Bieito Iglesias: “Ourense é a cidade galega sobre a que máis se escribiu”

EntrevistaBieito Iglesias 2015 de César Lorenzo Gil a Bieito Iglesias en BiosBardia:
O ouro de Ourense (Engaiolarte) é, en definición dun dos seus autores, Bieito Iglesias (Ourense, 1957), unha guía de viaxes literaria ou un itinerario novelesco con fasquía de ensaio, ou viceversa, no que o percorrido pola cidade da nación, infancia e adolescencia do autor se vai entrefebrando coa propia pegada da memoria. Conversamos sobre este libro e tamén ao redor do momento creativo do escritor.
(…) – BiosBardia (B): O concepto “ourensanía” tamén se converteu nun eslogan. En verdade ten Ourense unhas condicións específicas, a nivel provincial, que a converten nun territorio diferenciado?
– Bieito Iglesias (BI): Se o da ourensanía se reduce a crear unha bandeira e un himno, estamos a falar de folclore, unicamente. Mais eu si que penso que existe un feito diferencial de Ourense en termos de cultura. Ourense foi durante moito tempo o único núcleo urbano da provincia (antes da expansión do Carballiño, Verín e O Barco) e por así dicilo foi consciente dese feito urbano, tanto que na cultura galega é unicamente en Ourense onde se dá a literatura propiamente urbana. Primeiro a Xeración Nós e logo, principalmente, Eduardo Blanco Amor, recrean e inventan a cidade con parámetros literarios que ao mesmo tempo estaban empregando outras figuras, caso de James Joyce a respecto de Dublín. Esta representación literaria marca a propia idiosincrasia de Ourense, reflíctese e proxéctase durante o tempo, crea unha tradición literaria que aínda perdura.
– B: Vostede forma parte desa tradición. Ourense está moi presente na súa obra.
– BI: No meu caso, esa tradición váleme para encontrar a casa medio feita, o que é unha axuda. De todos os xeitos, en cada caso, o peso espacial é diferente nas obras literarias de cadaquén. James Joyce, malia vivir en Francia e en Suíza, sempre escribiu sobre Dublín, onde nacera e onde se criara. O mesmo se pode dicir de Eduardo Blanco Amor, que é o noso Joyce particular e que sempre lle foi “fiel” a Ourense malia só vivir na cidade na mocidade e na vellez. O caso contrario é o de Valente, onde non hai rastros das súas vivencias. A infancia é moi importante nos escritores, en algúns, e define os temas ou necesidades literarias. No caso de Ourense, o distanciamento tivo certo valor para autores como Xosé Luís Méndez Ferrín ou Carlos Casares ou máis recentemente Diego Ameixeiras.
– B: Que opina da literatura que se publica arestora?
– BI: Dáse no noso sector editorial (quizais dun xeito máis acusado por mor dos problemas económicos) unha tendencia mundial que se foi consolidando nas últimas décadas: o mercado moderno é o canon e aquilo que non vende non entra no canon. De verdade Stieg Larsson é o canon? Se collemos os catálogos editoriais galegos vemos que hoxe é máis difícil que hai 30 anos publicar unha novela adxectivada como literaria, e iso que daquela non había nin raíz dun sistema editorial digno de tal nome. (…)”

Entrevista a Bieito Iglesias, autor de O ouro de Ourense

DesdeBieito Iglesias 2015 o Zig-zag da Televisión de Galicia:
O ouro de Ourense, de Bieito Iglesias, con fotografías de Xulio Gil, fai un percorrido pola historia, literatura e as imaxes da capital das Burgas. A entrevista completa pode verse aquí.”

Bieito Iglesias presenta O ouro de Ourense

DesdeBieito Iglesias 2015 o Diario Cultural da Radio Galega:
“”O ouro de Ourense é a achega que fixeron os escritores e artistas ourensáns que case recrearon unha cidade a partir da realidade histórica dunha cidade pequena”. Bieito Iglesias presenta o libro O ouro de Ourense. A entrevista completa pode escoitarse aquí.”

