Gala dos Premios Follas Novas do Libro Galego 2025

Destacado


Os premios Follas Novas do Libro Galego entregaron os seus galardóns anuais coa tradicional gala na que se entragaron tanto os premios por categorías literarias como aqueles que recoñecen a figuras do mundo da literatura, da edición e do sector libreiro. A gala tivo lugar no Teatro Principal de Santiago e, unha vez máis serviu de repaso a toda a produción literaria do ano 2024.

A gala serviu para reivindicar o papel do mundo do libro na historia recente de Galicia, unha historia que, segundo se reivindicou, percorre catro decadas tanto para escritores, editoras e librarías. No transcorrer da festa, presentada por Xosé Barato, tivo un especial protagonismo a situación de Palestina, a través da presenza de Shahd Wadi, do libro que resultou gañador de iniciativa editorial e tamén das intervencións de algúns dos gañadores en distintas categorías. Manuel Bragado, premiado de honra pola AGE fixo un repaso pola situación editorial de Galicia e pediu “un trato digno para o libro galego, como fixo no seu día Agustín Fernández Paz”. Tamén propuxo o mestre e editor “que todos os sectores e administracións do libro senten na mesma mesa”.

Ao longo da gala, Xosé Barato, que actuou como mestre de cerimonias foi ofrecendo pequenas mostras sonoras gravadas en distintas librarías galegas para conformar un mapa sonoro do ambiente que se encontran as xentes que entran nas librarías de Galicia. A música da gala correspondeu ao dúo Mr Cool & Rubén Servide, unha formación de guitarra máis saxofón.

O proceso de selección para estes premios comeza cunha escolla previa por parte dos asociados dos tres colectivos convocantes. Unha vez que que se realiza este escolma entre toda a produción de títulos publicados neste caso ata novembro de 2024, fórmase un xurado integrado por persoas de todos os ámbitos do mundo do libro para facer primeiro unha selección de finalistas con tres títulos por categoría e, finalmente, coa escolla dos títulos ganadores en cada unha delas. O xurado desta edición estivo composto por Concha Blanco, Adela Touriñán, Irene Penas, Leonor Mazaira, Daniel Ugarte e Fabio Rivas.

Os premios Follas Novas están organizados pola Asociación de Escritoras e Escritores en en Lingua Galega (AELG), a Asociación Galega de Editoras (AGE) e a Federación de Librarías de Galicia (FLG), co apoio da Concello de Santiago, a Deputación da Coruña, a Xunta de Galicia e CEDRO.

No nome das tras asociacións impulsoras do premios abriu o acto o presidente das escritoras e escritores, Cesáreo Sánchez Iglesias, quen sinalou no seu discurso: “Cumprimos 48 anos a Federación de Librarías de Galicia, 45 anos vimos de cumprir na AELG e 42 a Asociación Galega de Editoras. Isto significa que as tres asociacións levamos máis de catro décadas construíndo estruturas sociais, empresariais e culturais que poidan sustentar o noso sistema literario. Librarías por todos os lugares do noso pais, verdadeiras ágoras onde os nosos libros soñan mundos. E fágoo extensivo a todos os colectivos e persoas que participan no proceso de creación e edición.

A multipremiada literatura galega fóra do noso País, significa o que conseguimos entre moitas e moitos de nós de xeito colectivo e individual, que vén dado por termos unha nova percepción da cultura, dentro e fora da Galiza. Reivindicamos a nosa cultura en todas e cada unha das súas formas de creación”.

Premios honoríficos
Cada unha das tres asociacións organizadoras entrega na Gala dos Follas Novas os seus premios de honra anuais, nos que se salienta unha figura das letras, unha editorial ou persoa destacable do mundo editorial e unha libraría. Os galardóns que se entregarán na gala serán para Shahd Wadi, Manuel Bragado e para o fundador da libraría Follas Novas, Rafael Silva.

