Artigo de Xesús González Gómez en BiosBardia:
“(…) No primeiro volume, O mundo que teño de meu, faltan, que eu saiba, o que non quere dicir que non haxa máis, 16 artigos publicados antes do 18 de xullo do 1936 en El Pueblo Gallego, un en Universitarios e outro en La Voz de Galicia, así como dous escritos publicados despois de 1950. Velaí a súa relación:
El Pueblo Gallego
Souto: estampas, 2 de outubro de 1932.
Landín: fame de melodías, 2 de decembro de 1932.
O mundo i-outras vísperas. Retratos iluminados: H. Lutteroh, 7 de xullo de 1935.
Doce poetas, 28 de agosto de 1935.
Divagacións de vrán. Cousas que pasan, 4 de setembro de 1935
Notas e leituras. Poesia. Craridade, 10 de setembro de 1935.
Divagacións de vrán. Século dezanove. 20 de setembro de 1935.
Notas e leituras. Poesía. Craridade, 10 de novembro de 1935.
O mundo i-outras vísperas: a creazón. Continentes. 30 de novembro de 1935.
O mundo i-outras vísperas: diversos. Estampas, 14 de decembro de 1935.
Diversos. Versión de don Johan. 29 de decembro de 1935.
Notas diversas: historias, 23 de febreiro de 1936.
Escadas antigas. Versión da primaveira, 29 de marzo de 1936
Vos de fermosura, 30 de abril de 1936.
Por Galiza. II. Vocación pola lingua, 5 de xullo de 1936
Por Galiza. III. Notas a unhas notas, 8 de xullo de 1936
Universitarios
Centenarios extraños. Pedro Bernardo Díaz.
La Voz de Galicia
Homes do dazanove, 1 de outubro de 1930.
E de despois de 1950:
Galicia. Revista del Centro Gallego de Caracas
O forasteiro de duas capas, nº 7, xuño-xullo, 1953
Programa de festas de Santiago de Compostela
Os fogos do Apóstolo, 1980. (…)”
Arquivos da etiqueta: Álvaro Cunqueiro
Antonio Manuel Fraga, Marcos Pérez Pena, Programa Conciencia, Luís Emilio Batallán, Marisa Sobrino, Flor Maceiras, Festival S8 e Grupo Nove, Premios da Crítica de Galicia 2017
“No Hotel Os Escudos de Vigo deuse a coñecer no decurso dun xantar do sábado 4 de novembro o ditame da cuadraséxima edición dos Premios da Crítica de Galicia nas súas modalidades de Creación Literaria, Investigación, Música, Iniciativas Culturais e Científicas, Artes Plásticas, Artes Escénicas, Cine e Artes Audiovisuais e Cultura Gastronómica. (…)
Querido H.P. Lovecraft de Antonio Manuel Fraga, Premio de Creación Literaria
O xurado da modalidade de Creación Literaria, formado por María do Cebreiro Rábade Villar, poeta, gañadora da edición 2016; Diana Pastoriza Espasandín, blogueira, asesora CAFI Santiago; Armando Requeixo Cuba, crítico; Mario Regueira Fernández, crítico; Manuel Forcadela, profesor da UDV; Marcos Calveiro, escritor e Eulalia Agrelo Costas, que actuou como secretaria, en representación de Premios da Critica Galicia, acordou declarar finalistas as obras De catro a catro. Manuscrito inédito de Manuel Antonio (Alvarellos); Querido H.P. Lovecraft de Antonio Manuel Fraga (Alcaián, Urco) e Nordeste de Daniel Asorey (Galaxia). Tras as derradeiras deliberacións acordou outorgar por maioría o premio á obra de Antonio Manuel Fraga Querido H.P. Lovecraft editada por Alcaián Urco.
O xurado salientou da obra gañadora que “constitúe un enxeñoso acercamento ao estraño, mesturando brillantemente o sobrenatural co fantástico, onde sobrancea a habil creación de ambientes perturbadores que nos acaban afectando do mesmo xeito que ao ficticio Lovecraft”. O xurado sinalou que “alén diso, fai unha descrición dos personaxes cun par de expertas pinceladas breves que lle outorgan unha personalidade claramente única e fascinante”. Rematou sinalando que “coma nos textos de Lovecraft, acompañamos a Robert na súa caída libre no abismo da culpa, ficando envoltos no misterio engadindo a peza que completa o círculo lovecraftiano”.