Xavier Queipo gaña o XXXIV Premio Blanco Amor de novela coa obra Os Kowa

Desde aXavier Queipo Deputación de Ourense:
“A XXXIV edición do premio de novela longa Eduardo Blanco-Amor, que organiza a Deputación de Ourense, outorga o premio á obra Os Kowa, de Xavier Queipo. O ditame do xurado deuno a coñecer esta mañá no Centro Cultural “Marcos Valcárcel” o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández, acompañado polos membros do xurado Luís González Tosar e Bieito Iglesias, escritores; Malores Villanueva, profesora, e os críticos literarios Armando Requeixo e Francisco Martínez Bouzas. (…)
Os Kowa é “unha historia trepidante que se desenvolve entre Europa e a Amazonia cun trasfondo de diálogo de identidades culturais de respecto pola diversidade e pola natureza. Está narrada con brillante oficio e dela destaca a súa calidade”, afirmou Malores Villanueva, secretaria do xurado. (…)
Luís González Tosar, como portavoz do xurado, destacou a gran satisfacción do xurado “pola participación e a calidade das obras presentadas”, e engadiu “agradecer á Deputación de Ourense por ter organizado o certame na presente edición”. (…)
A entrega do premio levarase a cabo nun acto literario que se celebrará o vindeiro 1 de decembro, data na que se cumpren 36 anos do pasamento de Blanco Amor. A xornada comezará cunha ofrenda floral diante da campa de Blanco Amor, no cemiterio de San Francisco, organizada polo Centro Pen de Galicia, e culminará coa entrega do premio.
No transcurso do debate do xurado para deliberar o ditame do premio coñeceuse a nova do falecemento do ilustre escritor Xosé Neira Vilas, polo que Luís González Tosar afirmou que a mellor maneira de honralo hoxe “é traballando como estabamos aquí, a prol da literatura de Galicia, pola que el loitou durante os seus 87 anos de vida”.”

Arcadio López-Casanova gaña o Premio Voz de Liberdade do PEN Club Galicia

Desde Arcadio López Casanovaa Real Academia Galega:
“O xurado, formado polo presidente do PEN Club Galicia, Luís González Tosar, pola académica Fina Casalderrey e por Inma López Silva, Manuel Guede, Armando Requeixo, Luís Menéndez, Bieito Iglesias e Xabier Castro Martínez, acordou por unanimidade conceder o Premio Voz de Liberdade 2015 a Arcadio López-Casanova en recoñecemento á súa “fidelidade á lingua galega ao longo de máis de cinco décadas” e ao “seu permanente compromiso coa liberdade de expresión”.
“Estou moi agradecido, porque é un premio do PEN Club Galicia, unha institución decisiva para a difusión e a universalización da nosa cultura”, expresa o galardoado, que ingresou na Real Academia Galega como membro de honra no ano 2013 cun discurso sobre a modernidade poética de Rosalía de Castro. “Entendo que é un recoñecemento a unha actitude en defensa do país, en defensa da nosa identidade, da nosa lingua, algo que desde mozo intentei facer coa miña obra”, engade o académico, que recollerá o premio o vindeiro 25 de novembro nun acto que se celebrará no Consello da Cultura Galega. (…)
A súa propia evolución poderá apreciarse de novo na antoloxía que está a piques de publicar, A palabra compartida, na que recolle poemas “que son retratos e homenaxes” escritos ao longo de medio século de vida, desde 1963 ata 2013. “Van desde Rosalía ata os amigos máis novos que teño, pasando polos grandes mestres da galeguidade e doutros poetas nosos que sempre tiven como compañeiros de lectura”, detalla.
Non é a única novidade editorial do creador e ensaísta lugués. Tamén en breve publicarase unha obra de teatro infantil e un cancioneiriño que escribiu nos primeiros anos 70. “A obra de teatro tíñaa esquecida. Atopeina remexendo en carpetas vellas. Emocionoume moito atopala, podela refacer e que saia agora na editorial Ir Indo. E co cancioneiriño pasou o mesmo. Refixen os dous textos, amplieinos un pouquiño e van saír en pouco tempo”, conclúe.”

Compostela: presentación de Amor en alpargatas, de Manuel Portas

OManuel Portas xoves, 26 de febreiro, ás 20:00 horas, no Airas Nunes Café (Rúa do Vilar, 17) de Santiago de Compostela, preséntase o libro Amor en alpargatas, de Manuel Portas, publicado en Xerais. No acto participan, xunto ao autor, Dolores Vilavedra, Bieito Iglesias e Manuel Bragado.

Ourense: Xornadas Eduardo Blanco Amor no 35º aniversario do seu pasamento

2014 12 Xornadas Blanco Amor 12014 12 Xornadas Blanco Amor 2

Elías Portela gaña o XII Premio de Poesía Afundación con Bazar de traidores

DesdeElías Portela Magazine Cultural Galego e Sermos Galiza:
“Elías Portela vén de gañar coa obra Bazar de traidores o XII Premio de Poesía Afundación. O xurado, composto por Luís G. Tosar, Xabier Castro Martínez, Bieito Iglesias, Francisco P. Lorenzo e María Dolores Villanueva valorou a “innovación das imaxes e da estrutura da obra, a mestura dos rexistros culto e popular e a capacidade da crítica vitalista acompañada dun notable sentido do humor”.
Afirma ademais na súa acta que “o poeta actualiza o legado da vangarda histórica de Manuel Antonio usando unha linguaxe expresiva dun contexto contemporáneo, cosmopolita e á vez inserido nunha forte identidade persoal”.
Na rolda de prensa posterior á deliberación do xurado, Luís González Tosar afirmou que “foi unha sorpresa abrir a plica e descubrir que gañador é un autor de referencia en lingua islandesa, consagrado de tal maneira, que falar de Elías en Islandia é falar da renovación da súa poesía nacional”. (…)”