, diante das informacións aparecidas nestes días nos medios de comunicación que se refiren ao papel desta institución, fai público o seguinte comunicado que pode ler no interior desta información.
A Comisión Executiva do Consello da Cultura Galega, diante das informacións aparecidas nestes días nos medios de comunicación que se refiren ao papel desta institución, manifesta:
1º) Que o Consello da Cultura Galega é unha institución estatutaria, creada por Lei do Parlamento Galego en 1983, composta por personalidades e representantes de institucións, como universidades, centros de investigación, fundacións e academias, entre elas a Real Academia Galega. Como órgano asesor e consultivo, actúa con independencia respecto dos poderes públicos.
2º) Que as insinuacións sobre posibles interferencias ou intromisións desta institución no traballo doutras e, concretamente, da Real Academia Galega son totalmente infundadas.
3º) Que o Plenario desta institución se pronunciou por dúas veces, en datas recentes, sobre a situación da lingua galega, nunha Proposta institucional e nun Ditame sobre o decreto de plurilingüismo. Estes informes son públicos.
Esta Comisión Executiva quere facer unha chamada pública a favor da actuación responsable, no ámbito das súas competencias, das institucións da cultura galega, e considera imprescindible manter liñas de colaboración e de respeto mutuo, como o Consello da Cultura Galega vén practicando de forma sistemática desde a súa creación.