Premios FLG | Rafael Silva.
En decembro de 1971, tres cregos impulsaron a creación da libraría Follas Novas en Santiago de Compostela, concibida inicialmente como unha libraría especializada en libro universitario. Pouco tempo despois da súa apertura, un dos fundadores, Rafael Silva, deixou a vida eclesiástica para dedicarse de cheo á xestión da libraría e tamén da súa editorial. O proxecto pronto foi máis aló da súa orixe académica, converténdose nun espazo clave para a difusión da cultura galega e nunha libraría que, a día de hoxe, continúa sendo de referencia en todo o país.

Premio AGE | Manuel Bragado
Manuel Bragado (Vigo, 1959) é editor, mestre e activista cultural. Foi director de Edicións Xerais de Galicia entre 1994 e 2018 e actualmente traballa como orientador en centros educativos de Redondela. Presidente da Fundación Luzes e colaborador habitual en Faro de Vigo, mantén dende 1999 a sección «Campo de Granada». Tamén é autor do blog Brétemas, recoñecido con varios premios, e publicou libros como Vigo, puro milagre e Vigo, abella da ribeira.

Premio AELG Escritora Galega Universal | Shahd Wadi
Shahd Wadi (Exipto, 1983) é unha escritora e investigadora palestina que creceu en Xordania e reside en Lisboa, Portugal. Doutorouse en Estudos Feministas na Universidade de Coimbra coa tese Feminismos de corpos ocupados, centrada nas narrativas artísticas das mulleres palestinianas no exilio, que deu lugar ao libro Corpos na trouxa (2017). Reparte o seu tempo entre a escrita, a tradución, a programación cultural e o activismo feminista e palestino. Nomeada Escritora Galega Universal pola AELG, en recoñecemento á calidade da súa obra e ao seu compromiso coa defensa dos dereitos do pobo palestino desde unha perspectiva feminista.

OBRAS E PROPOSTAS PREMIADAS

PREMIO Á OBRA DE ENSAIO E INVESTIGACIÓN
Abril é un país. Tereixa Constenla. Editorial Kalandraka.

PREMIO Á OBRA DE DIVULGACIÓN
Rotas (As mulleres que o franquismo agochou en Compostela). Montse Fajardo. Edicións Positivas.

PREMIO Á OBRA DE NARRATIVA
A noite das cebolas. Rosa Aneiros. Edicións Xerais de Galicia.

PREMIO Á OBRA INFANTIL
Como escorrentar un lobo. Antonio Manuel Fraga. Cuarto de Inverno.

PREMIO Á OBRA XUVENIL
Cartas na escuridade. Lois Pérez. Cuarto de Inverno.

PREMIO AO LIBRO ILUSTRADO
Papóns. Sandra Lodi. Editorial Galaxia.

PREMIO AO LIBRO DE BANDA DESEÑADA, GRÁFICO E HUMOR
Presas fáciles. Voitres. Miguelanxo Prado. Retranca Editora.

PREMIO Á INICIATIVA BIBLIOGRÁFICA
Cantos de dor e liberdade. Voces galegas por Palestina. VV.AA. Tempo Galiza Editora.

PREMIO Á OBRA TRADUCIDA
Os caravanistas, de Elizabeth von Arnim. Celia Recarey. Irmás Cartoné.

PREMIO AO LIBRO DE POESÍA
Os pozos elegantes das clavículas. María Álvarez Landesa. Alvarellos Editora.

PREMIO AO LIBRO DE TEATRO
Ubasute. Paula Carballeira. Editorial Galaxia.

PREMIO AO LIBRO MELLOR EDITADO
O libro das abellas. VV. AA. Apiario.

PREMIO PROMOCIÓN DA LECTURA
Culturgal.

