Pontevedra: presentación de Atl, de Manuel Lourenzo González

O xoves 22 de novembro, ás 20:00 horas, no Salón de Actos Sexto Edificio do Museo (Rúa Padre Amoedo Carballo, 3) de Pontevedra, preséntase Atl, de Manuel Lourenzo González, publicado en Xerais. No acto, organizado pola editora e o Ateneo de Pontevedra, participan, xunto ao autor, interveñen Manuel Bragado e Manuel Figueiras. Como peche, actuará o grupo de pandeireteiras Adonairare.

Entrevista a Agustín Fernández Paz no programa Zig zag

O programa da TVG Zig-zag diario, que presenta a xornalista María Solar, entrevistou ao escritor Agustín Fernández Paz, que resultou gañador o sábado no Premio da Crítica Galicia na categoría de Creación Literaria polo seu libro Fantasmas de luz, publicado en Xerais. Desde a web da editora.

Santiago: presentación de A estrela de Oriente, de Pemón Bouzas

O mércores 21 de novembro, ás 20:00 horas, na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6) de Santiago de Compostela, preséntase A estrela de Oriente. Unha historia dos Reis Magos, de Pemón Bouzas, publicada en Xerais. No acto, xunto ao autor, participa Manuel Bragado.

Coñécense os Premios da Crítica Galicia 2012

No Hotel Os Escudos de Vigo deuse a coñecer no serán do sábado 17 de novembro o ditame da trixésimo quinta edición dos Premios da Crítica Galicia na súas modalidades de Creación Literaria, Investigación, Música, Iniciativas Culturais, Artes Plásticas e Visuais e Artes Escénicas e Audiovisuais.
Baixo o lema Galicia como tarefa, recollido dun título de Valentín Paz Andrade, xuntáronse máis de trescentas persoas representativas dos diversos ámbitos da política, da sociedade e da actividade cultural do país, entre as que se atopaban Abel Caballero, alcalde de Vigo; Xesús Vázquez Abad, conselleiro de Educación e Cultura; Anxo Lorenzo Suárez, secretario xeral de cultura; Valentín Gómez, secretario xeral de política lingüística; Ana Isabel Vázquez, delegada de Cultura da Deputación Provincial de Pontevedra; Santiago Domínguez Olveira, voceiro do BNG no concello de Vigo; Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da AELG; Luís González Tosar, presidente do PEN Club de Galicia e Francisco Castro, presidente de GALIX, entre outros.
Bieito Ledo, presidente da Fundación Premios da Crítica Galicia, abríu o acto, conducido por Comba Campoy, saudando aos asistentes e lembrando a importancia desta triséximo quinta edición na que a Fundación edita o libro 35 anos de cultura, así como facendo un chamamento á valentía e sabedoría de nós os Galegos para facerlle fronte á realidade actual.
– O xurado da modalidade de Creación Literaria, formado por Ana Romaní Blanco, Luciano Rodríguez Gómez, Olivia Rodríguez, Fina Casalderrey Fraga, Isabel Mociño González, Xavier Lama e Blanca Roig Rechou, que actuou como secretaria, acordou outorgar por unanimidade o premio a Fantasmas de luz de Agustín Fernández Paz publicado por Edicións Xerais de Galicia. O xurado apuntou como razóns para premiar esta obra “a súa capacidade de enfiar cine e literatura na arquitectura da novela, unha das marcas poéticas do autor; o tratar problemas da sociedade de hoxe que levan á invisibilidade dos excluídos, aínda que a historia se sitúe nunha etapa anterior á crise; o facelo con humor, fina ironía e unha ollada atenta aos problemas profundos da nosa sociedade; e, por último, pola súa mensaxe final que, malia as denuncias, está cargada de optimismo e esperanza nun futuro mellor.
– O xurado da modalidade de Investigación, formado por Jorge Mira Pérez, Xosé Manuel Beiras Torrado (que desculpou a súa ausencia), Mercedes Brea López, María del Mar Lorenzo Moledo, Ricardo Garcia Mira, José María Barja e Ernesto Sánchez Pombo, que actuou como secretaría, acordou outorgar por unanimidade o premio á edición de Regreso a Compostela de Edith Wharton preparada por Patricia Fra López editada polo Servizo de Publicacións da Universidade de Santiago.
– O xurado da modalidade de Música, formado Rodrigo Romaní, Javier Otero Neira, Abe Rábade, Marión Sarmiento, Carlos Villanueva, Maximino Zumalave e Anxo Tarrio Varela, que actuou como secretario, acordou outorgar o premio por unanimidade á Asociación Galega de Compositores.
– O xurado da modalidade de Iniciativas Culturais, formado por por Manuel Rosales, Iago Martínez, Anxos Sumai, Carme Vidal, María Xosé Porteiro, Germám Ermida e Xavier Senín, que actuou como secretario, acordou outorgar o premio á Asociación O Sorriso de Daniel.
– O xurado da modalidade de Artes Plásticas e Visuais, formado Anxo Cabada, Suso Cubeiro, Álvaro de la Vega, Iñaki Martínez Antelo, Asunta Rodríguez, Teresa Táboas e Charo Portela, que actuou como secretaria, acordou tras recoñecer todas as propostas achegadas polos membros do xurado como de grande valor, outorgar por unanimidade o premio a Carmen Nogueira.
– O xurado da modalidade de Artes Escénicas e Audiovisuais, formado Isabel Blanco, Mariana Carballal, Miguel Anxo Fernández, Gustavo Pernas, Mamen Quintas, Xesús Ron e Inma López Silva, que actuou como secretaria, acordou por unanimidade outorgar o premio a Xosé Manuel Olveira “Pico”.