A prensa en Galicia na Transición, de Marcos Pérez Pena, Premio de Investigación
O xurado da modalidade de Investigación, formado por Blanca Roig Rechou, catedrática USC, gañadora da edición 2016; Vanesa Valdeiglesias, profesora UDC; Carme Adán Villamarín, catedrática de Filosofía; Uxío Labarta Fernández, investigador, Instituto de Investigacións Pesqueiras; Xurxo Mariño Alfonso, neurocientífico, profesor UDC; Xavier Senín, profesor e tradutor e María Xosé Porteiro García, que actuou como secretaria en representación de Premios da Crítica de Galicia, acordou declarar como finalistas a María Xosé Agra; ao proxecto de Secuenciación xenética do rodaballo (USC-CSIC,CENAG); e ás obras A prensa en Galicia na Transición de Marcos Pérez Pena (Xerais) e A nosa terra é nosa. A xeira das Irmandades 1916-1931 de Emilio Xosé Ínsua (Baía edicións). Tras as derradeiras deliberacións acordou outorgar por unanimidade o premio a A prensa en Galicia na Transición de Marcos Pérez Pena, editado por Xerais.
O xurado destacou que “valoraba moi positivamente a cantidade, calidade e diversidade das propostas presentadas que reflicten o auxe da investigación científica e do pensamento en Galicia”. Sigue lendo
O Graxal (Cambre): representación de Palabras de víspera e outras pezas de Álvaro Cunqueiro
A Coruña: representación de Palabras de víspera e outras pezas, de Álvaro Cunqueiro
O domingo 11 de xuño, ás 12:00 horas, no Castelo de Santo Antón, o Grupo de Teatro da A. C. Alexandre Bóveda representará Palabras de víspera e outras pezas, de Álvaro Cunqueiro, baixo a dirección de Xoán Carlos Mejuto. Trátase dun espectáculo conformado por algunhas das obras de teatro breve que nos deixou o noso grande autor mindoniense. Nela, agrúpanse tres pezas que, pola súa disparidade, nos ofrecen unha mostra da versatilidade e riqueza do seu universo creativo. Está actividade forma parte do programa Artes pola Integración.
A Coruña: representación de Palabras de víspera, de Álvaro Cunqueiro
O xoves 4 de maio, ás 20:00 horas, no Auditorio do Centro Calvo Sotelo da Coruña, dentro do Certame de teatro escolar e afeccionado Candilejas Don Bosco 2017, o grupo de teatro da A. C. Alexandre Bóveda representa a obra Palabras de víspera, de Álvaro Cunqueiro.
Mondoñedo: curso-roteiro Álvaro Cunqueiro e o Mondoñedo literario, con Armando Requeixo, o sábado 29 e domingo 30
O sábado 29 e domingo 30 de abril, a partir das 09:30 horas, na Alameda de Mondoñedo, Armando Requeixo guiará o curso-roteiro Álvaro Cunqueiro e o Mondoñedo literario. A actividade, inicialmente ideada para o profesorado, admite tamén participantes por libre. Haberá dous grupos para que poidades escoller, un fará o roteiro o sábado e outro o domingo. A(o)s participantes entregaráselles un completo dossier de traballo elaborado para a ocasión.
“Palabras para o Alén”, por Armando Requeixo
Artigo de Armando Requeixo en Criticalia:
“O costume de adornar as tumbas e os monumentos fúnebres ten a súa orixe no Antigo Exipto. De aí pasou a Grecia e Roma, onde as inscricións que se facían nas lápidas mortuorias cobraron relevo como un subtipo especial de elexía ou poema de lamento ao que se chamou epitafio.
