Arquivos da etiqueta: Consorcio de Santiago
Compostela: Poemas no estío 2021
Rianxo: presentación de Castelao. Construtor da nación. Tomo II 1931-1939, de Miguel Anxo Seixas Seoane
Compostela: presentación de Andrade en Bonaval, de Juan Feáns
Compostela: Maratón de lectura Ricardo Carvalho Calero, na Fundación Granell, o 25 de novembro
Oroso: presentación das biografías de Castelao, obra de Miguel Anxo Seixas Seoane
Obras gañadoras dos Premios da V Gala do Libro Galego
O xurado da quinta edición dos premios da Gala do Libro Galego deu a coñecer as obras e autoras gañadoras nesta convocatoria que, pola situación causada pola pandemia do COVID19, viuse na obriga de ser adiada ao outono. A Gala do Libro Galego tiña prevista a súa celebración tal día coma hoxe, 9 de maio de 2020, e a organización do evento, decidiu manter as deliberacións do xurado e dar a coñecer os libros gañadores na mesma data e adiar a gala para o outono vindeiro en canto as condicións o permitan. Os premios de honra que anualmente se conceden tamén na Gala do Libro Galego adiáronse ata a celebración deste acto.
A Gala está organizada pola Asociación Galega de Editoras (AGE), Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG), e a Federación de Librarías de Galicia (FLG) e conta coa axuda de CEDRO (Centro Español de Derechos Reprográficos), Xunta de Galicia, Deputación da Coruña e o Concello de Santiago.
O xurado desta quinta edición estivo formado pola xornalista e poeta Ana Romaní, a profesora Anxos Rial, o escritor Antón Riveiro Coello, a poeta Estíbaliz Espinosa, o editor e profesor Manuel Bragado, a tradutora María Alonso Seisdedos e o crítico literario e escritor Ramón Nicolás. O xurado celebrou unha reunión telemática para debater sobre as propostas finalistas nas quince categorías (que podedes consultar aquí) e que corresponden con obra publicada durante o ano 2019.
Os membros do xurado sinalaron as dificultades de elección entre un conxunto de obras de altísima calidade o que, segundo explicaron, quere dicir que estamos nun bo momento da creación literaria e do mundo do libro galego neste momento particularmente difícil que atravesa a sociedade.
Aquí tendes o listado completo das gañadoras e gañadores:
PREMIOS A OBRAS EDITADAS EN 2019
Ensaio e investigación
– Dentro da literatura, de Suso de Toro (Edicións Xerais de Galicia)
Un ensaio literario coa vocación de dar a coñecer os procesos da literatura, escrito desde a lectura e sen renunciar ao exercicio da divulgación do oficio da literatura e das maneiras de ler.
Divulgación
– A que cheiran as cores? A esperada guía para coñecer o cerebro, de Juan Casto Rivadulla Fernández (Editorial Galaxia)
O xurado destacou desta obra que explica dun xeito sinxelo e ameno todas as singularidades do cerebro. É un libro que responde á demanda de contar con máis libros de divulgación científica ben editados, ilustrados e en galego, que estean, como este, dirixido a un público moi amplo en idade e intereses.
Narrativa
– Seique (2ª ed. ampliada), de Susana Sanches Arins (Através Editora)
O xurado valorou o exercicio da memoria persoal e familiar e a proxección universal da mesma para compoñer un mosaico que se volve innovación estrutural e que o/a lector/a ten que recompor, así como o uso da oralidade na escrita.
Infantil
– A tartaruga Amodovou, de Paula Carballeira (Oqueleo)
O xurado salientou a recuperación dun estilo clásico para un xeito innovador na literatura infantil, no que salienta unha riqueza léxica e un xeito de narrar sen convencións que resulta atraínte e singular.
Xuvenil
– Os corpos invisibles, de Emma Pedreira (Edicións Xerais de Galicia)
O xurado considerou que era unha narración poderosa, que sobarda o xénero xuvenil. Incorpora moitos referentes femininos para formar con eles un corpo literario que fai rede con escritoras universais. A perspectiva da muller combina na obra cun manexo da forma narrativa.
Libro ilustrado
– Irmá paxaro, de Tamara Andrés, ilustracións de María Montes (Cuarto de Inverno)
O xurado destacou a conxunción e harmonía neste libro entre ilustración e texto, unha combinación na que tanto o texto como a imaxe van máis alá de ser complementarios, o que o converte nun libro cunha formulación novidosa.
Libro de banda deseñada
– A chaira, de Antonio Seijas (Alita Cómics Editorial)
Escollida por ser unha obra de autor que conta unha historia desacougante, dramática e desconcertante, con paisaxes que semellan pinturas e narración visual potente que combina a imaxe e a mensaxe.
Iniciativa bibliográfica
– Castelao. Construtor da nación. Tomo I. 1886-1930, de Miguel Anxo Seixas Seoane (Editorial Galaxia/Consorcio de Santiago)
Para o xurado é unha obra monumental, amplisimamente documentada e que responde ao traballo dunha vida de investigación, ademais de ser o inicio dun conxunto de tomos imprescindible para a historia de Galicia.
