Arquivos da etiqueta: Antía Veres
Antía Veres: “É un labor das tradutoras eliminar o machismo da linguaxe”
Entrevista de Irene Pin a Antía Veres en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza (SG): Que a motivou a dedicarse á tradución literaria ao galego?
– Antía Veres (AV): Dende a carreira empecei a entrar en contacto coa tradución literaria e paréceme a máis satisfactoria desde o punto de vista do tradutor, porque é máis creativa e require un coidado especial das palabras. Por outra banda, unha persoa que non teña compromiso coa lingua non se dedica á tradución literaria ao galego. Para min é unha ferramenta de normalización, traendo todos estes libros ao sistema literario trato de aportar o meu gran de area. A tradución, ao che permitir acceder a obras que noutras culturas e sistemas literarios levan dispoñíbeis moitos anos, recoñece a nosa lingua como válida para transmitir estes coñecementos.
– SG: Como se sitúa Unha Muller Perdida dentro da produción literaria de Willa Cather?
– AV: Ten outras obras máis famosas, como My Antonia ou One of Ours, pero A Lost Lady é tamén un libro moi recoñecido, sobre todo porque chegou xusto despois de que Cather publicase One of Ours, que a pesar de recibir o premio Pulitzer non tivo moi boa acollida. Despois publicou A Lost Lady e xa recuperou o bo ver de crítica e lectores.
– SG: Que achega a tradución ao sistema literario galego?
– AV: O sistema literario galego xa ten bastantes eivas pola situación do galego. Daquela estamos nunha situación bastante anómala, no senso de que outros sistemas teñen xa traducidos moitos clásicos desde hai moito tempo e nós non. A Lost Lady é unha obra clásica, de comezos do século XX. Mentres que outros sistemas literarios agora se están a centrar en traducir obras que son novidosas, nós temos que buscar clásicos que aínda non foron traídos aquí.
– SG: Que foi o máis complicado na tradución da obra?
– AV: Realmente pareceume bastante complicado o tema da paisaxe. É unha obra moi descritiva do entorno dos Estados Unidos. Iso resultoume moi difícil porque en galego, en xeral, hai unha falta de recursos, a pesar de que moitas institucións traballan continuamente para paliala, enchendo glosarios e corpus literarios. Aínda falta moito. A autora describía herbiñas ou animais que se callar non son tan comúns aquí na Galiza, e para atopar un equivalente foi onde máis atrancos atopei. Pero pouco a pouco, traballando con afán, ao final funo conseguindo. (…)”
Antía Veres gaña o premio de tradución Plácido Castro con Unha muller perdida, de Willa Cather
Desde Sermos Galiza:
“Unha muller perdida, a tradución galega da orixinal A Lost Lady, de Willa Cather, foi o traballo premiado polo xurado na XVIIIª edición do Premio Plácido Castro de Tradución. A edición en galego, publicada por Hugin e Munin, é obra de Antía Veres.
O xurado valorou especialmente a capacidade de recreación da autora así como o acerto do uso dun galego extremadamente natural e próximo, empregando unha fraseoloxía propia sen alterar a atmosfera orixinal da novela.
Ademais, chamou a atención sobre a significación da autora e a obra elixidas, inédita ata agora no noso sistema literario, que gozou sempre de amplo recoñecemento tanto nos Estados Unidos como a nivel mundial. (…)
O xurado desta edición do premio Plácido Castro estivo integrado por Olga López (Xunta), Fernando Moreiras (Asociación de Tradutores Galegos), Ana Luna Alonso (Universidade de Vigo), Víctor Caamaño (Fundación Plácido Castro), Xulio Ríos (IGADI) e Xosé Luís Franco Grande (Real Academia Galega).”
Culturgal 2018, Pontevedra: actividades literarias destacadas do 30 de novembro
Do 30 de novembro ao 2 de decembro, no Pazo da Cultura de Pontevedra, terá lugar o Culturgal 2018.
As actividades literarias destacadas do programa para o 30 de novembro son:
– 11:00 h. Espazo Foro. Ler o mundo. Editorial Galaxia. Con centros de educación secundaria. Conversa entre Francisco Castro, autor de Iridium, e Amparo Rodicio, neuropsicóloga da Asociación Alento de Vigo, sobre o Dano Cerebral Adquirido e sobre a diversidade funcional.
– 17:00 h. Espazo Foro. Un neno na emigración e Vasoiras Barreiro. Edicións Fervenza. Presentación de dous contos infantís/xuvenís da autoría de Francisco Álvarez-Koki. Escritos en galego, castelán e inglés. Co autor, María Dolores Estévez e Carlos Loureiro.
– 17:30 h. Espazo Libro. Eli Ríos presenta DX, publicada por Urco Editora. Estará acompañada por David Cortizo.
– 18:00 h. Espazo Libro. Presentación de A madriña. Edicións Fervenza. Con María Carmen Caramés Gorgal, autora, Xosé Manuel Lobato e Adrián Dono, ilustrador.
– 18:00 h. Espazo Libro. Colección Narrativa K (Kalandraka Editora). Coloquio con tradutores/as. Con Ramón Nicolás, tradutor e crítico literario, Laureano Araujo, profesor e tradutor, Xesús Fraga, xornalista cultural e tradutor, Antía Veres, tradutora, e Xosé Ballesteros, director da editorial.
