O venres 16 de febreiro, ás 19:00 horas, na FNAC da Coruña (Praza de Lugo, s/n), preséntase Charamuscas, de Suso Lista, publicado por Embora.
Arquivos da etiqueta: Edicións Embora
Terra queimada (Embora), de Ramón Caride
Entrevista a Ramón Caride en Fervenzas Literarias:
“(…) – Fervenzas Literarias (FL): Estamos en Terra queimada ante unha novela breve pero argallada con diferentes fíos argumentais, con moitos personaxes. Un relato que exhala unha grande intensidade. Poderíamos considerar a Galicia rural como o nexo común de todas esas historias que transitan ao longo do libro?
– Ramón Caride (RC): Eu son moi fan do filme Vidas cruzadas, que está inspirado nos relatos de [Raymond] Carver, ou de Nueve vidas, o filme dirixido por Rodrigo García Barcha, o fillo de García Márquez, onde diferentes personaxes conflúen nun momento determinado pero logo nunca máis volven atoparse. Historias moi distintas pero que acontecen no mesmo sitio. Isto é un pouco o que define a vida, estamos no mesmo lugar pero o mundo discorre de diferente xeito para cada un de nós.
Por outra banda xa na miña primeira novela, Soños eléctricos, concorrían varias historias a través do libro. É unha característica da miña escrita e en Terra queimada pasa o mesmo, amósanse diferentes relatos na mesma narración, velaí está o suceso da guerrilla carlista, onde me interesaba moito o tema dos guerrilleiros no Paraño. Logo aparece a historia dos catro vellos que están xogando ás cartas, onde “parece” que non vai pasar nada. Asoman as personaxes de Sawa e do piloto do helicóptero, no cal abordo o tema de emigración pero serve tamén para lle dar unha volta ao tema do rural, que por unha banda esmorece, é abandonado, pero tamén no rural principian outro tipo de historias.
Se colles todo o anterior e dáslles unha volta e outra, ao final atopas ao fío que as xungue a todas: o lugar onde acontecen. (…)
– FL: Un dos cadros que nos amosa en Terra queimada é a deleiba do mundo rural. Un mundo que esmorece, que envellece como os catro xogadores de cartas coa que arranca a novela. Que -en definitiva- desaparece.
– RC: No que vas ao interior de Galicia, ou te afastas un pouco da costa ou das cidades grandes, isto é o que hai no país. Unha poboación envellecida que está como esperando algo pero que en realidade non agarda por nada, porque saben que ese mundo, o seu mundo, vai desaparecer con eles. Esa é a imaxe, pasar o tempo xogando á baralla. É unha maneira de arrincar a novela, unha paisaxe onde –aparentemente- non pasa nada. Catro persoas, avellentadas, que parece que xa viviron todo e que, como dicía antes, nada axitará as súas vidas.
Eu reivindico moito, á hora de facer literatura, o anódino, a tensión que hai no cotiá. Mira a túa vida, mira a miña vida, seguramente non nos pasen cousas transcendentes a meirande parte do tempo, pero sen embargo, as poucas arroutadas ou os únicos momentos singulares que se apartan da vulgaridade, non teñen sentido se non consideras o resto.
Velaí a razón pola que eu principiei a novela con eses homes, con esa acción de xogar á baralla. É unha estampa.
– FL: Vostede procede do concello de Cea, unha zona que doadamente podería reflectirse en Terra queimada. De que xeito o contexto familiar e paisaxístico no que medrou transformouse na escrita desta novela curta? Que importancia tivo o factor sentimental á hora de escribir?
– RC: Unha historia sempre hai que escribila dende a emoción, entendo eu. Escribir, polo menos no meu caso, implícate como persoa, introduces a memoria e incluso o teu estado emocional. A ver, nun primeiro momento a historia é imaxinaria, pero claro, velaí está a corta dos piñeiros, que eu coñezo ben porque viñan cortar madeira aos meus pais. Aquí na novela chámase Ramón, non me lembro como se chamaba daquela o tipo pero mentalmente teño na cabeza a súa imaxe moi nítida. Eu recordo a Tereixa, cando neno, que tiña unha taberna… Todo isto ao final vas revivindo cousas, lembras e imaxinas outras… e todo isto vai xuntándose. E seguramente máis cousas. Os topónimos proceden de Terra de Montes e da zona do Carballiño. Reflíctese claramente o Paraño, pero estamos en Terra queimada ante unha Terra de Montes un pouco imaxinaria. (…)”
Concha Blanco, autora do libro de relatos O medo é libre
Desde Chamando á Terra, da Radio Galega:
“Falamos con Concha Blanco, autora do libro de relatos O medo é libre, que bebe da tradición oral que viviu de nena na taberna e o salón de costura familiar. Pode escoitarse aquí.”
