Varsovia: XIII Congreso da Asociación Internacional de Estudos Galegos, do 21 ao 24 de setembro de 2022

Premios da Crítica Galicia 2020

Xurados e data de divulgación do ditame nos XLIII Premios da Crítica de Galicia 2020

Lupe Gómez e Daniel Asorey gañan o XX Premio González Garcés de poesía da Deputación da Coruña

Desde a Deputación da Coruña:
Silabario da peste de Lupe Gómez e Contra natura de Daniel Asorey son as obras gañadoras do Premio González Garcés de poesía da Deputación da Coruña que chega este ano a súa vixésima edición. O premio, que se concede ex aequo, está dotado con 6.500 € máis a publicación das obras.
Un xurado composto polas poetas Lorena Conde, María Lado, Ánxela Lema, Eli Ríos e Antón Lopo co deputado de Cultura, Xurxo Couto como presidente e a xefa de sección de Cultura, Manuela Muñiz como secretaria, decidiu conceder a XX edición o Premio González Garcés ex aequo a Lupe Gómez e Daniel Asorey polas súas obras Silabario da Peste e Contra natura.
Da obra de Lupe Gómez o xurado destaca que é un “libro cruzado polas atmosferas do confinamento no que a voz da súa autora mantén o pulso poderoso da poesía como instrumento de supervivencia. A palabra rompe o silencio e convértese a través dunha escrita convulsa nunha explosión vital e escintilante”.
En canto ao poemario de Daniel Asorey o xurado puxo fincapé na interesante “incidencia da voz poética na necesidade de irmandade sobre a non normatividade e aposta polo colectivo, o cal converte este libro nunha insólita proposta de amores, alianzas e rebeldía”.
O xurado destaca tamén o alto nivel dos máis de sesenta libros presentados a esta convocatoria, o que “demostra a boa saúde da literatura galega e, en concreto, da poesía”. Precisamente, a altura das obras presentadas motivou un gran debate e propiciou que, ante unha decisión especialmente difícil, o xurado decidise declarar ex aequo o premio e reflectir neste fallo a riquísima variedade das liñas creativas presentadas ao concurso.”

Lugo: presentación e roteiro arredor de As estacións do lobo, con María Reimóndez

Desde o Concello de Lugo:
“O 7 de febreiro, ás 20:00 horas, no Patio do Vello Cárcere de Lugo, María Reimóndez presenta As estacións do lobo, publicada po Xerais. No acto participan, xunto á autora, Montse Paz, Mercedes Peón, Eva Teijeiro, Montse Dopico e Ánxela Lema, quen falarán das súas lecturas dos libros que compoñen o Ciclo dos elementos.
Posteriormente, o sábado 8 de febreiro, a autora organiza un roteiro pola cidade de Lugo. Comezará ás 11:00 horas, cunha duración aproximada de 2 horas na gasolineira de San Rafael, na Avenida da Coruña 310, e rematará na estación de autobuses. “Iremos camiñando sen présa e parando en diferentes lugares, algúns deles con espazo para descansar”, indicou María Reimóndez, que engadiu “procuraremos que o paseo sexa relaxado, tamén para os cans participantes”.
As persoas que desexen inscribirse deberán anotarse neste formulario.
As prazas son limitadas e asignaranse por orde de inscrición, que pechará o día 7 de febreiro ás 20 horas.”