– 18:30 h. Espazo Infantil Deleite. Lambetadas. Talía Teatro. Presentación do novo espectáculo dirixido por Diego Rey con Artur Trillo e María Ordóñez como intérpretes.
– 19:30 h. Espazo Foro. Máis que ver. Cen historias do deseño en Galiza. Xerais. Con Pepe Barro, autor. Presenta: Fran Alonso.
– 19:30 h. Espazo Foro. Presentación do libro A xestión cultural en Galicia. Unha visión panorámica e actual. Curso de Expertxs Universitarixs en Xestión Cultural da USC. Con Marcos Lorenzo e Sergio Lago, directores do curso, e autoras/es.
– 19:30 h. Espazo Infantil Deleite. Presentación da obra A fada pirata e representación teatral. Gañadora do Premio O Facho de Teatro. Edicións Fervenza. Con Estefanía Bustabad, Pablo Nuñez, Carlos Labraña e Paula Castro.
– 20:00 h. Espazo Libro. Presentación dos libros do Ciclo dos elementos: Xerais. A escritora María Reimóndez conversa coas súas lectoras; Ánxela Lema: En vías de extinción, Montse Dopico: Dende o conflito, Mercedes Peón: A música dos seres vivos, Montse Paz: As cousas que non queremos oír.
– 20:30 h. Espazo Libro. Conversa entre Antía Yáñez, autora de Senlleiras e Anna R. Figueiredo, autora de Os bicos feridos, publicadas en Galaxia.
– 21:30 h. Auditorio Pazo da Cultura. Sofía e as Postsocráticas. Inversa Teatro. Preestrea. Directora: Marta Pérez. Con María Roja, Silvia Penas e Marta Pérez. Espectáculo especial: prezo 10€. Entradas en Ticketea.
Semana do Libro de Compostela (Selic), actos destacados do venres 9
O venres 9 de xuño continúa a Semana do Libro de Compostela (na Praza da Quintana, con horario de 11:00 a 23:00 horas), organizado polo Concello de Santiago, cos seguintes actos literarios destacados para este día dentro do seu programa:
– 18:00 h. Tradución das clásicas ao galego, de Mary Wollstonecraft a Virginia Woolf. Celia Recarey Rendo e Antía Veres.
– 18:30 h. Recital de poesía: Charo Lopes, Lupe Gómez, Rosalía Fernández, Marga Tojo e Antía Otero.
– 19:00 h. Marilar Aleixandre presenta Alí Babá, Morxiana e os corenta usureiros, publicado en Galaxia. Intervirán, xunto á autora, Ismael Ramos e Malores Villanueva.
– 19:00 h. Presentación cruzada das novas publicacións de Isidro Novo: David Cortizo, editor de Urco, quen presentará CO2, poemario publicado por Edicións Positivas, e Francisco Macías, editor de Positivas, presentará O tabú na traslenda, publicado no selo Alcaián de Urco.
– 20:00 h. Ariel Ninas e a sanfona: recital Entre baleas, poemas de Estevo Creus: Balea2, e Eduardo Estévez: Baleas.
– 20:00 h. Inma López Silva firmará exemplares de Aqueles días en que fomos malas, publicado por Galaxia.
Antía Veres gaña o I Premio Realia de Tradución
Desde Cultura Galega:
“O Concello de Santiago acolleu a presentación do fallo do I Premio Realia de Tradución que convoca a editorial Hugin e Munin en colaboración con esta entidade. A concelleira de Turismo e Igualdade, Marta Lois e Xavier Senín, voceiro do xurado, anunciaron que foi Antía Veres Gesto quen se fixo cos 1.200 euros do galardón. Veres verteu ao galego a obra Detrás da máscara: o poder dunha muller de Louise May Alcott, na que o xurado recoñeceu o “se tratar dunha tradución axustada ao orixinal inglés, coa necesaria adaptación á lingua meta para favorecer unha lectura fluída”. Segundo explicou Senín, “o coidado no aspecto lingüístico fai supoñer un proceso de traballo demorado”. O tribunal, composto por Marta Neira, Isabel Soto, Delia González e Alejandro Tobar, ademais do propio Senín, destacou que a obra escolleita é un libro “singular dentro da produción da autora, o cal se axusta ao espírito da editorial convocante”.
En total presentáronse ao certame un total de nove traducións, das cales o xurado descartou catro por non cumprir as bases. Das restantes, e logo de contrastar coas obras orixinais e con outras versións escoulleuse a gañadora por unanimidade. O traballo de Antía Veres verá a luz nun prazo máximo de tres meses na editora Huguin e Munin, que pasado un ano será cedida á Biblioteca Virtual (BIVIR) da Asociación de Tradutores galegos, onde se poderá ler en liña.
Senín destacou o feito de ser este certame o único con dotación económica dedicado á tradución no noso país, e asegurou que a organización está satisfeita coa participación. Segundo explicou, “non está nada mal. Só pasaron oito meses desde a convocatoria, o que fixo que só se puidesen presentar obras que xa estaban en marcha. A tradución é un proceso que leva moito tempo”. Sinalou, no entanto, que ao ser un certame bienal é de agardar que para a vindeira xeira “xa con máis tempo de preparación, haxa máis competencia”.”