Pontevedra: presentación de Amada García e os seus arredores, de Bernardo Máiz
Culturgal, Pontevedra: actividades literarias destacadas do domingo 3
Do 1 ao 3 de decembro, no Pazo da Cultura de Pontevedra, e con horarios de 11:00 a 21:00 horas o venres 1 e sábado 2, e de 11:00 a 20:00 horas o domingo 3, terá lugar o Culturgal 2017. O prezo das entradas é o seguinte: “a entrada xeral por día ten un prezo de 2 euros, entregarémosche unha pulseira e entrarás e sairás do recinto cando queiras durante ese día. Se queres acceder máis de 1 día, tes unha pulseira de 3 euros coa que poderás entrar e saír durante os 3 días. Nenas e nenos até 12 anos (incluídos) pagan 1 euro por día e 2 euros pola pulseira bono. Menores de 3 anos non pagan entrada.”
As actividades literarias destacadas do programa para o domingo 3 son:
– 11:00 h. Espazo Foro. Conversa con Manuel Núñez Singala ao redor do libro Sacar a lingua é de mala educación. Galaxia.
– 11:30 h. Espazo Libro. Conversa con Eli Ríos ao redor de Luns (Premio Torrente Ballester 2016) e Culpable (Premio López Abente 2017). Con Manuel Bragado. Xerais.
– 12:00 h. Espazo Foro. Presentación da «Rede Scórpio» e entrega dos premios do concurso de narrativa breve. Através Editora-AGAL. Con Xosé Antom Serém, da Através Editora e Óscar Senra, de MaOs Innovación Social, S. Coop. Galega.
– 12:00 h. Espazo Libro. Fernando Osorio do Campo. Unha vida sen treguas (Premio Carvalho Calero 2016, concello de Ferrol). Con Carlos-Caetano Biscainho-Fernandes, autor. Edicións Embora.
– 12:00 h. Espazo Carpa. A violencia dun sorriso. Implicadas no Desenvolvemento en colaboración co grupo A Panadaría. Recital-performance creado por A Panadaría, baseado nos poemas da autora támil Thamizhachi Thangapandian.
– 12:00 h. Sinatura de Antonio Manuel Fraga. Querido H. P. Lovecraft. No stand de Urco Editora.
– 12:30 h. Espazo Foro. Nova Escola Galega e a Revista Galega de Educación. Con María Dolores Candedo, presidenta, Xesús Rodríguez, director da RGE, Silvia López Gómez (coordinadora de «Aprendendo con videoxogos») e Santiago Fernández Lanza, profesor na Universidade Internacional da Rioxa e colaborador.
– 12:30 h. Espazo Libro. Presentación da plaquette O gran rexeitamento. Flores para Albert Ayler de Daniel Salgado en formato musical con
Alexandre Losada & Luís Garrido. Apiario.
– 13:00 h. Espazo Foro. Corpo de Antiochia. Intervención poética con Tamara Andrés, autora. Galaxia.
– 13:00 h. Espazo Libro. Conversa de Iria Collazo con Berta Dávila, autora de A pel do mundo. Galaxia.
– 13:00 h. Sinatura de Isidro Novo. O tabú na traslenda. No stand de Urco Editora.
– 16:30 h. Espazo Foro. Portugal na Culturgal. Presentación da 4a Semana de convergências Portugal-Galiza. Secretaría Xeral de Política Lingüística. A cidade portuguesa de Braga acollerá -arredor do 24 de febreiro de 2017, Día de Rosalía de Castro- a cuarta edición desta iniciativa colaborativa que impulsan o Centro de Estudos Galegos da Universidade do Minho, a Secretaría Xeral de Política Lingüística, a formación Canto D’Aqui, a Câmara Municipal de Braga e a Junta de Frêguesia de San Vicente co obxectivo de irmandar as dúas beiras do Miño a través da música, da poesía e da palabra. Interveñen: Valentín García Gómez, secretario xeral de Política Lingüística, Pedro Dono López, director do Centro de Estudos Galegos da Universidade do Minho, Anxo Angueira Viturro, presidente da Fundación Rosalía de Castro, Uxía, coordinadora da iniciativa, e Jaime Torres, Carlos Moutinho e Filipe Cunha, integrantes de Canto D’Aqui.
– 16:30 h. Espazo Libro. Conversa entre Francisco X. Fernández Naval, autor de Alma e o mar, e Arantza Portabales, autora de Deixe a súa mensaxe despois do sinal. Galaxia.
– 17:00 h. Sinaturas de Manuel Lourenzo González e Tomás González Ahola. No stand de Urco Editora.
– 17:00 h. Espazo Libro. Mulleres bravas. Urco Editora. Maruja Mallo e Xulia Minguillón. Con Elvira Ribeiro, autora, Eva Agra, ilustradora, Andrea Jamardo, editora, e María Lado, presentadora.
– 17:30 h. Espazo Libro. Biodiversidade: cara unha sexta extinción masiva. Presentación da edición en galego. Catro Ventos Editora. Con Isidro Dozo, editor, e Xosé Veiras.
– 18:00 h. César Lorenzo Gil conversa con Ramón Caride sobre O camiño da Estadea. Ao remate, sinatura no stand de Xerais.
– 18:00 h. Sinaturas de Beni Yáñez, Os donos das cinsas, e Santiago Bergantinhos.
