Poesía e filosofía, nos premios Merlín e Jules Verne de Xerais
Desde o Diario Cultural da Radio Galega:
“No Diario Cultural da Radio Galega conversaron con Anxo Iglesias, que nos presenta neste premio Merlín de literatura infantil un poemario para xogar coas palabras: “Celebro que o premio sexa para a poesía, moitas veces secundaria, pero que sempre está aí para acompañarnos e é a nova dimensión que permite que existan as demais”.
Pola súa banda, Rocío Leira achéganos ao mundo da filosofía con dous protagonistas que tratarán de resolver un misterio que aparece nos anuncios por palabras dun xornal. O seu foi o libro gañador do premio Jules Verne de literatura xuvenil: “No libro búscase persoa valente para resolver un misterio, e eu busco que o lectorado valente se abra á filosofía dunha maneira divertida”.
A entrevista pode escoitarse aquí.”
Roteiro pola vila de Porto do Son. Da metáfora ao oxímoro, con Patricia Torrado Queiruga, o 17 de decembro
O Roteiro pola vila de Porto do Son. Da metáfora ao oxímoro, guiado por Patricia Torrado Queiruga, é unha iniciativa da AELG desenvolvida co apoio da Deputación da Coruña e a colaboración do Concello de Porto do Son.
Con esta actividade a AELG que pretende dar a coñecer as cidades e vilas do país da man das nosas escritoras e escritores, que exercen de guías tomando como base obras propias ou alleas vinculadas a eses espazos. Deste xeito, posibilítase que a cidadanía goce persoalmente dos espazos físicos na súa relación coa memoria literaria. O texto deste roteiro será publicado para a súa descarga libre na propia páxina web da AELG.
O roteiro terá lugar o sábado 17 de decembro, a partir das 11:00 horas, tendo como punto de saída o peirao de Porto do Son, baixo a estacada. Será gratuíto para todas as persoas interesadas, ás que animamos a inscribirse previamente enviando un correo electrónico co seu nome e apelidos a oficina@aelg.org, dado que as prazas son limitadas.
Información sobre protección de datos
A/O responsábel do tratamento é a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega. A finalidade do tratamento é a prestación do servizo que se detalla na solicitude ou actividade organizada. A base legal do tratamento é o cumprimento dunha obriga contractual na prestación dun servizo. Os seus datos conservaranse unicamente durante os prazos de prescrición legalmente aplicábeis. Pódense comunicar os seus datos a terceiras/os organizadoras/es ou colaboradoras/es da actividade. No caso de solicitar certificado de asistencia, os seus datos comunicaranse ao/á impartidor/a da actividade. Pode acceder, rectificar, suprimir os seus datos e nos casos determinados opoñerse ao tratamento, limitar o seu uso ou portar a outra/o responsábel. Tamén pode solicitar a tutela da Axencia Española de Protección de Datos ou presentar unha reclamación ante a mesma.
Celanova: presentación do libro Facer poesía en Celanova
Bouzas, Vigo: presentación de Atlántico Norte, chamádeme Ismael, de Xosé Iglesias
Ourense: presentación de A mar, amar, de Xosé Luna
Becerreá e Cervantes: presentacións de Os Ancares en Outono
Pontevedra: presentación de Entre leiras e labores
O Carrabouxo, o personaxe de Xosé Lois, fai 40 anos
Artigo de Mar Álvarez en Nós Diario:
“O Carrabouxo é un personaxe que o debuxante Xosé Lois creou en 1982 e que viu por primeira vez a luz hai 40 anos nunha viñeta que coincidiu coa primeira visita dun papa á Galiza. “As vellas acudiron a recibilo en Santiago, as do debuxo levaban unha pancarta co lema de Xoán Paulo II, TOTUS TUUS, que elas escribiron como lles pareceu” explica Xosé Lois a Nós Diario.
Nestas catro décadas, O Carrabouxo apareceu de forma diaria no xornal ourensán La Región obtendo unha importancia que nin o propio Xosé Lois pensou nunca que fose conseguir: “Foi un fenómeno de comunicación”.
Xosé Lois describe O Carrabouxo como un personaxe “galego-céntrico” que recolle “aspectos da nosa psicoloxía e da nosa cultura”, o que permite que a poboación galega se sinta identificada con el, pois “todo sucede desde a visión da Galiza”. É por isto polo que existe unha “conexión directa” co público.
Xunto ao humor, a crítica social “ten un peso fundamental” nas viñetas do Carrabouxo. Estas cuestións permitiron que o personaxe se fixese moi popular. “Ser popular non significa ser famoso”, puntualiza Xosé Lois, “é que a xente recorde os chistes” ou que os utilice como lemas en movementos sociais.
“Hai entidades e colectivos que me chamaban para arroupar unha loita determinada” e incluír nunha pancarta de cabeza de manifestación “un chiste meu”; “iso son detalles de popularidade auténtica”. Con todo, Xosé Lois indica que “non creo que o humor sexa unha arma cargada de futuro, pois sigo facendo os mesmos chistes, coa mesma temática e a mesma crítica, que hai 40 anos”.
No referido ao debuxo das viñetas, Xosé Lois indica que “eu son unha persoa cunha ideoloxía concreta que puiden espallar durante 40 anos día a día” á custa de “reprimirte e autocensurarme moitas veces”. Así, sostén que, se ben poder transmitir a súa opinión é “un privilexio”, moitas veces a liña editorial do xornal non lle permitiu publicar moitos chistes. “Hai cinco anos fixen unha exposición de chistes censurados”, afirma. “Entendo que un medio teña uns intereses determinados; comprendo esa censura pero non a comparto”.
Independentemente dos conflitos co medio, Xosé Lois sostén que O Carrabouxo continuará “mentres eu poida seguir facéndoo e o xornal non me bote”, mais sostén que o personaxe “xa vai durar polo menos 1.000 anos máis ca min”.”






