Rianxo: presentación de O viquingo converso, de Xesús Santos Suárez

Eli Ríos gaña con Remexido de patacas o premio Modesto Rodríguez Figueiredo

DesdeEli Ríos Faro de Vigo:
“A escritora galega nada en Londres, Eli Ríos, coa súa obra Remexido de patacas, foi a escollida como gañadora do certame galego de narracións breves Premio Modesto Rodríguez Figueiredo tras o fallo do xurado reunido o sábado 27 de decembro en Catoira. O premio, organizado pola Fundación do Padroado do Pedrón de Ouro coa colaboración, nesta corenta edición, do Concello de Catoira.
O xurado estivo presidido por Xosé Ramón Fandiño Veiga, presidente do Pedrón de Ouro. Actuou como secretario o escritor David Otero. Tamén participaron no veredito os escritores Antonio Reigosa, Isidro Novo, Anxos Sumai e o crítico literario Armando Requeixo, en representación das diversas institucións que colaboran como a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, o PEN Clube de Escritores e Escritoras de Galicia, Concello de Catoira e o Pedrón de Ouro.
A obra gañadora levará 1000 euros, que nesta ocasión recaerán en Eli Ríos. O xurado, e dada a alta calidade estimada nos textos presentados, decidiu conceder tamén dous accésit, dotados de 400 euros cada un, ás narracións Boxcar blues, do ribeirense Antonio Piñeiro, e a Gran Sol, do compostelán César Carracedo.
O acto de entrega terá lugar o sábado 17 de xaneiro no concello catoirense.”

Bases do XL Certame Nacional Galego de Narracións Breves Premio Modesto R. Figueiredo 2014

1. FINALIDADE DO PREMIO
A Fundación do Padroado do Pedrón de Ouro, coa colaboración do Concello de Catoira (Pontevedra) organiza o Certame Nacional Galego de Narracións Breves baixo o nome de Premio Modesto R. Figueiredo. Este certame organízase coa finalidade de promover a literatura narrativa en lingua galega e homenaxear ao seu artellador, o pontevedrés Modesto R. Figueiredo.

2. REQUISITOS PARA PARTICIPAR
Poderán participar todos os autores e todas as autoras de calquera nacionalidade, con unha ou máis obras, sempre que estean escritas en lingua galega, sexan inéditas e non se presentasen antes a ningún outro certame literario.

3. TRABALLOS QUE SE PODEN PRESENTAR
Os traballos deben ter un mínimo de cinco e un máximo de trinta páxinas mecanografadas a dobre espazo e por unha soa cara en follas de tamaño DIN-A4. Non obstante, o Xurado poderá reconsiderar esta base se entendese que a temática ou desenvolvemento lóxico do argumento o precisasen.

4. TEMPO E MODO DE PRESENTACIÓN
As persoas que participen deberán enviar os seus traballos por quintuplicado
sen remite, ou outra forma de identificación, antes do 15 de novembro de 2014 a algún destes enderezos:
FUNDACIÓN DO PADROADO DO PEDRÓN DE OURO
Apdo. de Correos,627. Santiago de Compostela
CONCELLO DE CATOIRA
Rúa do Concello,6
36612 CATOIRA-Pontevedra
Para a identificación das persoas premiadas ou para aquelas autoras de obras que o Xurado considere apropiadas para publicar, todos os traballos deberán engadir un sobre pechado, cos seus datos (nome, apelidos, enderezo, teléfono ou correo electrónico) e o currículo vitae se o considera oportuno.No exterior do sobre só aparecerá o título ou lema da obra.
(***) Con respecto aos traballos que o Xurado considere merecentes de publicación poderán abrirse as plicas correspondentes para poñerse en contacto cos autores e autoras para que dean o consentimento para publicalos.

5. PREMIOS
A obra gañadora será premiada con 1000€ (suxeito ás obrigadas retencións fiscais). Porén, se o Xurado considera de calidade outras obras, dúas delas máis poderán obter segundos premios que serán de 400 € cada un (e asemade tamén suxeitos ás obrigadas retencións fiscais). Ademais, o Xurado poderá recomendar a publicación daqueles traballos que así o considere (aínda, que non contarán con premio económico).
(***) En todo caso, a publicación destas obras soamente será posíbel co consentimento dos seus autores ou autoras.

6. XURADO E DECISIÓN
O Xurado estará composto por especialistas en crítica literaria designados pola Fundación do Pedrón de Ouro co asesoramento e colaboración das Asociacións de Escritoræs (AELG e Pen Clube Galicia) e do Concello de Catoira (Pontevedra). Así, a Fundación do Pedrón de Ouro reservarase tamén os postos de presidente/a, e secretario/a (este último con voz, pero sen voto).
(***) Se a calidade literaria das obras non fose estimábel, segundo o criterio do Xurado, o premio poderá declararse deserto.
O Xurado reunirase cara á terceira semana do mes de decembro e dará a coñecer a obra ou obras premiadas coa apertura de plicas diante dos medios de comunicación. Finalmente, ao remate da decisión do Xurado o/a secretario/a redactará a acta que asinarán todos os membros deste.

7. ENTREGA DE PREMIOS
Os premios que obteñan as obras seleccionadas entregaranse nun acto organizado polo Concello de Catoira en día e data que se dará a coñecer oportunamente. Os/as autores/as premiados/as terán que recoller persoalmente os seus galardóns.

