Acta do xurado do X Certame de narración breve Mestre Manuel Gacio

As bases desta edición poden consultarse aquí.

A Asociación Galega de Editoras estrea o Premio Editio recoñecendo a traxectoria da Libraría Cartabón

Desde Cultura Galega:
“A Asociación Galega de Editoras (AGE) vén de anunciar o nacemento dun novo galardón no panorama cultural do país: o Premio Editio. Esta iniciativa ten como obxectivo recoñecer o labor daquelas entidades, empresas ou persoas que se distingan pola promoción e defensa da cultura, a propiedade intelectual e, de xeito particular, do mundo do libro galego. O premio, cuxa candidatura é proposta pola Xunta Directiva da AGE, ten vocación de continuidade e entregarase anualmente cada 17 de decembro, coincidindo coa celebración do Día da Edición. Para a estrea desta distinción, a AGE seleccionou á Libraría Cartabón de Vigo. A asociación xustifica a escolla no papel da libraría como un referente indiscutible na promoción da literatura e do libro galego. O recoñecemento chega nun momento especial para o establecemento vigués, que neste ano 2025 vén de celebrar o seu 40 aniversario de actividade. A cerimonia de entrega terá lugar o propio 17 de decembro.”

Manuel López Foxo: “O libro pretende convidar a reflexionar sobre o país, sobre o que fomos e o que podemos ser”

Entrevista de Sergio Casal a Manuel López Foxo en Nós Diario:
“Manuel López Foxo (Ortigueira, 1960) publica A construción da nación desde o realismo político (Lorref), unha reflexión que visita o galeguismo histórico para repensar o nacionalismo actual. A obra compila artigos do autor e apela ao diálogo, á memoria e ao país que está por construír.
– Nós Diario (ND): Realismo político e nacionalismo galego. Como se conxugan estes conceptos na teoría e, sobre todo, na práctica no ano 2025?
– Manuel López Foxo (MLF): Todo proxecto político ten que adecuar a súa alternativa ao momento social e político no que vive e facelo sen renunciar ao seu ideario. Eu por iso parto da experiencia do Partido Galeguista na II República, porque penso que nos deron unha lección de realismo. Sen renunciar aos ideais que tiñan, foron capaces de aproveitar ese momento histórico, de entender cal era a correlación de forzas e de comprender que conseguir o Estatuto de autonomía naquel momento era fundamental para asegurar a personalidade e o futuro de Galiza como nación.
Partindo desa base, neste momento, o realismo político ten outro contexto, onde o nacionalismo galego é segunda forza política e unha alternativa de Goberno. Por isto, ten que adecuar o seu discurso e o seu xeito de traballar para lograr ese cambio político galego. Non porque sexa algo que precise o nacionalismo, senón porque o precisa o país.
– ND: E desde que espazo se constitúe unha alternativa política que xere maiorías suficientes?
– MLF: O libro non ofrece unha visión ideolóxica, senón unha visión de país. Eu teño moi claro que o importante é tecer país.
O país técese desde o propio nacionalismo pero tamén desde outras visións que existen na sociedade. Persoas que, aínda non considerándose nacionalistas, acreditan que este país ten dereito a ter outro futuro e outro presente. (…)”

Abraham Pérez: “Os relatos teñen diferentes capas de complexidade”

Entrevista de Marta Río a Abraham Pérez en El Progreso:
“(…) Na presentación, o lucense estivo acompañado de Xerardo Quintiá, con quen mantivo unha conversa sobre a obra. “El tamén ten un libro de relatos de fai anos que pasou bastante desapercibido. Temos moita afinidade literaria”, relatou.
Os relatos que se plasman no libro son “tecnicamente distintos” pero “sinxelos” de ler. “Todos teñen diferentes capas de complexidade”, explicou o autor. “O lector, en base á súa experiencia e ao seu contexto, quedará con algo distinto”, relatou.
As inquietudes do autor atravesan toda a súa obra, desde os seus poemarios até algún ensaio. “Hai diferentes formas de comprender o mundo e a miñá é a literatura”, explicou. “As miñas preocupacións están detrás de todo o que fago”, engadiu. (…)”

Fran Fernández Davila: “Celebraremos o Día Letras Galegas co nome de Agustín e eu estarei orgulloso de ser un dos seus escudeiros”

Entrevista de María Roca a Fran Fernández Davila en El Progreso:
“(…) – El Progreso (EP): Como recibiu a noticia?
– Fran Fernández Davila (FFD): Pois moi ben! A verdade é me facía moita ilusión gañar o premio. Agustín Fernández Paz é un referente inmenso para min. Algunha das súas obras son das mellores da literatura galega dos últimos corenta anos. (…)
– EP: Que pode contar da súa obra, baixo o lema O muro?
– FFN: O primeiro que debo dicir é que O muro é só o lema co que presentei a novela, o título vai ser unha sorpresa que anunciaremos no seu momento, e que fai referencia ao illamento comunicativo que Lucía, a protagonista, sente respecto ao seu pai, e que baixo ningunha circunstancia lle permite facer o que máis lle gusta a ela, que é xogar ao fútbol. A partir de aí é unha historia de conquista, aventura e, sobre todo, recuperación do amor á vida a través do deporte.
– EP: En que se inspirou para esta historia?
– FFN: A miña inspiración para os meus libros sempre é a miña filla. Da miña relación con ela saco todos os dilemas e desafíos que me fan interesante a vida. Estou a aprender moito dela porque tamén me axuda a recordar como era eu á súa idade. Aínda así, os personaxes da novela son o contrario de nós. A ela non lle gusta nada o fútbol e para min é unha paixón. (…)”