Como non podía ser doutra maneira, moitos dos grandes escritores da Historia quixeron ser creativos ata no último alento, polo que deixaron ideados enxeñosos ou sentidos epitafios que hoxe adornan os seus sepulcros. (…)
Consecuentemente, entre os escritores desta terra non faltan tampouco exemplos de epitafios de interese. Son abondo coñecidos os de dous autores mindonienses: Manuel Leiras Pulpeiro e Álvaro Cunqueiro. Na campa do primeiro insculpiuse: “Amou a Verdade e practicou o Ben”. Non podía acaerlle mellor ningunha outra sentenza a quen foi en vida masón, republicano, anticlerical e esperantista. Da súa parte, na tumba do autor do Merlín e familia ―quen o próximo 28 de febreiro estará de cabodano― figuran estas palabras: “Eiquí xaz alguén que coa súa obra fixo que Galicia durase mil primaveras máis”. Abofé que o seu legado ha perdurar ese tempo e outro tanto.
Non quero rematar sen amentar outros tres exemplos ben notorios. O primeiro deles é o de Celso Emilio Ferreiro, que repousa no camposanto de Celanova con estes versos seus derriba do lastra: “Mais o lume que alampea/ xamais o veredes morto”. Toda unha declaración de esperanza. Unha enerxía que virou furia de vida no poema que Lois Pereiro titulou, precisamente, “Poderíano escoller como epitafio” e que di: “Cuspídeme enriba cando pasedes/ por diante do lugar no que eu repouse/ enviándome unha húmida mensaxe/ de vida e de furia necesaria”. Os dous últimos versos son os que hoxe acompañan a súa pedra en Santa Cristina do Viso (O Incio). Finalmente, se houber que coroar un escritor galego como o príncipe do epitafio satírico para si, penso que se tería en Xosé Ramón Fernández Oxea ‘Ben-Cho-Shey’ un candidato forte. O texto que figura na súa tumba no camposanto de San Francisco dío todo: “Gran Cruz de Montealegre, colector de Barallete, Preboste do Tangaraño. Ten o gusto de lles ofrecer aos seus amigos o seu novo domicilio no cumio do cimiterio de Ourense, onde os agardará ata que o boten de alí os ediles de turno. A súa dona e a súa filla préganlle encomenden a Deus a súa ánima. Nota: Quedan suprimidas tódalas homenaxes postmortem porque as cousas ou se fan ao seu tempo ou non se fan”.
Cuestionario Proust: Manuel Esteban
Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Manuel Esteban:
“1.– Principal trazo do seu carácter?
– Calmo. Hai que pisar moitos calos para enfadarme.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– Empatía. Ver o mundo a través dos ollos dos demais é vacina asegurada fronte a case todos os males.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Pouca cousa. Tempo, conversa… e as veces nin iso. Aprecio máis o que se recibe sen agardalo.
4.– A súa principal eiva?
– Certa inseguridade. Digamos que cando teño que decidir, así en xeral, todas as opcións semellan boas. Ou que non me gusta deixar atrás ningunha opción.
5.– A súa ocupación favorita?
– Ler, sen dúbida. Máis incluso que escribir. Pero entretéñome fácil con case calquera cousa. Este cuestionario, por exemplo, paréceme moi entretido.
6.– O seu ideal de felicidade?
– Unha sesta de verán abrazado á miña moza. Conversa. Cervexa e brisa. Un bo libro.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– Ter que dedicarme a unha soa cousa. Non ter opcións.
8.– Que lle gustaría ser?
– Supoño que teño vocación, como calquera escritor, de vivir moitas vidas. Xa son médico, profesor, escritor, pai… todas elas gústanme bastante. Pero non desboto nada na vida. Digamos que o que me gustaría e ser moitas cousas.
9.– En que país desexaría vivir?
– A resposta pedante: na patria de Rilke: a infancia. A resposta enxebre: nunha Galicia que non sinta vergoña de si mesma. A resposta honesta: en moitos. Cantos máis mellor. Pero como a casiña non hai.
10.– A súa cor favorita?
– Marrón. Pero tamén negro. E azul. O verde escuro tampouco está mal. Remítome ao punto catro.
11.– A flor que máis lle gusta?
– Os estraloques. A da buganvílea. A do cereixo.
12.– O paxaro que prefire?
– O corvo. O carrizo. O polo, se está ben torradiño.
13.– A súa devoción na prosa?
– Hai días de todo. Se falamos de devoción… Cunqueiro, Saramago, Galeano, Maalouf, Eco, Pessoa, Borges…
14.– E na poesía?