Tradución
– Frankenstein ou o Prometeo moderno, de Mary Shelley/Tradución de Samuel Solleiro (Aira Editora)
O xurado destacou o valor de ser unha tradución que traslada á perfección a lingua do clásico orixinal e que conserva a forza da historia e o ritmo narrativa da novela, recuperando para o galego a forza dos clásicos universais.
Poesía
– Feliz Idade, de Olga Novo (Kalandraka Editora)
Destacouse a combinación de situacións vitais da autora, a súa circunstancia e o seu territorio xera neste libro unha serie de imaxe poéticas con moita tenrura e forza, ligadas a unha traxectoria coherente que volve sobre o telúrico, que mantén o pouso literario e incorpora elementos novidosos como a música sen apartarse do seu mundo habitual.
Teatro
– Citizen, do Grupo Chévere (Kalandraka Editora)
O xurado valorou que unha obra que marcou un antes e un despois nos escenarios galegos teña continuidade nun libro que, como obra escénica, conta unha historia contemporánea sobre a Galicia actual.
Libro mellor editado
– Fosforescencias, de Lupe Gómez/Ilustracións de Anxo Pastor (Alvarellos Editora)
Salienta a edición delicada, o emprego e combinación dos materiais e as ilustracións de Anxo Pastor.
PREMIOS A TRAXECTORIAS
Iniciativa cultural ou fomento da lectura
– Libraría Chan da Pólvora
Polo ímprobo labor que realizou a favor da poesía e da lectura, convértendose nunha libraría referente en Galicia e nun foco de dinamización arredor da poesía.
Proxecto literario na rede
– Kalandraka TV
O xurado valorou a promoción da lectura que realiza esta canle, especialmente nos ámbitos da lectura infantil e xuvenil, con contidos audiovisuais adaptados aos gustos das/os lectores/as máis novos/as.
Xornalismo cultural
– María Yáñez
O xurado recoñeceu a traxectoria de compromiso coas novas formas de contar e co uso das ferramentas de comunicación, sumando a tradición xornalística cos medios e plataformas para contalas, e sen deixar de lado os formatos da cultura popular.
Gala do Libro Galego 2020: finalistas nas categorías de Divulgación e Iniciativa bibliográfica
A Asociación Galega de Editoras (AGE), Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG), e a Federación de Librarías de Galicia (FLG), coa coordinación xeral da primeira entidade nesta edición, convocan a quinta edición dos Premios Gala do Libro Galego, a celebrar no Teatro Principal de Santiago de Compostela, onde se darán a coñecer as obras gañadoras.
Con estes premios preténdese recoñecer a excelencia do traballo realizado no ámbito editorial ao longo do ano 2019 en Galicia. As modalidades Iniciativa cultural ou de fomento da lectura, Proxecto literario na rede e Xornalismo cultural, recoñecen a traxectoria de varios anos, valorándose, polo tanto, a constancia ao longo do tempo nestes ámbitos.
Estas distincións, sen dotación económica, xorden, en primeira instancia, das propostas das bases asociativas das tres entidades convocantes, para posteriormente seren sometidas a un proceso de revisión e posterior fallo por parte dun xurado externo.
A Gala do Libro Galego conta co apoio de CEDRO, da Xunta de Galicia, do Concello de Santiago de Compostela e da Deputación Provincial da Coruña.
Na categoría de Divulgación as obras finalistas son:
– A que cheiran as cores? A esperada guía para coñecer o cerebro, de Juan Casto Rivadulla Fernández (Editorial Galaxia)
– Ferreñas e Rock and Roll, de Laura Romero e Iria Pedreira (Baía Edicións)
– Guadi Galego, pola beira da canción, de Pepe Cunha (Edicións Embora)
Na categoría de Iniciativa bibliográfica as/os finalistas son:
– Construtor da nación. Tomo I. 1886-1930, de Miguel Anxo Seixas Seoane (Editorial Galaxia/Consorcio de Santiago)
– Colección Pan de abella, VV. AA. (Apiario)
– Serie Animais Extraordinarios, de Xulio Gutiérrez e Nicolás Fernández (Faktoría K de libros)
A Coruña: presentación de Castelao. Construtor da nación. Tomo I, de Miguel Anxo Seixas Seoane
Lugo: presentación de Castelao. Construtor da nación. Tomo I. 1886-1930, de Miguel Anxo Seixas Seoane
O 28 de febreiro, ás 19:30 horas, na Libraría Trama de Lugo (Avenida da Coruña, 21), preséntase Castelao. Construtor da nación. Tomo I. 1886-1930, de Miguel Anxo Seixas Seoane, publicado por Galaxia, en coedición co Consorcio de Santiago. Acompañando ao autor asistirá Lourenzo Fernández Prieto.