Arquivos da etiqueta: Antón Riveiro Coello
Antón Riveiro Coello pecha ciclo literario con Días de intemperie
Entrevista a Antón Riveiro Coello no Diario Cultural da Radio Galega:
“Relatos co pano de fondo da guerra e que o autor pon en relación coas novelas As rulas de Bakunin, Laura no deserto e O paraíso dos inocentes. A entrevista pode verse aquí.”
Antón Riveiro Coello gaña o Premio Álvaro Cunqueiro
Desde Galaxia:
“Reunido o xurado do I Premio Álvaro Cunqueiro de Novela, nas dependencias da Biblioteca Pública de Mondoñedo, constituído por Armando Requeixo, en calidade de Coordinador, Patricia Arias Chachero, Malores Villanueva, Marcos Calveiro e Carlos Loureiro, como vogais, e Abel Vigo actuando como secretario.
Logo da pertinente deliberación, o xurado decidiu outorgar por maioría o premio do concurso ao orixinal presentado baixo o título Hotel Carioca. Aberta a plica, o texto resultou ser da autoría de Antón Riveiro Coello.
O xurado destaca en Hotel Carioca a construción literaria do texto que alterna, con mestría, tempos e espazos e incorpora un fino xogo metaliterario, para levarnos da man das vidas dunha saga familiar con personaxes dunha gran fondura psicolóxica e emotiva.
Novela plural, fai converxer as augas de diversas subtramas, nas que os sucesos acontecidos no gurgullante Brasil dialogan, nun vitral de espellos, coas circunstancias da Galicia máis próxima.
Dotada dunha escrita tremendamente áxil, Hotel Carioca atrapa desde as primeiras páxinas, acompañando ao lector na súa descuberta duns labirintos familiares cheos de silencios, fracasos e derrotas ata un final sorprendente e impactante ante o cal ningúen pode ficar indiferente.
O Concello de Mondoñedo en colaboración coa Casa Museo Álvaro Cunqueiro, a Consellería de Cultura, Educación e Universidade, e a Editorial Galaxia, convoca este certame coa finalidade de honrar a memoria do escritor Álvaro Cunqueiro e, asemade, axudar á promoción da escrita literaria en lingua galega e á divulgación das súas autoras e autores. (…)”
Xinzo de Limia: Antón Riveiro Coello asina exemplares de Días de intemperie
Noia: homenaxe a Maxi Olariaga
Obradoiro de iniciación á escrita creativa: a construción das sombras, con Antón Riveiro Coello
O Obradoiro de iniciación á escrita creativa: a construción das sombras é unha iniciativa da Escola de Escritoras-es da AELG e o Concello de Rianxo.
“Se gustas de converter en materia estética a realidade cotiá…
Se queres inventar coa palabra outros mundos máis interesantes….
Se aspiras a que na túa imaxinación as persoas volvan nacer, talvez mellores e máis fermosas do que en realidade foron…
Se desexas que a literatura faga vida en ti e, por que non, nas lectoras e lectores… Agardamos por ti.”
Será impartido por Antón Riveiro Coello, e cunha sesión maxistral a cargo de Berta Dávila.
10 sesións de 2 horas cada unha, en horario de 11:00 a 13:00, que se celebraron os sábados:
– 15, 22 e 29 de outubro
– 5, 12, 19 e 26 de novembro
– 3, 10 e 17 de decembro
Terá lugar na aula grande do Centro Sociocultural-Auditorio de Rianxo (como chegar), no marco das Aulas Socioculturais e ocio recreativo 2022 do Concello de Rianxo.
15 prazas, gratuítas, para maiores de 15 anos, como máximo, e 8 prazas na mesma franxa de idade, como mínimo, que se adxudicarán por orde de solicitude.
A inscrición, gratuíta, farase en liña, até o 6 de outubro de 2022, no formulario específico dispoñíbel na páxina web do Concello de Rianxo, aquí. Máis información nesta ligazón.
O obradoiro enmárcase na Escola de Escritoras e Escritores da AELG, iniciativa que centra os seus esforzos en impartir, por concellos de todo o país, obradoiros con formatos e destinatarios diversos, nos que se abordan diferentes xéneros literarios e contidos. Trátase dunha iniciativa que, cos autores/as como guías, ten o obxectivo de transmitir a experiencia apaixonante do acto creador, tentando concienciar á sociedade do imprescindíbel que é a estimulación creativa na escrita e o seu papel complementario na formación do individuo. O proxecto aposta por ofrecer á mocidade un sistema lingüístico, literario e cultural propio no que asentar as súas raíces.
Noia: presentación de Labirinto de soños, de Manel Monteagudo
Micro-relatos gañadores da 10ª edición do Concurso OZOCOgz
“Unha vez lidos a totalidade das achegas presentadas a concurso pol@s membros do xurado, formado polas escritoras e escritores Antón Riveiro Coello, Emma Pedreira, Ledicia Costas e Miguel Anxo Fernández, a gañadora da pasada edición do concurso Catarina Cortizas Leira e un/unha representante de cada unha das seguintes librarías: “Escolma” do Carballiño, “Miranda” de Bueu, “Paz” de Pontevedra e “Pedreira” de Compostela, resultou gañador o micro-relato SEGREDO, presentado co seudónimo Bob Horás, baixo o que se agochaba o nome de Lito Vila Baleato.
Por primeira vez, nos 10 anos de historia do noso concurso, temos dous finalistas por coincidiren na puntuación, o primeiro finalista (sen que isto implique orde) é o micro-relato ACONTECE NO MAR VÉSPERA DE SAN XOÁN, presentado co seudónimo Berenxena en bicicleta, baixo o que se agochaba o nome de Andreia Costas; e o micro-relato MARIDAXE PERFECTA, presentado co seudónimo Devorei, baixo o que se agochaba o nome de Nila Álvarez Pousa.
Os relatos premiados poden lerse aquí.”