8. OBXECCIÓNS E NORMAS DE INTERESE
A Fundación do Padroado do Pedrón de Ouro reservarase o dereito exclusivo de publicar as obras premiadas na súa primeira edición. O/a autor/a ou autores/as, ao aceptaren estas bases, renuncian voluntariamente aos seus dereitos en favor da Fundación do Padroado do Pedrón de Ouro.
A partir da seguinte edición, as obras son da total propiedade das súas autoras e autores, os/as cales terán a obriga de facer constar que a obra foi premiada no Premio Modesto R. Figueiredo da Fundación do Padroado do Pedrón de Ouro. As obras non premiadas seranlles devoltas aos seus autores e ás súas autoras se as requiren antes de rematar o mes seguinte á decisión do Xurado. Se ninguén as require, serán destruídas.

A Fundación do Padroado do Pedrón de Ouro é a única entidade con capacidade para decidir en última instancia calquera dúbida que puidese suscitar a interpretación das bases deste certame.

O feito de concursar xa obriga ás autoras e aos autores a aceptar as bases deste Certame.”

Premio da Bienal de Teatro Romaría Vikinga 2013-2014

“O Concello de Catoira e a Universidade de Santiago de Compostela, dentro do seu programa de actividades de promoción e sensibilización das culturas viquinga e galega e ó mesmo tempo co desexo de contribuír á creación teatral, convocan o premio de teatro-espectáculo Bienal Romaría Vikinga, coas seguintes bases:

1. As obras terán que ser inéditas e estar escritas en galego. O autor/a deberá ter en conta que se trata dunha representación popular na que participarán actores e actrices afeccionados, en gran número; e que a presentación comezará ó atardecer, e ó aire libre.
2. A organización e composición do xurado corresponderalle á USC e ó Concello de Catoira, e formarán parte do mesmo un representante do Concello de Catoira, tres persoeiros destacados do mundo do teatro e un representante da USC.
3. O tema deberá gardar relación con calquera dos moitos aspectos das incursións viquingas e a defensa das Torres, lendas, costumes, personaxes e símbolos, valores e sensibilidades propios do tema en Galicia. Sen saírse destes parámetros valorarase a creatividade e a orixinalidade.
4. A obra terá como escenario de representación o recinto histórico de Torres de Oeste, co cal poden formar parte da escenificación os elementos que o compoñen.
5. A representación da obra terá lugar na semana anterior ó día da Romería Vikinga (1º domingo de agosto).
6. O Concello de Catoira farase cargo da designación da persoa responsable da dirección da obra e de todo o referente a decorados e atrezzo, montaxe, materiais e vestiario.
7. Os actores e actrices serán afeccionados, que nacesen ou residan en Catoira. As persoas que participen no reparto da obra ceden ó Concello de Catoira os seus dereitos de imaxe con fins de reprodución, distribución e comunicación pública da obra teatral.
8. A presentación ó concurso esixe dous sobres adxuntos e pechados que conterán a seguinte documentación:
· Sobre A, incluirá os orixinais, mecanografados e por sextuplicado sen asinar, co título da obra e pseudónimo do/a autor/a que permita a súa posterior identificación, así como un precaderno de dirección no que se describa a posta en escena do espectáculo.
· Sobre B, incluirá o nome, teléfono e enderezo do autor/a, xunto cunha fotocopia do seu D.N.I. Por fóra, deberá ir o título da obra e o pseudónimo do/a autor/a. Ademais os/as residentes do concello escribirán Catoira no exterior do sobre.
Ambos sobres deberán ir pechados.
9. Prazo: os traballos poderán entregarse ata o día 30 de outubro de 2012, incluído, no seguinte enderezo:
Concello de Catoira
Rúa do Concello, 6
36612 Catoira-Pontevedra
Nese mesmo enderezo poderase recibir toda clase de información, ou a través do teléfono 986546014.
10. Premio: establécese un único premio de 2.500 euros para o texto teatral.
11. Ademais da calidade das obras, valorarase a viabilidade da súa posta en escena así como a innovación no libreto e que os autores non representaran obras en anos anteriores, co obxecto de dar paso a novas ideas e valores.
12. A resolución do xurado farase pública no mes de novembro de 2012 e seralles comunicada ós galardoados/as e difundida a través dos principais medios de comunicación.
13. O autor/a da obra premiada cede en exclusiva ó Concello os dereitos de reprodución, distribución, comunicación pública e transformación da obra, en todo o territorio da Unión Europea, para a súa explotación e execución teatral, edición e produción.
14. A determinación da publicidade corresponde ó Concello de Catoira e á USC.
15. O autor/a non percibirá ingresos de despacho de billetes.
16. Dado que a convocatoria do premio é bienal, entre os traballos presentados elixiranse as obras que se representarán nos anos 2013 e 2014. Á hora de elixir o segundo texto terán preferencia os residentes en Catoira, co fin de fomentar a creatividade e a afección polo teatro entre as persoas do municipio.
17. O xurado pode declarar deserto o premio se os traballos presentados non reúnen as condicións artísticas e de calidade suficientes.
18. A participación no presente concurso implica a aceptación das súas bases. Sen contradición con estas, para calquera detalle non especificado nelas, a organización resolverá no seu momento.”