Compostela: presentación de O idioma galego baixo o franquismo, de Henrique Monteagudo
Ferrol: “50 aniversario das mobilizacións operarias (e sucesos) de Ferrol”
Bases do XV Premio Internacional Compostela para Álbums Ilustrados
Carballo: presentación de Pioneiras da ciencia en Galicia, de Manuel Rey Pan e Elena Vázquez Cendón
Carballo: curso de poesía a cargo de Miguel Anxo Fernán-Vello
Luísa Villalta, a homenaxeada no Día das Galegas nas Letras 2022
Desde Nós Diario:
“Luísa Villalta foi unha das escritoras chave na transición entre as xeracións poéticas dos 80 e dos 90. Pioneira da virada feminista da poesía galega da época, publicou catro libros.
A plataforma de crítica literaria A Sega vén de anunciar que o Día das Galegas nas Letras homenaxeará este ano a Luísa Villalta. “Celebrámoste desde ti, desde o teu pensar, lúcida e comprometida, sempre na construción dun pobo, dese pobo que foxe de si mesmo, dunha literatura, dunha lingua, no foro da cultura. Ti, na liberdade, da contra-ética do poder”, indican desde A Sega no manifesto. (…)
A Nosa Señora das Letras é un título creado hai xa nove anos para destacar a figura daquelas mulleres que contribuíron á cultura galega en xeral e, sobre todo, á literatura. O ano pasado a honra foi para escritora de literatura xuvenil de ficción científica e “raíña da retranca” Uxía Casal.
Esta iniciativa do colectivo comezou en 20014, cunha dedicatoria a Dorothé Schubarth. 2014, dedicándollo a Dorothé Schubarth. Ao longo dos anos foron destacadas María Victoria Moreno, María Xosé Queizán, Patricia Janeiro, Marica Campo, Imma António e Xela Arias.
Reproducimos a seguir mo manifesto da Sega:
“No mesmo lado, o compromiso.
Celebrámoste desde a complexidade da épica ao publicismo, deste ti, desde o teu pensar, lúcida e comprometida, sempre na construción dun pobo, dese pobo que foxe de si mesmo, dunha literatura, dunha lingua, no foro da cultura.
Ti, na liberdade, da contra-ética do poder.
Lémoste e sentímoste na arela dun teatro de nós que te abrigue e nos abrigue, dramaturga, que nos adentra no paseo das esfinxes e nas certezas de Ofelia.
Lémoste e aprendemos, ensaísta, que nos enreda na ecuación teatral de Don Hamlet, para nos mostrar esa obra enteiramente nova; para nos levar ao outro lado da música, para nos guiar pola poética, sobre un certo estado de conciencia e nos erguer desde a prensa o libro das columnas.
Lémoste e gozamos, narradora, da lingua coa que nos convocas, nesa teoría de xogos en que lle dás a man ás afinidades electivas, para andarmos mundo; a lingua que non se pode chamar silencio, e por iso nos legas as chaves do tempo para abrirmos ao futuro o reino que un día perdemos.
Ti, que sabes do couto á liberdade, do silencio, da banalización, das estratexias para neutralizar o discurso ético e literario.
Lémoste, poeta, e gozamos e cantamos e a música reservada estoupa e xorde o ruído e soñámoste co violín e préndensenos as túas palabras coas que vestimos minutos de poemas polo papagaio nunha rota ao interior do ollo contigo no outro lado da música, na Cidade Alta.
Ti, que reclamas a liberdade de ser escritora galega nunha Galiza viva e democrática.
Galiza, esa palabra, que pronunciaches con boca chea.
Ti, que dixeches isto é tamén unha muller que resiste.
Igual que un tigre ignora a tigritude:
Salta.
Penelopetece o tecido do regreso.
Celebrámoste, gozamos, saltamos contigo, LUÍSA VILLALTA.”
A Coruña: “Creación galega en feminino. 8 de marzo”
Bases do XI Premio de poesía Manuel Leiras Pulpeiro
“O Concello de Mondoñedo, coa finalidade de honrar a memoria do escritor mindoniense Manuel Leiras Pulpeiro e, asemade, colaborar na promoción da escrita poética en lingua galega e na divulgación das súas autoras e autores, convoca o XI Premio de Poesía Manuel Leiras Pulpeiro, que se rexerá polas seguintes bases:
PRIMEIRA. Poderá concorrer ao premio calquera persoa física que presente a súa obra en lingua galega, conforme ás normas ortográficas vixentes e sancionadas pola RAG.