– 18:30 h. Espazo Libro. Presentación do libro Catro ventos. Cos editores Cibrán Rico López e Suso Vázquez Gómez e o fotógrafo Javier Fernández Pérez de Lis. Fabulatorio.
– 18:45 h. Espazo Foro. Conferencia «Terra. Ciencia, aventuras e sorpresas dunha viaxe arredor do mundo». Con Xurxo Mariño. Xerais. Ao finalizar, sinatura no stand de Xerais.
– 19:00 h. Espazo Libro. Conversa con Marcos Calveiro, autor de O xardineiro dos ingleses» (Premio García Barros), Fran Fernández Davila, autor de A senda de sal (Premio de Novela por Entregas de La Voz de Galicia). Co xornalista César Lorenzo Gil. Galaxia.
– 19:00 h. Sinaturas de María Lado, Eva Agra e Elvira Ribeiro. No stand de Urco Editora.
Entrevista a Antonio M. Fraga: “A literatura salvoume a vida porque lle deu o sentido do que antes carecía”
Entrevista a Antonio Manuel Fraga en Lecturafilia:
“(…) – Lecturafilia (L): Por que escribir unha carta a H.P. Lovecraft e non a outro escritor?
– Antonio Manuel Fraga (AMF): Todo partiu da casualidade. Eu estaba a me documentar sobre escritores que se suicidaran para un libro de relatos que nunca cheguei a escribir. Foi procurando información para ese proxecto cando batín coa historia de Robert E. Howard. Pensei naquel intre que a morte de Howard tiña elementos dabondo para conformar os alicerces dunha novela, que –por suposto –tiña que encadrarse dentro terror cósmico instaurado por Lovecraft. Despois, á hora de conformar a novela, pensei que botar man do xénero epistolar podería ser unha boa solución para lle dar ao texto ese aspecto de confesión que procuraba. (…)
– L: Como prende en ti a chama da literatura? Cando decides que queres escribir?
– AMF: A través da lectura. Supoño que a necesidade de non ser só receptor de historias, senón tamén emisor, foi o que me levou a dar o salto. Como afección, escribo desde moi novo, talvez desde a adolescencia. Dun xeito máis consciente, máis serio se se quer, desde o ano 2011. Daquela quixen crear un conto para lle dedicar á miña sobriña Icía, que aínda non nacera, e tanto me gustou a experiencia que continuei por ese camiño. E até hoxe! (…)
– L: Falas do suicidio, da morte, da soidade e da insatisfacción persoal. Ten a literatura unha función salvadora?
– AMF: Totalmente. É case un exorcismo. A idea da morte angústiame tanto que me deixa paralizado. Sei que, a medida que envelleza, necesitarei axuda psicolóxica para afrontar esta cuestión ou tolearei. Dígoo en serio. Escribir sobre iso sérveme de válvula de escape. Ademais, facelo sobre temas que realmente me preocupan coido que lle engaden á historia un pouso de honestidade que doutro xeito non tería. Dalgún xeito, a literatura salvoume a vida, porque lle deu un sentido do que antes carecía.
– L: A túa máis recente novela é A virxe das areas, que, segundo xa comentaches nalgunha ocasión, parte dun soño que tiveches un día, no que escribías esta novela sobre a aparición dunha rapaza sen memoria nun piñeiral. Que máis nos podes contar dela?
– AMF: A virxe das areas foi un exercicio literario no que aprendín moitísimo como narrador. Está ideada como un folletín, dividida en capítulos moi curtos onde sempre acontece algo. Pretende xogar con diversos elementos da novela negra, á que dalgún xeito parodia. A historia imaxineina conxuntamente con Olaia Sendón, unha cineasta amiga miña. Iso serviume tamén para lle dar un aspecto máis visual. É certo que partín dun soño no que un xubilado de Pontedeume, a miña vila, investigaba a misteriosa aparición dunha moza que perdera a memoria. Ese foi o punto de partida para tecer a arañeira de segredos que conforma a novela. (…)”
Vimianzo: presentación de Lendas da Costa da Morte, de Xan Fernández Carrera
Rinlo (Ribadeo): presentación de Charamuscas, de Suso Lista
Lugo: presentación de Chafarís, nova obra de Xoán Neira
O venres 3 de novembro, ás 19:00 horas, na Libraría Trama de Lugo (Avenida da Coruña, 21), Xoán Neira presenta Chafarís, álbum ilustrado infantil, publicado por Embora. No acto participan, xunto ao autor, Xosé Miranda e Miguel Toval. Pecharano nenas e nenos coa lectura de varios poemas.
Lugo: presentación de Chafarís, de Xoán Neira
O venres 3 de novembro, ás 19:00 horas, na Libraría Trama de Lugo (Avenida da Coruña, 21), Xoán Neira presenta Chafarís, álbum ilustrado infantil, publicado por Embora. No acto participan, xunto ao autor, Xosé Miranda e Miguel Toval. Pecharano nenas e nenos coa lectura de varios poemas.