– Cabanillas, Ángel González, Whitman ou Benedetti. Pero tamén hai días de Rilke, Pavese, Khayyam, ou Cavafis. Insisto, se falamos de devoción, porque todo o mundo ten tamén un día deses en que agradan unhas pingas de Milton ou de Mallarmé. E non podo deixar pasar esta ocasión sen citar a Manuel Rivas. Eu pertenzo ao seu Pobo da Noite, esa xente estraña que cando nenos gozabamos cunha lanterna e un libro baixo a manta.
15.– Un libro?
– O livro do desassossego, de Pessoa. E que conste que elixir un so é moi difícil. Os relatos do piloto Pirx, de Stanislaw Lem, por cambiar completamente de estilo, sería outro bo candidato. Ou As mocidades de Ulises, de Cunqueiro.
16.– Un heroe de ficción?
– Hari Seldon, de Isaac Asimov. Un científico coa capacidade de abstraerse do particular para elevar a ollada sobre o xeral. Un visionario pragmático.
17.– Unha heroína?
– Lisbeth Salander, de Stieg Larsson: intelixente ata o extremo de converter a dor e o sufrimento propios en ferramentas de aprendizaxe.
18.– A súa música favorita?
– Ultimamente Mumford and Sons, ou The Lumminers. Pero o abano e moi amplo: de Ara Malikian a Springsteen.
19.– Na pintura?
– Vermeer, Chagall, Modigliani, Klimt…
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– O meu fillo maior. Boh, que demo, os dous.
21.– O seu nome favorito?
– Os nomes os reconstrúe cadaquén. Hai persoas que esfarrapan un bo Manuel e outras que elevan un Agapito á categoría de heroe grego.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– A desidia, esa filla bastarda do desinterese.
23.– O que máis odia?
– O egoísmo. E o fígado encebolado
24.– A figura histórica que máis despreza?
– É doado xulgar dende a distancia pero veña, voume xogar o tipo con Hitler. Un clásico. Non engana.
25.– Un feito militar que admire?
– A batalla do Ebro durante a guerra civil. En xeral non admiro moito as xestas militares pero por alí andaban mesturados o meu avó e o ínclito Durruti. O desembarco de Normandía tamén está inevitablemente gravado no imaxinario colectivo como unha xesta épica. Loitas heroicas, como dicía Brodsky, entre o malo e o peor.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– Oído musical. Na miña cabeza todo soa moi ben. O carallo é cando abro a boca ou toco a guitarra. Entón estrágase todo.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
– Rápido e sen avisar. Xa, se pode ser sen dor, sería perfecto.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– Curioso. Ou por darlle un matiz máis creativo e con permiso de Saramago: pesimista construtivo.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– O máis común de todos: o medo.
30.– Un lema na súa vida?
– Teño varios, todos moi bos.”
Mondoñedo: Cunqueiro a pequenas cuncas, con Lois Pérez, o venres 25 e domingo 27
Roteiro de narración oral e humor arredor da obra de Álvaro Cunqueiro e a cargo de Lois Pérez, polas tabernas da zona vella de Mondoñedo.
A Coruña: XX Memorial de Teatro Ibán Toxeiro
A Asociación Cultural Alexandre Bóveda, ao chegar o seu Memorial Ibán Toxeiro á súa XX edición, pretende celebralo dun xeito diferente, aínda que complementario a anteriores ocasións. Sempre, o noso Memorial quixo unir a actrices e actores amadores e profesionais nun mesmo escenario, nunha clara homenaxe a un actor que formou parte activa de ambos mundos. Mais esta vez, é a pretensión dos directores da gala, Xoán Carlos Mejuto e Lino Braxe, realizar unha fusión do oficio actoral, tanto amador como profesional, non presentando obras en compartimentos estanco diferenciados, senón abordando a estrea da obra de Álvaro Cunqueiro Romeo e Xulieta, famosos namorados, peza na que participarán actores e actrices profesionais e amadores sen distinción. O grupo de teatro da ACAB, Teatro Valacar e a coral Breogán da ONCE, xunto con actores como Xosé Bonome, Manuela Varela, Pedro Picos, Sabela Hermida, Xosé Vilarelle e outros profesionais da escena, serán os encargados de levar adiante este desafío. Asemade, Teatro Proscrito realizará un fragmento do Edipo de Manuel María.