SEGUNDA. Os poemas serán orixinais e inéditos tanto en soporte impreso coma dixital e non poderán ter sido premiados noutros concursos en data anterior á deliberación do Xurado. O incumprimento dalgunha destas condicións nas obras premiadas significaría a anulación das adxudicacións, procedendo o Xurado a formular de novo as propostas de adxudicación ou declarando deserto o premio.
TERCEIRA. As composicións terán unha extensión máxima de 150 versos e serán de tema libre.
CUARTA. Deberán presentarse catro copias en tamaño DIN A4 impresas a dobre espazo.
QUINTA. Os orixinais non poderán ir asinados nin levarán inscrición ningunha que puidese suxerir o nome do autor ou autora, sendo presentados cun lema e título.
En sobre á parte e cerrado constará o lema e o título no exterior e, no interior, o nome e apelidos do autor ou autora, domicilio, teléfono e fotocopia do DNI polas dúas caras ou, de ser menor, fotocopia do libro de familia na folla correspondente á persoa que se presenta a concurso.
O Xurado poderá eliminar por defecto de forma as obras presentadas que non se axusten ao disposto nesta base.
SEXTA. O prazo de admisión de orixinais remata o día 15 de setembro de 2022, considerándose incluídas neste prazo as obras que, enviadas por correo, presenten selo postal de orixe con esta ou anterior data.
As obras deberán enviarse ao seguinte enderezo:
Concello de Mondoñedo
Praza do Concello, 1
27740 Mondoñedo (Lugo)
Coa indicación: XI Premio de Poesía Manuel Leiras Pulpeiro.
SÉTIMA. O Xurado, que estará composto por tres persoas de recoñecido prestixio no ámbito literario e mais un representante do concello con voz e sen voto que actuará como secretario, fará pública a súa deliberación a comezos de outubro de 2022.
A decisión do Xurado darase a coñecer nos distintos medios de comunicación e a mesma será comunicada aos autores seleccionados mediante correo certificado.
A entrega do premio terá lugar nun acto público organizado polo Concello de Mondoñedo o 26 de novembro de 2022.
No caso de que as obras presentadas non acadasen o nivel esixible a xuízo do Xurado para a obtención dos premios ou non tivesen a categoría suficiente, poderán declararse desertos.
OITAVA. Este concurso consta de tres premios:
Primeiro premio: 1.500 Euros, Placa e Diploma.
Segundo premio: 600 Euros, Placa e Diploma.
Terceiro premio: 300 Euros, Placa e Diploma.
NOVENA. Os orixinais que obteñan premio pasarán a integrar o fondo do patrimonio da Biblioteca Pública Municipal Pena Trapero de Mondoñedo, podendo ser editadas pola mesma ou polo Concello de Mondoñedo. Neste sentido, o autor ou autora renuncia a favor do Concello de Mondoñedo, para a primeira edición da obra, a calquera tipo de remuneración polos seus dereitos de autor.
De desexar o autor facer uso dos textos premiados para a súa publicación, deberá solicitar permiso ao Concello de Mondoñedo. De serlle concedido, o autor comprométese a facer constar na publicación, expresamente, que os textos foron distinguidos no Premio de Poesía Manuel Leiras Pulpeiro.
DÉCIMA. O importe do premio enténdese íntegro e, polo tanto, suxeito a retencións a conta, derivadas da aplicación do imposto sobre a renda das persoas físicas.
UNDÉCIMA. Os premiados será invitados, expresamente, ao seguinte recital de Mondoñedo é Poesía que se celebra na cidade cada 1 de maio.
DUODÉCIMA. As obras non premiadas serán destruídas xunto ás plicas, non admitíndose peticións de devolución.
DÉCIMO TERCEIRA. A deliberación do Xurado é inapelable, os concursantes aceptan integramente estas bases así como canta decisión adopte o Concello de Mondoñedo para que as mesmas poidan ser interpretadas e aplicadas.”