Vigo, 17 de novembro de 2012

Ledicia Costas: “O baleiro que hai en Internet é máis grande que a soidade”

Entrevista a Ledicia Costas en La Voz de Galicia, desde Xerais:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): ¿De que vai a novela [O corazón de Xúpiter]?
– Ledicia Costas (LC): Sobre o acoso escolar e os perigos procedentes das redes sociais e Internet na adolescencia. (…)
– LVG: Tráxica coincidencia cos varios suicidios de adolescentes ques e tefien producido por esa causa nos últimos meses.
– LC: Xusto, escribín a novela pensando que calquera dia ía acontecer unha desgraza derivada destes dous temas, ben as redes sociais ou o acoso escolar. Empeceina en setembro e dúas semanas despois suicidouse unha adolescente canadiense vítima dos dous acosos. Nos dous últimos meses van xa tres suicidios por esta causa.
– LVG: Pola temática, ¿está escrita para un público concreto?
– LC: Eu non escribo pensando nun público especial. É literatura e polo tanto é algo universal. Claro que isto pode ser un aviso para os adolescentes, claro que si, para que estean atentos ao mundo que os rodea. Pero é unha novela que pode ler calquera.
– LVG: Neste ocasión deixa a poesía pola prosa.
– LC: Eu empecei escribindo novelas. Teño outra publicada en Xerais, que se titula Unha estrela no vento (1999), e que tiña escrito aos 15 anos. De algún xeito teño que ver porque coinciden elementos do univeso, comoa estrela e Xúpiter (ri). Non, eu escribo poesia e prosa. (…)”.

Ourense: presentación de Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro, de Ramón Nicolás

O luns 19 de novembro, ás 20:00 horas, no Salón Nobre do Liceo de Ourense (Rúa Valentín Lamas Carvajal, 5), preséntase o libro Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro, de Ramón Nicolás, publicado en Xerais. No acto intervirán, xunto ao autor, Xoán Carlos Domínguez Alberte, Luís Ferreiro e Manuel Bragado. Como peche, actuará María do Ceo, acompañada de Pepe Salgado.

Padrón: presentación de Tonas de laranxa, de Manuel e María Lorenzo

O venres 16 de novembro, ás 19:30 horas, no Auditorio Municipal de Padrón, preséntase o libro Tonas de laranxa, de Manuel Lorenzo Baleirón e María Lorenzo Miguens, que obtivo o Premio Xerais de novela 2012. No acto participan, xunto aos autores, Anxo Angueira e Manuel Bragado.

Pontevedra: presentación de En vías de extinción, de María Reimóndez

O xoves 15 de novembro, ás 20:00 horas, terá lugar a presentación de En vías de extinción de María Reimóndez en Pontevedra. O acto celebrarase na Libraría Paz (Rúa da Peregrina, 29) e contará coa participación de Fran Alonso, Eva Mejuto e a propia autora.