O xornalista Alberto Ramos gaña o XVIII Premio Narrativa Breve Repsol con Pirotecnia

Desde Nós Diario:
“O xornalista Alberto Ramos gañou o XVIII Premio Narrativa Breve Repsol con Pirotecnia, unha obra “narrada cun estilo impecábel” e que constitúe “un excelente retrato da complexa sociedade galega que nos tocou vivir”.
O secretario xeral de Lingua, Valentín García, participou esta terza feira na entrega do galardón, xa que o certame conta co apoio da Xunta da Galiza, que busca “reforzar a creación literaria en galego e promover o uso social da lingua”.
O representante do Goberno galego, que formou parte do xurado, felicitou o galardoado “tanto polo premio como pola súa novela, plena e orixinal”.
O premio leva unha dotación económica de 12.000 euros e a publicación da obra gañadora por parte da Editorial Galaxia.
Á cita tamén asistiron a directora do Complexo Industrial de Repsol na Coruña, Natalia Barreiro; o presidente de Galaxia, Xosé Manuel Soutullo; e o portavoz do xurado nomeado pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, Daniel Ugarte.
Precisamente estes últimos definiron a novela como “unha obra narrada cun estilo impecable, que conta cunha habilidade polifónica na que os sucesos relatados vanse entretecendo contrapuntisticamente”.
“Pola calidade dos seus diálogos, a caracterización dos personaxes e a apropiada recreación de atmosferas, esta novela constitúe un excelente retrato da complexa sociedade galega que nos tocou vivir”, remarcan. (…)”

A Coruña: actividades do 4 de agosto na Feira do Libro 2022

Vigo: actividades do 6 de xullo da Feira do Libro 2022

Feira do Libro da Coruña 2019: actividades literarias destacadas do 5 de agosto

O 5 de agosto continúa a Feira do Libro da Coruña (nos Xardíns de Méndez Núñez, s/n.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa para este día:

18:00 h. Anna R. Figueiredo e Antía Yáñez participará na mesa redonda Letras que nacen dentro da programación da Feira do Libro da Coruña.
18:00 h. Daniel Ugarte asina O coala, na caseta da Libraría Nobel da Coruña.
19:00 h. Presentación de Un peixe no parqué, de Ramón Vilar Landeira, publicado por Xerais. Participan Fran Alonso e o autor. Ao remate sinatura de exemplares.
19:00 h. Francisco X. Fernández Naval asina Os contos da avoa Pepa, publicado por Kalandraka, na caseta de Santos Ochoa.
19:00 h. Héctor Cajaraville asina na caseta da Libraría Pedreira.
19:00 h. Manuel Monge asina Guía para non perderse en política, publicado por Laiovento, na caseta do Consorcio.
19:30 h. Raquel Senra asina Conto da travesía das musas na caseta de Hércules de Edicións.
19:45 h. Coloquio: A Torre de Hércules e o mar, con Antonio Sandoval e Teresa Ramiro. Modera Xosé Alfeirán.
19:45 h. Presentación de Hércules e o xigante. Unha torre de lenda, de Enrique López, publicado por Hércules de Edicións. Con Laura Rodríguez.
20:00 h. Diana Varela Puñal asina Diario sen datas dunha aborixe galega, publicado por Laiovento.

Vigo: actos destacados na Feira do Libro 2019 para o 5 de xullo

O 5 de xullo continúa a Feira do Libro de Vigo (na Rúa do Príncipe, con horario de 11:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 21:00 h.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, cos seguintes actos literarios destacados para este día:

11:00 h. Daniel Ugarte Otero asina O coala, na caseta da Libraría Nobel.
18:00 h. Concerto-presentación de Cantamos, de Luís Vallecillo, publicado por Guindastre Edicións. Posterior sinatura na caseta da Secretaría.
19:00 h. Daniel Asorey asina exemplares da súa obra na caseta da Libraría Pedreira.
19:00 h. Xosé Manuel González “Oli” asina Ratos de viaxe, na caseta de Libros para Soñar.
19:15 h. Presentación de Actrices secundarias, de Clara do Roxo, publicado por Elvira. Participa Xabier Romero.
20:00 h. Presentación de Versos e viceversos, de Antonio García Teijeiro e Juan Carlos Martín Ramos, publicado por Kalandraka. Coa participación de An Alfaya.
20:00 h. María Xosé Porteiro asina exemplares de Sándalo, publicado por Galaxia, na caseta de Librouro.